Saltar ao contido

MDMA

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura química do MDMA.

A MDMA (abrevación do seu nome semisistemático 3,4-metilendioximetanfetamina), usualmente coñecido como éxtase, é unha droga empatóxena pertencente á familia das anfetaminas substituídas. As rutas máis comúns para a súa síntese empregan a 3,4-metilenodioxifenil-2-propanona (MDP2P) como precursor.[1]

O consumo de MDMA pode inducir euforia, sensación de intimidade cos demais e diminución da ansiedade. Produce unha perda da timidez, volvendo ó individuo máis extravertido, unha sensación de ledicia absoluta e de hiperactividade, aumento da tensión muscular, dilatación das pupilas, pode causar bruxismo e unha perda parcial do sentimento de dor física. Algúns estudos médicos atoparon beneficios terapeúticos moderados para certos trastornos mentais,[2] pero o seu uso a longo prazo asóciase a efectos adversos, como neurotoxicidade e deterioración cognitiva.[2][3] Descoñécese se os seus potenciais beneficios compensan a súa neurotoxicidade.[4][5] Aínda que se adoita consumir de xeitos diferentes, a vía oral é o máis habitual.

Descuberta en 1912 por Anton Köllisch, non cobraría importancia até décadas despois, cando na década de 1970 comezou a popularizarse o seu uso como droga recreativa e como fármaco en psicoterapia. A partir de entón, a substancia foise ilegalizando a nivel internacional e no presente a posesión de MDMA está prohibida na maioría de países do mundo, con algunhas excepcións para a investigación científica e médica. No ano 2016, a Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Crime estimou que unhas 20 millóns de persoas consumiron MDMA en todo o mundo polo menos unha vez no último ano;[6] estas cifras son semellantes ás dos usuarios de cocaína, anfetaminas substituídas e opiáceos, aínda que considerablemente menores que as de usuarios de cánnabis.[7] O consumo de éxtase está a miúdo asociado ó lecer, sobre todo a festas nocturnas de música electrónica —como por exemplo raves—, lonxe das súas orixes psicoterapéuticos.[8]

Primeiras investigacións

[editar | editar a fonte]
Patente concedida polo Imperio alemán a Merck pola síntese de MDMA, presentada en 1912 e aceptada en 1914.

O Premio Nobel de Química Fritz Haber, dixo ter sintetizado a substancia a partir de piperonal durante a súa tese doutoral, en 1891,[9][10] mentres outras fontes apuntan a que o fixo en 1898. Porén, estes achados non puideron ser confirmados e os exames posteriores no achegaron probas convincentes.[11] A MDMA foi sintetizada por primeira vez de forma documentada en 1912 polo químico da farmacéutica Merck KGaA Anton Köllisch. Nese momento, Merck estaba interesada en desenvolver un composto antihemorráxico diferente da hidrastinina, cuxa patente estaba en poder de Bayer. Köllisch preparou un derivado da hidrastinina, a metilhidrastinina, a petición dos seus compañeiros de traballo Walther Beckh e Otto Wolfes. Un dos compostos intermedios na síntese da metilhidrastinina era a 3,4-metilendioximetanfetamina, sen propiedades de interese para Merck.[12] O 24 de decembro de 1912, a compañía presentou dúas solicitudes de patente que describían a MDMA e a súa posterior conversión a metilhidrastinina para protexer o seu dereito a producir este último composto.[13]

Os rexistros de Merck sinalan que os seus científicos investigaron o composto de forma esporádica. En 1927, Max Oberlin estudou a farmacoloxía da MDMA e observou que os seus efectos sobre o azucre no sangue e o músculo liso eran semellantes ós da efedrina. As investigacións detivéronse «sobre todo por mor do forte incremento dos prezos da safrilmetilamina».[14] Albert van Schoor realizou algunhas probas toxicolóxicas básicas coa droga en 1952, probablemente debido ás investigacións realizadas neses anos sobre novas menciñas estimulantes e circulatorias. Sete anos máis tarde, en 1959, Wolfgang Fruhstorfer tamén sintetizou MDMA mentres investigaba estimulantes.[12]

Outros laboratorios sen relación con Merck comezaron a investigar a MDMA. Entre 1953 e 1954, o exército dos Estados Unidos encargou un estudo da toxicidade e dos efectos sobre o comportamento de animais ós que se inxectaba mescalina e outros compostos similares como MDMA. Estas investigacións, realizadas en Ann Arbor, na Universidade de Míchigan, non foron desclasificadas até outubro de 1969 e publicadas en 1973,[15] anos despois de ter aparecido o primeiro artigo científico sobre a súa síntese, publicado en Polonia en 1960.[12]

