Saltar ao contido

Arenque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Clupea harengus»)
Arenque
Clupea harengus

Clupea harengus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Paracanthopterygii
Orde: Clupeiformes
Suborde: Clupeoidei
Familia: Clupeidae
Subfamilia: Clupeinae
Xénero: Clupea
Especie: C. harengus
Nome binomial
Clupea harengus
Linnaeus, 1758
Distribución do arenque
Distribución do arenque

Distribución do arenque
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

O arenque,[2] Clupea harengus Linnaeus, 1758, é unha especie de peixe osteíctio mariño da orde dos clupeiformes e familia dos clupeidos, unha das tres que conforman o xénero Clupea.

Esta especie é unha das comercialmente máis importantes no norte do océano Atlántico.

Segundo Eladio Rodríguez,[3] chámanse tamén arenques as sardiñas grandes salgadas ou afumadas.

Ríos Panisse localiza esta denominación en Sada, Ribeira e na península do Morrazo.[4]

Características

[editar | editar a fonte]

É un peixe azul, graxo, de corpo alongado e cor azul azul escura, apardazada ou moura no dorso e prateado no ventre.[5] Non presenta manchas escuras distintivas nin no corpo nin nas aletas. Chega a alcanzar un tamaño de ata 45 cm,[6] aínda que raramente supera os 40, e unha lonxevidade de 20 a 25 anos.[7]

Como todas as especies do xénero Clupea, tanto a aleta dorsal como a anal carecen de espiñas. Ten o opérculo sen estrías, e o bordo da abertura das galadas é moi arredondado. O maxilar inferior é prominente, e é característica unha dobra adiposa no ollo.

Semellante á sardiña, da que se diferencia, ademais de polo seu maior tamaño, por ter os opérculos lisos (na sardiña son estriados), porque a aleta dorsal sitúase na metade posterior do corpo (na sardiña nace por diante do centro do corpo), e pola presenza de máis de 60 escamas grandes ao longo da parte media de cada flanco, en lugar das 30 da sardiña.[7]

Tampouco presenta a quilla prominente típica da sardiña e máis do trancho.[7]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 por Linneo, na décima edición do seu Systema Naturae.[8][9][10]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Nas linguas xermánicas o nome da especie deriva do inglés antigo hering (Angliano), ou hæring (Saxón occidental), do xermánico occidental *heringgaz (fonte tamén do frisón antigo hereng, do neerlandés medio herinc e do alemán Hering e do antigo baixo fráncico *hâring), de orixe descoñecida, é a orixe das palabras Hering, herring, hering e hareng dos modernos alemán, inglés e francés.[11]

No século III aparece rexistrado o termo do baixo latín aringus,[12] do que derivou o aringa italiano, o arenque (galego, portugués e castelán) e o areng (catalán).

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais e polo nome que lle impuxo Linneo, a actualmente válido, a especie coñeceuse tamén por numerosos sinónimos:[8]

  • Clupea alba Yarrell, 1829
  • Clupea atlanticus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea borealis Schnakenbeck, 1931
  • Clupea britannicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea caledonicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea cimbricus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea elongata Lesueur, 1818
  • Clupea frisius Schnakenbeck, 1931
  • Clupea halec Mitchill, 1814
  • Clupea harengus atlanticus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus borealis Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus britannicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus caledonicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus cimbricus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus frisius Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus harengus Linnaeus, 1758
  • Clupea harengus harengus natiomurmanica Tikhonov, 1941
  • Clupea harengus islandicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus ivernicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus membras Linnaeus, 1761
  • Clupea harengus membras Wulf, 1765
  • Clupea harengus norvegivus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus scandicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus schelderensis Nilsson, 1832
  • Clupea harengus scoticus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea harengus septemtrionalis Schnakenbeck, 1931
  • Clupea islandicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea ivernicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea leachii Yarrell, 1832
  • Clupea membras Wulf, 1765
  • Clupea minima Storer, 1839
  • Clupea norvegivus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea palassi probatowi Makushok, 1935
  • Clupea scandicus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea scoticus Schnakenbeck, 1931
  • Clupea septemtrionalis Schnakenbeck, 1931
  • Cyprinus esca Walbaum, 1792
  • Rogenia alba Valenciennes, 1847

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Os arenques pódense dividir en diferentes poboacións ou "razas", que se distinguen principalmente polo tamaño, a taxa de crecemento, o período de reprodución e as rotas de migración, así como polo número de vértebras.[7]

Ademais das grandes razas migratorias existen varias formas locais non migratorias nos fiordes e pequenas zonas de diversos mares, que son só importantes para a pesca das poboacións locais.[7]

Arenque do Atlántico.

