Saltar ao contido

Ocupación de Grecia polo Eixo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaOcupación de Grecia polo Eixo
Imaxe

Localización
Xeografía
Parte de

Historia de Grecia

Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica

A ocupación de Grecia polo Eixo durante a segunda guerra mundial (en grego: Η Κατοχή, I Katochi, que significa "A Ocupación") comezou en abril de 1941 trala invasión de Grecia por parte de alemáns e italianos, e foi levada a cabo xunto con forzas búlgaras. A Ocupación durou até a retirada alemá en outubro de 1944. Porén, nalgúns casos, como en Creta e outras illas, as guarnicións alemás seguiron controlando o terreo até maio ou incluso xuño de 1945.

O Reino de Italia invadira Grecia en outubro de 1940, e logo do seu fracaso na conquista de Grecia, o Führer alemán Adolf Hitler focalizou a súa actividade militar nos Balcáns do sur. Unha rápida campaña Blitzkrieg alemá seguiu a isto en 1941, e a mediados de maio, Grecia estaba baixo a ocupación de tres poderes do Eixe: a Alemaña nazi, o Reino de Italia e o Reino de Bulgaria.

A ocupación trouxo terríbeis consecuencias para a poboación civil grega. Máis de 300,000 civís morreron de fame, milleiros máis polas represalias, e a economía do país acabou esnaquizada. Ao mesmo tempo formouse a resistencia grega, un dos movementos de resistencia máis efectivos de toda a Europa ocupada. Estes grupos comezaron unha serie de ataques de guerrilla contra os poderes de ocupación e estableceron grandes redes de espionaxe, pero a finais de 1943 comezaron a loitar entre eles. Cando chegou a liberación en outubro de 1944, Grecia estaba en crise, o que desembocou cedo no estoupido da guerra civil grega.

Caída de Grecia

[editar | editar a fonte]

Nas primeiras horas do 28 de outubro de 1940, o embaixador italiano Emmanuel Grazzi espertou ao Primeiro Ministro grego Ioannis Metaxas e presentoulle un ultimato. Metaxas rexeitou o ultimato e forzas italianas invadiron o territorio grego dende Albania, ocupada tamén por Italia, en menos de tres horas. (O aniversario do rexeitamento de Metaxas é hoxe unha festa en Grecia.) Mussolini levou a cabo a invasión en parte para probar que os italianos poderían acadar os éxitos militares do exército alemán e en parte porque Mussolini consideraba á Europa sur-oriental como parte da súa esfera de influencia.

O exército grego probou ser mellor opoñente do que Mussolini ou os seus xenerais pensaban, a empregou exitosamente o terreo montañoso do Epirus. As forzas gregas contraatacaron e forzaron aos italianos a retirarse. A mediados de decembro, os gregos ocuparan preto dun cuarto de Albania, antes de que os reforzos italianos e o duro inverno frearon o avance grego. En marzo de 1941, un contraataque italiano fracasou parcialmente e as tropas italianas tan só reocuparon pequenas áreas arredor de Himare e Grabova. A derrota inicial dos italianos polos gregos é considerada a primeira vitoria terrestre dos aliados da segunda guerra mundial, incluso a pesar de que a campaña, grazas á axuda alemá, levou a unha vitoria do Eixe.

Quince das vinte e unha divisións gregas foron despregadas contra os italianos, polo que tan só seis divisións fixeron fronte ao ataque alemán na liña Metaxas (preto da fronteira entre Grecia e Iugoslavia/Bulgaria) durante os primeiros días de abril. Naqueles días, Grecia recibiu axuda de tropas da Comunidade de Nacións, desprazadas dende Libia por orde de Churchill.

O 6 de abril de 1941, Alemaña veu en axuda de Italia e invadiu Grecia a través de Bulgaria e da Macedonia Iugoslava. As tropas gregas e británicas foron derrotadas.

