Suharto
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O xeneral Mohammad Suharto, coñecido como Suharto, nado o 8 de xuño de 1921 en Kemusuk Argamulja Yogyakarta (no centro da illa de Xava) e finado o 27 de xaneiro de 2008 en Iacarta, foi un militar e político indonesio, que gobernou o país ditatorialmente entre 1967 e 1998.
Carreira militar
[editar | editar a fonte]Suharto formouse como militar nas forzas coloniais dos Países Baixos e estudou nunha academia militar neerlandesa. Durante a segunda guerra mundial, foi comandante de batallón na milicia militar local organizada polas forzas xaponesas de ocupación, e ao remate da contenda, logo da declaración de independencia de Indonesia en 1945, loitou contra o exército neerlandés. Fíxose amplamente coñecido poa súa vitoria sobre as tropas dos Países Baixos en Yogyakarta o 1 de marzo de 1949. Nos anos posteriores, Suharto integrouse no exército de Indonesia, e en 1959 foi acusado de contrabando e transferido a unha escola militar en Bandung. En 1962 conseguiu o rango de maior e fíxose cargo da división de Diponegoro. Durante a guerra entre Indonesia e Malaisia, Suharto foi un comandante da reserva estratéxica con importante presenza na área ao redor de Iacarta.
Golpe de estado
[editar | editar a fonte]Contra 1965, as forzas armadas fóronse dividindo en dúas faccións, unha esquerdista e a outra dereitista: Sukarno, o presidente de Indonesia, situábase na facción esquerdista, e Suharto na dereitista. A mañá do 1 de outubro de 1965, algúns dos gardas máis próximos a Sukarno secuestraron e asasinaron seis xenerais dereitistas, pero Suharto non estaba entre os obxectivos da operación. O motivo alegado foi un complot para derrocar a Sukarno co apoio da CIA, presuntamente previsto para o 5 de outubro.
Os asasinatos causaron unha rápida resposta de Suharto e da súa facción, denominada a partir dese momento Movemento 30 de Setembro ou G30S polas súas siglas indonesias. Suharto recibiu ocultamente o apoio occidental (fundamentalmente dos Estados Unidos, Reino Unido e Australia). As súas unidades en Iacarta permitiron o Movemento 30 de Setembro tomar rapidamente a capital. Comezaron semanas de combates entre as distintas faccións, cun país envolto nunha práctica guerra civil, que rematou coa dimisión de Sukarno o 11 de marzo de 1966: na carta pública chamada Supersemar, Sukarno concedíalle a Suharto poderes extraordinarios e de urxencia para reconducir a situación. Suharto empregounos para prohibir o partido comunista e os sindicatos, para eliminar membros leais a Sukarno no goberno e no parlamento, para fustrigar a minoría sinoindonesia e para impoñer a censura nos medios de comunicación. En política exterior formalizou relacións co bloque occidental e con Malaisia, pero rompeunas coa República Popular da China, que apoiaba o comunismo indonesio. Este período de guerra civil saldouse cun importante número de mortos, que van dende os 100.000 ata os 1.500.000 segundo as diversas fontes.
A toma do poder consumouse un ano despois, o 12 de marzo de 1967, cando o parlamento provisional, depurado de deputados díscolos, o nomeaba presidente da nación en substitución de Sukarno. En política interior, Suharto emprendeu unha reforma administrativa grande, baseada na estrutura militar, onde o exército estaba encargado ao mesmo tempo da defensa do país e da organización da administración. O partido favorecido por el foi o Golkar que se converteu de facto no partido único, e ao que pertencían os cargos do goberno e do estado, cun parlamento onde Suharto designaba directamente o 20% dos seus membros. Ademais, Suharto iniciou unha forte represión dos partidarios de Sukarno, que foron detidos, cualificados de tapol (abreviación de tahanan politik ou "prisioneiro político"), expropiados e afastados da vida pública. Entre estes estivo o escritor Pramoedya Ananta Toer. Economicamente, os primeiros anos correspondéronse cunha mellora dos niveis da poboación, en tanto que o aliñamento con occidente permitiu a actuación de axencias de axuda internacional e a repartición de arroz aos sectores máis necesitados.
O goberno de Suharto
[editar | editar a fonte]Economicamente, o réxime de Suharto coincidiu cunha grande apertura e liberalización: privatizáronse os recursos naturais, promoveuse o investimento estranxeiro con todo tipo de facilidades impositivas, e pedíronselle empréstitos ao Banco Mundial e ás potencias occidentais. Neste tipo de prácticas os militares e membros do Golkar actuaban como intermediarios, ata o punto de que Transparencia Internacional sinalou o réxime de Suharto como un dos máis corruptos do mundo. Demograficamente, Suharto optou por unha política de desprazamentos masivos, destinados a poboar illas pouco explotadas economicamente e alixeirar a presión de poboación sobre núcleos e áreas de alta densidade.
Co apoio occidental, Indonesia reforzou o seu papel de dominio na rexión. Foi unha dos membros fundadores da Asociación de Nacións do Sueste Asiático, e realizou unha política expansionista sobre os restos das colonias neerlandesas do Índico. Así, promoveu un referendo para que os habitantes de Nova Guinea Occidental decidisen se seguían como parte dos Países Baixos, se se independizaban ou se se integraban en Indonesia. O referendo, onde estaba previsto que votasen todos os adultos, converteuse nunha consulta a 1.022 representantes, que optaron unanimemente pola anexión indonesia, con severas dúbidas sobre a súa limpeza.