A MDMA puido ter estado en circulación no oeste dos Estados Unidos dende 1968.[16] Un informe de 1970 presentado nunha reunión de químicos que traballaban nun laboratorio da policía indicaba que a MDMA empregárase de forma recreativa na área de Chicago en agosto dese ano.[17][18] Probablemente usábase como un substituto da MDA,[19] unha droga popular entre os usuarios de substancias psicodélicas[20] que foi prohibida nos Estados Unidos en 1970 logo do engadirse á Lista I.[21][22]

Investigacións de Shulgin

[editar | editar a fonte]
O químico Alexander Shulgin no ano 2011.

O químico Alexander Shulgin sintetizou a MDMA en 1965, segundo as súas propias declaracións, mentres investigaba para Dow Chemical Company, sen experimentar coas propiedades psicoactivas do composto nese momento. Arredor de 1970 Shulgin enviou as instrucións para sintetizar a MDA N-metilada (MDMA) ó fundador dunha empresa química dos Ánxeles que as solicitara. Este individuo máis tarde reenvioullas a un cliente do centro dos Estados Unidos.[23] A mediados de 1970, en agosto, a MDMA xa se estaba a empregar de forma recreativa na área de Chicago.[23][24]

Shulgin soubo dos efectos da MDMA en 1975, grazas a un estudante que o informou do uso dun «elemento de contido semellante á anfetamina».[23] Cara finais de maio de 1976, Shulgin volveu oír falar dos efectos do composto[23] a través dun estudante de posgrao nun grupo de química médica que asesoraba á Universidade Estatal de San Francisco.[25][26] A raíz dun colega da Universidade de San Francisco que probou a MDMA, Shulgin experimentou coa substancia en si mesmo entre setembro e outubro de 1976.[23][25] Shulgin presentou as súas investigacións nunha conferencia en Bethesda, Maryland, en decembro de 1976.[23] Dous anos despois, el e David E. Nichols publicaron un informe sobre os efectos das drogas psicotrópicas nos seres humanos onde explicaron que a MDMA podía inducir «un estado que alteraba a conciencia e cuxos matices emocionaise sensuais eran doadamente controlables», comparable «á marihuana, psilocibina carente do compoñente alucinóxeno polos seus baixos niveis de MDA».[27] Crendo que a MDMA permitía ós usuarios evadirse dos seus costumes e percibir o mundo con maior claridade, Shulgin chamouna drug window ou «droga fiestra».[28]

Aínda que Shulgin non pensaba que a MDMA causara experiencias especialmente trascendentes,[29] estaba abraiado polos efectos desinhibidores da droga e pensou que podería ser útil en psicoterapias.[29] Shulgin consumía ocasionalmente MDMA para a súa relaxación, refiríndose a ela como «o meu martini baixo en calorías», e tamén deulla a probar ós seus amigos e investigadores e persoas que crían que poderían obter beneficios dela.[30] Unha desas persoas era o psicoterapeuta Leo Zeff, coñecido polas súas prácticas con drogas psicodélicas. En canto probou a droga en 1977, Zeff quedou tan abraiado cos seus efectos que abandonou o seu retiro para promover o seu uso terapéutico. Durante os anos seguintes, Zeff dedicouse a viaxar polos Estados Unidos e Europa para recomendar o seu uso a máis de 4 000 psicoterapeutas.[31] Zeff denominou á droga «Adam» («Adán», en referencia á personaxe bíblica) crendo que o consumo de MDMA devolvía ós seus usuarios a un estado de inocencia primitiva.[23]

Os psicoterapeutas que usaban MDMA crían que o fármaco eliminaba o medo e fomentaba unha maior comunicación. As sesións coa substancia desenvolvíanse case sempre nos fogares dos pacientes ou dos terapeutas. O papel do profesional reducíase ó mínimo debido ó «autodescubrimento dos pacientes e a empatía inducida». Informouse que se trataran casos de depresión, outros abusos de substancias, problemas de relación, síndromes premenstruais e casos de autismo.[22] Segundo o psiquiatra George Greer, os terapeutas que empregaron MDMA nas súas prácticas «quedaron abraiados polos resultados».[29]

Aumento do consumo

[editar | editar a fonte]
Fotografía da cidade de Dallas en 1972, onde o consumo de MDMA se popularizou considerablemente a finais da década de 1970.

