Saltar ao contido

Serea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ulises e as sereas. Vaso ático de figuras vermellas, contra o 480-470 a.C.

Na mitoloxía grega, unha serea é unha ninfa filla do río Aqueloo, o maior río de Grecia, e dunha musa, Calíope para uns; Terpsícore, para outros; ou Estérope, filla de Éurite, segundo outros máis [1]. Segundo outras versións, as sereas poden ser fillas de Forcis e Xea. Cos seus cantos engaiolaba os mariñeiros e provocaba a súa morte contra os cantís que arrodeaban a súa illa. Segundo a tradición grega, as sereas vivían nos cantís das costas (Lenda das Sereas), como podemos ver nos gravados do mito de Ulises.

En Galiza son coñecidas como mulleres mariñas e outros nomes como Mariña ou Marosa, e están moi vinculadas a outros mitos como o da Maruxaina ou as xacias e xacios.[2][3]

Aínda que este ser mitolóxico vénnos de herdanza do mundo grego, pénsase que a súa orixe é anterior (Persa ou Indoeuropeo).[Cómpre referencia]

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra sirena tamén se emprega noutras linguas para describir dispositivos que emiten sons fortes de advertencia, relacionado co canto das sereas mitolóxicas. Noutras linguas románicas o termo coindide para ambos significados.[4] En galego normativo o nome para o son e o dispositivo é "sirena",[5] en portugués tamén se distingue entre o ser mitolóxico sereia e o son "sirene".[6][7][8]

Segundo unha lenda galega, Roldán casou coa serea Mariña de Sálvora, e aínda hoxe cando o mar está bravo fai soar o seu olifante a modo de sirena de advertencia.[9]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome das sereas provén do termo latino siren, que á súa vez deriva do grego antigo Seirēn (Σειρήν, pl.: Σειρῆνες - Seirēnes). A orixe etimolóxica deste termo grego non é completamente clara, mais existen varias hipóteses:

A teoría máis aceptada suxire que Seirēn pode estar relacionado coa palabra grega seira (σειρά), que significa "lazo" ou "corda", o que faría referencia ao poder cativador das sereas, que atrapaban aos mariñeiros co seu canto engaiolante, como se fosen encadeados por unha corda invisible.[10][4]

Outras teorías propoñen unha orixe relacionada co sánscrito kimaira (quimera) e a palabra en persa antigo ou linguas semíticas Sir, significa "canto" ou algo similar e podería remitir ao canto hipnótico das sereas pero esta hipótese é menos documentada e máis especulativa (véxase tamén etimoloxía popular).[10][11][12]

O termo inglés mermaid deriva tamén de linguas románicas, a través do francés mere (mar).[4]

A primeira mención ás sereas provén da Odisea, de Homero. Na viaxe de Ulises de regreso a Ítaca, a bruxa Circe advírtelle do perigo que significan os cantos das sereas, coas que se atopará na viaxe. Dille que son tan sedutoras que quen escoita o seu canto perde o sentido, desatendendo o navío de tal forma que terminará batendo contra as rochas. Para vencer o perigo, Ulises ordena á tripulación que poñan todos cera nos ouvidos para non oíren o canto pero, como el non quere perder a experiencia de escoitar tal melodía, manda que o amarren ó mastro e que logo non o desaten por máis que el o ordene. Deste xeito Ulises consegue superar sen problemas a illa das sereas.

Características

[editar | editar a fonte]
Sereas-ave nun capitel da Catedral de Ourense.

A serea é un ser mitolóxico, orixinalmente descrita como corpo de ave e cabeza humana, que ben podía ser home ou muller[13]. Co paso dos séculos vai predominando cada vez máis a figura feminina, aínda que na iconografía relixiosa seguen aparecendo sereas con cabeza de home ata ben entrada a Idade Media.

A serea simboliza a sedución, de aí que tome forma feminina. A tal fin utiliza o canto ou a música, o que explica que por veces apareza con instrumentos musicais, como a lira. Busca seducir os homes para levalos ó pecado ou á morte, física ou espiritual. Como símbolo que indica este obxectivo incorpora moitas veces a serpe: serpes que lle saen da boca, longos cabelos que rematan en cadansúa serpe, pescozo estilizado que semella o dunha serpe ou rabo de serpe no canto do rabo de ave que lle sería propio. Noutras representacións aparecen acompañadas ou entrelazadas con serpes.

Dentro da intención moralizante da arte medieval, nalgúns capiteis reflíctese a loita contra o pecado (en forma de serea). Así, pódense ver casos nos que unha figura humana agarra a serea polo pescozo, tenta cortarlle a cabeza cunha espada ou abatela cun garrote. Outras veces a serea aparece atacada -mesmo xa trabada- por cans, leóns ou dragóns.

No século XII, o sacerdote e teólogo Honorio de Autun (1080 - c. 1153) identificaba as sereas con tres pecados capitais: o canto, a voz, simbolizaba a avaricia; a frauta, a soberbia; e a lira, a luxuria. Profundando no significado cristián da lenda das sereas, Ulises sería o pobo cristián, o sabio; a nave na que viaxan sería a Igrexa; o mastro ó que se mandou atar Ulises, a cruz; e a cera coa que se mandou tapa-los oídos, Cristo.

Sereas-peixe nun capitel de Santiago de Breixa, Silleda.

Xa nos séculos XII-XIII comezan a aparecer as sereas-peixe: metade superior de muller (torso, brazos e cabeza) e metade inferior de peixe (abdome e o que serían as pernas) [14]. Esta morfoloxía muller-peixe recibe o nome de Nereida.[15] Baixo esta forma, a representación da serea como sedutora dos homes adquire maior expresividade: longos cabelos (que ás veces se peitea) e peitos ben patentes. A arma da música, que era máis comprensible nas sereas-ave, refórzase nas sereas-peixe cun uso máis habitual de instrumentos musicais.

