Saltar ao contido

Teatro romano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teatro romano de Mérida, situado na antiga colonia romana de Augusta Emerita.

O teatro romano foi unha construción arquitectónica destinada a acoller representacións dramáticas. Construíronse por todo o Imperio, e en todas as provincias.

Teatros, anfiteatros e circos romanos

[editar | editar a fonte]

A política de romanización dos pobos conquistados fixo que se construísen teatros, así como anfiteatros, circos, foros e templos con características moi semellantes ao longo de todo o Imperio, desde Hispania até o Levante. En Grecia e as rexións helenizadas estes edificios presentaban elementos arquitectónicos tanto romanos como gregos.

Aínda que hai certas semellanzas entre circos, teatros e anfiteatros, tanto na súa construción (pedra e morteiro), como na súa finalidade, o lecer cidadán e o prestixio dos benfeitores, cada un tiña funcións e formas diferentes:

  • O circo usábase para as carreiras, en especial de cuadrigas.
  • O anfiteatro era utilizado para os xogos circenses (ludus circensis) e combates de gladiadores.
  • O teatro, finalmente, era o lugar onde se representaban diferentes tipos de obras dramáticas. 

Estrutura

[editar | editar a fonte]
Vista do auditorium: 1) Scaenae frons 2) Porticus post scaenam 3) Pulpitum 4) Proscaenium 5) Orchestra 6) Cavea 7) Aditus maximus 8) Vomitorium , Teatro romano de Bosra, Siria.
Recreación artística do interior do Teatro de Pompeio de Roma mostrando o templo de Venus Victrix (arriba á dereita).

As características principais do teatro romano derivaron nun principio das do teatro grego, xa que moitas das características xerais da arquitectura romana derivan directamente da arquitectura do período helenístico.

Os romanos tomaron como modelo o teatro grego aínda que farán algúns cambios relevantes. Os primeiros teatros romanos empregarán como materiais a madeira e o adobe e eran construídos, a miúdo, para seren derrubados despois de rematar o acontecemento que motivaba que se erixiran. O primeiro teatro romano, e o máis antigo, no que se comeza a empregar a cachotaría, constrúese en Bonona (actual Boloña) no período republicano polo 88 a.C., contando cun semicírculo duns 75 metros de diámetro con partes de ladrillo. A novidade arquitectónica deste teatro consistirá en ter unha estrutura totalmente autónoma e autosuficiente, baseada nunha densa rede de paredes radiais e concéntricas. Máis tarde, en tempos de Nerón, será ampliado e embelecido con mármores. Finalmente, malia que unha lei impedía a construción de teatros permanentes, o primeiro teatro construído totalmente de cachotaría será o de Pompeio no 55 antes de Cristo, levantado en Roma xunto cun templo, para evitar a lei.

Co devalo do tempo, os teatros romanos desenvolveron características específicas. A maior parte dos teatros romanos conservados seguen o modelo arquitectónico proposto por Vitruvio, constando de:

- Scaenae frons: (fronte escénica), normalmente composta dunha dobre orde de columnas.

- Orchestra: semicírculo ou un pouco máis dun semicírculo fronte á escena no que sentaban as autoridades, actuaba o coro e se alzaba un altar en honra a Dioniso.

- Aditus: Corredores laterais de entrada á orchestra.

- Cavea (ou cávea, en galego): Estrutura semicircular na que, segundo o rango social, se situaban os espectadores. Dividíase en ima cavea, media cavea e summa cavea, divididas por corredores horizontais (diazomatas).

- Vomitoria: Entradas abovedadas polas que se accedía á cavea.

- Proscaenium (proscenio): Espazo diante da escena no que se desenvolvía a acción dramática.

- Porticus post scaenam (Pórtico detrás da escena): Patio porticado con columnas detrás da escena.

Algúns teatros apoiaban a cávea sobre galerías abovedadas, mentres que noutros, os arquitectos aproveitaban a ladeira dalgún outeiro para escavar sobre ela a cavea do teatro, como sucedía no de Mérida.

O teatro podería cubrirse con toldos para protexer os espectadores da choiva ou da luz do sol.

Ademais, moitos teatros contiñan pequenos templos na súa estrutura.

Cada clase social romana tiña o seu sitio específico no teatro: a proedria para os senadores, a ima cavea para os cabaleiros, a media cavea para a plebe libre, a summa cavea para os libertos e escravos e o matroneo para as mulleres.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]