Sírfidos
Sírfidos | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Dezaseis especies de sírfidos | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Subfamilias | |||||||||||
Os sírfidos (Syrphidae) son unha familia de insectos dípteros. Vense xeralmente voando sobre as flores e alimentándose do seu néctar, xa que os adultos da maioría das especies aliméntanse de néctar e pole, mentres que as larvas teñen unha alimentación moi variada. Nalgunhas especies, as larvas son saprótrofas, comen plantas en descomposición e materia animal no solo ou nas pozas e regatos. Noutras especies as larvas son insectívoras e depredan áfidos, trips, e outros insectos que zugan zumes elaborados das plantas.
Como os áfidos causan grandes danos ás colleitas en todo o mundo, uns insectos comedores de áfidos como os sírfidos son considerados importantes e útiles inimigos destas pragas e axentes potenciis para o control biolóxico. Algúns sírfidos adultos son importantes polinizadores.
Describíronse unhas 6 000 especies de 200 xéneros de sírfidos. Son comúns en todo o mundo e poden encontrarse en todos os continentes agás na Antártida. Son inofensivos para case todos os demais animais, malia que exhiben un mimetismo batesiano imitando a insectos máis perigosos como avespas e abellas, o que os protexe dos seus predadores.
Descrición
[editar | editar a fonte]O tamaño dos sírfidos varía dependendo das especies.[1] Algúns, como os membros do xénero Baccha, son pequenos, alongados e delgados, mentres que outros, como os Criorhina, son grandes, peludos e negros e amarelos. Igual que todos os Diptera, os Syrphidae teñen un só par de ás funcional, xa que o par traseiro está convertido nuns órganos para o equilibrio durante o voo chamados halterios.[2] Son de vivas cores, con manchas, e bandas de amarelo ou marrón que cobren os seus corpos.[2] Debido a esta coloración, a miúdo son confundidos con avespas ou abellas, xa que presentan mimetismo con elas. Porén, os sírfidos son inofensivos.[1]
Con poucas excepcións (por exemplo [3]), os sírfidos distínguense doutros dípteros por ter unha vea espúrea, localizada paralelamente á cuarte vea alar lonxitudinal.[1] Os adultos aliméntanse principalmente de néctar e pole, polo que voan arredor das flores.[1][2]
Reprodución e ciclo vital
[editar | editar a fonte]A diferenza dos adultos, as larvas de sírfidos comen diversos alimentos; algunhas son saprótrofas e comen materia en descomposición vexetal ou animal, mentres que outras son insectívoras, e comen áfidos, trips e outros insectos que zugan o zume elaborado das plantas.[1] Isto é beneficioso para os xardineiros, xa que os áfidos destrúen plantas e colleitas, e os sírfifos poden usarse para o control biolóxico. Certas especies, como Lampetia equestris ou Eumerus tuberculatus, son responsables da polinización de moitas plantas.
Un exemplo é a larva "cola de rata" da especie Eristalis tenax, que ten un sifón respiratorio no seu extremo traseiro, que lle dá o seu nome.[1] A especie vive en augas estancadas, como as de augas residuais e augas de certas lagoas, e son un bioindicador da polución.[4] As larvas tamén teñen un uso comercial, e véndense ás veces para a pesca baixo capas de xeo.[5]
Nalgunhas ocasións viuse que as larvas de sírfidos causan miíase accidental en humanos; porén, estes casos son moi raros. Isto ocorre cando as larvas son inxeridas accidentalmente coa comida ou doutras fontes. A miíase causa malestar, dor, ou proído;[4][6]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Os sírfidos son unha familia cosmopolita que se encontra na maioría dos biomas, excepto os desertos, as tundras e en altitudes moi altas, e tampouco na Antártida.[7][8] Certas especies son máis comúns en certas áreas que noutras; por exemplo, a Eupeodes americanus é común na ecozona neártica, e a Melangyna viridiceps é común na ecozona de Australasia. Describíronse unhas 6 000 especies e 200 xéneros na familia.[9]
Aínda que algunhas das súas larvas son acuáticas e a miúdo encóntranse en augas estancadas, as especies que depredan áfidos e outras pragas agrícolas son xeralmente terrestres, e residen nas follas.[10] Os adultos encóntranse a miúdo preto das flores, as súas fontes principais de comida son o néctar e pole.[2] Algunhas especies encóntranse en localizacións máis infrecuentes; por exemplo, os do xénero Volucella poden encontrarse en ninos de abellóns, mentres que os Microdon son mirmecófilos e encóntranse en formigueiros e termiteiros.[1] Outras poden encontrarse en vexetación en descomposición.
