Saltar ao contido

Doraemon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Doraemon, o gato cósmico
(ドラえもん, Doraemon)
Ficheiro:SAKURAKO and DORAEMON. (6779074063).jpg
Editar o valor en Wikidata
FormatoAventuras --- -----
Creado porFujio F. Fujiko
IntérpretesAnimación
País de orixeXapón
Episodios1109 en Galicia
Produción
Produtor(es)
executivo(s)
Estudio Asatsu DK
Duración25 minutos por episodio (dividido en 2 ou 3 subepisodios)
DistribuidorLuk Internacional
Emisión orixinal
Canle de orixeTV Asahi
Formato de imaxe4:3 / 16:9
Primeiro episodio2 de abril de 1979
Derradeiro episodio? de ? de 20??
Na rede
https://dora-world.com/
Facebook: DoraemonHKOfficial Twitter: doraemonChannel Instagram: dorachan_official Youtube: UChX6YTx96D5yEW7EUD7KdZQ Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Doraemon, o gato cósmico (ドラえもん, Doraemon) é un manga e anime creado entre os anos 1969 e 1970 polo debuxante xaponés Himiko Fujisaki, baixo o pseudónimo de Fujio Fujiko. Fujio Fujiko era pseudónimo común de dous debuxantes, Hiroshi Fujimoto e Motoo Abiko. Doraemon é a obra creada de Hiroshi Fujimoto, entón agora se utiliza Fujio F. Fujiko como o seu pseudónimo.

No Xapón o anime transmítese dende a década dos setenta pola canle TV Asahi. Debido a que os seus creadores faleceron sen daren instrucións de como se debería afrontar un posible final da serie, a canle de televisión tomou a iniciativa de non crear unha resolución da historia. Deste xeito, a serie iniciada no ano 1979 e rematada no ano 2005 contou cun total de 1787 episodios. A partir do ano 2005, emitiuse unha nova serie cunha animación renovada, que segue a emitirse e conta xa con máis de 300 capítulos.

En Galicia, Doraemon vén sendo emitido dende a década dos noventa no contedor infantil-xuvenil Xabarín Club da Televisión de Galicia. O 2 de febreiro do 2009, canda a estrea da nova canle galega, G2, reemitiuse a serie dende o principio. Así mesmo, a TVG está a emitir novos episodios na grella.

Probablemente trátase dun dos mangas máis exitosos da historia. Planeta DeAgostini é a editorial encargada de publicalo en Galicia.

Argumento

[editar | editar a fonte]

Nobita Nobi, o protagonista da serie, é un neno de 10 anos que vive nun barrio residencial do Xapón. A súa vida pasa sen grandes preocupacións indo á escola e xogando polas tardes cos seus amigos.

Certo día, un gato robot grande e azul asómaselle polo caixón da súa mesa de estudo e preséntase ante el coma un viaxeiro do século XXII mandado polo seu tataraneto para impedir que a súa lacazanería leve á perdición a súa familia. Para isto posúe un peto máxico de catro dimensións conectado ó futuro que contén máis de 4000 aparellos cos que calquera cousa que se imaxine se pode converter en realidade. Doraemon intentará sempre axudar a Nobita en todo o que poida, animándoo para que estude e protexéndoo dos abusos de Xigante e Suneo. Xunto a Doraemon e ós seus aparellos, Nobita e os seus amigos vivirán todo tipo de emocionantes aventuras: viaxarán ó futuro, descubrirán civilizacións esquecidas, viaxarán a remotos lugares e voarán por riba das nubes.

As historias que se nos presentan son, en ocasións, bastante simples, pero aínda así todas elas gozan dun encanto especial. Os episodios están divididos en varios bloques. Ata o ano 1992 eran 3 as historias diferentes que se nos contaban, cunha duración aproximada de 7 minutos cada unha. A partir de entón, cada episodio contén 2 historias de aproximadamente 11 minutos.

