Magister equitum
Roma | |
---|---|
Monarquía | |
República | |
Imperio | |
Principado | Dominado |
Imperio de Occidente | Imperio de Oriente |
Maxistrados Ordinarios: | |
Maxistrados Extraordinarios: | |
Oficiais e Títulos: | |
Institucións e normas: | |
O Magister Equitum -traducido xefe de cabalería, ou mariscal da cabalería- era un cargo político da antiga Monarquía romana, que actuaba ás ordes do rex á fronte da reducida cabalería do exército e, posteriormente, foi nomeado como lugartenente dun ditador, o seu axudante. A súa función nominal era a de servir como comandante da cabalaría romana en tempos de guerra pero, do mesmo xeito, que un ditador, tamén podía ser nomeado para afrontar outras crises, o magister equitum podía operar independentemente da cabalaría. Igual que o ditador, o seu nomeamento servía tanto a finalidades militares como políticas.[1]
Orixe
[editar | editar a fonte]Na etapa monárquica de Roma, era o propio rei quen conducía á cabalería á batalla, ou ben delegaba esta autoridade no seu principal conselleiro, o tribunus celerum (Tribuno dos Céleres), a unidade de cabalería que tamén servía como protección persoal do rei.[2][3][4] A derradeira persoa en ocupar este cargo foi Lucio Xunio Bruto, sobriño de Lucio Tarquinio o Soberbio, o sétimo e derradeiro rei de Roma. Despois da violación de Lucrecia, foi Bruto quen, na súa condición de Tribuno dos Céleres, convocou os comitia e provocou a derrogación do imperium do rei.[4] Trala expulsión de Tarquinio, Bruto, a quen os comicios elixiron un dos primeiros cónsules,[nota 1] mandou a cabalería na batalla de Silva Arsia, onde caeu, no 509 a.C.[5][6]
Nos primeiros anos da República non se intentou reconstituír o cargo de Tribuno dos Céleres e o mando militar supremo recaía nos cónsules. De acordo co principio de que ningún home debía ocupar todo o poder do Estado romano, era posible apela-las decisións dun cónsul ao outro. Mais no noveno ano da República, a guerra parecía inminente tanto coa Liga Latina, dirixida polo xenro do rei exiliado, Octavio Mamilio, como cos sabinos, contra os que os romanos loitaran tanto no 505 como no 503 a.C. Ao mesmo tempo, existía a sospeita de que os cónsules albergaban simpatías monárquicas. Fronte este pánico, os romanos decidiron nomear un pretor maximus, ou ditador, como se viña a chamar o cargo e, perante do cal, non debería haber dereito de apelación, durante a duración da emerxencia.[1][7][8][9]
Pese ou por mor dos rumores que circulaban sobre os cónsules, o cónsul Tito Larcio Flavo foi nomeado primeiro ditador e Espurio Casio Vecelino o primeiro magister equitum.[nota 2] Alarmados por esta evolución, os sabinos mandaron enviados a Roma para negocia-la paz mentres os latinos aínda non estaban preparados para a guerra, e así o ditador e o magister equitum puideron deixar o seu cargo sen entrar no campo.[10]
Natureza do cargo
[editar | editar a fonte]Os poderes do antigo Tribuno dos Céleres quedaron así divididos e limitados dende a institución da ditadura. Aínda que o ditador comandaba todo o exército, o seu título técnico era magister populi, ou "mestre da infantería", mentres que a cabalaría estaba encomendada ao seu tenente.[8] A diferenza da relación entre cónsules, que compartían a mesma autoridade, o magister equitum estivo sempre subordinado ao ditador. Aínda que a historia non rexistra se o primeiro magister equitum foi nomeado polo ditador, na práctica posterior case sempre un magister equitum era elixido polo ditador baixo o que servía e o ditador mantivo o poder de destituír o magister equitum e nomear un substituto. Unha vez pasada a emerxencia para a que foi nomeado, ou transcorrido o prazo de seis meses, o ditador víase obrigado a renunciar ao seu cargo, e cando o facía, expiraba igualmente o imperium do magister equitum.[1][11]
