Saltar ao contido

Ximnasio (escola)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gymnasium / Ximnasio
γυμνάσιον (gymnasion)
Fundado en 1526 como Aegidianum, o Melanchthon Gymnasium en Núremberg é considerado a escola de ensino secundario máis antiga do mundo de fala alemá.
TipoInstitución educativa
PropósitoEducación secundaria ou preparatoria; nalgúns casos, exercicio físico
Campo de traballoEnsino
Área de operaciónInternacional (variante segundo o país)
Data de fundaciónAntiga Grecia (para o significado orixinal)
Nomeado en referencia aPráctica de exercitarse espido
editar datos en Wikidata ]

Un gymnasium ou ximnasio é un tipo de escola secundaria que existe nalgúns países. Por analoxía, "ximnasio" tamén se refire ao ensino que se realiza nos ximnasios.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

Na antiga Grecia, o termo γυμνάσιον [ gymnasion ] designaba o lugar para a educación física e a educación intelectual dos rapaces. Con esa última acepción, o termo seguiu sendo moi utilizado nalgunhas linguas -como o alemán- mentres que noutras linguas -como o portugués europeo e o galego, o termo "ximnasio" pasou a empregarse principalmente no sentido de actividade física ou educación física.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Derivado do grego antigo γυμνός (gymnós) que significa "espido", vinculado á raíz indoeuropea *nouw (nu), alude á práctica de exercitarse sen roupa.[2] O latín adoptou a palabra grega, conservando as formas gymnasius e gymnasium". A cultura romana, influenciada pola grega, tamén valorizou o exercicio físico, pero o contexto educativo do termo foi menos enfatizado. En países de tradición xermánica, como Alemaña, Austria ou Suíza, esa palabra refírese a un tipo de escola secundaria orientada á preparación dos estudantes para a educación superior, mentres que no mundo de linguas románicas se adoptaron maiormente termos como liceo e instituto.

Porén, en alemán, inglés e outras linguas, a mesma raíz tamén derivou en termos vinculados ao deporte (gymnazein> Gymnastik, gym etc.).[3]

Nos países xermánicos, tradicionalmente, o ximnasio é unha escola secundaria dedicada a preparar aos estudantes para ingresar nunha universidade, cunhas características moi similares ás dos liceos tradicionais da Europa latina. Os ximnasios teñen a súa orixe na Reforma protestante que tivo lugar no século XVI. O primeiro sistema de escolas que ofrecen educación secundaria xurdiu en Saxonia en 1528, só para rapaces varóns (o primeiro Gymnasium para mulleres en territorios da actual Alemaña foi fundado en 1893).[4]

Segundo o sistema educativo de estilo alemán, os ximnasios están destinados a estudantes con maior vocación académica. Estes alumnos son seleccionados ao saír da escola primaria, entre os 10 e os 13 anos, só os mellores poden acceder ao ximnasio.

Tradicionalmente, o ximnasio centrouse nas humanidades e nos estudos clásicos, co seu currículo adoita incluír o ensino do latín e do grego antigo. Outros tipos de ensino secundario inclúen as linguas modernas, a ciencia, a economía e a tecnoloxía

Algúns outros países -a maioría deles do leste de Europa- introduciron o ximnasio nos seus sistemas educativos, pero con características diferentes do Gymnasium xermánico. Estes ximnasios non corresponden a unha rama da educación secundaria, senón a un nivel de estudos. Normalmente, o ximnasio constitúe a primeira etapa da educación secundaria (equivalente aproximadamente á ESO, ou aos segundos ciclos de educación básica no Brasil e educación básica en Portugal), sendo o liceo a segunda etapa.

Nalgúns países, tamén existe un pro-ximnasio que constitúe o ciclo preparatorio da educación secundaria.

Ximnasio en varios países

[editar | editar a fonte]

En Alemaña, o Gymnasium constitúe unha das modalidades de educación secundaria, xunto á Realschule e a Hauptschule.

O ximnasio considérase unha modalidade de ensino moi elitista, onde normalmente só se permite o acceso ao alumnado máis dotado intelectualmente. Na actualidade, de todos os estudantes que rematan a educación secundaria, de media, só o 11% o fai polo Gymnasium. No pasado, esta porcentaxe aínda era moito menor.

En comparación con outras ramas da educación secundaria deseñadas para constituír o nivel final de ensinanza que deben cursar os seus estudantes, o ximnasio está deseñado para preparar aos seus estudantes para o acceso á educación superior.

No ximnasio os estudantes cursan materias como alemán, matemáticas, física, química, xeografía, bioloxía, artes, música, educación física, relixión, historia e ciencias sociais. Tamén deben estudar polo menos dúas linguas estranxeiras, sendo as máis comúns o inglés, o latín, o ruso, o francés e o castelán.

Os cursos 12 e 13 preparan aos estudantes para o Abitur, unha proba necesaria para acceder a unha universidade.

Até o 1975, no Brasil, o ximnasio (ginásio) era a etapa educativa que seguía ao ensino primario e precedía ao ensino médio. Corresponden aos catro últimos cursos do actual ensino fundamental.

Para acceder ao ensino ginasial era necesario facer unha proba de acceso despois de rematar a primaria. O ximnasio tiña unha duración de catro anos, tras os cales o alumno podía acceder á universidade (colégio ou faculdade), que constituía o terceiro ciclo de estudos.

En 1971, o ginásio fusionouse coa educación primaria, dando lugar ao ensino de 1º grau de primaria. Seguindo a Lei de Diretrizes e Bases da Educação de 1996, a educación primaria foi substituída polo ensino fundamental.

Países Baixos

[editar | editar a fonte]

Nos Países Baixos, o ximnasio consta de seis anos nos que o estudante cursa as mesmas materias que en Alemaña, coa adición obrigatoria do grego antigo e do latín.

Outros países

[editar | editar a fonte]

Algúns dos outros países que integran o ximnasio nos seus sistemas educativos son: Austria (Gymnasium), Bulgaria (Гимназия), Croacia (Gimnazija), Chipre (Γυμνάσιο), Dinamarca (Gymnasium), Estonia (Gymnasium), Grecia (Γυμνάσιο), Hungría (Gimnázium), Liechtenstein (Gymnasium), Lituania (Gimnazija), Polonia (Gimnazjum), República Checa (Gymnázium), Romanía (Gimnaziu), Suecia (Gymnasium) e Suíza (Gymnasium).

Notas

  1. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2023-08-22. 
  2. "GIMNASIO". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2023-08-22. 
  3. "Etymology, origin and meaning of gymnasium". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 2023-08-22. 
  4. deutschlandfunkkultur.de. "Gründerin der ersten deutschen Mädchengymnasien". Deutschlandfunk Kultur (en alemán). Consultado o 2023-08-22. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]