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Principais

[editar | editar a fonte]
  • Doraemon
"Como? Xigante volveuche dar unha malleira?"
É un dos protagonistas da historia xunto con Nobita. É un robot doméstico fabricado o 3 de setembro do 2112 pola empresa Ding-Dong para axudarlle á xente no que precise. Pesa 129,3 quilos, a súa estatura é de 129,3 centímetros, pode saltar ata os 129,3 metros e pode percorrer 129,3 quilómetros nunha hora. Orixinariamente era de cor amarela coma tódolos robots domésticos da súa serie, pero unha depresión provocada por un rato que lle comeu as orellas, fai que adopte unha cor azulada que o fai único. Por ese motivo tenlle unha fobia extrema a eses roedores. Acaba viaxando ó presente, mandado polos descendentes de Nobita, para impedir que este leve á perdición a súa familia. Devece sempre por unha boa ración dos seus adorados dorayakis. Ten unha irmá pequena chamada Dorami.
  • Nobita Nobi
"Doraemon!"
É o outro dos protagonistas da historia xunto con Doraemon. É un neno vago, torpe e moi burricán para os estudos. Acotío chega tarde ás clases e o seu mestre e maila súa nai sempre lle están a rifar. Os seus mellores amigos son Xigante, Suneo (se é que se lles pode chamar amigos) e Shizuka, da que está namorado. Sempre lle está a pedir axuda a Doraemon para defendelo de Xigante e Suneo, e este acaba dándolle algún que outro aparello para arranxar a situación. A miúdo, Nobita acaba meténdose nunha lea por utilizar mal os aparellos.
  • Shizuka Minamoto
"Agora non podo, teño que facer os deberes."
É a única rapaza do grupo de amigos de Nobita. Intelixente, guapa e doce pero con algo de xenio, Shizuka toca o piano e gústalle practicar ximnasia rítmica. Saca moi boas notas na escola. A Nobita gústalle moito Shizuka e aínda que nunha morea de ocasións os dous amigos acaban rifando por algunha metedura de pata do neno, el sabe que no futuro acabarán casando.
  • Takeshi Goda
"Eu son Xigante e son o máis grande e neste mundo non hai quen me gañe!"
É o mangallón do grupo por iso todos lle chaman Xigante. É un neno con moi mal xenio e con pouca autoestima que zosca nos demais para intentar impor sempre a súa vontade. O seu máis fiel aliado e Suneo e xunto a el gástalle todo tipo de bromas e malas xogadas a Nobita e conseguen case sempre facerse cos aparellos que Doraemon lle deixa a este. Gústalle moito a música e pensa que ten unha voz extraordinaria e por iso tortura sempre os seus amigos cos seus recitais de canto. Ten unha irmá pequena que se chama Jaiko. A súa nai ten unha tenda e moitas das veces tense que facer cargo el do negocio.
  • Suneo Honekawa
"Os meus pais trouxéronme este agasallo do estranxeiro."
A súa familia ten moitos cartos e por iso Suneo sempre se vangloria dos seus novos xoguetes cos seus amigos. Suneo pégase acotío ao rabo de Xigante pois sabe que é mellor seguirlle o xogo que levarlle a contra. É moi mentirán e sempre utiliza a xente para o seu propio beneficio.

Secundarios

[editar | editar a fonte]
  • Nobisuke Nobi
É o pai de Nobita. Ten un carácter pouco autoritario e sempre está a defender o seu fillo nas disputas que este ten coa súa nai. Traballa de oficinista. Gústalle moito fumar e beber saque.
  • Tamako Nobi
É a nai de Nobita. Ten un carácter forte e non dubida nunca en rifar e castigar o seu fillo se non fai os deberes ou chega tarde á escola.
  • Dorami
Coma Doraemon, Dorami é un robot do século XXI. Dorami é a irmá pequena de Doraemon e vive co seu dono Shewashi no futuro. É de cor amarela. Ten as mesmas capacidades de Doraemon e, coma el, un peto máxico no que garda unha morea de aparellos. Adoita aparecer cando é necesaria a súa axuda para solucionar algún problema ó que Doraemon non lle atopa solución.
  • Dekisugi Hidetoshi
É o típico rapaz listo e simpático; o exemplo a seguir. É moi amigo de Shizuka e en ocasións Nobita ponse celoso da súa presenza, pois o seu lado a súa intelixencia queda en evidencia.
  • Jaiko Goda
É a irmá pequena de Xigante. Gústalle Nobita é sempre está intentando que se fixe nela. Gústalle moito debuxar cómics.
  • Shewashi Nobi
Shewashi e o tataraneto de Nobita. Vive no século XXI. É o dono de Dorami e o que mandou a Doraemon onda Nobita. Tenlle un certo parecido físico ó seu tataravó pero Shewashi e moito máis atlético e intelixente para os estudos.

