Saltar ao contido

Parella de feito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Certificado de domestic partnership de California.

Unha unión de feito, parella de feito ou asociación libre é unha unión sexoafectiva entre dúas persoas que, sen ter rango de matrimonio, está recoñecida polo Estado. Hai diferenzas entre a denominación que lles dá cada ordenamento xurídico: así chámanse parellas de feito en España, Pacte Civil de Solidarité (PACS) en Francia, partnership no Reino Unido e Estados Unidos ou unión civil noutros varios estados.

Dada a vinculación só afectiva e de convivencia entre os compoñentes das parellas de feito, que en ocasións leva unha dependencia económica análoga á dun matrimonio, algúns ordenamentos xurídicos víronse na necesidade de regulalas para evitar o desamparo dalgún dos compoñentes da parella en certas situacións como morte do outro, enfermidade etc.

A figura xurídica da parella de feito ten a súa orixe na necesidade de que os Estados doten dunha cobertura legal a aquelas parellas que, de forma irregular, conviven maritalmente.

O grado de equiparación entre as parellas de feito e os matrimonios é diferente segundo os Estados. Nalgúns deles as parellas de feito e os matrimonios non se diferencian máis que na denominación, contando con igualdade plena de deberes e dereitos. Noutros casos os deberes e dereitos das parellas de feito non conservan máis que unha certa analoxía cos dos matrimonios. Algúns Estados que non recoñecen aos seus cidadáns o dereito a formar parellas legalmente recoñecidas entre persoas do mesmo sexo tamén contemplan a posibilidade de constituíren parellas de feito.