Entre finais da década de 1970 e comezos dos oitenta, a MDMA estendeuse a través de clínicas de psicoterapeutas, psiquiatras e usuarios de drogas psicodélicas. Coa esperanza de evitar a criminalización da substancia, como xa ocorrera anos atrás co LSD e a mescalina, os psicoterapeutas e investigadores que traballaban con ela limitaron a súa propagación e a información dispoñible, ó tempo que realizaban investigacións informais.[32] No intre no que a posesión de MDMA se tipificou como delito nos Estados Unidos, en 1985, estimouse que a rede de usuarios de MDMA xa consumira unhas 500 000 doses.[2][33]

A finais da década de 1970, nos Estados Unidos desenvolvérase un pequeno mercado arredor da compravenda de MDMA.[34] na década de 1980, a produción de MDMA denominouna un pequeno grupo de químicos bostonianos coñecidos como o «grupo de Boston».[35] Por mor do consumo crecente de MDMA, a miúdo os produtores bostonianos non podían satisfacer a demanda, dándose habituais períodos de escaseza.[36] Co tempo, os distribuidores que o «grupo de Boston» tiñan no suroeste dos Estados Unidos independizáronse e formaron o chamado «grupo de Texas»,[35] contando ademais co apoio de varios antigos traficantes de cocaína que experimentaran con MDMA.[33][34] O «grupo de Texas» comezou a produción masiva de MDMA nun laboratorio de Texas en 1983,[32][36] aínda que tamén importaba produto dende California.[28] Para a venda das pílulas, o grupo empregaba estruturas de venda piramidais ou usaba números de teléfono de balde. Mesmo permitía o pago con tarxeta de crédito, impostos incluídos.[36] A MDMA estaba dispoñible abertamente en bares e discotecas da zona de Dallas, onde se creou unha sofisticada estrutura para a súa distribución, e fíxose popular entre profesionais con ingresos altos, estudantes universitarios e gais.[33] A palabra «éxtase» entrou no argot en 1981,[35] denominación debida ó líder do «grupo de Texas», Michael Clegg,[37] quen cría que con ese nome a substancia tería un maior atractivo comercial.[32]

Prohibición

[editar | editar a fonte]
Logo da Administración para o Control de Drogas, dependente do Departamento de Xustiza dos Estados Unidos, axencia responsable da ilegalización da MDMA no país na década de 1980.

O Reino Unido ilegalizou a MDMA en 1977, por mor dunha modificación da Misuse of Drugs Act de 1971. Aínda que non se nomeaba explicitamente a MDMA na nova lexislación, a prohibición alcanzou ás fenetilaminas.[38][39] En 1982, a Administración para o Control de Drogas dos Estados Unidos (DEA) comezou a recoller información sobre o uso de MDMA coa intención de prohibir a droga se atopaban suficientes indicios de abuso.[33] A mediados de 1984, o uso de MDMA continuaba en auxe e popularizábase nos medios de comunicación. Bill Mandel informou sobre o «Adam» nun artigo no San Francisco Chronicle, pero confundiu a súa composición química coa de MMDA (3-metoxi-4,5-metilenedioxianfetamina; 3-metoxi-MDA). Un mes despois a Organización Mundial da Saúde (OMS) identificou correctamente a MDMA dentro dunha lista de vinte fenetilaminas, por ser a única substancia cun uso salientable.[32] A DEA propuxo prohibir a droga o 27 de xullo de 1984[40] e os responsables da organización sorprendéronse cando un gran número de médicos, terapeutas e investigadores tentaron frear a súa prohibición e solicitaron unha audiencia.[35] Nun artigo na revista Newsweek de 1985, un farmacólogo da DEA declarou que a axencia debía ignorar o seu uso en psiquiatría de cara á súa prohibición.[40]

