Pervez Musharraf
Pervez Musharraf (en urdú پرويز مشرف), nado en Delhi o 11 de agosto de 1943 e finado en Dubai o 5 de febreiro de 2023, foi un militar e político paquistaní, presidente de Paquistán dende o 20 de xuño de 2001 ata a súa dimisión o 18 de agosto de 2008, aínda que xa asumira o goberno do país despois do golpe de estado do 12 de outubro de 1999.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes e formación militar
[editar | editar a fonte]Nado en Delhi durante o dominio británico no berce dunha familia islámica, trasladouse a Karachi canda ela logo da partición da India e o nacemento de Paquistán. Pasou estadías en Turquía durante a súa mocidade dado que o seu pai exercía alí como diplomático, e tivo unha formación escolar anglófona e en colexios católicos, o que lle daría un perfil secularizado.[1]
Ingresou na Academia Militar de Paquistán en 1961, graduándose en 1964. Como oficial participou na guerras contra a India de 1965 por Caxemira e na de 1971 no contexto da secesión de Bangladesh, nesta como comandante dunha compañía das forzas especiais.[2]
Na década de 1990 accedeu á cúpula militar de Paquistán: no 1991 foi ascendido a xeneral, en 1993 foi nomeado director de Operacións Especiais do Cuartel Xeral do Exército, e en 1998 xefe do Estado Maior.
Golpe de Estado de 1999
[editar | editar a fonte]A finais do século XX, as forzas armadas de Paquistán observaban con preocupación a tensión militar coa India (choques fronteirizos en Caxemira e a escalada nuclear) e o establecemento do réxime talibán en Afganistán, que, se ben este movemento fora favorecido pola intelixencia paquistaní, agora era visto como unha ameaza desestabilizadora.[3] Neste escenario, as relacións entre o poder civil, representado polo primeiro ministro Nawaz Sharif, e o alto mando militar de Pervez Musharraf, deterioráronse ata o punto que o 12 de outubro de 1999, o goberno de Paquistán cesou a Pervez Musharraf. Este foi notificado cando regresaba dunha visita oficial a Sri Lanka nun avión ao que se lle denegou a aterraxe en territorio paquistaní. Mais, as forzas armadas responderon á orde que Pervez Musharraf dera dende o voo de tomar o control de diversos puntos estratéxicos e de deter ao primeiro ministro Nawaz Sharif. Así, logo de chegar a Karachi, Pervez Musharraf anunciou en televisión que as forzas armadas asumían o poder impoñendo a lei marcial.[4] As súas primeiras medidas foron a suspensión da constitución, a disolución da Asemblea Nacional, o Senado e as lexislaturas provinciais e o cesamento do primeiro ministro, ministros e outros altos representantes do goberno. Pola súa banda, confirmou a continuidade do Presidente do Estado, Muhammad Rafiq Tarar.[5] Aínda que o golpe de Estado acabou cun goberno democrático lexitimamente constituído, o Tribunal Supremo de Paquistán validou os actos fixando un período de tres anos como o prazo máximo para a extensión da lei marcial.[6]
Goberno (1999-2008)
[editar | editar a fonte]Pervez Musharraf estivo á fronte do goberno de Paquistán durante case década, primeiro como xefe executivo mentres se mantiña vixente a lei marcial (1999-2001) e logo como Presidente (2001-2008).