As parellas de feito por países

[editar | editar a fonte]
  • Hungría. As relacións homosexuais están despenalizadas dende 1962 para os maiores de 20 anos e a idade de consentimento é a mesma que para as relacións heterosexuais dende o ano 2002. Dende 1996 as parellas de feito, incluíndo as do mesmo sexo, gozan de certos dereitos, e en abril do 2009 foi aprobada unha lei específica para parellas de feito homosexuais.[1]. Dita lei concédelles moitos dos dereitos dos que gozan as parellas casadas, pero non inclúe a adopción conxunta nin o acceso das mulleres lesbianas á inseminación artificial. Sectores conservadores presentaron nove recursos de inconstitucionalidade contra esta reforma legal, pero foron desestimados polo Tribunal Constitucional húngaro.[2]
  • República Checa. As relacións homosexuais en Checoslovaquia foron despenalizadas en 1962 e dende 1990 a idade de consentimento é a mesma que para as relacións heterosexuais. Dende o 2001 existe un rexistro de parellas de feito que inclúe as parellas homosexuais e dende o 2006 existe unha lei de unións civís, que non permite a adopción conxunta nin a inseminación artificial das mulleres lesbianas.[3]
  • Andorra. No 2005 Andorra aprobou unha lei de unións civís que recoñece boa parte dos dereitos dos que gozan as parellas casadas. Aínda que a lei non menciona o dereito á adopción, tampouco a prohibe.[4]
  • Reino Unido. Dende o 2005 as parellas do mesmo sexo poden acceder a unha partnership que lles recoñece os mesmos dereitos que ás parellas casadas, incluída a adopción como padrastos ou madrastas. Unha organización LGBT promoveu unha modificación da lexislación en Escocia, pero a resposta do Parlamento escocés foi que unha reforma dese aspecto tocaba competencias que non estaban transferidas, como as leis migratorias ou sobre a herdanza[5].
  • Dinamarca. Dende 1989 hai unha lei de unións de parellas do mesmo sexo. A xerarquía da igrexa luterana danesa, que permite aos seus pastores bendicir as parellas do mesmo sexo unidas civilmente, é particularmente proclive á regulación do dereito destas a contraer matrimonio.[6]
  • Eslovenia. Conta cunha lei de parellas de feito dende o ano 2006. Recentemente o Tribunal Supremo esloveno dictamiinou que esta lei é discriminatoria coas parellas do mesmo sexo, motivo polo cal o goberno comezou a tramitación do proxecto de lei que permitirá o matrimonio para este tipo de parellas[7].
  • Suíza. As relacións homosexuais están permitidas dende 1942 e dende o 2007 está en vigor unha lei de unións civís, aprobada mediante referendo cun 58% dos votos, que non concede o dereito á adoptar nin o acceso aos tratamentos de reprodución asistida. Con anterioridade, os cantóns de Xenebra e Zúric aprobaran leis de parellas[8].
  • Alemaña. Dende o 2009 varias sentenzas xudiciais recoñeceron ás parellas homosexuais certos dereitos que ata agora eran exclusivos das heterosexuais como, por exemplo, a percepción de pensións[9], a adopción dos fillos da parella[10] e as transmisións[11]. En xuño do 2010 un tribunal administrativo de Berlín determinou que o matrimonio dun cidadán alemán casado no Canadá cun español debe ser recoñecido en Alemaña como unión civil, recoñecemento que fai extensivo a outras parellas do mesmo sexo casadas no exterior.[12] Sorprendentemente, varias asociacións islámicas pronunciáronse a favor de reformar as leis para permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo[13] e incluír a protección das minorías LGTB na Constitución.[14]
  • Austria. O 10 de decembro do 2009 foi aprobada a lei de unións civís. A lei, que entrou en vigor en xaneiro do 2010, outorga ás parellas do mesmo sexo a posibilidade de optar a unha fiscalidade común e a dereitos sucesorios e de seguridade social, pero non permite celebrar cerimonias formais nin adoptar en común. Tampouco permite ás parellas de lesbianas acceder aos tratamentos de reprodución asistida.[15]
  • España. En España, ademais da legalización dos matrimonios entre persoas do mesmo sexo, existen leis de parellas de feito en Navarra, o País Vasco, Aragón, Cataluña e a Comunidade Valenciana.
  • Finlandia. Alén da previsible aprobación do matrimonio, esperada para o 2011, en Finlandia existe a posibilidade de constituír unións civís. Dende o 2009 concédese a adopción dos fillos da parella tamén dentro daquelas formadas por dúas persoas do mesmo sexo.[16]
  • Francia. Dende 1999 o chamado Pacte Civil de Solidarité (PACS) concede algúns dos dereitos dos que gozan as parellas casadas a nivel patrimonial e algúns beneficios sociais. A adopción conxunta está prohibida, así como a reprodución asistida para mulleres lesbianas. As sucesivas iniciativas encamiñadas a ampliar o seu reducido alcance non tiveron éxito polo de agora[17].
  • Illa de Jersey. O Parlamento aprobou no 2009 unha lei de Partnership semellante á británica que outorga ás parellas do mesmo sexo unidas civilmente dereitos similares aos do matrimonio[18].
  • Irlanda. Dende xullo do 2010 Irlanda recoñece as chamadas Relacións Civís, ás que concede equiparación ás parellas heterosexuais en materia de propiedade inmobiliaria, benestar social, dereitos de sucesión, manutención, pensións e impostos.[19] Despois de recibir a sanción da presidenta da república, está previsto que as primeiras unións se celebren en xaneiro de 2011[20].
Parellas de feito nos Estados Unidos.     Condado ou cidade que recoñece os domestic partner      Estado que recoñece o matrimono entre persoas do mesmo sexo, a unión civil ou o domestic partnership      Condado ou cidade que non recoñece as parellas de feito
  • En México:
  • Nos Estados Unidos:
    • Hawai. O 6 de xullo do 2010 a gobernadora de Hawai vetou unha lei que tiña como obxectivo aprobar a unión civil para parellas do mesmo sexo. A devandita lei xa fora aprobada pola Cámara de Representantes e garantía ás parellas homosexuais os mesmos dereitos e beneficios que aos matrimonios. O argumento esgrimido foi que se trataba dunha lei que, de facto, implantaba o matrimonio para parellas do mesmo sexo. Os líderes da Cámara expresaron que non teñen previsto tratar de levantar o veto da gobernadora.[21]