A MDMA figurou na Lista I da Lei de Substancias Controladas dos Estados Unidos o 31 de maio de 1985 mediante un procedemento de emerxencia.[41] Para entón xa se levaran a cabao estudos co método dobre cego para comprobar a súa eficacia en psicoterapias. Varios peritos, baseándose neses estudos, declararon que a MDMA podía ter aplicacións médicas, polo que o xuíz de dereito administrativo que presidiu as audiencias recomendou que se clasificara a MDMA na Lista III, menos rigorosa que a Lista I, reservada para as substancias máis perigosas e sen uso médico aceptado. Malia isto, o administrador da DEA, John C. Lawn, incluíu a substancia na Lista I.[35] Un mes despois, ante as protestas, reconsiderouse o caso, pero volveuse clasificar a MDMA na Lista I, tras desestimarse os testemuños de expertos psiquiatras, que defendían que o uso de MDMA obtivera resultados positivos verificables en máis de 200 casos, por non terse publicado os resultados en revistas científicas.[35] En 1985, o Comité de Expertos da OMS recomendou incluír a MDMA na Lista I da Convención sobre substancias psicotrópicas de 1971, onde segue no presente.[42]

Trala prohibición

[editar | editar a fonte]
Pílula de éxtase co logo da revista Playboy, fotografía de 2010.

A finais da década de 1980, o uso da MDMA difundiuse na illa española de Eivissa,[43] no Reino Unido e noutras partes de Europa asociado coa cultura rave e o lecer nocturno de música psicodélica, e o uso ilícito da substancia estendeuse nos mozos adultos, nunha proporción salientable procedentes de familias de clase media alta e alta,[44] e universitarios. A MDMA converteuse nunha das catro drogas ilícitas máis consumidas nos Estados Unidos xunto coa cocaína, a heroína e o cánnabis.[28] No 2004, un estudo situouna como a segunda droga máis consumida nos Estados Unidos, só superada polo cánnabis.[28]

Despois da ilegalización da substancia, o seu uso médico detívose, aínda que algúns terapeutas continuaron a receitala como menciña de maneira ilegal. Porén, cos anos fóronse autorizando estudos sobre os efectos da MDMA en seres humanos en varios países, incluídos varios centros nos Estados Unidos, como a Universidade Estatal Wayne en Detroit, a Universidade de Chicago, o California Pacific Medical Center de San Francisco ou o National Institute on Drug Abuse de Baltimore; no Hospital Universitario de Psiquiatría de Zúric, na Universidade de Maastricht nos Países Baixos e na Universidade Autónoma de Barcelona de España.[45][46]

No 2010, a BBC informou que o uso de MDMA diminuíra no Reino Unido respecto a anos anteriores. Esta redución debeuse ó aumento de reaccións adversas no seu consumo e á diminución da produción dos compostos empregados na súa fabricación. Tamén especulouse que a substitución involuntaria de MDMA por outras drogas, como a mefedrona ou a metanfetamina,[47] así como a opción de consumir alternativas legais como BZP, MDPV e metilona, podían ser outras causas da perda de popularidade.[48]

Pastillas de MDMA gravadas con monogramas distintivos.

Polo xeral, o éxtase consómese por vía oral en forma de pastillas. A droga afecta principalmente ao cerebro actuando sobre a serotonina, un neurotransmisor (substancia química que transporta sinais entre as células nerviosas). Iso produce cambios do humor e estados de ánimo e alteracións da percepción. O MDMA tamén afecta a outros neurotransmisores, principalmente a noradrenalina e, en menor medida, a dopamina.

O mecanismo de acción atribúese o rol da MDMA como agonista directo dos receptores neuronais presinápticos de serotonina. Deste modo, o MDMA induce a liberación destes neurotransmisores dende as vesículas nas terminais presinápticas das neuronas, cara ao espazo sináptico, propagando o sinal por toda a rede neuronal. Estes cambios neuroquímicos maniféstanse fisioloxicamente producindo temperanza emocional e apertura afectiva, comunicación desinhibida, empatía (entactoxénese).

O MDMA preserva tamén os efectos estimulantes típicos da anfetamina, que reforzan os xa descritos, producindo sensación de grande enerxía física, con aumento da actividade motora (hiperactividade), benestar xeral e euforia.

O éxtase produce unha desinhibición da emotividade cun sentimento de euforia, aumento da sociabilidade, da capacidade de comunicación e sensación de acercamento aos demais. O consumidor pode sufrir ademais ansiedade, axitación, náuseas, sequidade de boca, sede, sudación, temores, espasmo dos músculos da mandíbula, aumento da temperatura corporal, deshidratación e elevación da tensión arterial e da frecuencia cardíaca.

O subidón maniféstase en ondadas con sensacións de euforia, alegría, felicidade, empatía in crescendo e dunha sensación de lixeireza mental e física.

