Saltar ao contido

Razoamento indutivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En lóxica, un razoamento indutivo, ou simplemente indución, é unha modalidade do razoamento non dedutivo ou argumento que, partindo de premisas particulares obtén unha conclusión universal.

Consiste, por tanto, en obter conclusións xerais a partir de premisas que conteñen datos particulares. Por exemplo, da observación repetida de obxectos ou acontecementos da mesma índole establécese unha conclusión para todos os obxectos ou eventos de dita natureza.

Exemplo de razoamento indutivo

[editar | editar a fonte]

Premisas:

  • Observei o corvo número 1 e era de cor negra.
  • O corvo número 2 tamén era negro.
  • O corvo número 3 tamén era negro.

Conclusión:

  • Logo todos os corvos son negros.

Neste razoamento xeneralízase para todos os elementos dun conxunto a propiedade observada nun número finito de casos. Agora ben, a verdade das premisas (10.000 observacións favorábeis a esta conclusión, por exemplo) non converte en verdadeira a conclusión, xa que podería haber unha excepción (ou varias). De aí que a conclusión dun razoamento indutivo só pode considerarse probábel e, de feito, a información que obtemos por medio desta modalidade de razoamento é sempre unha información incerta e discutíbel. O razoamento só é unha síntese incompleta de todas as premisas.

Nun razoamento indutivo válido, por tanto, é posíbel afirmar as premisas e, simultaneamente, negar a conclusión sen contradicirse. Acertar na conclusión será unha cuestión de probabilidades.[1]

Dedución e indución

[editar | editar a fonte]

A lóxica diferencia dúas clases fundamentais de argumentos: os dedutivos e os indutivos. Os argumentos dedutivos son aqueles nos que as premisas subministran un fundamento definitivo da conclusión, mentres que nos indutivos as premisas proporcionan só algunha fundamentación da conclusión, pero non unha fundamentación conclusiva[2], identificando desta maneira os conceptos de dedución e razoamento válido. Outra maneira de expresar esta diferenza é dicir que nunha dedución é imposíbel que as premisas sexan verdadeiras e a conclusión falsa, pero no razoamento indutivo no sentido forte iso é posíbel, aínda que pouco probábel.[3]

Nun razoamento dedutivo a información da conclusión xa está contida nas premisas, de modo que se toda a información das premisas é verdadeira, a información da conclusión tamén deberá ser verdadeira. No razoamento indutivo a conclusión contén algunha información que non está contida nas premisas, quedando aberta a posibilidade de que esa información de máis cause a falsidade da conclusión a pesar das premisas verdadeiras.

A indución en Aristóteles

[editar | editar a fonte]

A palabra grega ἐπαγογή hepagogé tradúcese xeralmente por 'indución', pero o sentido en que foi usada por Aristóteles non coincide totalmente co concepto moderno. O estaxirita afirma na súa Metafísica que Sócrates foi o primeiro que usou a indución e en dar definicións.

Indución e método científico

[editar | editar a fonte]

Razoar indutivamente é partir de premisas particulares, na busca dunha lei xeral, universal, por exemplo:

O ferro conduce a electricidade.
O ferro é un metal.
O ouro conduce a electricidade.
O ouro é un metal.
O cobre conduce a electricidade.
O cobre é un metal.

Logo os metais conducen a electricidade.

O principio de indución non pode ser unha verdade lóxica pura, tal como unha tautoloxía ou un enunciado analítico, pois se houbese un principio puramente lóxico de indución, simplemente non habería problema de indución, dado que, neste caso, todas as inferencias indutivas terían que ser tomadas como transformacións lóxicas ou tautolóxicas, exactamente como as inferencias no campo da lóxica dedutiva.

Tipos de razoamento indutivo

[editar | editar a fonte]

Dentro do razoamento indutivo distínguense dous tipos:

  • Completo: acércase a un razoamento dedutivo porque a conclusión non achega máis información que a xa dada polas premisas. Nel estúdanse todos os individuos abarcados pola extensión do concepto tratado, por exemplo:
Rosa e Antón teñen tres fillos: Sofía, Andrea e André:
Sofía é loira,
Andrea é loira,
André é loiro,
Polo tanto, todos os fillos de Antón e Rosa son loiros.
  • Incompleto: a conclusión vai máis alá dos datos que dan as premisas. A maior cantidade de datos, maior probabilidade de acertar na conclusión. A verdade das premisas non garante a verdade da conclusión. Por exemplo:
María é loira,
Xoán é loiro,
Pedro é loiro,
Xurxo é loiro;
Polo que todas as persoas son loiras.

Os canons de Mill

[editar | editar a fonte]

John S. Mill propuxo cinco métodos no razoamento indutivo.

Os primeiros catro canons, apuntan a concluír que circunstancia achada nos casos é causa do fenómeno estudado. No último, as causas búscanse noutros fenómenos.

  • I. Método da concordancia.

De encontrarse unha única circunstancia en común entre os casos que se investigan, pódese inducir que dita circunstancia é a causa do fenómeno.

  • II. Método da diferenza.

Se unha circunstancia entre varias iguais é a que distingue ao resto dos casos, e o fenómeno é diferente nese caso, entón dita circunstancia é a causa do fenómeno.

  • III. Método da concordancia e diferenza.

É o método da concordancia, que se verifica co método da diferenza. Este método pode parecer máis seguro. Porén, tampouco é infalíbel.

  • IV. Método dos residuos.

Consiste en eliminar determinadas circunstancias, e ir observando se o fenómeno persiste.

  • V. Método das variacións concomitantes.

Consiste en observar as variacións do fenómeno, e descubrir que outro fenómeno varía de maneira concomitante. De encontrarse, este pode ser a causa do fenómeno estudado.

  1. Considérese, por exemplo, os cisnes: en Francia son brancos. En Alemaña e Inglaterra tamén son brancos. En realidade, en toda Europa todos os cisnes son brancos. Porén, e en contrario á indución obvia e tradicional, non todos os cisnes son brancos, (por exemplo, o cisne australiano).
  2. Copi, I. & Cohen, C. (1990): Introduction to logic. 8ª ed. Nova York: Macmillan Publishing Company. ISBN 0-02-946192-8 (páxs. 45-46)
  3. Cook, Roy T. (2009): A Dictionary of Philosophical Logic. Edimburgo: Edinburgh University Press. ISBN 978-0-7486-2559-8 (páx. 273).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cook, Roy T. (2009): A Dictionary of Philosophical Logic. Edinburgh: Edinburgh University Press. ISBN 978-0-7486-2559-8
  • Copi, I. & Cohen, C. (1990): Introduction to logic. 8ª ed. Nova York: Macmillan Publishing Company. ISBN 0-02-946192-8

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]