Desde o punto de vista taxonómico, o SIIT distingue tres subespecies:[13][14]

  • Clupea harengus harengus (Linnaeus, 1758) – do Atlántico
  • Clupea harengus membras (Linnaeus, 1761) – do mar Báltico
  • Clupea harengus suworowi (Rabinerson, 1927) – do mar de Barents

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Cardume de arenques.
Ovos e larvas de arenque.
Arenques xuvenís migrando cara á superficie.

O arenque vive en augas temperadas e pouco profundas, de máis de 200 m de profundidade e ata os 360, no norte do océano Atlántico, desde as costas do norte do Canadá, sur de Groenlandia e norte de Rusia occidental, ata o sur de Francia (golfo de Biscaia), pasando por Islandia, o mar Báltico, illas Británicas e mar do Norte.[7][15]

É unha especie gregaria e forma grandes bancos (cardumes) que poden chegar ata varios miles de toneladas de peixes. Adoita pasar o día en augas profundas para subir á superficie de noite, seguindo as migracións verticais do seu alimento

Ás veces poden internarse nos estuarios. Tamén efectúa migracións na época da reprodución.[5]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

A dieta dos arenques está constituída por zooplancto, formado principalmente por pequenos copépodos, eufasias, gasterópodos peláxicos e larvas de peixes.[7]

Pola súa parte, os arenques pequenos e grandes forman parte da dieta de moitos outros peixes.[7]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

As poboacións ou "razas" de arenques máis importantes do Atlántico oriental son as de Islandia e Noruega, que se reproducen en inverno, e as do mar do Norte e as do Báltico, que o fan en outono. Na época da reprodución os bancos de arenques aproxímanse ás costas e, inmediatamente despois da súa chegada alcanzan a madurez sexual. A desova ten lugar entre xaneiro e abril, principalmente na zona de transición entre as augas costeiras e as augas profundas máis cálidas e salinas, xeralmente a profundidades de entre os 40 e os 70 m e temperatura entre os 5 e os 7 °C. Unha femia pode producir de 20 000 a 50 000 ovos de 1,2 a 1,5 mm de diámetro, que son liberados na auga, así como o esperma dos machos. Os ovos xa fecundados caen ao fondo, onde se pegas ás rochas, algas e uns a outros, formando ás veces grosas camadas, a temperaturas duns 9 °C.[7]

As larvas eclosionan a partir das dúas semanas, antes se a temperatura é máis alta, teñen forma de filamento e miden de 7 a 9 mm; son atraídas pola luz e soben á superficie. Despois dunha semana xa consumiron todo o vitelo nutritivo e comezan a alimentarse de algas plenctónicas microscópicas e larvas de crustáceos. Cando miden uns 4 cm empezan a cubrirse de escamas e, durante o primeiro ano de vida, os xuvenís espállanse por toda a costa. Ao chegar ao ano de idade miden uns 12 cm e, cando alcanzan os 20 cm de lonxitude, aos 2 ou 3 anos de idade, é cando comezan a afastarse das costas. Adquiren a madurez sexual entre os 3 e os 9 anos de idade (máis tarde nas zonas máis norteñas) e, a partir deste momento, comenzan as migracións anuais cara á costa ne época da reprodución.[7]

O arenque xa se pescaba en tempos prehistóricos. O comercio do arenque salgado e seco alcanzou unha importancia económica considerábel na Idade Media, a partir do século XIII, cando era particularmente estimado nas épocas da abstinencia de carne, sobre todo na coresma. Isto foi a orixe da creación e prosperidade de numerosos portos pesqueiros do norte de Europa, e provocou rivalidades que conduciron incluso a conflitos armados.[5]

O arenque péscase industrialmente con artes de enmalle (deriva), de cerco (traíñas) ou de arrastre, pola noite. Os exemplares costeiros tamén se pescan con artes tipo trasmallo.[5][7]

Os bancos localízanse coa axuda de ultrasóns, mediante ecosonares,[5] pero tamén polos tradicionais sistemas da observación de aves mariñas ou polas innumerábeis pequenas burbullas de aire que chegan á superficie procedentes da vesícula gasosa que comunica co ano e que expele o aire por descompresión.[5]

Capturas globais do arenque atlántico (1950-2010).
Datos subministrados pola FAO.[16]

