Vimara Pérez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 820 (Gregoriano) A Coruña, España |
Morte | 873 (52/53 anos) Bama, España |
Lugar de sepultura | Mosteiro de Santa Cruz |
1º Conde de Portucale | |
868 – 873 – Lucidio Vimaraniz → | |
Actividade | |
Ocupación | militar, conde |
Outro | |
Título | Conde |
Fillos | Lucidio Vimaraniz |
Pai | Pedro Theon |
Vimara Pérez, Vímara Peres ou Guímara Peres (orixinalmente Uimara Petri), nado na Coruña[1] contra o 820 e finado en Bama[2] no 873, foi un nobre galego. Conquistou Porto no ano 868 converténdose no primeiro conde de Portucale.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Con importantes posesións no interior da Galicia actual, dirixiu o gran salto repoboador ata a liña do río Douro, sendo un dos responsábeis da repoboación da liña entre o Miño e o Douro e, auxiliado por cabaleiros da rexión, da acción de presura do burgo de Portucale (Porto), que foi así definitivamente conquistado aos musulmáns no ano de 868.
Atribúeselle a fundación dun pequeno burgo fortificado nas proximidades de Braga, Vimaranis, co nome derivado do seu propio nome e que, co correr do tempo, por evolución fonética, transformouse no moderno Guimarães.
Os reis de Oviedo dirixiran a reorganización do territorio da antiga provincia romana de Gallaecia no Baixo Miño e no Bierzo, pero segundo nos afastamos cara ao sur a influencia da Corte foise esvaecendo e as iniciativas as asume unha nobreza galega ben arraigada e gobernante na Galicia nuclear.
Amparándose nunha teórica autorización do rei Afonso III o Magno, fíxose dono dun espazo onde a estrutura de poder islámico era feble e reorganizou o territorio baixo o seu dominio reconstruíndo a autoridade cristiá sobre a cidade de Porto tras reconquistala.
Dirixiu, para estes efectos, o asentamento de colonos e o repartimento de terras, restaurou as institucións da Igrexa e consolidou unha nova fronteira despexándoa do perigo árabe.
Este labor permitiu o segundo gran salto a cargo doutro gran magnate galego Hermenexildo Gotérrez. Estes nobres seguiron vinculados á Galicia orixinaria da que non se desarraigan. En efecto, fortaleceron o seu poder na terra de Amaía, e amplas zonas lucenses. Os monarcas do Reino de Galicia cada vez serán máis dependentes deles.
Vimara faleceu en Bama en 873. O seu fillo, Lucidio Vimaranis (etimoloxicamente, "fillo de Vimara"), sucedeuno á fronte dos destinos das terras a sur do Miño, comezando a instituírse así unha dinastía condal que gobernaría a rexión até 1071.
Unha maxestosa estatua érguese a carón da catedral do Porto.
Vimara Pérez Nacemento: ca. 820 Falecemento: 873
| ||
Aristocracia galega | ||
---|---|---|
Precedido por Novo Título
|
Conde de Portucale 868 – 873 |
Sucedido por Lucidio Vimaranis |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Torres Sevilla-Quiñones de León 1998, p. 304, n. 21.
- ↑ Da Silva Pinto, Sérgio (1968). Breves Notas Sobre Presúrias do Século IX na Terra Portugalense a respeito de Vímara Peres.