Takekazu Asaka
Nome orixinal | (ja) 浅香武和 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1952 (71/72 anos) Toquio, Xapón |
Educación | Universidade Kansai Gaidai |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, catedrático, tradutor |
Membro de | |
Premios | |
| |
Takekazu Asaka (en xaponés: 浅香武和), nado en Toquio en 1952,[1] é un lingüista e profesor xaponés. Traduciu ó xaponés obras de autores en lingua galega e elaborou a primeira gramática galega para nipóns. Defínese a si mesmo como "embaixador da cultura galega no Xapón".[2] En 2024 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, en Toquio.[3] Coñeceu Galicia por vez primeira en 1989 para participar no XIX Congreso Internacional de Filoloxía e Lingüística Románica, e dende que coñeceu a lingua e a cultura galegas converteuse no seu gran defensor.[4] É profesor en Toquio de gramática española e impartiu cursos de lingua e cultura galegas. Tamén é o responsable de organizar en Toquio, e noutras cidades, ciclos de música e poesía galegas para celebrar o Día das Letras Galegas.
Entre xuño de 2017 e xuño de 2024 foi membro correspondente da Real Academia Galega (RAG), en recoñecemento ao seu traballo. O 6 de xuño de 2024 foi nomeado membro de honra pola RAG.[5]
En 2002 traduciu ó xaponés Cantares gallegos de Rosalía de Castro, publicado por DTP Publishing.[6][7] En 2014, traduciu ó xaponés Contos da miña terra da mesma autora, con prólogo de María do Carmo Ríos Panisse e un CD coa lectura do texto, editado por DTP Publishing.[7][8] No ano 2017 publicou unha edición bilingüe de Os Eidos de Uxío Novoneyra.[3]
Durante a pandemia de COVID-19 elaborou a tradución de tres obras clásicas da literatura galegaː A rosa de cen follas e As Romaxes da Franqueira de Ramón Cabanillas, e a Introdución ás Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio, coas que pretendía "unir e achegar a cultura galega e a xaponesa", e que foron presentadas en 2022. Tamén produciu un CD musical para homenaxear A rosa de cen follas, con cancións interpretadas pola soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa.[9]
En 2024 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega nun acto celebrado en Cambados.[10]
Obra
[editar | editar a fonte]- Gramática do galego moderno (bilingüe xaponés-galego). (1993) Toquio: Daigakusyorin. (195 páxinas; ISBN 4-475-01807-2)
- Guía de conversación en galego (1994)
- Vocabulario básico da lingua galega. (1996) Toquio: Daigakusyorin. ISBN 4-475-01231-7. (As primeiras 122 páxinas son un índice galego-castelán-xaponés. Despois da 158 prosegue coas equivalencias castelán-galego e até o final do libro coas xaponés-galego. Na presentación afirma conter 2600 equivalencias)
- Cantares gallegos de Rosalía de Castro (traducido ó xaponés en 2002). DTP Publishing.
- Cantata a Ramón Cabanillas (2013)
- Contos da miña terra de Rosalía de Castro(traducido ó xaponés en 2014)
- Xograr Martín Codax (2015)
- Nova gramática do galego (2017)
- Os Eidos, de Uxío Novoneyra (edición bilingüe galego-xaponés en 2017)
- A rosa de cen follas (traducido ó xaponés en 2019)
- As Romaxes da Franqueira, de Ramón Cabanillas (edición bilingüe galego-xaponesa en 2022)
- Introdución ás Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio (edición bilingüe gallego-japonesa en 2022)
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Premio Ramón Cabanillas de Tradución en 2017 polo seu labor de divulgación da lingua e da literatura galegas.[11]
- Premio Xela Arias 2024 xunto a Gabriel Álvarez Martínez.[12]
En xuño de 2017 foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega en recoñecemento do seu traballo.[13] O 28 de outubro de 2023 foi nomeado membro de honra da RAG.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado a María Victoria Moreno Márquez". Real Academia Galega. 17 de xuño de 2017. Consultado o 9 de marzo de 2018.
- ↑ Veiga, Marta (5 de marzo de 2018). "Takekazu Asaka: "O son do castelán fáiseme moi duro; reláxame escoitar o galego con gheada"". Galiciaé. Consultado o 9 de marzo de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 Redacción (5 de agosto de 2017). "'Os Eidos' de Novoneyra ven a luz en xaponés da man de Takekazu Asaka". El Progreso.
- ↑ "A cantata a Cabanillas (e a Galicia) de Takekazu Asaka, o brigadista que veu de moi lonxe". ProLingua. 17 de abril de 2014. Consultado o 9 de marzo de 2018.
- ↑ "De honra". Real Academia Galega. Consultado o 2024-06-16.
- ↑ Redacción (10 de marzo de 2009). "'Cantares Gallegos' se puede leer en japonés". El Progreso (en castelán).
- ↑ 7,0 7,1 "Asaka publica en xaponés ‘Contos da miña terra’". Fundación Rosalía de Castro. 2014-07-30. Consultado o 2024-03-14.
- ↑ Asaka, Takekazu: "Contos da miña terra", con limiar de Angueira, A. e prólogo de Ríos Panisse, M. en Álvarez; Angueira; Rábade e Vilavedra (coords.) (2014). "Contos da miña terra". Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada (PDF). CCG. pp. 994–1037.
- ↑ Press, Europa; ozonoadmin (2022-08-05). "'Takiño', "el embajador del gallego en Japón", presenta tres obras clásicas de la literatura gallega en japonés-gallego". GC Diario :: Versión en castellano de GC - Galicia Confidencial (en castelán). Consultado o 2024-06-16.
- ↑ "Takekazu Asaka: "Para min, nipogalego, a lingua propia da Galiza é a miña segunda lingua"". Nós Diario. 8 de xuño de 2024. Consultado o 10 de xullo de 2024.
- ↑ Real Academia Galega, ed. (26 de xullo de 2019). "Takekazu Asaka recibe o Premio Ramón Cabanillas". Consultado o 30 de xullo de 2019.
- ↑ "Resolución VII Premio Xela Arias". AGPTI. 4 de novembro de 2024.
- ↑ Real Academia Galega, ed. (28 de xullo de 2017). ""Participar nos Cursos de lingua e cultura galegas cambiou a miña vida"". Consultado o 9 de marzo de 2018.
- ↑ "O pleno da RAG elixe académico de número a Anxo Angueira e nomea membro de honra a Takekazu Asaka". Real Academia Galega. 2023-10-28. Consultado o 2023-10-28.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Montero, Tamara (28/12/2018). "As Follas Novas do afastado Oriente". La Voz de Galicia.