Hai anos en Noruega a miúdo os arenques mantíñanse nas traíñas ata que o estómago se baleirara (para evitar a presenza de gasterópodos peláxicos e outros animais que poden constituír un problema máis tarde se podrecen no arenque salgado) durante unhas 32 horas a 6 ou 9 °C.[7]

E tamén se pescaban individuos xuvenís, de 1 a 2 anos de idade, que se destinaban á produción de fariña de peixe. Pero despois da drástica diminución das capturas de arenques nos anos 1970, debida á sobreexplotación dos bancos, esta práctica pesqueira cesou.[7]

As poboacións de arenques, e con elas as súas capturas anuais flutúan moito segundo os anos. Como resultado da pesca intensiva actual, as poboacións están formadas tan só por uns pequenos grupos, e un ano de elevada mortalidade das larvas pode ocasionar un severo descenso das capturas 3 ou 4 anos máis tarde. Nas augas europeas, nos últimos anos, as capturas oscilan entre 1,4 e 1,7 millóns de toneladas.[7]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Desde o ano 2010 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante), que mantén a día de hoxe (2016), debido a que esta especie, unha das comercialmente máis importantes no norte do océano Atlántico, despois dun importante descenso da súa poboación na década de 1970, impuxéronse límites aos niveis de capturas da especie para tratar a reconstrución do stock. Desde entón, a súa biomasa mostrou un aumento. As estimacións actuais suxiren que só o 10 % da poboación está sendo explotado e non hai informes de que ocorra sobrepesca. Porén cómpre continuar estudando o seguimento dos niveis de captura e a biomasa.[1]

Usos culinarios

[editar | editar a fonte]

Os arenques desde sempre se consumiron abundantemente en fresco, salgados, afumados ou en conservas. Na actualidade a maioría dos arenques comercialízanse en bloques conxelados para o seu tratamento posterior, e a antiga práctica do salgado nos barcos xa pasou á historia.[7]

Resulta unha especie apreciada na cociña, tanto para o seu consumo en fresco como afumado, salgado ou mariñado.

O arenque é un dos peixes que poden transmitir Anisakis ó consumidor, tanto polos hábitos alimenticios da especie como polo feito de se consumir pouco cociñado. De feito, a anisaquíase foi diagnosticada por vez primeira nun paciente que presentaba fortes dores abdominais tras comer arenques curados. Van Thiel, en 1955, demostrou a presenza das larvas nos abscesos que presentaban no intestino.[17]

[editar | editar a fonte]
  • Parecer un arenque: dise da persoa que está moi delgada e seca.[3]

Constantino García [18] recolle en Codeseda a forma arengue.

  1. 1,0 1,1 Herdson, D. & Priede, I. (2010): Clupea harengus na lista vermella da UICN. Versión 2016.1. Consultada o 07-08-2016.
  2. arenque no docionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 Rodríguez González, E. (1958): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Tomo I. Vigo: Editorial Galaxia.
  4. Ríos Panisse, M. C. (1977)
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Bauchot e Pras (1982), p. 99.
  6. Fishbase
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 7,12 7,13 7,14 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 87-90.
  8. 8,0 8,1 Clupea harengus Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  9. Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii.
  10. Ver facsímile.
  11. Online Etymology Dictionary.
  12. hareng no Trésor de la langue française informatisé,
  13. Clupea harengus no SIIT (en inglés)
  14. Clupea harengus Arquivado 28 de marzo de 2014 en Wayback Machine. en Marine Species.
  15. "Ver mapa de distribución". Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2013. Consultado o 11 de agosto de 2013. 
  16. FAO, Species Fact Sheet.
  17. Audicana, Maria Teresa e Kennedy, M. W. (2008): "Anisakis Simplex: From Obscure Infectious Worm to Inducer of Immune Hypersensitivity". Clinical Microbiology Reviews 21 (2): 360–379. Ver en liña.
  18. García González, C. (1985): Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Santiago de Compostela: Secretariado de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, 1985.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bauchot, M. K. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0685-6.
  • Guennoc, François; Tony Lestienne e Xavier Nicostrate (2005): Le Hareng: Histoire & recettes en côte d'opale. Wimille: Punch éditions ISBN 2-913132-79-0.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Whitehead Peter J. P. (2005): Clupeoid fishes of the world (Suborder Clupeoidei). An annotated and illustrated catalogue of the herrings, sardines, pilchards, sprats, shads, anchovies, and wolf-herrings. Part 1. Chirocentridae, Clupeidae and Pristigasteridae. pp. 26–32. FAO Species Catalogue for Fishery Purposes. Nº 7. Roma: FAO. Resumo en PDF

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]