O MDMA puro acostuma ter unha baixada moi tranquila e facilidade para durmir, porén as pastillas de clubbing acostuman vir acompañadas de estados depresivos, debido a que a liberación de serotonina inducida puido ter depletado (baleirado) temporariamente as vesículas que aloxan os neurotransmisores de reserva. Nese caso, produciríase unha caída brusca nos niveis extracelulares de serotonina, que tardaría varios días en recompoñerse. Para evitar estas consecuencias é frecuente a administración dun antidepresivo Inhibidor da Recaptación da Serotonina (IRS), sobre todo a fluoxetina, unhas 6 horas despois da inxesta de MDMA. Evidencia científica preliminar (en ratas) asocia esta práctica cunha acción neuroprotectora, profiláctica contra a posible toxicidade do MDMA. [1] [2].

O consumo de éxtase interfire coa capacidade do organismo para regular a temperatura, o que pode producir unha hipertermia perigosa, que pode provocar un fallo hepático, renal e cardiovascular. As doses altas orixinan insomnio, ansiedade, crise de pánico, alucinacións, risco de convulsións, insuficiencia renal, insuficiencia hepática, trombose, arritmias e hemorraxias ou infartos cerebrais. Existe a posibilidade de que aparezan crises de ansiedade, trastornos depresivos e trastornos psicóticos.

Contrariamente ao que suxire a mitoloxía popular, o MDMA non ten efectos afrodisíacos, alguén a chamou sensual mais non sexual. A súa utilidade para facilitar a introspección cun temor reducido foi comprobada nalgúns contextos terapéuticos, levando á FDA (Food and Drug Administration) estadounidense a aprobar no 2001 a súa experimentación en pacientes con trastorno de estrés postraumático. No 2004, a DEA (Drug Enforcement Agency) outorgou as primeiras licenzas para adquirir esta droga legalmente. Os representantes da clase médica que participan nestes ensaios, manifestáronse en favor de modificar o status legal do MDMA, propondo que sexa retirado da Listaxe I e incluído na Listaxe III de psicotrópicos.

O MDMA atravesa a barreira hematoencefálica do cerebro o que explica os seus rápidos efectos, pero ademais dánaa, como amosan os experimentos de Brian Yamamoto (Universidade de Boston) con ratas. Ao parecer fai que a barreira se volva máis permeable e polo tanto máis vulnerable a axentes patóxenos.

Tolerancia

[editar | editar a fonte]

O corpo humano desenvolve tolerancia a esta droga, polo que o consumo continuo da mesma leva á paulatina ausencia de efectos, debido a isto unha persoa que inxire a droga semanalmente, probablemente despois dun ou dous meses non sinta os efectos da mesma ou estes sexan case imperceptibles. Cando os efectos do éxtase desaparecen pode experimentarse, incluso días despois, canseira, sentimentos de depresión e outras alteracións do humor.

É importante saber que os efectos do éxtase non aparecen de forma inmediata, que en moitos casos a súa composición está adulterada con outras substancias e que resulta perigoso combinalo con outras drogas porque a suma dos seus efectos é imprevisible.

Algúns pensan que o éxtase tamén é un neurotóxico, pero isto último só se ten demostrado en animais de laboratorio sometidos a altas doses da substancia e por vías moi pouco habituais no consumo humano (como a inxección intraperitoneal), polo que a súa existencia en humanos é altamente controvertida.

Estudos e investigacións sobre o éxtase

[editar | editar a fonte]

Os científicos están estudando se o éxtase produce unha lesión permanente nas neuronas cerebrais. As investigacións realizadas en ratas e outros animais confirman a lesión de neuronas serotoninérxicas. Os estudos no ser humano, nos que se empregaron as novas tecnoloxías de exploración cerebral como a tomografía de emisión de positróns e a tomografía computerizada de emisión de fotón único, apuntan tamén a unha afectación permanente nas vías da serotonina. Ademais, outras probas realizadas en persoas que o utilizan habitualmente sinalan que o éxtase pode afectar de forma negativa á memoria, a aprendizaxe e outros procesos mentais.

Con todo, algúns científicos que critican esas investigacións sinalan que os estudos en animais non se poden aplicar directamente ao ser humano e sosteñen que, con frecuencia, o éxtase se adultera e contén outras substancias ilegais perigosas, coma cocaína, metanfetamina o parametoxianfetamina. É difícil valorar, sen coñecer con precisión a súa composición, cales son os efectos a longo prazo atribuíbles en exclusiva o éxtase.