Polinización
[editar | editar a fonte]Son importantes polinizadores das plantas con flor en varios ecosistemas de todo o mundo.[11] Son visitadores frecuentes das flores dunha ampla variedade de plantas, e de colleitas agrícolas, e son a miúdo considerados o segundo grupo máis importante de polinizadores despois das abellas. Porén, fixéronse relativamente poucas investigacións sobre estes animais como polinizadores en comparación coas feitas sobre as abellas.[11] As abellas poden levar un maior volume de pole no seu corpo, pero os sírfidos poden compensar isto visitando un maior número de flores.
Como moitos grupos de polinizadores, os sírfidos poden ser especies máis xeralistas na alimentación e visitan unha gran variedade de plantas ou poden estar especializadas en visitar un pequeno grupo de plantas.[12] En xeral, os sírfidos adoitan ser considerados principalmente polinizadores non selectivos, pero algunhas especies son moi selectivas e levan pole dunha soa especie de planta.[13] Por exemplo, a especie Cheilosia albitarsis crese que só visita a planta Ranunculus repens.
As preferencia específicas por flores difiren entre as especies, pero prefiren especialmente as flores de cor branca e amarela.[14] As pistas non visuais que dan as flores, como as pistas olfactivas tamén axudan a estes dípteros a encontrar as flores, especialmente as que non son amarelas.[15] Moitas especies de sírfidos teñen pezas bucais curtas e non especializadas e tenden a alimentarse de flores que están máis abertas nas que o néctar e pole é máis accesible.[16]
Ademais, hai varias interaccións fascinantes entre as orquídeas e os sírfidos. A especie de orquídea Epipactis veratrifolia imita as feromonas de alarma dos áfidos para atraer aos sírfidos para a súa polinización.[17] Outras orquídeas, as da subfamilia Cypripedioideae do suroeste da China, tamén consegue a súa polinización enganando ao explotar a preferencia innata dos sírfidos pola cor amarela.[18]
Relacións cos humanos
[editar | editar a fonte]Moitas especies de larvas de sírfidos depredan insectos, incluíndo os áfidos e os cicadélidos, que espallan algunhas doenzas das plantas, como o chamado curly top. Por tanto, poden usarse no biocontrol como un medio natural de reducir o nivel das pragas.
Os xardineiros, por tanto, ás veces usan plantas que atraen aos sírfidos, como Alyssum, Iberis umbellata, Limnium, trigo mouro, camomila, perexil e milfollas.
O libro de Fredrik Sjöberg The Fly Trap describe o seu entusiasmo polos sírfidos da illa de Runmarö no mar Báltico.[19][20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Hover fly". Encyclopædia Britannica Online. 2009. Consultado o 5 de decembro de 2009.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Hoverfly". Hutchinson Encyclopedia. Helicon Publishing. 2009. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2012. Consultado o December 6, 2009.
- ↑ Reemer, Menno (2008). "Surimyia, a new genus of Microdontinae, with notes on Paragodon Thompson, 1969 (Diptera, Syrphidae)" (PDF). Zoologische Mededelingen 82: 177–188.
- ↑ 4,0 4,1 Aguilera A, Cid A, Regueiro BJ, Prieto JM, Noya M (setembro de 1999). "Intestinal myiasis caused by Eristalis tenax". Journal of Clinical Microbiology 37 (9): 3082. PMC 85471. PMID 10475752. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2019. Consultado o 09 de xullo de 2017.
- ↑ Dictionary of Ichthyology; Brian W. Coad and Don E. McAllister Arquivado 06 de decembro de 2009 en Wayback Machine. at ww.briancoad.com
- ↑ Whish-Wilson PB (2000). "A possible case of intestinal myiasis due to Eristalis tenax". The Medical Journal of Australia 173 (11–12): 652. PMID 11379520.
- ↑ Barkemeyer, Werner. "Syrphidae (hoverflies)". Biodiversity Explorer. South Africa: Iziko Museum. Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 11 de decembro de 2009.
- ↑ Thompson, F. Christian (19 de agosto de 1999). "Flower Flies". The Diptera Site. United States Department of Agriculture. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2009. Consultado o 11 de decembro de 2009.
- ↑ Philip J. Scholl; E. Paul Catts; Gary R. Mullen (2009). "Myiasis (Muscoidea, Oestroidea)". En Gary Mullen; Gary Richard Mullen; Lance Durden. Medical and Veterinary Entomology (2nd ed.). Academic Press. pp. 309–338. ISBN 978-0-12-372500-4.
- ↑ Laura Smith. "Syrphidae, hover flies". bumblebee.org.
