Saltar ao contido

Exército romano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un exército romano en combate contra os xermanos durante as Guerras Marcómanas. Relevo do sartego de Portonaccio (c. 180 d. C), Museo Nacional Romano.

Exército romano é o termo xenérico empregado para referirse ás forzas armadas da Roma Antiga, durante a monarquía, a república, o imperio e habitualmente tamén ás do seu inmediato sucesor, o exército bizantino.

Monarquía

[editar | editar a fonte]

Servizo militar

[editar | editar a fonte]

O servizo militar afectaba ós cidadáns entre 17 e 60 anos de idade. Até os 45 participaban nas campañas, e os maiores defendían as cidades e formaban a reserva. Polo xeral, as clases altas non fuxían do servizo militar, xa que o seu cumprimento era imprescindible para poder acceder ás maxistraturas do Estado e facer carreira política (o cursus honorum).

A organización política básica daquela era a gens. A leva obrigaba a cada gens a achegar un certo número de homes armados máis outros homes de apoio. Primeiro elixíanse 12 tribunos militares, os cales elixían cada un entre os que reunían da leva no Capitolio a 400 soldados, que levaban por nome lexión.[1] O requisito básico era ser cidadán romano con ingresos mínimos de 400 dracmas,[2] e ingresábase na infantaría ou cabalaría pesada;[2] ou ben cidadán dalgún pobo baixo domino romano (velites e cabalaría lixeira), o que contribuía a que o exército tivese unha moral elevada e un gran fervor patriótico. Non se tiñan en conta outros factores como a relixión ou a cor da pel. Pola contra, o habitual entre os pobos e civilizacións da época era un exército formado por mercenarios profesionais sen ter en conta a súa orixe.[2]

As tropas do exército eran divididas segundo a súa idade. Os máis novos eran alistados entre os velites (infantaría lixeira que lanzaba unha xavelina e era moi versátil), logo os hastarios, os que estaban no esplendor da súa idade entre os príncipes (infantaría pesada) e ó final, os máis maduros, entre os triarios.[2]

A leva só era obrigatoria en tempos de guerra, pero as continuas guerras nas que Roma se vía implicada facían que na práctica a leva sempre estivese en vigor. Aínda que os soldados percibían unha paga (non moi elevada) os seus campos de cultivo quedaban sen atender, o que inevitablemente lles causaba perdas se a campaña se alongaba. O responsábel da leva era o cónsul.

Artigo principal: Lexión romana.

Nos primeiros tempos non había distinción entre exército e lexión, e segundo Tito Livio, Roma dispoñía dunha soa lexión de até tres mil infantes e trescentos cabaleiros. Porén, as guerras daquela eran liortas limitadas que acababan co inverno, e duvídase que algunha vez se chegara a xuntar o exército ó completo. Nin sequera era un corpo permanente, xa que se recrutaba e licenciaba segundo as necesidades. Os trescentos cabaleiros (centuriae flexuntes ou centuriae celeres) formaban a cabalaría do exército da Roma antiga. Estaban baixo o mando de tres tribunos da Cabalaría (Tribuni Celerum) e o xefe supremo da Cabalaría era o Magister equitum.

A aristocracia e as clases ricas posteriormente ocupaban a primeira liña como mostra do seu liderado do pobo, e tamén porque podían pagar o mellor equipamento, con cal eran moi eficaces. Moi poucos membros das clases máis baixas podían permitirse ese equipamento coa súa paga de soldado.

Co crecemento da poboación de Roma e as maiores necesidades militares, o número de lexións aumentou primeiro a dúas e posteriormente a catro. O mando supremo da cabalaría correspondía a un Magister Equitum, e o da cabalaría de cada lexión ós Tribunos da Cabalaría. O mando supremo dos infantes correspondía inicialmente ó rei e despois ós Cónsules ou Ditadores (ou ós Legatus). O mando dos infantes de cada lexión correspondía ós Tribunos da Milicia. Os infantes foron divididos en cinco clases segundo o seu armamento (en función da riqueza persoal) sendo as tres primeiras chamadas hoplitas (pola armadura) e as outras dúas Velites (auxiliares).

  1. Polibio, Historia Universal durante la República romana, España, Editorial Iberia, 1969, p. 79.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Ibíd., p. 80.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]