Aínda que a función orixinal do ditador era dirixir o exército romano en tempo de guerra, ás veces un ditador era nomeado co propósito de celebrar eleccións, restaurar a orde ou desempeñar funcións relixiosas vitais, cando era imposible para os cónsules ou outros maxistrados facelo. Nestes casos, tamén era habitual que o ditador nomease un magister equitum para que fose o seu lugartenente.[1] Mesmo cando o exército romano estaba no campo, o ditador podía optar por dividir o seu mando, tomando o campo mentres confiaba no magister equitum como o seu representenate en Roma, ou enviando ao magister equitum ao campo, permitindo que o ditador permanecese en Roma.[nota 3][11]
Como outros maxistrados, o magister equitum tiña dereito a levar a toga praetexta, sentarse na sella curulis, e estaba escoltado por seis lictores,[12] protectores cerimoniais que acompañaban os maxistrados con imperium e outras persoas determinadas. Neste caso, eran escoltados pola doce lictores, a metade que os cónsules e, o mesmo número que se lle concedera aos pretores despois da creación desa maxistratura no 366 a.C. Como sucede con outros maxistrados, esperábase que os lictores do magister equitum retirasen os machados dos seus fasces ao entrar no Pomerium, unha zona da cidade de Roma que se consideraba sagrada. Só os lictores do ditador, que tiñan dereito a unha escolta de vinte e catro lictores, que representaban a plena autoridade do estado romano, conservaban os seus machados dentro do Pomerium, simbolizando que o ditador conservaba o poder da vida e da morte, mesmo dentro do recinto sagrado romano.[1][8][13]
Historia
[editar | editar a fonte]Monarquía
[editar | editar a fonte]Malia que durante este período non existían as maxistraturas como tales, comezan a aparecer certos cargos que exercen o seu cargo por delegación real e entre estaba o magister equitum quen, xunto co magister populi, tiña funcións militares.[14]
Antes da institución da pretura, era habitual que o magister equitum fose alguén que xa exercera como cónsul ou tribuno consular. Deste xeito, a maxistratura era ocupada por alguén que tiña experiencia previa no mando militar. Para aqueles que aínda tiñan que acadar os máis altos cargos do estado romano, este nomeamento foi un valioso trampolín cara a eses cargos.[8]
República
[editar | editar a fonte]Ao desaparecer a monarquía, o cargo pasou á República Romana, pero dun xeito diferente a como existira baixo aquela. Así, o sistema romano de maxistraturas ordinarias utilizaba sempre o principio de colexialidade, polo cal, cando se producía unha emerxencia que facía necesario designar un Ditador, este nomeaba como lugartenente seu un Magister Equitum. En teoría, este encargábase de dirixir a cabalería do exército romano, mentres que o Ditador mandaba a infantaría. Fíxose habitual que o magister equitum fose elixido entre homes de rango pretorio; é dicir, dos que ocuparan a pretura, pero que aínda non foran elixidos cónsul.[1] Ao longo do século IV a.C., que viu a institución da pretura e a admisión dos plebeos aos cargos superiores do Estado, a necesidade de recorrer a maxistrados extraordinarios como o ditador e o magister equitum para as emerxencias militares decaeu, e estes foron cada vez máis empregados con fins cerimoniais. No 300 a.C., mesmo o poder do ditador estaba suxeito á provocatio, o dereito de apelación dun cidadán romano. Poucos dos ditadores nomeados durante o século III foron enviados ao campo e, polo tanto, o cargo de magister equitum era cada vez máis redundante. O último ditador en saír ao campo foi Marco Xunio Pera no 216 a. C., durante a Segunda Guerra Púnica, con Tiberio Sempronio Graco como magister equitum.[8] Durante o resto da guerra, os ditadores foron designados regularmente para celebrar as eleccións de maxistrados anuais. Aínda que cada un nomeou un magister equitum, ningún deles tiña un mando independente nin dirixía o exército no campo. Ningún ditador foi nomeado de xeito tradicional despois do 202 a. C., e con el o cargo de magister equitum tamén esmoreceu.[1][8]