Os aparellos de Doraemon

[editar | editar a fonte]

Grazas ó seu peto máxico de catro dimensións, Doraemon dispón dunha chea de trebellos do futuro cos que axudar o seu amigo Nobita. Estes son unha mostra dos máis representativos:

  • A máquina do tempo
É a máquina coa que Doraemon chegou ata os nosos días dende o século XXI. Está gardada no caixón da mesa de estudo de Nobita. Cando é necesario usala non hai máis que abrir o caixón para acceder a ela e meter a data onde se queira ir, xa sexa ó pasado ou ó futuro.
  • O gorrocóptero
É un gorro ó que vai incorporado unha hélice coma a dun helicóptero. Poñendo este casco voador na testa é posible percorrer longas distancias polo aire. É moi usado por Nobita e Doraemon para poder desprazarse máis rapidamente que se o fixesen andando.
  • A porta que vai a tódalas partes
É unha porta máxica de cor rosada que, coma o seu nome indica, lévate alí onde queiras ir. Non hai máis que poñerse diante dela, pensar no destino, abrir a porta e cruzala. Desta forma, chegas onde queres de xeito instantáneo.
  • O pano do tempo
É un pano máxico de dúas cores (vermella e violeta) que fai que, dentro del, o tempo pase ou ben máis rápido (pola parte vermella) ou ben máis lento (pola parte violeta). Para conseguilo só se ten que recubrir o obxecto co que se desexe experimentar co pano e esperar os resultados.
  • A luz escura
É unha lanterna que emite escuridade. É moi útil para ver cousas que só se poden ver de noite.
  • A lanterna redutora
É unha lanterna que emite uns raios especiais que encollen as persoas ou os obxectos. Para devolverlle a esas persoas ou a eses obxectos o seu tamaño natural abonda só con poñer a lanterna no modo inverso e enfocar o afectado.

Lista de episodios

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lista de episodios de Doraemon

En Galicia, a serie de Doraemon foi emitida seguindo unha orde por tempadas:

# Episodios Ano de estrea Xapón Ano de estrea Galicia
1 Doraemon 1979 (eps. 1-771) 1979-2005 1994-2011
2 Doraemon 2005 (eps. 772-1134) 2005-2015 2011-2023

De todos os xeitos, cómpre sinalar que no Xapón existen dúas series de Doraemon: a primeira que empezou no ano 1979 e a segunda que empezou no ano 2005. Os 771 primeiros episodios da nosa numeración pertencen á primeira serie, non obstante, os episodios a partir do 772 forman parte da serie xaponesa do 2005.

Algúns episodios da serie de 1979 teñen unha duración inferior aos dez minutos. Por iso, para crear os episodios da nosa versión, xuntáronse en varios casos tres para completar a duración total do capítulo. Outros, porén, non foron emitidos directamente. Ademais, en ambas as dúas series, á hora de emitila na TVG, utilizáronse novas numeracións que non se correspondían coa xaponesa.

As curtametraxes incluídas nos DVD's das longametraxes foron incluídas na serie coma episodios normais (eps. 737-751). Non obstante houbo unha que non se introduciu: Ano 2112 - O nacemento de Doraemon.

A música de Doraemon

[editar | editar a fonte]
  • Apertura 1 (Cantado por Teresa Santamaría) [eps. 1-40]

"Oxalá os meus soños
foran todos realidade.
Foran todos realidade
porque teño pra repartir.
Doraemon pode facer
que se cumpran todos.
..."