As consecuencias dos Atentados do 11 de setembro e da chamada guerra contra o terror que levou á invasión estadounidense de Afganistán marcaron estes anos. Paquistán enfrontouse a un forte cuestionamento internacional logo dos atentados debido ás conexións cos talibáns.[7] Musharraf tentou inicialmente que as autoridades afgás entregaran a Osama bin Laden, sen éxito; decantándose logo polo apoio ás accións norteamericanas dando.[8] Con todo, a posición foi internamente contestada por sectores islamistas e sucedéronse as protestas que identificaban a Musharraf como un traidor. Durante a campaña os países occidentais e Estados Unidos aceleraron o envío de axuda ao desenvolvemento e a asistencia militar e económica.[9]
Paralelamente, nestes anos, as rexións fronteirizas con Afganistán integradas na denominada Áreas Tribais baixo Administración Federal, poboadas mormente por paxtos e cunha porosa fronteira con Afganistán, viron como o fundamentalismo islámico e o contrabando erosionaban a, xa feble, autoridade paquistaní.[10][11] Coa complicidade local, estas rexións foron acubillo de moitos líderes talibáns e de Al Qaida, entre eles do seu fundador, Osama bin Laden.[12] Aínda que diferentes fontes sinalaron isto cedo, o goberno de Paquistán rexeitou sempre esas informacións: xa en 2002 Pervez Musharraf consideraba que probablemente bin Laden estaría morto polos problemas renais que padecía.[13] En 2011, tras a operación estadounidense que localizou e matou a bin Laden en Paquistán, Musharraf alegou "neglixencia mais non complicidade" por parte do goberno de Islamabad.[14]
Durante o seu goberno, o conflito de Caxemira foi un frecuente foco de tensión coa India. En decembro de 2001, uns terroristas de orixe caxemira asaltaron o parlamento da India e o primeiro ministro Atal Bihari Vajpayee responsabilizou a Paquistán de estar detrás da acción.[15] Pero, aínda que a fronteira contou con reforzos militares eses días, Musharraf acabou ilegalizando diversos grupos vencellados ao terrorismo e o islamismo de Caxemira a principios de 2002.[16] Tamén, nun aplaudido xesto para rebaixar a tensión bilateral, Musharraf estreitou as mans a Atal Bihari Vajpayee no IX Cumio da Asociación de Asia do Sur para a Cooperación Rexional en Katmandú.[17] Porén, posteriormente, a India expulsou o embaixador paquistaní e Pervez Musharraf mandou facer probas de mísiles quen de portar cabezas nucleares nun intento por intimidar á India.[18][19]
Tamén en política exterior, o seu ministro de Exteriores, Khurshid Kasuri, mantivo unha reunión co seu homólogo de Israel, Silvan Shalom, en 2005, por primeira vez na historia de ambos estados.[20] Outra liña importante, foi o cultivo das estreitas relacións bilaterais coa China, favorecendo investimentos e contratos militares.[9]
Se ben en 2001 asumira a presidencia de Paquistán, en 2002 consolidou o seu réxime. Logo dos tres anos que o Tribunal Supremo fixara como prazo máximo de aplicación da lei marcial, Pervez Musharraf fixo un referendo o 30 de abril para continuar no poder outros 5 anos. A proposta contou con máis do 97% de aprobación, aínda que a oposición boicoteou o plebiscito e foron denunciadas múltiples irregularidades.[21] Ademais, un partido aliado do réxime, a Liga Musulmá de Paquistán, gañou as primeiras eleccións parlamentarias dende o golpe.[22]
Durante o seu goberno, Paquistán albo de diferentes atentados islamistas masivos. Ademais, o propio Pervez Musharraf tivo varios intentos de asasinato, responsabilidade de islamistas, dous deles en decembro de 2003.[23][24]
En 2007, Pervez Musharraf propuxo dar pasos para favorecer unhas eleccións libres no país e entregar o poder aos civís. Nese vieiro, mantivo unha reunión coa política e antiga primeira ministra Benazir Bhutto en Dubai.[25] Posteriormente foron retirados os cargos que pesaban contra ela en Paquistán e regresou ao país logo de oito anos de exilio. Aínda que posteriormente ficaría baixo arresto domiciliario en Lahore cando Musharraf decretou o estado de emerxencia o 3 de novembro.[26] Semanas máis tarde, Pervez Musharraf dimitiu como ser xefe do Estado Maior e en decembro de 2007 restableceu a constitución.[27] As eleccións de 2008 celebráronse o 18 de febreiro, logo de seren adiadas por mor do asasinato de Benazir Bhutto, e foron unha vitoria para os rivais políticos de Pervez Musharraf: o gañador foi o Partido Popular de Paquistán, de Asif Ali Zardari, viúvo de Bhutto, e a segunda forza máis votada foi o partido do primeiro ministro contra o que Musharraf fixera o golpe de Estado en 1999, Nawaz Sharif. Estes partidos impulsaron a destitución do presidente pero antes de que rematase o procedemento, politicamente illado, Pervez Musharraf renunciou á presidencia o 18 de agosto de 2008.[28][29]
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Tras a súa retirada política, Pervez Musharraf marchou de Paquistán durante 4 anos, regresando en 2013 con idea de participar nas eleccións presidenciais, aínda que logo foi declarado inelixible.[30] Paralelamente, abríronse varios procesos xudiciais na súa contra. O 17 de decembro de 2019 foi condenado a morte por alta traizón, tras unha acusación que pesaba sobre el desde 2013 por suspender a Constitución e impoñer o estado de emerxencia en 2007.[31] Foi a primeira vez na historia do país en que un xefe militar foi declarado culpable de alta traizón e tamén condenado a morte, aínda que o Tribunal Supremo acabou revogando a pena en 2020 por considerar que o tribunal especial que se constituira para xulgado era inconstitucional.[32] Ademais, Musharraf foi xulgado "in absentia" pois residía en Dubai (Emiratos Árabes Unidos) dende 2016, cidade na que faleceu doente de amiloidose o 5 de febreiro de 2023.[33][34]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Shaikh, Farzana (2023-02-05). "General Pervez Musharraf obituary". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ Chitkara, M. G. (2001). Indo-Pak Relations: Challenges Before New Millennium (en inglés). APH Publishing. ISBN 978-81-7648-272-1.