Noutros continentes

[editar | editar a fonte]
  • Australia. A comezos do 2010 foi sometido a votación no Senado australiano un proxecto de lei que tiña como obxectivo implantar o matrimonio para parellas do mesmo sexo, e que foi rexeitado na súa votación o 26 de febreiro, como resultado dunha pouco corrente alianza entre laboristas e conservadores.[22] Tamén foi rexeitada a proposta do partido laborista, no goberno, para aprobar unha lei de unións civís para toda Australia, que viría unificar a heteroxénea ordenación vixente: nalgúns dos estados australianos son legais as unións civís, chamadas nalgúns lugares Civil Partnership e noutros Domestic Partnership, con aproximadamente iguales características; no resto do territorio existe un recoñecemento de facto das unións entre persoas do mesmo sexo, pero sen que haxa un rexistro oficial.[23]

Unións non reguladas

[editar | editar a fonte]

As unións non reguladas son realidade en todo o mundo, mesmo naqueles países onde a homosexualidade é reprimida e perseguida, aínda coa pena de morte. Nestes casos, a parella homosexual decide por propia convicción e de común acordo unirse en parella, recoñecéndose mutuamente dereitos e obrigas entre os seus propios integrantes, e en ocasións ante os membros do seu contorno máis próximo. Certos estados, sen recoñeceren un status legal a este tipo de unións, conceden aos seus membros certos beneficios equiparables a aqueles dos que gozan as parellas casadas.