Outros expertos abrigan a esperanza de que as investigacións futuras sobre o MDMA demostren a súa aplicación médica como psicofármaco. Algúns psiquiatras suxiren que o MDMA, administrado baixo control a doses baixas e pouco frecuentes, podería ser útil para facilitar o tratamento de pacientes que sofren depresión ou ansiedade persistente provocada por un acontecemento traumático.

Estrutura química do MDMA

A nomenclatura IUPAC para este composto é 3-4 metilendioximetanfetamina.

A fórmula química do MDMA é: C11H15NO2 Trátase dunha molécula pertencente ao grupo das fenetilaminas, emparentada estruturalmente co alcaloide mescalina, e derivada química da metanfetamina. Tamén está relacionada co MDA (metilendioxianfetamina), un composto precursor, con efectos fisiolóxicos similares. Tanto a metanfetamina como o MDA, adóitanse vincular con potenciais efectos neurotóxicos.

Modos de emprego

[editar | editar a fonte]

O MDMA pódese atopar en forma de po cristalino, e en caso de ser de alta calidade, en cristais, por iso se lle chama ás veces crystal. Tamén se comercializa en pílulas que acostuman levar compactantes e aglutinantes. Inxírense normalmente en doses pequenas, coa intención de controlar o efecto, o que é difícil polo descoñecemento da pureza e o seu contido en MDMA. O po pódese nifrar, aínda que é molesto ao ser cristalinos.

A dose normal para un adulto acostuma ser 100 mg a 120 mg. O problema coas pastillas de club que se adoitan atribuír ao MDMA é o compoñente das mesmas, acostuman ter como base da pastilla anfetaminas e outras drogas como MDA, DXM, heroína, ketamina ou outras substancias case todas elas alucinóxenas que si xeran adicción física e que ademais combinadas co MDMA poden chegar a ser altamente perigosas. Estas mesturas realizadas nas pastillas poden ter varios motivos, entre eles o feito de que pode ser máis "divertido" o que a pastilla conteña algún alucinóxeno ou enerxizante que permita estar nunha rave durante moito tempo, outra posibilidade é o coñecemento dos fabricantes desta droga de que o MDMA non pode chegar a causar adicción física debido á tolerancia que o corpo desenvolve, o que levaría a unha baixa no consumo.

O uso máis común da droga é sobre todo lúdico fundamentalmente en festas e discotecas, porén investigacións feitas por psicólogos e psiquiatras demostran que esta droga ten un potencial altísimo no tratamento de certas desordes mentais como paranoia, fobias, esquizofrenia etc. e tamén no tratamento de parellas en crise, debido ás cualidades empáticas da droga que xeran unha grande apertura o diálogo.

Sobredose

[editar | editar a fonte]
Síntomas dunha sobredose:

En casos de toxicidade por sobredose, pode producirse hipertermia e síndrome serotoninérxico. Existe risco de deshidratación en usuarios con alta actividade física que esquecen beber auga, debido a que a droga pode inhibir a percepción do cansazo e a sede, sendo este o principal risco nas festas electrónicas (raves) debido aos consumidores que esquecen hidratarse e ventilar o corpo, menosprezando a importancia disto debido aos efectos eufóricos e de benestar da droga. En contraste, tamén se rexistraron casos de hiponatremia (deficiencia de sodio) por exceso de auga. Pero quizais o maior perigo provén do feito de que outras drogas, máis perigosas (como PMA, DXM ou metanfetamina), se engaden ás pastillas de éxtase ou moitas veces simplemente véndense como tales. Por outra banda, a inxestión de alcol agrava os riscos potenciais xa que o alcol axuda coa deshidratación. Non hai información dispoñible sobre os efectos da droga a longo prazo en humanos, debido a que o status legal desta substancia impedía tales investigacións ata o 2001, cando se autorizaron os ensaios clínicos antes mencionados.