No 82 a. C., o xeneral Sila entrou vitorioso en Roma despois de derrotar ás forzas de Mario, e a instancia súa, Lucio Valerio Flaco convenceu ás asembleas de nomear ditador a Sila co propósito de restaurar a orde. Sila recuperara así o cargo de ditador e, con el, o de magister equitum. En agradecemento, Sila nomeou a Flaccus mestre do cabalo, aínda que parece que non levou a cabo ningunha actividade militar. Sila e Flaco continuaron no seu cargo ata que deron a súa autoridade no 79.[15][16]
Ao estalar a guerra entre César e Pompeio no 49 a. C., César foi nomeado ditador co mandato de celebrar as eleccións e non se nomeou ningún magister equitum. Cando se converteu en ditador por segunda vez no 47 a.C., César nomeou a Marco Antonio o seu magister equitum mais, durante o mesmo ano, ese honor pasou a Marco Emilio Lépido. Na súa terceira ditadura, no 45 a. C., o magister equitum de César foi Marco Emilio Lépido e, de novo, voleu selo cando César accedeu á cuarta ditadura.[17]
Lépido foi o último magister equitum en ocupar o mando militar, aínda que non foi nin o último nomeado nin o último iniciado; coa intención de iniciar unha nova campaña no outono do 43 a.C., César nomeou ao seu sobriño, Caio Octavio, magister equitum por adiantado, facendo do futuro emperador o último magister equitum en entrar no cargo, aínda que nunca recibiu o mando militar. Mentres tanto, César pensaba nomear a Cneo Domicio Calvino magister equitum para o 43, mais o asasinato do ditador nos idos de marzo do 44 a. C., ocorreu antes de que Domicio accede ao cargo. Coa consolidación do poder primeiro baixo o triunvirato de Octavio, Antonio e Lépido, e despois cando Octavio acaparou o poder el só, non se nomearon máis ditadores pois, con posterioridade á morte de César, Antonio promulgou unha lei coa que aboliu o cargo.[9] Octavio tivo coidado de vestir a súa asunción do poder dunha forma constitucional, e aínda que o seu poder como Augusto superou en moitos aspectos ao dun ditador romano, nunca asumiu ese título nin os símbolos do cargo.[18][19] Os seus sucesores seguiron o seu exemplo e, mesmo, cando asumiron os poderes dun ditador, nunca asumiron o título nin nomearon magister equitum polo que o título quedou en suspenso.[8]
Baixo Imperio
[editar | editar a fonte]Durante o Baixo Imperio, o título de Magister Equitum foi recuperado como un alto honor da Corte imperial, que se asignaba a militares prestixiosos e de grande experiencia para exercer o mando das unidades de elite de cabalería dos exércitos imperiais. Por exemplo, no século IV, o emperador Constantino recuperou o título como un dos seus altos rangos militares nun esforzo por reducir o poder dos prefectos pretorianos. Así, creou dous novos cargos o magister equitum, que mandaría sobre a cabalaría e o magister peditum, "mestre do pé" ou "mestre de infantería",[11] e deles dependían tódolos demais cargos como duces, comites e un novo corpo denominado scholae palatinae, que rempreazaba a anterior e extinta garda pretoriana.[20]
Estes cargos foron finalmente fusionados baixo o título de magister militum, ou "mestre dos soldados".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Aínda que é tradicional referirse a Bruto e a tódolos seus sucesores como cónsules, o seu título formal foi probablemente pretor ata a institución dunha terceira pretura subordinada no 366 a.C.
