Test de Bechdel
O test de Bechdel, tamén coñecido como test de Bechdel/Wallace é un método para avaliar se un guión de película, serie, cómic ou outra representación artística cumpre cos estándares mínimos para evitar a fenda de xénero. Orixinouse no cómic Dykes to Watch Out For, obra de Alison Bechdel de 1985. A invención do test atribúese a Liz Wallace, unha amiga da autora do cómic.[1]
Método de avaliación
[editar | editar a fonte]Na tira cómica «The Rule», un dos personaxes di que unicamente acepta ver unha película se cumpre cos seguintes requisitos:[2]
- Na película aparecen polo menos dúas personaxes femininas.
- Estas personaxes falan entre si nalgún momento.
- A conversa entre elas trata de algo distinto a un home (o que non se limita a relacións románticas: por exemplo, dúas irmás falando do seu pai non pasa o test).
Unha variante esixe que, ademais, as dúas mulleres sexan personaxes con nome.[3]
Estas simples regras, se se aplicasen á inversa, é dicir, aos homes, darían como resultado que practicamente todas as películas estreadas cumpren o requisito para os homes; pola contra, só unha minoría de películas pasan o test orixinal.[4]
Existen outros test parecidos, como o chamado Principio da Pitufiña (en inglés, The Smurfette Principle) que analiza as películas nas que unicamente hai un personaxe feminino cun patrón de comportamento moi definido, que choca co comportamento do personaxe principal, que sería un home extremadamente masculino.[5]
O uso do test de Bechdel xeneralizouse como unha forma sinxela de destacar a escasa presenza feminina na industria do cine. A pesar de ser un test pouco esixente, o resultado de aplicalo ás películas máis populares é destacable e existen numerosas webs de crítica de cine, proxectos feministas, e sitios web que realizan listas de películas conforme a se pasan ou non o test, con resultados que proban que se trata dun rumbo sistemático.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Friend, Tad (4 de abril de 2011). "Funny Like a Guy". newyorker.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2013. Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ "Useful Notes / The Bechdel Test". tvtropes.org (en inglés). Consultado o 12 de decembro de 2021.[Ligazón morta]
- ↑ "The Bechdel Test, AKA, The Mo Movie Measure". amptoons.com (en inglés). 17 de outubro de 2018. Archived from the original on 17 de outubro de 2008. Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ "Introduction to Reverse Bechdel". reversebechdel.blogspot.com (en inglés). Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ Chemali, Soraya (19 de outubro de 2011 [actualizado 19 de decembro de 2011]). "Is Smurfette Giving It Away? What the Smurfette Principle Teaches Your Kids About Girls". huffpost.com (en inglés). Consultado o 12 de decembro de 2021.