  1. "Utopian Pharmacology: Mental Health in the Third Millennium MDMA and Beyond" (en inglés). MDMA.net / BLTC. 2014. Consultado o 27 de maio de 2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Meyer, Jerrold S (21 de novembro de 2013). "3,4-methylenedioxymethamphetamine (MDMA): current perspectives" (en inglés). US National Library of Medicine National Institutes of Health. Consultado o 20 de maio de 2015. 
  3. Parrott, Andrew C. (1 de xaneiro de 2014). "The Potential Dangers of Using MDMA for Psychotherapy". Journal of Psychoactive Drugs 46 (1): 37–43. ISSN 0279-1072. PMID 24830184. doi:10.1080/02791072.2014.873690. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  4. Turner, Amy (4 de maio de 2008). "Ecstasy is the key to treating PTSD". The Times. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2008. Consultado o 12 de maio de 2010. 
  5. «Ecstasy to be tested on terminal cancer patients.» 28 de diciembre del 2004. Arquivado 30 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. Associated Press.
  6. "World Drug Report 2016" (PDF). Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Crime (en inglés). Naciones Unidas (ONU). xuño de 2016. Consultado o 5 de febreiro de 2017. 
  7. Mohan, J. (2014). "World Drug Report 2014" (PDF) (en inglés). Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Crime (ONU). Consultado o 20 de maio de 2015. 
  8. Neuroscience of Psychoactive Substance Use and Dependence. Organización Mundial de la Salud. 2004. p. 97. ISBN 978-92-4-156235-5. Consultado o 20 de maio de 2015. 
  9. Haber, F. (1891). "Ueber einige Derivate des Piperonals". Berichte der deutschen chemischen Gesellschaft (en inglés) 24 (1): 617–626. ISSN 1099-0682. doi:10.1002/cber.189102401115. 
  10. F. Haber: Über einige Derivate des Piperonals. Dissertation, Schade, Berlín, 1891
  11. Xu, Q. Alan; Madden, Timothy L. (15 de xullo de 2012). LC-MS in Drug Bioanalysis (en inglés). Springer Science & Business Media. ISBN 9781461438281. Consultado o 14 de xullo de 2016. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Bernschneider-Reif S; Oxler F; Freudenmann RW (2006). The origin of MDMA (‘Ecstasy’) – separating the facts from the myth (en inglés) (Pharmazie ed.). pp. 966–972. Consultado o 21 de maio de 2015. 
  13. "Original document: DE274350 (C)" (en inglés). Oficina Europea de Patentes. 1914. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2016. Consultado o 21 de maio de 2015. 
  14. «Safrilmetilamina» é o nome co que o seu descubridor chamou a MDMA.
  15. Hardman HF; Haavik CO; Seevers MH (1973). Relationship of the Structure of Mescaline and Seven Analogs to Toxicity and Behavior in Five Species of Laboratory Animals. Toxicology Applied Pharmacology 25 (2) (en inglés). pp. 299–309. Consultado o 21 de maio de 2015. 
  16. Siegel, Ronald K. (1 de outubro de 1986). "MDMA: Nonmedical Use and Intoxication". Journal of Psychoactive Drugs 18 (4): 349–354. ISSN 0279-1072. PMID 2880950. doi:10.1080/02791072.1986.10472368. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  17. Benzenhöfer, Udo; Passie, Torsten (1 de agosto de 2010). "Rediscovering MDMA (ecstasy): the role of the American chemist Alexander T. Shulgin". Addiction (en inglés) 105 (8): 1355–1361. ISSN 1360-0443. doi:10.1111/j.1360-0443.2010.02948.x. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  18. Sreenivasan, V. R. (1 de xuño de 1972). "Problems in Identification of Methylenediony and Methoxy Amphetamines". The Journal of Criminal Law, Criminology, and Police Science 63 (2): 304–312. doi:10.2307/1142315. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  19. Foderaro, Lisa W. (11 de decembro de 1988). "Psychedelic Drug Called Ecstasy Gains Popularity in Manhattan Nightclubs". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  20. "Wired 10.09: Professor X". archive.wired.com. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  21. "Title 21 CFR - PART 1308 - Section 1308.11 Schedule I". www.deadiversion.usdoj.gov (en inglés). Departamento de Justicia de Estados Unidos: Drug Enforcement Administration: Office of Diversion Control. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2009. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  22. 22,0 22,1 Pentney, Alana R. (1 de setembro de 2001). "An Exploration of the History and Controversies Surrounding MDMA and MDA". Journal of Psychoactive Drugs 33 (3): 213–221. ISSN 0279-1072. PMID 11718314. doi:10.1080/02791072.2001.10400568. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 23,6 Udo Benzenhöfer; Torsten Passie (9 de xullo de 2010). Rediscovering MDMA (ecstasy): the role of the American chemist Alexander T. Shulgin (Addiction 105 (8) ed.). pp. 1355–1361. 
