Ramiro II de León
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2007.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 898 Reino de León |
Morte | 5 de xaneiro de 951 (52/53 anos) León, España |
Lugar de sepultura | Basílica de Santo Isidoro de León |
Monarca do Reino de León | |
931 – 951 ← Afonso IV de León – Ordoño III de León → | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | político |
Carreira militar | |
Conflito | batalla de Simancas cerco de Madrid batalla de Osma |
Familia | |
Familia | Dinastía ástur-leonesa |
Cónxuxe | Urraca Sánchez de Pamplona (932–951) Adosinda Guterrez (923–932) |
Fillos | Ordoño III de León () Adosinda Guterrez Tareixa Ramírez () Adosinda Guterrez Sancho II () Urraca Sánchez de Pamplona Elvira Ramírez () Urraca Sánchez de Pamplona Lovesendo Ramírez () |
Pais | Ordoño II de Galicia e León e Elvira Menendiz |
Irmáns | Sancho I Afonso IV de León |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Ramiro II o Grande, nado cara ao 898 e finado en León en xaneiro de 951, foi o quinto rei de Galicia[1][2][3][4] que gobernou desde a nova capital, León, (931 - 951), un dos máis notábeis monarcas, alcumado o Diabo polos seus inimigos en Spania a causa da súa ferocidade e enerxía.
Mocidade
[editar | editar a fonte]Terceiro fillo de Ordoño II e Elvira Menéndez. Sendo neno encomendouse a súa crianza e educación a Diego Fernández e á súa esposa Onega, un poderoso matrimonio residente nas terras do Douro e máis tarde nas do Mondego, centro dun núcleo de repoboación agrupado en torno ao infante Vermudo Ordóñez, irmán de Afonso o Magno, de quen Onega era sobriña. Ramiro gañouse en poucos anos a admiración entusiasta das xentes de guerra, creando ao redor da súa persoa a imaxe do caudillo intelixente e atrevido, a cuxa espontánea conmemoración fóronse sumando romances, coplas, lendas e relatos populares.
En 924 morre Ordoño II, e herda o trono o seu irmán Froila II, que despraza do mesmo aos fillos de Ordoño II. Con todo, Froila morre de lepra ao cabo dun ano, provocando un grave problema sucesorio que enfrontou ao seu propio fillo, Afonso, cos fillos de Ordoño II. Afonso Froilaz contaba co apoio dos nobres asturianos, mentres que Sancho, Afonso e o propio Ramiro, os fillos de Ordoño II, tiñan co apoio dos magnates galegos e portugueses, amén do apoio do rei navarro Sancho I Garcés.
A vitoria correspondeu a estes últimos, dividíndose o reino:
- A Terra de Foris, Asturias e Castela para Afonso, segundoxénito do rei Ordoño, que reinaría como Afonso IV de León e gozaría da primacía xerárquica sobre os seus irmáns.
- O territorio galego até o Miño, para o maior, Sancho Ordóñez, co título de rei.
- A zona entre os ríos Miño e Mondego, no norte do actual Portugal, para Ramiro, tamén con título rexio.
Vermudo Ordóñez e Diego Fernández morreron pouco antes do 928, pero xa desde 926 o infante Ramiro facíase cargo da provincia, cuxa fronteira sur avanzaba constantemente, ata chegar á vista do río Texo desde os seus centros principais de Viseu e Coímbra. Este territorio do norte do actual Portugal, con título de reino foi adxudicado ao novo Ramiro ao finalizar a contenda sucesoria entre os Froilaz e os Ordóñez. O infante, que debía de contar por estes días os 25 anos e estaba xa casado con Adosinda Guterrez, filla do conde Gutier Osoriz e Ildoncia Menendez.
Afonso, o futuro "monxe", coroouse solemnemente en León o 12 de febreiro de 926, e once días despois Ramiro, o seu irmán, achábase xa en Viseu, capital do seu pequeno reino, onde quixo dar o primeiro testemuño da súa realeza e o primeiro recoñecemento público da súa débeda de gratitude e afecto aos seus pais nutricios, Diego Fernández e Onega, agora representados pola súa filla Muniadona Díaz e Hermenexildo González, esposo desta, a quen doou a vila de Creximiri, solemnizando o acto coa presenza e subscrición de dezaseis personaxes que deberon ser o selecto grupo do seu séquito oficial.
En 929 Morre o seu irmán Sancho, e Ramiro é coroado como rei de Galiza en Zamora, cidade que inmediatamente converte na súa capital.
En xuño de 931, a morte de Onega, esposa de Afonso IV, some a este nunha grande depresión e chama ao seu irmán Ramiro para que se faga cargo do trono leonés, manifestando a súa intención de retirarse ao Mosteiro de Sahagún para practicar a oración.