O 20 de abril, logo do cesamento da resistencia grega no norte, o Exército Búlgaro entrou na Tracia, co obxectivo de recuperar a súa saída ao mar Exeo en Tracia Occidental e Macedonia Oriental. Os búlgaros ocuparon territorio entre o río Strymon e unha liña de demarcación ao oeste do río Evros.

A capital grega, Atenas, caeu o 27 de abril, e o 1 de xuño, logo da captura de Creta, a totalidade de Grecia estaba ocupada polo Eixe.

A Tripla Ocupación

[editar | editar a fonte]

O territorio grego foi dividido en tres zonas de ocupación entre Alemaña, Italia e Bulgaria. As forzas alemáns ocuparon algunhas áreas estratéxicas importantes, concretamente Atenas, Tesalónica e Macedonia Central, e varias illas do mar Exeo, incluíndo a maior parte de Creta. A Grecia do nordés (Macedonia Oriental e Tracia Occidental coa excepción da prefectura de Evros) pasou a ser administrada por Bulgaria e foi anexionada a este país, que reclamara estes territorios. Os dous terzos restantes de Grecia permaneceron baixo ocupación italiana, coas illas de Ionia administradas directamente coma se fosen territorio italiano. Logo da capitulación italiana en setembro de 1943, a zona italiana foi tomada polos alemáns, a miúdo acompañándoa con violencia contra as guarnicións italianas. Houbo unha tentativa infrutuosa dos británicos de aproveitar a rendición italiana para entrar ao mar Exeo, o que resultou na Batalla de Leros. Para Grecia, a forza das forzas de ocupación do Eixe obedeceu sempre ao medo dunha invasión aliada e non á resistencia.

A zona de ocupación alemá

[editar | editar a fonte]

Explotación económica e a Grande Fame

[editar | editar a fonte]

Grecia sufriu moito durante a ocupación. A débil economía do país fora devastada durante a longa guerra de seis meses, e a isto engadíase a explotación económica sen beneficios dos alemáns. As materias primar e os alimentos eran requisados, e o goberno colaboracionista foi obrigado a asumir os custos da ocupación, provocando a subida da inflación, aínda máis forzada polo "préstamo de guerra" que Grecia tiña que pagarlle ao Terceiro Reich. As requisacións, xunto co bloqueo aliado a Grecia, o estado ruinosos das infraestruturas do país e a emerxencia dun mercado negro poderoso e ben organizado, provocaron unha Grande Fame durante o inverno de 1941 - 1942 (en grego: Μεγάλος Λιμός), onde finaron arredor de 300.000 persoas. Malia a axuda dos países neutrais como Suecia ou Turquía (vexa SS Kurtuluş), a inmensa maioría dos alimentos remataban en mans dos responsábeis do goberno e en traficantes do mercado negro que empregaban as súas conexións coas autoridades do Eixo para "mercar" as axudas e logo vendelas á xente desesperada a prezos moi por enriba do normal. O grande sufrimento e a presión do goberno grego no exilio forzaron aos británicos a retirar parcialmente o bloqueo, e dende o verán de 1942, a Cruz Vermella Internacional podía distribuír provisións en cantidades suficintews.[1]

Atrocidades dos nazis

[editar | editar a fonte]

O incremento dos ataques dos partisanos nos últimos anos da ocupación provocaron que medrase o número de execucións e os asasinatos masivos de civís como represalia. Os máis sonados destes son os da vila de Kommeno (16 de agosto de 1943) pola 1.Gebirgs-Division, onde 317 habitantes foron asasinados e o pobo incendiado, o "Masacre de Kalavryta" (13 de decembro de 1943), no cal tropas da Wehrmacht da 117ª División Jäger levaron a cabo o exterminio de toda a poboación masculina do pobo e a destrución total do mesmo, e o "Masacre de Distomo" (10 de xuño de 1944), onde a 4ª División Policial das SS saqueou e queimou a vila de Distomo en Boeotia, causando a morte de 218 civís. Ao mesmo tempo, no curso da campaña anti-guerrilla, centos de vilas foron incendiadas de xeito sistemático e canto menos un millón de gregos perderon o seu fogar.[2]

