Sociedade Deportiva Samertolameu
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2017.) |
S.D. Samertolameu | |
---|---|
Cidade | Meira Moaña Galicia |
Fundado | 1979 |
Presidente | Lisardo Pérez |
Adestrador | Marco Antonio Castelao Couñago |
Patrón | Lucas Freire |
Competición | LGT-A |
Títulos | |
Campionato de Galiza de Traiñeiras | 9 (1987, 1988, 1990, 1991, 1992, 1993, 1994, 2003, 2007) |
LGT-A | 5 (2003, 2004, 2005, 2006, 2013) |
Embarcación e cores | |
Embarcación | Meiramar (histórica) A Terca (actual) |
Cores | Verde e branco |
A Sociedade Deportiva Samertolameu é un club de remo de Meira, concello de Moaña (Pontevedra). En 2010 competía na Liga Noroeste de Traíñas, competición que gañou na tempada 2006.
Historia
[editar | editar a fonte]A SD Samertolameu debutou na competición o 4 de xullo de 1979 coa traiñeira que xa estaba para desmantelar Samertolameu, que logo pasaría a chamarse A Terquiña. En 1981 comezou a competir tamén en batel e en 1983 debutou en traiñeirillas e en banco móbil (modalidade na que ese mesmo ano conseguiría a medalla de prata na categoría xuvenil no Campionato de España disputado en Mequinenza, Zaragoza). En 1985 conseguiu a súa primeira Bandeira Príncipe de Asturias.
En 1991 gaña o Campionato de Galiza. Dous anos máis tarde Galiza rendíase a Meiramar, tanto en traiñeiras como en bateis, con 19 bandeiras e varios títulos, gañando tódalas regatas que disputou en Galiza.
Mais se hai que destacar un ano na historia da SD Samertolameu ese é o 94, o mellor ano en canto a resultados, dos 9 títulos nacionais posibles en banco fixo, gañou 5 campionatos e 2 subcampionatos. No remo olímpico, 3 medallas de ouro, 1 de prata e 1 de bronce. En traiñeiras arrasou nas regatas máis importantes do calendario galego e, acabou a tempada co 3º posto na Bandeira da Concha. Logo de gañar no Campionato Galego en Chapela, acudiu o Campionato de España en Castropol. Nese campo estreou a primeira traiñeira Meiramar construída en fibra por Pedro Cuesta en Galiza e rematou no 2º posto.
No 2001 os remeiros sénior acadan o Campionato de España. Dous anos máis tarde fúndase a Liga Noroeste de Traíñas, proclamándose campión. No 2007 conseguiría o segundo posto da LNT e proclamouse campión do Campionato de Galiza. No 2008 na modalidade de traiñeiras, proclamouse campión da LGT por número de regatas gañadas, 10 dun total de 16, mais pola súa participación nas regatas de ascenso á liga ACT foi sancionado e a LGT declarouno subcampión, ademais acadou o 2º posto no Campionato Galego e o ansiado ascenso á Liga ACT. Destacar ese mesmo ano a participación de parte das súas remeiras, xunto coas de Cabo da Cruz e Chapela que, como combinado Galicia, lograron gañar a I Bandeira Feminina da Concha. Na súa primeira participación na Liga ACT, Samertolameu non puido manter a categoría ao finalizar no 11º posto e descendendo á LNT. No 2009 conseguiu o 2º posto na Liga Galega, só superado por Amegrove e na fase de ascenso á Liga ACT non puido conseguir novamente o ascenso á máxima categoría.
Palmarés
[editar | editar a fonte]- 1 Liga Noroeste de Traíñas (2003)
- 2 Campionatos de Galiza (1991 e 1994)
- 5 Bandeiras Príncipe de Asturias (1985, 1993, 1996, 2006 e 2009)
- 4 Bandeiras Teresa Herrera (1993, 2003, 2004 e 2008)