Comezo do reinado
[editar | editar a fonte]Ramiro fíxose coroar en León, segundo a Nómina Leonesa, o 6 de novembro de 931. En 932, o novo rei trasladouse a Zamora con obxecto de armar un grande exército para socorrer á cidade de Toledo, que lle pediu axuda contra Abderramán III. Con todo, por entón Afonso IV xa se arrepentira da súa renuncia ao trono, polo que se trasladou a León cos seus partidarios para recuperar o poder. Decatado Ramiro II de tales movementos por mensaxe do bispo Oveco, a quen encomendara o goberno na súa ausencia, marchou sobre León coas súas tropas e fixo deter e encerrar nun calabozo ao seu irmán.
A situación foi aproveitada por Afonso Froilaz e os seus irmáns, os fillos de Froila II para intentar acceder ao poder. Porén, o enérxico e inflexíbel Ramiro II contaba co valioso auxilio do conde de Castela, Fernán González, así como do rei navarro Sancho I Garcés. En poucos días dominou a situación, e perseguiu aos seus inimigos ata Oviedo, derrotándoos. Tras capturalos, ordenou que lles sacasen os ollos a todos, incluído ao seu irmán, e fosen encerrados no mosteiro de Ruiforco de Torío.
Unha vez afianzado no trono, Ramiro proseguiu o proceso de conquista territorial no sur do reino. Comezou conquistando a fortaleza omeia de Margerit, a actual Madrid, a mediados do 932, na súa idea de liberar a Toledo. Pero xa ocupadas por al-Nasir, tempo antes, as fortalezas da marxe dereita do Texo, Ramiro só puido desmantelar as fortificacións de Madrid e depredar as súas terras máis próximas, de onde trouxo numerosas xentes, mentres Abderramán entraba triunfalmente en Toledo o día 2 de agosto.
Campañas militares
[editar | editar a fonte]A comezos do verán do ano 933, o propio Califa, presentábase co seu exército fronte a San Esteban de Gormaz ou Castromoros, do que Ramiro tivo noticia por correos que lle enviou Fernán González. Cando o soubo, segundo o cronista Sampiro, o rei puxo en movemento o seu exército e saíu contra eles nun lugar chamado Osma, e invocando o nome do Señor, mandou ordenar as súas hostes e dispuxo que todos os homes se preparásen para o combate. O Señor deulle gran vitoria, pois matando a boa parte deles e facendo moitos miles de prisioneiros trouxo-olos consigo e regresou á súa cidade con sinalado triunfo.
No verán do ano 934 os cordobesa realizaron unha das súas incursión estivais en Osma, avanzando polo corazón de Castela chegaron até Pamplona, logrando a submisión da raíña Toda de Navarra, volveron sobre Áraba e logo sobre Burgos e o mosteiro de Cardeña -onde mataron 200 monxes-, comezando a retroceder desde Hacinas, acosados por guerrillas e emboscadas. Ramiro chegou ao Douro cando o exército cordobés xa alcanzara Burgos e Pamplona. Tomou sen grande esforzo a fortaleza de Osma e esperou alí o regreso do seu inimigo, que marchaba polo mesmo camiño de entrada. Os Anais Casteláns Primeiros resumen a acción que seguiu: Segunda vez viñeron os mouros a Burgos, en era 972 (ano 934). Pero o noso rei Ramiro saíulles ao encontro en Osma e matou moitos milleiros deles.
Tres anos despois veremos ao rei galego actuando habilmente en apoio de Aboyaia, rei de Zaragoza, a quen o califa acusaba de traidor e culpábel principal do desastre en Osma. O cronista Sampiro abrevia así os feitos:
Ramiro reunindo o seu exército dirixiuse a Zaragoza. Entón o rei dos sarracenos, Aboyaia, someteuse ao gran rei Ramiro e puxo toda a súa terra baixo a soberanía do noso rei. Enganando a Abdarrahmán, o seu soberano, entregouse con todos os seus dominios ao rei católico. E o noso rei, como era forte e poderoso, someteu os castelos de Aboyaia, que se lle sublevaron, e entregoullos regresando a León con gran triunfo.
Sampiro omite que o monarca deixou guarnicións navarras nestes castelos, pois Ramiro contou co concurso e alianza do rei de Pamplona.
A grande ofensiva cordobesa
[editar | editar a fonte]Logo da perda da estratéxica Zaragoza, é fácil comprender a irada reacción do envanecido Abderramán III, tantas veces humillado e castigado por un rei tan hostil como escaso en recursos. Tras cercar e conquistar Calatayud, Abderramán conquistou un tras outro todos os castelos da zona. Ao chegar ás portas de Zaragoza, Abu Yahya capitulou, acción que o califa aproveitou para empregalo nunha ofensiva contra Navarra que concluíu na capitulación da raíña Toda, que se declarou vasala do califa.