  • Apertura 2 (Cantado por Arturo Sabugueiro / Nacho Castaño e Juan Carballido) [eps. 41-366 / 367-771]

"Doraemon ten un peto máxico,
é o gato do espacio que chegou aquí.
Doraemon ten un peto máxico,
é o gato do espacio que chegou aquí.
E pode facer realidade tódolos teus soños;
robots e máquinas voadoras pode crear.
..."

  • Apertura 3 (Cantado por Roi Casal) [eps. 772-1109]

"Ó pechar os ollos, só imaxinando,
podo debuxar.
Un mapa do mundo, no que os soños todos,
se volvan reais.
Vou polo ceo, a través do tempo;
a un país lonxe de aquí.
..."

  • Final 1 (Cantado por Teresa Santamaría) [eps. 1-40]

"Mira, mira as flores
brillando á luz do sol,
saúdannos dicindo bos días amor.
Todos imos saltando
e cantámo-la canción,
lalalalá, lalalalalá, lalalaió.
..."

  • Final 2 (Cantado por Arturo Sabugueiro / Nacho Castaño e Juan Carballido) [eps. 41-366 / 367-771]

"Doraemon, Doraemon,
imos dicindo adeus, adeus.
Doraemon, Doraemon,
sempre connosco estarás.
Co corazón cheo de amor
imos vivir tódala ilusión.
..."

  • Final 3 (Versión instrumental da Apertura 1) [eps. 772-1109]

Dobraxe ó galego

[editar | editar a fonte]
PERSONAXE ACTOR DE DOBRAXE ACTOR ORIXINAL
Doraemon Charo Martínez (eps. 1-366)
Xermana Carballido (eps. 367-979)
Ana Ouro (eps. 980-1083)
Ana Lemos (eps. 1084-1109)
Nobuyo Oyama (eps. 1-771)
Wasabi Mizuta (eps. 772-1109)
Nobita Nobi Tonia Fuentes (eps. 1-366)
Ana Ouro (eps. 367-606; 737-751)
Antía Jiménez (eps. 607-736; 752-1109)
Noriko Ohara (eps. 1-771)
Megumi Ohara (eps. 772-1109)
Shizuka Minamoto Helena Amoedo (eps. 1-366)
Chelo Díaz (eps. 367-1109)
Michiko Nomura (eps. 1-771)
Yumi Kakazu (eps. 772-1109)
Takeshi Goda "Xigante" Manuel Pombal (eps. 1-366)
Nacho Castaño (eps. 367-1109)
Kazuya Tatekabe (eps. 1-771)
Subaru Kimura (eps. 772-1109)
Suneo Honekawa Maria José Collazo (eps. 1-366)
Isabel Vallejo (eps. 367-1109)
Kaneta Kimotsuki (eps. 1-771)
Tomokazu Seki (eps. 772-1109)
Nobisuke Nobi Xoán Diéguez Masayuki Katō (eps. 1-396; 425-538; 607-646)
Yōsuke Naka (eps. 397-771)
Yasunori Matsumoto (eps. 772-1109)
Tamako Nobi Trini Morenza (eps. 1-366)
Ana Santos (eps. 367-1109)
Sachiko Chijimatsu (eps. 1-771)
Kotono Mitsuishi (eps. 772-1109)
Dorami Teresa Santamaría (eps. 1-366)
Nora Abad (eps. 367-606)
Catherina Martínez (eps. 607-875)
Beatriz Bravo (eps. 876-1109)
Keiko Yokozawa (eps. 1-771)
Chiaki (eps. 772-1109)
Mestre Jorge Pedrosa (eps. 1-366)
Ramiro Taboada (eps. 367-875)
Xosé López "Tanas" (eps. 876-1083)
Alfonso Agra (eps. 1084-1109)
Ritsuo Sawa (eps. 1-5)
Osamu Katō (eps. 6-46)
Kazuhiko Inoue (eps. 47-180)
Ryōichi Tanaka (eps. 181-771)
Wataru Takagi (eps. 772-1109)
Dekisugi Teresa Santamaría (eps. 1-604)
Alicia Taboada (eps. 607-1109)
Sumiko Shirakawa (eps. 1-771)
Shihoko Hagino (eps. 772-1109)
  • Voces adicionais:
  • Aclaracións:
  • Tralo peche do estudio da CTV en Vigo, a serie pasou a ser dobrada en Santiago de Compostela cun novo elenco de voces, a partir do episodio 367, conservándose unicamente a voz de Xoán Diéguez para Nobisuke, o pai de Nobita. Na táboa o primeiro nome refírese a antiga dobraxe dos anos noventa e o segundo á actual.
  • Malia que a partir do episodio 607 a serie seguiu sendo dobrada en Santiago de Compostela, Antía Jiménez substituíu a Ana Ouro no personaxe de Nobita, quen antes era quen lle prestaba a súa voz. A partir do episodio 876, os personaxes do Mestre e Dorami tamén sufriron un cambio de voz.
  • Houbo certos episodios, do 737 ao 751, que foran dobrados e incluídos nos DVD das longametraxes coma extras. Así, no momento de emitilos en TV, non se redobraron. Por iso, é Ana Ouro quen lle presta voz a Nobita neses capítulos, en lugar da actual Antía Jiménez.
  • A partir do ano 2005, no Xapón trocáronlles tódalas voces ós personaxes. Deste xeito, na táboa o primeiro nome refírese a antiga dobraxe (dende 1979 ata o 2005) e o segundo á actual (dende o 2005 ó presente).

