Saltar ao contido

Salto de trampolín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O salto é unha forma de deporte ou entretemento de alto risco, que consiste en se lanzar á auga dunha piscina, lago, río ou do mar desde algún punto fixo ou vibrátil. O punto fixo pode ser á beira da auga, unha rocha, montículo, pena, acantilado ou incluso unha ponte moi próximos á auga ou sobre ela, no caso de sitios naturais ou non adaptados para o deporte, pode realizarse desde unha plataforma ou á beira da piscina no caso de sitios si adaptados para iso. O punto vibrátil pode ser un trampolín no caso dun sitio adaptado, incluso pódese deixar caer desde unha corda tendida entre as inmediacións da superficie acuática.

Un saltador nos Xogos Olímpicos de Verán de 1908.

O salto para a auga é o nome dado ao conxunto de habilidades que envolve saltar dunha plataforma elevada en dirección á auga, executando movementos estéticos durante a caída. Alén de ser unha tradición en moitas comunidades, tanto humanas como animais, que viven próximas dunha masa de auga, o salto ornamental é un deporte de grande técnica, plasticidade e flexibilidade.

Na natureza, o saltador xeralmente ponse en rochedos localizados á beira de ríos, lagos ou mares, e de alí salta á auga. A entrada na auga debe ser feita en vertical, principalmente se as alturas de salto son altas — unha entrada horizontal pode provocar serias lesións.

Na modalidade deportiva, as condicións limítanse por unha plataforma fixa, que pode ter até 10 metros de altura en relación á piscina, que debe ter un mínimo 4 metros de profundidade; ou por un trampolín a tres metros da auga, unha plataforma flexíbel (no sentido vertical), que esixe maior pericia do saltador e permite a execución de saltos que envolvan unha subida razoábel.

Puntuación

[editar | editar a fonte]

Son avaliadas a creatividade do saltador, a súa destreza, o rigor na execución do salto previsto, a simetría (o saltador non se pode desviar para os lados), a cadencia dos movementos (non pode executar moitos movementos nun espazo curto de tempo, reservando o restante da caída para poucos movementos) e a entrada na auga debe ser perfectamente vertical e debe espallar o mínimo de auga posíbel (efecto coñecido como splash).

Intres efémeros pero de gran beleza que esixen, como a ximnasia, altos graos de precisión, só se conseguen cunha férrea disciplina, moitas horas de adestramento e a afouteza necesaria para se lanzar un ao baleiro de 10 metros. Os xuíces ao calificaren o salto toman en conta seis aspectos:

  1. Aproximación: o corpo estará recto, a cabeza erguida e os brazos estendidos en calquera posición.
  2. O impulso ou engalaxe: o salto será controlado, equilibrado e potente no momento da engalaxe, o salto debe ser alto coa finalidade de rematar o salto o máis arriba posíbel para que luza, no caso de que o salto sexa desde un trampolín se calificará tamén o chamado estribo' (camiñada e impulso sobre o trampolín).
  3. Elevación: consideraráse a altura que o saltador acade.
  4. Execución: trátase de avaliar o salto en si mesmo, analizando a técnica, a posición, os xiros etc.
  5. Entrada na auga: deberá ser vertical co corpo recto, os pés xuntos e os brazos estirados alén da cabeza. Salpicará o menos posíbel ao entrar na auga.
  6. Dificultade:isto ten que ver co número de xiros, posicións e rizos realizados durante o voo e o grupo de saltos ao que pertenzan.

Nos saltos sincronizados terase en conta, á parte do devandito, que ambos os dous saltadores teñan unha elevación, coordinación dos movementos e ángulos de entrada na auga o máis parecida posíbel.

Despois de cada salto o árbitro fai un sinal aos xuíces. Estes, sen se comunicar entre eles, inmediatamente mostran as súas puntuacións. Un salto está acoutado entre cero e dez puntos:

0 – Fracaso
0,5 - 2 - Insatisfactorio
2,5 – 4,5 - Deficiente
5 - 6 - Satisfactorio
6,5 - 8 - Bo
8,5 - 10 – Moi bo

Logo de ter presentado as notas, a máis alta e a máis baixa omítense. O restante é sumado e multiplicado polo grao de dificultade do salto.

Saltadores famosos

[editar | editar a fonte]