  • Colombia. O 7 de febreiro de 2007 en Colombia, foron aprobados e recoñecidos os dereitos patrimoniais na decisión do fallo da Corte Constitucional que equipara ás parellas heterosexuais algúns dereitos en materia de saúde, pensións, patrimonio e estranxeiría.[24]
  • Brasil. Nove das provincias do Brasil recoñecen a unión estable entre persoas do mesmo sexo e está en marcha un proxecto de lei, presentado en 1995, que modificaría a lexislación federal nesta materia.[25] Por outra banda, nunha sentenza que senta xurisprudencia, o Superior Tribunal de Justiça do Brasil tomou unha deción innovadora ao permitir a unha parella de mulleres lesbianas constar legalmente como nais de dúas nenas.[26]
  • Nos Estados Unidos:
  1. www.caboodle.hu, ed. (21/04/2009). "Parliament passes same-sex partnership bill". Arquivado dende o orixinal o 29/10/2013. Consultado o 12/08/2010. (en inglés)
  2. DOMBOS, T. (23/03/2010). www.ukgaynews.org.uk, ed. "Hungarian Constitutional Court affirms registered partnerships for gay couples". Arquivado dende o orixinal (Html) o 20/03/2020. Consultado o 12/08/2010. (en inglés)
  3. www.prague.gayguide.net (ed.). "Laws in Czech Republic". Consultado o 08/08/2010. (en inglés)
  4. www.dosmanzanas.com, ed. (29/04/2009). "Eurovisión 2009 en dos manzanas: Andorra" (Html). Consultado o 08/08/2010. (en castelán)
  5. www.pinknews.co.uk, ed. (05/05/2010). "Exclusive: SNP leader and Scottish first minister Alex Salmond answers your questions". Consultado o 23/09/2013. (en inglés)
  6. AFP, ed. (10/03/2010). "Two thirds of Danes back gay Church weddings". Arquivado dende o orixinal o 21/02/2014. Consultado o 10/08/2010. (en inglés)
  7. A.P. (10/07/2009). www.pr-inside.com, ed. "Slovenian court: gay union law discriminatory". Arquivado dende o orixinal (Html) o 25/12/2009. Consultado o 12/08/2010. (en inglés)
  8. Ottosson, D. (2006). "LGBT world legal wrap up survey". Arquivado dende o orixinal (Pdf) o 23/06/2009. Consultado o 10/08/2010. (en inglés)
  9. www.thelocal.de, ed. (22/10/2009). "High court backs equal rights for gay marriages". Arquivado dende o orixinal (Html) o 27/09/2013. Consultado o 08/08/2010. (en inglés)
  10. www.thelocal.de, ed. (26/08/2009). "High court proclaims gay adoption legal". Arquivado dende o orixinal (Html) o 19/09/2020. Consultado o 08/08/2010. (en inglés)
  11. www.lavanguardia.es, ed. (17/08/2010). "El Constitucional alemán prohíbe discriminar a los homosexuales en las herencias". Arquivado dende o orixinal o 23/08/2010. Consultado o 18/08/2010. (en castelán)
  12. WRITER, S. (16/16/2010). www.pinknews.co.uk, ed. "German court says gay mans foreign marriage must be recognised as a partnership" (Html). Consultado o 18/06/2010. (en inglés)
  13. www.queer.de, ed. (08/06/2010). "Liberale Muslime setzen sich für Homo-Ehe ein". Consultado o 08/08/2010. (en alemán)
  14. www.queer.de, ed. (29/01/2010). "Artikel 3: Union und FDP blockieren". Consultado o 08/08/2010. (en alemán)
  15. www.dosmanzanas.com, ed. (11/12/2010). "Austria aprueba una ley de uniones civiles para parejas del mismo sexo" (Html). Consultado o 08/08/2010. (en castelán)
  16. www.pinknews.co.uk, ed. (15/05/2009). "Finland allows gay couples to adopt partner's children". Arquivado dende o orixinal (Html) o 29/06/2011. Consultado o 10/08/2010. (en inglés)
  17. www.dosmanzanas.com, ed. (28/04/2009). "Eurovisión 2009 en dos manzanas: Francia" (Html). Consultado o 10/08/2010. (en castelán)
  18. GEEN, J. (20/10/2009). www.pinknews.co.uk, ed. "Jersey votes to allow civil partnerships". Consultado o 16/08/2010. (en inglés)
  19. EFE (19/07/2010). www.publico.es, ed. "Irlanda reconoce los derechos de las parejas homosexuales de hecho". Consultado o 19/07/2010. (en castelán)
  20. McGEE, H. (20/07/2010). www.irishtimes.com, ed. "Signing into law of new civil Bill welcomed". Arquivado dende o orixinal (Html) o 09/02/2012. Consultado o 07/08/2010. (en inglés)
  21. EFE (06/07/2010). www.epa.eu, ed. "La gobernadora de Hawai veta la ley de unión civil para homosexuales". Consultado o 19/08/2010. [Ligazón morta](en castelán)
  22. SCHUBERT, M. (26/02/2010). www.theage.com.au, ed. "Senate rejects gay marriage bill" (Html). Consultado o 19/08/2010. (en inglés)
  23. www.starobserver.com.au, ed. (28/04/2009). "Rudd rejects civil unions". Consultado o 19/08/2010. (en inglés)
  24. www.eltiempo.com (ed.). "42 disposiciones modificó la Corte Constitucional para amparar derechos de las parejas gay". Arquivado dende o orixinal o 30/07/2012. Consultado o 18/08/2010. (en castelán)
  25. www.dosmanzanas.com, ed. (13/10/2009). "Entrevista a Antonio Reis (ABGLT)" (Html). Consultado o 18/08/2010. (en castelán)
  26. STJ (27/04/2010). www.stj.gov.br, ed. "STJ mantém adoção de crianças por casal homossexual". Arquivado dende o orixinal o 18/01/2012. Consultado o 18/08/2010. (en portugués)
  27. Israel, J. (21/08/2013). thinkprogress.org, ed. "New Mexico County Clerk Begins Issuing Marriage Licenses To Same-Sex Couples". Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2013. Consultado o 30 de agosto de 2013. (en inglés)
  28. Terrell, S. (23/08/2013). www.santafenewmexican.com, ed. "Dozens of marriage licenses issued to gay couples". Consultado o 21/09/2013. (en inglés)
  29. www.koat.com, ed. (27/08/2013). "3 more NM counties to issue gay marriage licenses". Arquivado dende o orixinal o 22/10/2013. Consultado o 21/09/2013. (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]