Outros dous notables máis descoñecidos actos de brutalidade foron os masacres das tropas italianas nas illas de Cefalonia e Kos en setembro de 1943, durante a absorción alemá das zonas de ocupación italianas. En Cefalonia, unha división italiana de 12.000 homes foi atacada o 13 de setembro por elementos da 1ª División de Montaña Alemá con apoio de Stukas, e obrigados a renderse o 21 de setembro, logo de sufrir 1.300 baixas. Ao día seguinte, os alemáns comezaron a executar aos seus prisioneiros e non pararon até ter fusilado a 4.500 homes. Os preto de 4.000 sobreviventes foron enviados en barcos ao continente, pero algúns deles afundíronse logo de topar con minas no Mar Xónico, onde morreron outros 3.000.[3] O masacre de Cefalonia serve de trasfondo para a novela A mandolina do Capitán Corelli.[4][5]

A zona de ocupación búlgara

[editar | editar a fonte]

Bulgaria entrou na segunda guerra mundial a carón do Eixe tentando resolver a súa "cuestión nacional" e satisfacer os *anceios da Grande Bulgaria, especialmente no área de Macedonia (onde perdera moito territorio na Segunda Guerra Balcánica) e Tracia Occidental (perdida a favor de Grecia polo Tratado de Neuilly). Bulgaria entrou a formar parte do Eixe o 1 de marzo de 1941, solicitando expresamente apoio alemán para as súas demandas territoriais.

O exército búlgaro entrou en Grecia o 20 de abril de 1941, xusto detrás da Wehrmacht e chegou a ocupar a totalidade de Grecia norte oriental ao leste do Río Strymon (Macedonia oriental e Tracia Occidental), agás a prefectura de Evros, na fronteira con Turquía, que foi ocupada polos alemáns. A diferenza de Alemaña e Italia, Bulgaria quixo anexarse os territorios, polo que a ocupación búlgara foi moito máis dura[6] que as italiana e alemá. Unha campaña masiva de "bulgarización" foi lanzada[6][7] e pola cal tódolos cargos gregos (alcaldes, mestres de escola, xuíces, avogados, cregos, policías...) foron deportados, prohibiuse o emprego da lingua grega mesmo na esfera privada, os nomes de vilas e outros foron trocados polas formas búlgaras tradicionais e expropiáronse terreos para introducir colonos búlgaros. Un levantamento espontáneo e mal organizado en Drama a finais de setembro do 1941 foi esnaquizado polo exército búlgaro. A finais de 1941, mais de 100,000 gregos foran deportados da zona de ocupación búlgara.[8][9] En maio de 1943 comezou tamén a deportación de xudeus da zona de ocupación búlgara.[10]

Finalmente, o avance do Exército Vermello en Bulgaria en 1944, a retirada das forzas armadas alemás (Wehrmacht) de Grecia en outubro, e o "acordo das porcentaxes" entre Winston Churchill e Iosif Stalin, provocou a retirada das forzas búlgaras de Grecia.

  1. Mazower (1995), p.44-48
  2. Mazower (2001), p. 155
  3. Chronik des Seekrieges 1939-1945, Württembergische Landesbibliothek, Section "War Crimes", entry on "23.9.— 19.10.1943"
  4. Axis History Factbook
  5. Reproduced articles from The Times and The Guardian
  6. 6,0 6,1 Xanthippi Kontogeorgi-Zymari "The Bulgarian Occupation of eastern Macedonia and Thrace in 1941-44", IMXA Publications, Thessaloniki 2002
  7. Mark Mazower, The Balkans, 2002, Random House Publishing Group, ISBN 0-8129-6621-X
  8. Mazower (1995), p.20
  9. Charles R. Shrader, The Withered Vine: Logistics and the Communist Insurgency in Greece, 1945-1949, 1999, Greenwood Publishing Group, p.19, ISBN 0-275-96544-9
  10. "Carl Savich, Balkanalysis article". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2010. Consultado o 20 de agosto de 2008.