Suberina
A suberina é un polímero natural (biopolímero) que se atopa nas paredes celulares dalgunas células das plantas e que se comprende pobremente. É unha substancia cerosa, hidrófoba e impermeable. Igual que a cutina, a suberina está formada por ácidos graxos hidróxidos e epóxidos unidos por enlaces éster. A diferenza é que a suberina contén ácidos dicarboxílicos, unha maior cantidade de compoñentes de cadea longa e unha cantidade significativa de compostos fenólicos como parte da súa estrutura.[1]
A suberina é un biopolímero que actúa como barreira entre as plantas e o ambiente. Supón ata o 50% da composición química das paredes das células suberizadas. Algunhas plantas teñen cantidades sigificativas de células suberizadas; como en certas peridermes especializadas que dan lugar á cortiza dalgunhas especies de árbores (sobreira), formada por células mortas suberizadas. Ademais, as células suberizadas poden encontrarse noutros tecidos vexetais como a epiderme e hipoderme da raíz, o tecido de abscisión (a parte onde se desprenden as follas), nas cicatrices,[2] na banda de Caspary da endoderme da raíz (onde forma a barreira impermeable entre o apoplasto do córtex e o da estela) e noutras partes.
Composición dos monómeros
[editar | editar a fonte]A suberina é un polímero insoluble e a súa obtención a partir de tecidos suberizados conséguese por medio de reaccións de despolimerización. Dita despolimerización realízase por calquera reacción que rompa enlaces éster (hidrólise, hidroxenólise etc.) e a mestura resultante pode analizarse por cromatografía de gas combinada con espectometría de masas (GC-MS). O glicerol é un dos principais monómeros da suberina (nalgunas especies), e pode chegar a representar ata o 26% do total da mestura dos monómeros; porén, os α-ω diácidos de cadea longa e os α-ω hidroxiácidos de cadea longa son importantes tamén. Ademais a suberina presenta pequenas cantidades de 1-alcanois e 1-ácidos alcanoicos.
Cos coñecementos actuais que temos sobre a suberina propúxose un modelo tentativo sobre a súa composición macromolecular. Neste modelo o poliéster alifático de suberina corresponde á lamela das paredes celulares de células suberizadas. Os monómeros de cadea longa estarían orientados cara ao plano da lamela coas súas cadeas estendidas. Os monómeros de suberina de cadea longa teñen lonxitudes de cadea de 16, 18 e 22 carbonos. Os 1-alcanois e os 1-ácidos alcanoicos, os cales non poden contribuír ao crecemento do biopolímero debido a que só teñen un só grupo funcional, están presentes en pequenas cantidades.[2]
Biosíntese e deposición
[editar | editar a fonte]Coñécese pouco da súa biosíntese e deposición. Propúxose un modelo baseado na planta Arabidopsis para estes dous fenómenos fisiolóxicos.[3]
Aplicacións
[editar | editar a fonte]A estrutura, única, da suberina e a singularidade dalgúns dos seus monómeros constituíntes permite múltiples usos potenciais. Por exemplo, a suberina é parte importante da cortiza. Debido ás propiedades das paredes celulares suberizadas e a súa estrutura celular asociada, a cortiza ten propiedades como: baixa densidade, baixa permeabilidade aos gases e auga, baixa condutividade da calor (polo que protexe a árbore fronte a incendios), alta elasticidade e estabilidade química. Grazas a estas características a cortiza foi utilizada non só para tapar botellas senón tamén en moitos produtos como glóbulos aglutinantes, paneis para paredes e chans, selador de motores (en combinación con neoprenos). Ademais, os produtos da suberina teñen implicacións farmacéuticas, xa que se viu que a suberina inhibe a mutaxénese.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Taiz, L. and E. Zeiger, Plant Physiology: chapter 13 Secondary metabolites and defense. Thirth ed. 2002: Sinauer Associates. 690.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Graça, J. and S. Santos, Suberin: A Biopolyester of Plants' Skin. Macromolecular Bioscience, 2007. 7(2): p. 128-135.
- ↑ Franke, R. and L. Schreiber, Suberin - a biopolyester forming apoplastic plant interfaces. Current Opinion in Plant Biology, 2007. 10(3): p. 252-259.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Taiz, L. and E. Zeiger, Plant Physiology. Thirth ed. 2002: Sinauer Associates. 690.