Saltar ao contido

Thema de Macedonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Extensión aproximada do thema de Macedonia.
O thema de Macedonia en 1045.

Thema de Macedonia (grego: θέμα Μακεδονίας), foi un antigo thema (división administrativa) do Imperio bizantino, organizado pola Emperatriz Irene de Atenas cara ao ano 800, fóra do thema de Estrimón. Non tiña relación coa rexión histórica e xeográfica de Macedonia, senón que estaba centrado na rexión de Tracia, incluída a zona de Adrianópole (capital do thema) e o val do Evros cara ao leste polo mar de Mármara. Non incluía ningunha parte da antiga Macedonia, que (na medida en que os bizantinos a controlaban) pertencía ao thema de Tesalónica.

De acordo con Constantino VII, incluía tamén Tesalia, as rexións de Trikalia e Larissa, e mesmo a illa de Skiathos, aínda que esta opinión é controvertida. Xoán I Tzimisces substitúe isto por un ducado de Adrianópole, que incluía gran parte das súas conquistas búlgaras.

O thema de Macedonia foi creado entre 789 (ou 797) e 801-802 pola emperatriz Irene de Atenas a partir do antigo thema de Tracia[1][2]. Evidencias sixilográficas mostran que unha turma ("división") chamada "Macedonia" existía antes diso, subordinada ao estratego de Tracia. O primeiro estratego coñecido de Macedonia, o patricio Xoán Aplaces, foi mencionado por primeira vez en 813, pero Teófanes, o Confesor, menciona a León, irmán do eunuco Aecio, oficial de confianza da emperatriz, sendo nomeado como o monoestratego ("xeneral único", responsábel de dous ou máis themas) da Tracia e da Macedonia xa en 801-802[3][4]. A súa creación foi resultado dunha serie de éxitos militares que estenderon o territorio bizantino sobre case toda a Tracia e probabelmente tiña como obxectivo tornar o control imperial máis efectivo ao dividir a rexión entre dous estrategos[5].

Aínda que o thema estea testemuñado na década de 960, a súa ausencia do Taktikon Escorial (c. 975) deu orixe á suposición de que pode que o abolisen ou o incorporasen por orde do recentemente-creado duque de Adrianópole[6][7]. O thema de Macedonia, porén, aparece novamente en 1006-1007 e hai algunhas evidencias sixilográficas que soportan a súa existencia en paralelo á do Ducado de Adrianópole[8]. Ao final do século X, como resultado das conquistas de Xoán I Tzimisces (r. 969–976) e de Basilio II Bulgaróctono (r. 976–1025), a Macedonia deixou de ser un thema de fronteira; ao norte, estaban as novas provincias centradas no Ducado de Filipópole e Beroia, mentres que ao sur, o novo thema de Bolero xurdiron no inicio do século XI.

Pouco se sabe da organización provincial no século XII. Nunha crisobula da República de Venecia de 1198, "Tracia e Macedonia" aparecen como unha única entidade territorial englobando toda a Tracia, mais subdividida en unidades menores con base nas grandes cidades. A área principal do antigo thema de Macedonia aparece nesta época como "provincia de Adrianópole e Demótica" (provincia Adrianupleos et Demotica)[9].

Xeografía e administración

[editar | editar a fonte]

A capital do novo thema era Adrianópole (actual Edirne, na Turquía), e englobaba a moderna Tracia Occidental (na Grecia), a parte occidental da Tracia Oriental (a parte europea da Turquía) e a faixa meridional da Tracia Setentrional (sur da Bulgaria). Os xeógrafos árabes ibn Khordadbeh (escribiu c. 847) e ibn Al Faqih (escribiu ca. 903), cuxos relatos están entre as principais fontes sobre os themas bizantinos, mencionan o thema de Macedonia (Macadúnia) como indo da "Longa Muralla" (Muralla de Anastasio, en Constantinopla) até as "terras dos eslavos" no occidente, e dos mares Exeo e Mármara até as fronteiras da Bulgaria ao norte. Posteriormente, ao oeste facía fronteira co thema de Salónica e os themas posteriores de Estrimón e Bolero.[10]. Así, o thema de Macedonia non ten relación ningunha coa rexión histórica da Macedonia e, cando as fontes bizantinas dos séculos X ao XII se refiren á "Macedonia", na verdade fan referencia á rexión occidental da Tracia. Así, por exemplo, o emperador Basilio I, o Macedonio (r. 867-886) veu da Tracia e a dinastía macedónica que el fundou foi bautizada por causa do thema de Macedonia[11].

Sendo derivado do thema de Tracia, a Macedonia contábase entre os "themas orientais", que tiñan un status superior na xerarquía bizantina aos "themas europeos". Ao final dos séculos IX e X, o seu estratego estaba no segundo grao dos gobernadores dos themas, enriba mesmo do gobernador de Tracia. Recibía un salario anual de 18 quilos de ouro (2 592 nomismas) e, de acordo co relato de ibn Alfaci, ao final do século IX, controlaba 5 000 soldados. Diversas tropas dos tagmas (rexementos de elite) estaban permanentemente acuartelados en Macedonia[12]. Estrimón, que era orixinalmente unha clisura da Macedonia, foi separado nalgún momento no inicio do século IX, levando aproximadamente 2 000 soldados (de acordo co historiador Warren Treadgold)[13][14].

Así como os outros themas, polo menos parte dos cargos administrativos da Macedonia foron acumulados cos de Tracia, especialmente no século XI, cando diversos estrategos e xuíces (kritái) aparecen con xurisdición sobre ambos os themata[15][16].

  1. Nesbitt 1991, p. 110.
  2. Treadgold 1995, p. 29.
  3. Kazhdan 1991, p. 1261.
  4. Pertusi 1952, p. 162.
  5. Treadgold 1991, pp. 92–93, 124.
  6. Treadgold 1995, p. 114.
  7. Soustal 1991, p. 50.
  8. Nesbitt 1991, pp. 111, 123–124.
  9. Soustal 1991, p. 50–51.
  10. Pertusi 1952, pp. 163–164.
  11. Kazhdan 1991, p. 1262.
  12. Treadgold 1995, pp. 67–71, 122.
  13. Pertusi 1952, pp. 166–167.
  14. Treadgold 1995, p. 76.
  15. Nesbitt 1991, p. 155.
  16. Kazhdan 1991, p. 2080.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kazhdan, Alexander Petrovich (1991). The Oxford Dictionary of Byzantium. Nova York e Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-504652-8. 
  • Nesbitt, John W.; Oikonomides, Nicolas (1994). Catalogue of Byzantine Seals at Dumbarton Oaks and in the Fogg Museum of Art, Volume 2: South of the Balkans, the Islands, South of Asia Minor (en inglés). Washington, Distrito de Colúmbia: Dumbarton Oaks Research Library and Collection. ISBN 0-88402-226-9. 
  • Pertusi, A. (1952). Constantino Porfirogenito: De Thematibus (en italiano). Roma: Biblioteca Apostolica Vaticana. 
  • Soustal, Peter (1991). Tabula Imperii Byzantini, Band 6: Thrakien (Thrakē, Rodopē und Haimimontos). Viena: Verlag der Österreichischen Akademie der Wissenschaften. ISBN 3-7001-1898-8. 
  • Treadgold, Warren T. (1991). The Byzantine Revival, 780–842. Stanford, Califórnia: Stanford University Press. ISBN 0-8047-1896-2. 
  • Treadgold, Warren T. (1995). Byzantium and Its Army, 284–1081 (en inglés). Stanford, Califórnia: Stanford University Press. ISBN 0-8047-3163-2.