  24. Problems in Identification of Methylenedioxy and Methoxy Amphetamines. Journal of Criminal Law, Criminology & Police Science (The Journal of Criminal Law, Criminology, and Police Science, Vol. 63, No. 2) 63 (2). pp. 304–312. Consultado o 26 de maio de 2015. 
  25. 25,0 25,1 Brown, Ethan (setembro de 2002). "Professor X". Wired (en inglés). Consultado o 26 de maio de 2015. 
  26. "Alexander ‘Sasha’ Shulgin" (en inglés). Alexander Shulgin Research Institute. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2014. Consultado o 26 de maio de 2015. 
  27. AT Shulgin; DE Nichols (1978). Characterization of Three New Psychotomimetics. Nova York: The Psychopharmacology of Hallucinogens. pp. 74–83. ISBN 0-08-021938-1. Consultado o 26 de maio de 2015. 
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 Jennings, Peter (1 de abril de 2004). "Ecstasy Rising". Primetime Thursday (ABC News). Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2015. Consultado o 07 de setembro de 2017. 
  29. 29,0 29,1 29,2 Bennett, Drake (30 de xaneiro de 2005). "Dr. Ecstasy". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  30. Shulgin, Alexander; Shulgin, Ann (1991). Part I, Chapter 12. PiHKAL : A Chemical Love Story. Berkeley, CA: Transform Press. ISBN 0-9630096-0-5.
  31. Bennet, Drake (30 de xaneiro de 2005). "Dr. Ecstasy". The New York Times. Consultado o 26 de maio de 2015. 
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 Ecstasy: The MDMA Story (en inglés). Ronin Publishing. 29 de decembro de 1993. ISBN 9780914171683. Consultado o 27 de maio de 2015. 
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 "Why MDMA Should Not Have Been Made Illegal". www.psychedelic-library.org. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2011. Consultado o 27 de maio de 2015. 
  34. 34,0 34,1 Ecstasy: The MDMA Story (en inglés). Ronin Publishing. 29 de decembro de 1993. ISBN 9780914171683. Consultado o 27 de maio de 2015. 
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 35,5 Pentney, A. R. (2001 Jul-Sep). "An exploration of the history and controversies surrounding MDMA and MDA". Journal of Psychoactive Drugs 33 (3): 213–221. ISSN 0279-1072. PMID 11718314. doi:10.1080/02791072.2001.10400568. Consultado o 27 de maio de 2015. 
  36. 36,0 36,1 36,2 Beck, Jerome; Rosenbaum, Marsha (1994). Pursuit of Ecstasy: The MDMA Experience (en inglés). SUNY Press. ISBN 9780791418178. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  37. Power, Mike (1 de xaneiro de 2013). Drugs 2.0: The Web Revolution That's Changing how the World Gets High (en inglés). Portobello. ISBN 9781846274596. Consultado o 27 de maio de 2015. 
  38. "Misuse of Drugs Act 1971". www.legislation.gov.uk. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  39. Power, Mike (1 de xaneiro de 2013). Drugs 2.0: The Web Revolution That's Changing how the World Gets High (en inglés). Portobello. ISBN 9781846274596. Consultado o 10 de decembro de 2015. 
  40. 40,0 40,1 "Getting High on "Ecstasy"" (PDF). Newsweek (en inglés). 15 de abril de 1985. Consultado o 28 de maio de 2015. 
  41. "U.S. Will Ban 'Ecstasy,' a Hallucinogenic Drug". The New York Times. 1 de xuño de 1985. ISSN 0362-4331. Consultado o 27 de maio de 2015. 
  42. "Who Expert Committe on Drug Dependence" (PDF) (en inglés). Organización Mundial de la Salud. 1985. Consultado o 28 de maio de 2015. 
  43. McKinley Jr., James C. (12 de setembro de 2012). "Overdoses of ‘Molly’ Led to Electric Zoo Deaths". The New York Times. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  44. "MDMA: La droga “de moda” entre los jóvenes ticos". 18 de agosto de 2013. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2015. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  45. Donaldson James, Susan (23 de febreiro de 2015). "What Is Molly and Why Is It Dangerous?". NBC News. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  46. Aleksander, Irina (21 de xuño de 2013). "Molly: Pure, but Not So Simple". The New York Times. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  47. "Mephedrone (4-Methylmethcathinone) appearing in "Ecstasy" in the Netherlands". DrugMonkey. 19 de setembro de 2010. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  48. "Why ecstasy is 'vanishing' from UK nightclubs". BBC. 19 de xaneiro de 2010. Consultado o 25 de maio de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]