Películas

[editar | editar a fonte]

Doraemon non só protagoniza as súas historias no papel e na televisión. Algunhas pasaron polo cinema no Xapón. En Galicia, algunhas non pasaron polo gran pantalla, mais si foron editadas en VHS ou DVD. As películas 4, 5, 6 e 17, non se incluíron en galego en DVD nin se emitiron nos cinemas, mais si foron estreadas na TVG na data sinalada.

As películas 1, 2, 4 e 6 editáronse en VHS con versión en galego e as películas 2, 4, 6, 7, 12 e 16 estreáronse nos cines en galego.

Estas son as que, polo de agora, foron dobradas ó galego:

# Título en galego Data da estrea (Galego) Data da estrea (Xaponés)
1 Doraemon e o tren do tempo 14 de outubro do 2003 2 de marzo do 1996
2 Doraemon e o Imperio Maia 2 de marzo do 2004 4 de marzo do 2000
3 Doraemon e o misterio das nubes 20 de outubro do 2004 7 de marzo do 1992
4 As mil e unha noites de Doraemon 2004 (TV) 9 de marzo do 1991
5 Doraemon e o segredo do labirinto 2004 (TV) 6 de marzo do 1993
6 Doraemon e os piratas dos mares do sur 2004 (TV) 7 de marzo do 1998
7 Doraemon, o gladiador 2 de marzo do 2005 9 de marzo do 2002
8 Doraemon e a fábrica de xoguetes 26 de outubro do 2005 8 de marzo do 1997
9 Doraemon e os deuses do vento 15 de marzo do 2006 8 de marzo do 2003
10 Doraemon no mundo máxico das aves 25 de outubro do 2006 8 de marzo do 2001
11 Doraemon e os cabaleiros enmascarados 25 de abril do 2007 14 de marzo do 1987
12 Doraemon e o dinosauro pequeno 28 de novembro do 2007 4 de marzo do 2006
13 Doraemon: Animal Planet 7 de maio do 2008 10 de marzo do 1990
14 Doraemon e os sete magos 26 de novembro do 2008 10 de marzo do 2007
15 Doraemon: Odisea no espazo 3 de xuño do 2009 6 de marzo do 1999
16 Doraemon e o reino de Kibo 11 de novembro do 2009 8 de marzo do 2008
17 Doraemon e o mundo perdido 8 de xaneiro do 2014 (TV) 13 de marzo do 1982

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]