Saltar ao contido

Alimentación na Roma antiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Natureza morta . Fresco de Pompeia

Na antiga Roma, a cociña consistía só en verduras e froitas . Aos romanos gustáballes os allos, as cebolas, os nabos, os figos, as granadas, as laranxas, as peras, as mazás e as uvas. O prato típico eran as papas de auga con fariña de cebada. Unha versión máis sofisticada contiña viño e miolos de animais. Só os ricos comían carne, xeralmente cordeiro, burro, porco[1], ganso, pato ou pomba. Daban de comer aos porcos figos para que a súa carne fose perfumada e criaban os gansos dun xeito especial para preparar patés con eles. Facían o mesmo coas galiñas, dándolles de comer anís e outras especias. A maioría dos alimentos producíanse localmente con excepción dos cereais de Exipto, a pementa da India e os dátiles do norte de África[1][1].

As fontes de coñecemento da cociña romana inclúen textos de autores como Enio, Plauto, Horacio, Virxilio, Aulo Persio Flaco, Petronio ou Plinio o Novo. No ámbito das fontes escritas tamén hai textos de carácter técnico como a obra De re rustica de Marco Terencio Varrón, De Agricultura de Marco Porcio Catón, os textos de Columela, ademais da recompilación de receitas De re coquinaria de Apicio.

A arte tamén proporciona datos que se expresan a través de mosaicos, frescos, pinturas e cerámicas. Destacar tamén a información arqueolóxica presente nos restos de alimentos atopados en tumbas, en campamentos militares ou no estómago de momias.

Ientaculum

[editar | editar a fonte]

Os romanos comían a primeira comida do día -o ientaculum- pouco despois de erguerse. Esta comida consistía en pan, queixo, ovos e leite. O pan podíase mollar en viño quente ou regar con aceite de oliva e fregar con allo. En canto ao leite, o máis consumido era o de cabra ou ovella.

Durante a época do Imperio e baixo a influencia dalgúns médicos, estendeuse o hábito de beber só auga pola mañá.

Ao redor do mediodía, tomábase o prandium, xeralmente de pé (sine mensa). Podería incluír alimentos sobrantes do día anterior, embutidos, froitas e queixos. Durante esta comida non se bebía viño, xa que se consumía mentres estaban no traballo.

A cena era a principal comida do día e comezaba á hora décima, que corresponde ás catro da tarde (os romanos contaban as horas desde a saída do sol), prolongándose ata a noite.

A cena estaba dividida en tres partes: gustatio (ou gustus ou promulsio ), prima mensa e secunda mensa. A gustatio compoñíase dunha serie de aperitivos: cogomelos, ensaladas, ravo picante, repolo, ovos (mesmo se utilizaban as súas cascas e a súa fonte principal era o ganso[1]) e ostras. Para beber tomábase mulsum (de aí que esta parte da cena tamén se chame promulsio), que servía para abrir o apetito; atribuíanlle a capacidade de prolongar a vida.

A prima mensa consistía en verduras e carne, e a secunda mensa consistía en sobremesa, na que se servían froitas ou bolos.

Alimentos

[editar | editar a fonte]

A excepción dos alimentos do continente americano ( tomate, millo, patacas, chocolate ...) e outros como xudías, pastas, carne de vaca (animal que se utilizaba en labores agrícolas e sacrificios) os romanos utilizaban na súa dieta algúns dos os mesmos alimentos que se usan hoxe.

A puls, unha papa de cereais, era o alimento básico dos antigos romanos. Os cereais que se usaban para facer a puls eran o trigo ou espelta, que se torraba, se moía e se cocía, primeiro en auga e despois en leite. Había algunhas variantes da puls: puls fabata (elaborado como fabas ) e puls punica (que contiña queixo, mel e unha xema de ovo).

Na Roma antiga producíase unha gran variedade de pans. A elaboración do pan foi inicialmente unha tarefa feminina, ata que dende o século -III aparecen os panadeiros (pistores) que venden pan en panaderías (pistrinae).

Había basicamente tres calidades de pan, panis mundus, panis secundarius e panis sordidus. O panis mundus era o pan de primeira calidade, mentres que o panis secundarius era un pan feito con fariña de segunda calidade, con máis farelo; dise que este último tipo de pan era o favorito do emperador Augusto. En canto ao panis sordidus, era o pan de menor calidade, consumido polos pobres.

Para mellorar o sabor do pan xa cocido, os romanos cubrían a codia con ovo e botábanlle por riba sementes de plantas aromáticas (fiúncho, anís, durmideira). O pan ía acompañado de figos (frescos ou secos), que non se comían por separado.

Carne e peixe

[editar | editar a fonte]

Consumíanse practicamente todo tipo de carne animal: porco, xabaril (aper), lebre (lepus), coello (cuniculus), polo e año. Un petisco especialmente popular foron as linguas de rousinol e flamengo.

A carne de vacún era pouco consumida por diversos motivos, entre eles os relixiosos: quen mataba un bovino era castigado coa morte ou o exilio. Ademais, o gando foi visto máis como animais de tiro que para o consumo.

No que respecta aos peixes, coñecíanse aproximadamente 150 especies comestibles. Tamén se consumían moluscos[1] e mariscos.

O garum era un tipo de salsa obtida da maceración (durante uns dous meses) dos intestinos dos peixes, preferentemente atún e xurelo. Utilizábase en practicamente todos os pratos, incluídos os doces.

O garum máis famoso foi o feito en Cádiz, localidade situada hoxe no sur de España. O maior centro de produción de garum de todo o Imperio Romano estaba situado no actual territorio de Portugal, en Troia, no Sado. Tamén había importantes centros industriais para a preparación de peixe no Algarve e no val do Texo, e particularmente en Crimea.

O garum é amplamente mencionado nas fontes literarias, segundo as cales ten un cheiro desagradable. Considerouse que o mellor tiña unha cor semellante á do viño de Falerno.

Este produto non ten equivalente na cociña europea moderna. Crese que as salsas de peixe da cociña vietnamita e do sueste asiático poden ser as que máis se parecen ao antigo garum.

Condimentos

[editar | editar a fonte]

A cociña romana antiga facía un uso xeneroso dos condimentos. Os principais condimentos empregados na preparación das comidas eran a pementa, o comiño, o ourego, o perexil e mesmo o mel.

Viños e outras bebidas

[editar | editar a fonte]

O viño (uinum) acompañaba os pratos e bebíase diluído con auga do mar ou auga morna. Para conservar os viños era preciso mesturalos con resina, polo que despois había que filtralos a través do sacculus linteus (un tecido de liño) ou do colum uinarum (un utensilio metálico perforado con pequenos buratos). En ambos os casos colocábase xeo ou neve no fondo, que tiña a función de depurar e refrescar o viño.

Ademais dos viños gregos, apreciaban os viños producidos na península italiana, como o viño Falernum (de Campania) e o Caecubum (do Lazio).

Outras bebidas que consumían os romanos eran a posca (elaborada con auga e vinagre, moi consumida por pobres e soldados), zythum (unha cervexa de cebada ou de trigo), o hidromel, o camum (bebida de cebada fermentada) e cydoneum (bebida feita con marmelo ).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]