- ↑ "Regateo con el Gobierno civil por las esferas de poder. Biografía de Pervez Musharraf". CIDOB. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "How the 1999 Pakistan coup unfolded" (en inglés). 2007-08-23. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Text of Musharraf's declaration". news.bbc.co.uk. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ Hirschl, Ran (2010-11-01). Constitutional Theocracy (en inglés). Harvard University Press. ISBN 978-0-674-05937-5.
- ↑ "Pakistan: "The Taliban's Godfather"?". nsarchive2.gwu.edu. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ Burns, John F. (2001-09-20). "Pakistan Leader Defends Joining U.S. in Hunt for bin Laden". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ 9,0 9,1 Bennett Jones, Owen (marzo de 2006). "Pakistan’s foreign policy under Musharraf: between a rock and a hard place" (PDF). Consultado o 18-02-2023.
- ↑ ""No-Go" Tribal Areas Became Basis for Afghan Insurgency Documents Show". nsarchive2.gwu.edu. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Paquistán: os dilemas de Musharraf - IGADI". 2005-08-05. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "El fiasco de Tora Bora". El País (en castelán). 2011-05-02. ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "CNN.com - Pakistan's Musharraf: Bin Laden probably dead - January 18, 2002". edition.cnn.com. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Musharraf says Pakistan not complicit on bin Laden". Reuters (en inglés). 2011-07-21. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ Misra, Neelesh (2001-12-16). "India Accuses Pakistan of Sponsoring Suicide Raid". Washington Post (en inglés). ISSN 0190-8286. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Musharraf bans LeT, Jaish-e-Mohammad". www.tribuneindia.com. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ Naqvi, Jawed (2002-01-06). "Musharraf offers sustained talks: Handshake with Vajpayee charms Saarc". DAWN.COM (en inglés). Consultado o 2023-02-18.
- ↑ French, Celia W. Dugger With Howard W. (2002-05-19). "To the Drums of War, India Expels Pakistan Ambassador". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Pakistán prueba un misil capaz de llevar cabezas nucleares para intimidar a India". La Voz de Galicia (en castelán). 2002-05-25. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Israel, Pakistán y la geopolítica - IGADI". 2005-09-14. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Musharraf wins huge backing" (en inglés). 2002-05-01. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "General Elections 2002 - After three years of military rule, Pakistan again headed towards democracy on October 2002". Story Of Pakistan (en inglés). 2004-02-21. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "FACTBOX-Assassination attempts against Pakistan's Musharraf". Reuters (en inglés). 2007-07-06. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "The rise and fall of Musharraf". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2023-02-18.
- ↑ a Qudoos, M. "Musharraf, Benazir meet in Abu Dhabi". Khaleej Times (en inglés). Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Bhutto, under house arrest, says Musharraf must quit power". The Seattle Times (en inglés). 2007-11-13. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Kayani takes over command from Musharraf today". DAWN.COM (en inglés). 2007-11-28. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "President Musharraf Resigns – DW – 08/18/2008". dw.com (en inglés). Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Facing Impeachment, Pakistan's Musharraf Resigns". npr.org.
- ↑ "Musharraf returns to Pakistan despite threats". BBC News (en inglés). 2013-03-24. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Condenado á morte o expresidente de Paquistán Pervez Musharraf por traizón". Faro de Vigo. 17 de decembro de 2019. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Pakistan court overrules Musharraf death sentence – DW – 01/13/2020". dw.com (en inglés). Consultado o 2023-02-19.
- ↑ Ayub, Imran (2016-03-19). "Musharraf meets well-wishers at his Dubai residence". DAWN.COM (en inglés). Consultado o 2023-02-18.
- ↑ Staff, Al Jazeera. "Pervez Musharraf: The Pakistani ex-president’s chequered legacy". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2023-02-05.