- ↑ Tito Livio relata unha tradición alternativa, segundo a cal Manio Valerio Máximo foi o primeiro ditador. Livio chama a Manio fillo de Marco e neto de Voluso Valerio, aínda que probablemente Livio se referise ao irmán de Marco quen, de feito, foi nomeado ditador no 494 a.C. Livio rexeita a tradición de que Manio fose o primeiro ditador no 501, en parte porque a lei que establecía o cargo especificaba que debía ser ocupado só por homes de rango consular (aínda que isto non parece ser un impedimento para o seu nomeamento no 494) e, en parte, porque Marco Valerio, que derrotara aos sabinos no seu consulado, catro anos antes, e recibira un triunfo, tería sido preferido ao aínda non distinguido Manio.
- ↑ Isto non significaba que a cabalaría romana tivese que ir onde se atopase o magister equitum; se o magister equitum non saía ao campo, a cabalaría estaría co ditador; se o ditador quedase atrás, entón o magister equitum mandaría tanto a infantería como a cabalaría.
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Smith (1859), pp. 404–408 ("Dictator")
- ↑ Tito Livio, Libro I, 5
- ↑ Peck (1898), p. 307 ("Celeres")
- ↑ 4,0 4,1 Peck (1898), p.1601 ("Tribunus", Nº 1)
- ↑ Tito Livio. Libro I, 60; Libro II, 6
- ↑ Smith (1849), pp. 507, 508 ("Brutus", Nº 1).
- ↑ Tito Livio, Libro II, 17
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Hammond & Scullard (1970), p. 339 ("Dictator").
- ↑ 9,0 9,1 Peck (1898), pp. 509-510 ("Dictator").
- ↑ Tilo Livio, Libro II, 17-18
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Hammond & Scullard (1970), p. 638 ("Magister Equitum").
- ↑ Peck (1898), p. 993 ("Magister", Nº 6)
- ↑ Oxford Classical Dictionary, p. 429 ("Fasces")
- ↑ Cabrero Piquero & Fernández Uriel (2015), p. 115
- ↑ Smith (1849), vol. III, pp. 933–943 ("Sulla", Nº 5).
- ↑ Hammond & Scullard (1970), p. 1021 ("Sulla", Nº 1).
- ↑ Smith (1849) vol. I, pp. 539–555 ("Caesar", Nº 18); pp. 214–216 ("Antonius", Nº 12); vol. II, pp. 766–768 ("Lepidus", Nº 17).
- ↑ Grant (1985)
- ↑ Smith (1849), vol. I, pp. 424–431 ("Augustus").
- ↑ Bravo (1998), p. 110
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Fontes clásicas
[editar | editar a fonte]- Tito Livio, Ab urbe condita libri; Libro III 2; VI 39; VIII 17; IX 38; XXII 57.
Fontes modernas
[editar | editar a fonte]- Bravo, Gonzalo (1998). Historia de la Roma antigua. Colección: Materiales / Historia y Geografía (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-5732-8.
- Cabrero Piquero, Javier; Fernández Uriel, Pilar (2015). Historia Antigua II. El Mundo Clásico. Historia de Roma (en castelán). Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6872-0.
- Cornell, T.J. (1999). Los orígenes de Roma. C.1000-204 a.C. Serie: Historia de las civilizacions clásicas (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 9788474239119.
- Grant, Michael (1985). The Roman Emperors: A Biographical Guide to the Rulers of Imperial Rome, 31 BC-AD 476 (en inglés). Nova York: Charles Scribner’s & Sons. ISBN 0-684-18388-9.
- Hammond, N. G. L.; Scullard, H.H. (1970). The Oxford Classical Dictionary (en inglés) (2ª ed.). Oxford: Clarendon Press.
- Smith, William, ed. (1859). Dictionary of Greek and Roman Antiquities (en inglés). Boston: Little, Brown, and Company.
- Smith, William, ed. (1849). Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en inglés). Boston: Little, Brown and Company.
- Peck, Harry Thurston, ed. (1898). Harper's Dictionary of Classical Literature and Antiguities (en inglés). Nova York: Harper and Brothers Publishers.