Outro dos símbolos que ás veces acompañan a serea-peixe, para reforzar o carácter de luxuria deste ser mitolóxico, e un peixe que a serea leva na man, símbolo fálico na iconografía medieval.

As sereas en Galicia

[editar | editar a fonte]

A figura da serea, tanto como ave ou como en forma de peixe, é frecuente na imaxinería relixiosa galega. Pódese ver en capiteis ou bases das columnas dos apóstolos e profetas dos pórticos das catedrais de Santiago ou de Ourense, así como en métopas, canzorros ou nas paredes das igrexas de San Domingos de Bonaval, de Ribadavia, Portomarín, Betanzos, Breixa (Silleda) etc. Tamén aparecen nalgunhas letras capitulares das Cantigas de Santa María e nos doseletes do coro pétreo do mestre Mateu.

Quizais relacionada coas sereas que seducían os mariñeiros para levar os barcos contra os cantís, na Costa da Morte existe a crenza que asimila as sereas coas bruxas, que teñen o poder de voar.

Vicente Risco di que non foi quen de recoller en Galicia ningunha tradición popular nin lenda relacionada coas sereas, aínda que si en Portugal. Non obstante, outros etnógrafos si que atoparon lendas e contos sobre sereas, tanto de mar (por exemplo, a Mariña de Sálvora, as que habitan nas Illas Miranda, na ría de Ares, ou na praia de Mogor, Marín), como de auga doce (por exemplo, as que viven no rego do Bao, en Sober, Lugo).[16][17]

Sereas na heráldica

[editar | editar a fonte]
Escudo de Castelao na fachada da Sociedade Cultural de Reboreda.

A figura da serea (muller-peixe ou nereida) está presente na heráldica. Un escudo galego no que figura unha serea é o dos vizcondes de Fefiñáns. Pode verse na fachada lateral do Pazo de Fefiñáns, así coma na capela do pazo.

Castelao tomou a imaxe dunha serea para deseñar o seu escudo de Galiza para a época da república co lema inscrito Denantes mortos que escravos.[18][19]

Hoxe en día a idea dunha serea como ser maligno que leva a morte aos mariñeiros apenas existe, sendo estes uns seres bos que axudan os mariñeiros cando naufragan, ao igual que a historia da lenda do vizconde de Fefiñáns. De todos os xeitos, aínda hoxe en día en Galiza temos claros exemplos destes casos, como a serea Maruxaina en San Cibrao, Cervo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, Libro I, 7, 10.
  2. "Ama a mar: mariñas, marosas e maruxainas.". Rede Museística Provincial de Lugo. 2020-10-09. Consultado o 2024-08-22. 
  3. Tebras, David Das (2024-03-08). "La Maruxaina: las dos caras de la sirena más popular de Galicia". Fantasía celta (en castelán). Consultado o 2024-08-22. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "siren". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 2024-08-22. 
  5. "sirena". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2024-08-22. 
  6. S.A, Priberam Informática. "Dicionário Priberam da Língua Portuguesa". Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (en portugués). Consultado o 2024-08-22. 
  7. En dicionarios de galego reintegracionista inclúense os termos como polisémicos ("sirena", "serea" e "sereia", cos significados de son, dispositivo e ser mitolóxico).
  8. "Significado de sirena no Dicionário Estraviz". estraviz.org. Consultado o 2024-08-22. 
  9. "Lenda de Mariña, a serea de Sálvora, e a noite meiga de San Xoán". Galicia Ártabra Digital. Consultado o 2024-08-22. 
  10. 10,0 10,1 "SIRENA". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2024-08-22. 
  11. "Diccionario Etimolóxico da Lingua Grega - PDF" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de abril de 2022. Consultado o 22 de agosto de 2024. 
  12. Carrasco, Raquel Díaz (2018-03-27). "Las verdaderas sirenas, una mezcla de mujer y ave o de mujer y pez". Khronos Historia (en castelán). Consultado o 2024-08-22. 
  13. Cómpre diferenciar a serea da harpía, outro ser fabuloso representado con corpo de ave e cabeza de muller. A harpía simboliza a morte, polo que se trata dunha ave de rapina con fortes gadoupas. Pola contra, a serea simboliza a sedución.
  14. Non son infrecuentes as sereas con dous rabos de peixe e tamén existen sereas co torso e cabeza de home.
  15. No dicionario da Real Academia Española considérase errónea a denominación de sirena para esta segunda forma.
  16. "Las sirenas gallegas: leyendas marinas". Bluscus » Turismo marinero en Galicia (en castelán). 2017-02-09. Consultado o 2024-08-22. 
  17. "Dicionario dos seres míticos galegos. Mitos, lendas e contos galegos". galiciaencantada.com. Consultado o 2024-08-22. 
  18. "www.museo.depo.es - Museo de Pontevedra. Colección. Catálogo CASTELAO". web.archive.org. 2014-12-02. Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2014. Consultado o 2024-08-22. 
  19. Castelao e Fermín Bouza-Brey: "Escudos de Rianxo"", en Nós nº 113, de 17 de maio de 1933, px. 77-83. Do escudo de Rianxiño, Rianxo, Castelao escribe: "A serea tenante da capela do Patrocinio sostén con exipcia frontalidade armas dos Mariños notabelmente estilizadas no primeiro coartel e tal ves Piñeiros na metade inferior. A capela está datada no ano de 1665".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]