Do mesmo xeito, ao que Portugal se retirou en 1975 do Timor Oriental e que o movemento FRETILIN tomou o poder momentaneamente, Suharto ordenou a invasión do país. A continuación o proindonesio solicitou a anexión, e o 15 de xullo de 1976, Timor Oriental pasaba a ser unha provincia máis do réxime de Suharto, ata que tivo que ser transferida ás Nacións Unidas en 1999. Os combates nos anos seguintes causarían ducias de milleiros de vítimas (algunhas fontes falan dun terzo da poboación total). En 1976 o réxime foi desafiado na provincia de Aceh pola formación do Movemento Aceh Libre que demandou independencia do estado unitario. O exército indonesio sufocou a rebelión forzando a varios dos seus líderes ao exilio en Suecia. Os conflitos entre os rebeldes de Aceh e o exército indonesio proseguen dende aquela.
Politicamente, o movemento opositor e de estudantes foi fortemente reprimido dende 1970, pero cunha estratexia selectiva que procuraba manter a aparencia democrática. Así, Suharto realizou reformas electorais, someténdose el mesmo a unha elección quinquenal a partir de 1973, unha elección indirecta a través de representantes e onde só tres partidos estaban autorizados: o Golkar, que era onde se encaixaba toda a administración estatal, o islamista Partido Unido do Desenvolvemento (PPP) e o Partido Democrático de Indonesia (PDI). Suharto escollía directamente un 20% dos membros e o Exército 100 deputados máis. Como resultado, el gañou todas as eleccións ás que se presentou, en 1978, 1983, 1988, 1993 e 1998.
Crise de lexitimidade
[editar | editar a fonte]A medida que avanzaban os anos, os apoios de Suharto movíanse cara ao islamismo, en troques de cara ao nacionalismo laico. Iso provocou un auxe dos partidos e movementos de carácter relixioso, no maior país musulmán do planeta. Coa fin da guerra fría, o valor de Suharto como oposición ao comunismo desapareceu e as acusacións de corrupción e violación dos dereitos humanos fixéronse máis importantes internacionalmente. En 1991 o asasinato de civís timorenses nun cemiterio en Dili, coñecido tamén como o Masacre de Santa Cruz, fixo que o Congreso dos Estados Unidos limitase a asistencia militar a Indonesia, no que foi o comezo do arrefriamento das relacións entre a administración estadounidense e Suharto.
Pero o principal problema político de Suharto foi de índole interna, motivado pola cada vez maior desafección do Partido Democrático de Indonesia, liderado por Megawati Sukarnoputri, a filla de Sukarno. Suharto fomentou unha división neste partido e promoveu unha facción leal a si mesmo. Os conflitos internos desembocaron en 1996 liortas nas rúas, na ocupación da sede central da formación en Iacarta por parte dos seareiros de Sukarnoputri e coa intervención do exército. O PDI comezou claros movementos a prol da democratización do país, con foros e conferenciantes internacionais. O 27 de xullo de 1996, o exército, a policía e manifestantes tomaron a sede do PDI, causando varias vítimas e máis de 200 detidos, o que deu inicio a unha cruenta represión dos sectores aperturistas.
A este clima de inestabilidade política sumouse a crise económica. A corrupción e a desvalorización da rupia indonesia levaron a un recruamento das condicións de crédito impostas polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional. Para facer fronte a esta nova situación, Suharto tivo que promter unha mudanza de política económica, cara a unha maior liberalización e cara á restrición do gasto público, o que afectou os servizos básicos e o que provocou un crecemento dos prezos do queroseno e do arroz, materias básicas en Indonesia. Isto provocou máis protestas cidadás, que aumentaron cando en 1998 Suharto foi reelixido como presidente polo parlamento controlado por el. Estourou a Revolución Indonesia de 1998 nas rúas e as disensións e as loitas polo poder dentro do Golkar e do exército conduciron á dimisión de Suharto o 21 de maio de 1998, cando foi substituído polo seu vicepresidente, o islamista Jusuf Habibie.
Fóra do poder
[editar | editar a fonte]En maio de 1999, a revista Time Asia atribuíalle a Suharto unha fortuna familiar de 15.000 millóns de dólares en efectivo, ademais de accións, propiedades, participacións empresariais, xoias e obras de arte. Entre as propiedades, a familia de Suharto controlaría ao redor de 36.000 km² (algo maior ca Galicia) incluíndo 100.000 m² de oficinas en Iacarta e preto do 40% das terras en Timor Oriental.
O 29 de maio de 2000, Suharto foi posto en arresto domiciliario cando as autoridades indonesias comezaron a investigar a corrupción durante o seu réxime. En xullo acusárono formalmente de malversar 571 millóns de dólares de doazóns gobernamentais a fundacións baixo o seu control e logo usar o diñeiro para realizar investimentos persoais. Pero en setembro, os médicos ditaminaron que non podía ser xulgado polo seu delicado estado de saúde. O estado volveu intentalo en 2002, e os médicos alegaron unha enfermidade cerebral sen especificar. Desde entón, Suharto foi hospitalizado varias veces por apoplexía e problemas do corazón. O 6 de maio de 2005, Suharto foi ingresado nun hospital en Iacarta por hemorraxia intestinal. A elite política de Indonesia, incluído o presidente Susilo Bambang Yudhoyono e o vicepresidente Jusuf Kalla visitárono no leito. Foi dado de alta seis días despois. O 4 de xaneiro de 2008 foi ingresado de novo cun estado de saúde moi deteriorado e con múltiples problemas en corazón, pulmóns, riles e estómago. Faleceu quince días despois, o 27 de xaneiro.