O califa omíada concibiu entón un proxecto xigantesco para acabar dunha vez por todas co reino leonés, ao que denominou gazat al-kudra ou campaña do supremo poder. O omíada reuniu a máis de cen mil homes alentados pola chamada á Xihad. Desde a saída de Córdoba dispúxose que todos os días se entóase na mesquita maior a oración da campaña, non con sentido deprecatorio, senón como anticipado agradecemento do que non podía menos de ser un éxito incontrovertíbel.
Á cabeza de tan impoñente forza militar, o califa cruzou o Sistema Central, penetrando en territorio leonés no verán de 939. Ramiro II reuniu unha coalición navarra, leonesa e aragonesa que aniquilou aos exércitos do califa en agosto de 939, na batalla de Simancas, unha das máis destacadas da Reconquista.
Abderramán III escapou semivivo deixando en poder dos cristiáns un precioso exemplar do Corán, vindo de Oriente, coas súas valiosas gardas e a súa marabillosa encadernación, e até a súa inestimábel cota de malla, tecida con fíos de ouro, que o sobresalto do suceso non lle deixou tempo a vestir. Do campamento mahometano trouxeron os cristiáns moitas riquezas coas que medraron Galiza, Castela e Álava, así como Pamplona e o seu rei García Sánchez.
Esta vitoria permitiu avanzar a fronteira leonesa do río Douro ao Tormes, repoboando lugares como Ledesma, Salamanca, Peñaranda de Bracamonte Sepúlveda e Vitigudino.
Ocaso
[editar | editar a fonte]Sobreveñen uns anos de relativa tranquilidade, unicamente salpicados polas continuas razzias que salpican habitualmente calquera dos reinos, quizais para recordar aos seus gobernantes que estes son tempos guerreiros e non é conveniente que os seus soldados baixen nunca a garda.
En 950 o monarca de Galicia partiu desde Zamora cara á súa última aventura en terras de Spania, realizando unha expedición de saqueo polo val do río Texo, derrotando unha vez máis ás tropas califais en Talavera de la Reina, causando innumerábel destrución e obtendo un rico botín e algúns miles de prisioneiros.
O rei, fisicamente decaído, é substituído polo fillo, o futuro Ordoño III, quen practicamente se fai cargo dos asuntos do reino. Ao regreso dunha viaxe a Oviedo vese afectado dunha grave enfermidade, da que non conseguirá recuperarse.
O último acto público da súa vida foi a súa abdicación voluntaria na capital León, a tarde do día 5 de xaneiro de 951, cando o rei debía de contar uns 53 anos. Créndose próximo á morte fíxose levar á igrexa de San Salvador, contigua ao pazo, e na presenza de todos tirou as súas vestiduras e verteu sobre a súa cabeza a cinza ritual, unindo no mesmo acto a renuncia solemne ao trono e a práctica da penitencia pública in extremis, coa mesma fórmula que no seu día pronunciara santo Isidoro de Sevilla.
Faleceu ese mesmo mes, reinando xa o seu fillo Ordoño III.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ de Cremona, Luitprando (939). "2". Historia gestorum regum et imperatorum sive antodoposis (PDF) 5.
Radamiro, christianissimo rege Gallitiae
- ↑ Al-Himyari. Lévi-Provençal, Evariste, ed. Kitab al-Rawd al-Mitar (en francés). p. 121.
Rudmir, le roi des Galiciens
- ↑ Yarza Urquiola, Valeriano (2016). "El Prólogo de Gómez, presbítero de Albelda (Gomesanis Albaildensis presbiteri prologvs)". Cuadernos de filología clásica: Estudios latinos 36 (2): 229.
Ipsis igitur diebus obiit Galleciensis rex Ranimirus
- ↑ Ubieto Arteta, Antonio (1986). Documentos reales navarro-aragoneses hasta el año 1004 (PDF). pp. 79–80.
Ranimirus rex Obeto sibe Galletia imperium suum / "Ramiro rei en Oviedo ou en Galicia, o seu imperio" (Cartulario de San Juan de la Peña nº 18). (Ano 948)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte] Ramiro II e Adosinda Goterres. Uns monarcas galegos admirados en Europa. |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- López Carreira, Anselmo (2003). Os reis de Galicia. Vigo: Edicións A Nosa Terra. ISBN 84-96203-44-1.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Reino de Galiza | ||
---|---|---|
Segue a: Afonso IV |
Ramiro II de León | Precede a: Ordoño III |
Dinastía dos Ordoñez (910-1037) |