- ↑ 11,0 11,1 Larson, B.M.H; Kevan, P.G.; Inouye, D. W. (2001). "Flies and flowers: taxonomic diversity of anthophiles and pollinators.". Canadian Entomologist 133: 439–465. doi:10.4039/ent133439-4.
- ↑ Van Der Kooi, C. J.; Pen, I.; Staal, M.; Stavenga, D. G.; Elzenga, J. T. M. (2015). "Competition for pollinators and intra-communal spectral dissimilarity of flowers" (PDF). Plant Biology. doi:10.1111/plb.12328.
- ↑ Haslett, J.R. (1989). "Interpreting patterns of resource utilization: randomness and selectivity in pollen feeding by adult hoverflies.". Oecologia 78: 433–442. doi:10.1007/bf00378732.
- ↑ Sajjad, Asif; Saeed, Shafqat (2010). "Floral host plant range of syrphid flies (Syrphidae: Diptera) under natural conditions in southern punjab, Pakistan.". Pakistan Journal of Biology 42 (2): 1187–1200.
- ↑ Primante, Clara; Dotterl, Stefan (2010). "A syrphid fly uses olfactory cues to find a non-yellow flower.". Journal of Chemical Ecology 36: 1207–1210. doi:10.1007/s10886-010-9871-6.
- ↑ Campbell, Alistair, J.; Biesmeijer, J. C.; Varma, V.; Wakers, F. L. (2012). "Realising multiple ecosystem services based on the response of three beneficial insect groups to floral traits and trait diversity.". Basic and Applied Ecology 13: 363–370. doi:10.1016/j.baae.2012.04.003.
- ↑ Stokl, Johannes; Brodmann; Dafni; Ayasse; Hansson (2011). "Smells like aphids: orchid flowers mimic aphid alarm pheromones to attract hoverflies for pollination.". Proc. R. Soc. B 278: 1216–1222. doi:10.1098/rspb.2010.1770.
- ↑ Shi, J.; Luo, Y.B.; Ran, J.C.; Liu, Z.J.; Zhou, Q. (2009). "Pollination by deceit in Paphiopedilum barbigerum (Orchidaceae): a staminode exploits innate colour preferences of hoverflies (Syrphidae).". Plant Biology 11: 17–28. doi:10.1111/j.1438-8677.2008.00120.x.
- ↑ Sjöberg, Fredrik (2014). The Fly Trap. Particular Books. p. 197. ISBN 978-1-84614-776-0.
- ↑ Barkham, Patrick (14 June 2014). "Fredrik Sjöberg: 'I realised I had to write my book for people not interested in flies'". The Guardian. Consultado o 15 de marzo de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sírfidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sírfidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Guías de identificación
- Stubbs, A.E. e Falk, S.J. (2002) British Hoverflies An Illustrated Identification Guide. Pub. 1983 with 469 pages, 12 col plates, b/w illus.British Entomological and Natural History Society ISBN 1-899935-05-3. Descríbense 276 especies con amplas claves que axudan á súa identificación, con case 200 imaxes en cor.
- Vockeroth, J.R. A revision of the genera of the Syrphini (Diptera: Syrphidae) Memoirs of the Entomological Society of Canada, no. 62:1-176. Claves de subfamilias, tribos e xéneros de todo o mundo e por rexións.
- van Veen, M.P. (2004) "Hoverflies of Northwest Europe, Identification Keys to the Syrphidae". KNNV Publishing, Utrecht. ISBN 9050111998
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Hoverfly – índe de artigos académicos
- [1] All About Hoverflies http://www.microscopy-uk.org.uk/mag/artmay07/cd-hoverflies.html
- Páxina web sobre sírfidos holandeses
- Hoverfly Recording Scheme – Foro de dipteristas do Reino Unido
- especies de Syrphidae en Europa e África, con fotos, mapas de distribución, listas de verificación e literatura Arquivado 11 de novembro de 2020 en Wayback Machine.
- Familia Syrphidae en EOL Galería de imaxes
- Sírfidos do noroeste de Europa – arcquivados en The Wayback Machine
- "Fotografías de sírfidos de do mundo desde Xapón" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de decembro de 2012. Consultado o 09 de xullo de 2017.
- Diptera.info Galería de imaxes
- "A hover fly, Allograpta obliqua". Featured Creatures. Universidade de Florida / Institute of Food and Agricultural Sciences.
- Listas de especies
- Neártico Arquivado 24 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.
- Paleártico oriental incluída Rusia Arquivado 15 de outubro de 2005 en Wayback Machine.
- Australasia/Oceanía
- Lista mundial