Aínda que a orixe dos serbios se perde no pasado remoto, a historia de Serbia pode considerarse que comeza co primeiro estado serbio, Raška, que foi fundado no século IX pola Casa de Vlastimirović; desenvolveuse despois como Reino e logo Imperio serbio baixo a Casa de Nemanjić.
Belgrado (en serbio: Београд ou Beograd) ten unha poboación de 1,2 millóns de habitantes (1 717 800 na área metropolitana). É a capital de Serbia (desde 1817), e foi tamén a capital de Iugoslavia (1918-2003) e de Serbia e Montenegro (2003-2006).
Considerado un dos mellores xogadores deste deporte da historia de Europa, Korać é lembrado hoxe como "a primeira lenda", xa que foi un dos máximos artífices en lograr que a selección iugoslava pasase de ser un equipo sen importancia no panorama internacional a unha das maiores potencias mundiais en baloncesto. Cando estaba na plenitude da súa carreira, faleceu nun accidente de tráfico uns meses antes de disputar o Mundial de Baloncesto de 1970 en Liubliana.
Como recoñecemento aos seus méritos a FIBA incluíulle, no 2007, na lista de nove xogadores que inauguraban o seu Salón da Fama e a Euroliga fixo o mesmo coa inclusión do xogador na súa lista de trinta e cinco mellores xogadores da historia da competición que realizou no 2008 con motivo do seu cincuenta aniversario. Ademais entre 1971 e 2002, a antecesora da segunda maior competición do baloncesto Europeo, a Eurocup Basketball, levou o nome de Copa Korać.