Max von Bahrfeldt
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de febreiro de 1856 Gerswalde, Alemaña |
Morte | 11 de abril de 1936 (80 anos) Halle (Saale), Alemaña |
Comandante | |
Actividade | |
Ocupación | numismático, militar, arqueólogo, profesor universitario |
Partido político | Partido Popular Nacional Alemão (pt) |
Carreira militar | |
Rama militar | Exército Imperial Alemán |
Rango militar | General of the Infantry (en) |
Conflito | Primeira guerra mundial Batalla de Charleroi |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Max Ferdinand Bahrfeldt (a partir de 1913 von Bahrfeldt), nado en Gerswalde o 6 de febreiro de 1856 e finado na cidade saxoa de Halle o 11 de abril de 1936, foi un xeneral, numismático e historiador local alemán.
Bahrfeldt é coñecido como un dos maiores estudosos da moeda romana da época republicana. O seu irmán máis vello, Emil Bahrfeldt (1854-1929), tamén foi un reputado numismático.
No ámbito militar, en paralelo ás súas vitorias, atribúenselle as atrocidades cometidas en Charleroi durante a invasión alemá de Bélxica en 1914 durante a primeira guerra mundial.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Bahrfeldt naceu en 1856 no barrio de Willmine, do municipio de Gerswalde, en Brandeburgo.[1]
Carreira militar
[editar | editar a fonte]Desde 1869, Bahrfeldt asistiu ás escolas de cadetes de Wahlstatt (a actual Legnickie Pole, en Polonia) e de Berlín, ata 1873, cando se converteu en tenente do 75º rexemento de Infantaría, de Bremen.[2] Posteriormente emprendeu a carreira de oficial no exército prusiano e estudou na Academia de Guerra de Berlín entre 1882 e 1885. En 1904 foi ascendido a coronel, en 1908 a xeneral de división e en 1911 a tenente xeneral. Finalmente, retirouse do exército en 1916.[1][3]
Primeira guerra mundial
[editar | editar a fonte]Como xeneral de Infantaría, dirixiu varias divisións coas que participou en diferentes batallas na fronte occidental durante a primeira guerra mundial.[1][4]
Unha destas divisións comandadas por Bahrfeldt foi a 37ª de Infantaría, coa que participou na captura da cidade de Charleroi o 22 de agosto de 1914, no marco da invasión alemá de Bélxica. Acusado posteriormente polos aliados de cometer crimes de guerra durante a ocupación, foi condenado a morte en ausencia nun consello de guerra celebrado por un tribunal belga en 1925.[4][5][6]
Na súa condición de tenente xeneral, Bahrfeldt accedeu á nobreza hereditaria prusiana o 16 de xuño de 1913, no marco do XXV aniversario do reinado de Guillerme II, o que leva consigo o uso do apelido "von Bahrfeldt".[2][7]
Polos seus servizos militares recibiu a Estrela de segunda clase da Orde da Aguia Vermella, así como a Estrela de segunda clase da Orde da Coroa prusiana.[8]
Actividade política
[editar | editar a fonte]Bahrfeldt foi membro do Partido Alemán da Patria (Deutsche Vaterlandspartei) desde a súa fundación en 1917. Durante a República de Weimar estivo afiliado ao Partido Popular Nacional Alemán (Deutschnationale Volkspartei) e á organización paramilitar Stahlhelm ("Casco de Aceiro"). Logo da disolución desta organización durante o Terceiro Reich, Bahrfeldt pasou á reserva da SA-Sturmabteilungen, o brazo paramilitar de partido nazi alemán.[3]
Carreira académica
[editar | editar a fonte]Bahrfeldt amosou xa desde a súa xuventude interese pola numismática, non só como coleccionista senón que tamén se dedicou ao seu estudo, xunto co seu irmán Emil, e focalizou o seu interese nas cuñaxes da República Romana e da Baixa Saxonia,[2][4][9][10] en tanto que Emil se centraba na moeda medieval de Brandeburgo.[11]
Iniciou as súas investigacións numismáticas en 1873, cando comandaba o 75º rexemento de infantaría, e publicou o seu primeiro traballo sobre este tema en 1874, en Stade.[2] Un ano despois accedeu ao posto de coeditor da revista Numismatisch-Sphragistischer Anzeiger, publicada en Hannover, na que publicou numerosos artigos.[2]
Entre 1876 e 1882, en tanto que prestaba os seus servizos como auxiliar do rexemento de gornición en Stade, colaborou tamén como secretario da sociedade histórica local e exerceu como conservador da súa colección numismática. Ademais, tamén efectuou escavacións no sitio arqueolóxico do vaso campaniforme de Perleberg.
Como estudoso e como coleccionista, viaxou a diversas cidades europeas, entre elas París, Madrid, Viena, Budapest, Moscova, San Petersburgo, Copenhague e Londres, e alí visitou as coleccións e os gabinetes numismáticos máis importantes, sobre todo as partes dedicadas á moeda da Antiga Roma.[3][12]
A partir de 1880, Bahrfeldt foi editor da revista Numismatisches Literaturblatt, publicada en Stade.[3][9]
Estudos de numismática romana
[editar | editar a fonte]Polos seus estudos, Bahrfeldt está considerado como un dos maiores coñecedores das emisións monetarias da República Romana. En 1911 contribuíu a achegar luz a cerca das cuñaxes xeto-dacianas coa súa interpretación do estatero de ouro de Coson, defendendo a súa xénese local e excluíndo calquera relación coa fuxida de Roma de Marco Xunio Bruto, o que supuña rexeitar a conxectura de Joseph Hilarius Eckhel, que argumentara a súa orixe externa.[13] Neste sentido, Bahrfeldt obtivo a adhesión á súa postura do presitixioso numismático Theodor Mommsen.
Max von Bahrfeldt casou en Gotha, o 14 de outubro de 1878, con Elisabeth Mary Charlotte Samwer (1859-1954), filla do xurista e tamén numismático Karl Friedrich Samwer (1819-1882).[4] Tomando como base os papeis deixados polo seu sogro tras a súa morte, Bahrfeldt compuxo a máis salientable das súas monografías, publicada en Viena en 1883, acerca da historia das emisións monetarias da Antiga Roma a partir do ano 200 a. C.[14]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1911 Bahrfeldt foi nomeado doutor honoris causa pola Facultade de Filosofía da Universidade de Giessen.[2] Pola súa banda, en 1921 a Universidade de Halle-Wittenberg nomeouno profesor honorario de Numismática, onde traballou ata o seu falecemento en 1936.[3][4][9][12]
Premios
[editar | editar a fonte]Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma dalgúns dos artigos e dos traballos monográficos publicados por Bahrfeldt ao longo da súa carreira académica:[16][17][18]
Monografías
[editar | editar a fonte]- (1883). Geschichte des älteren römischen Münzwesens bis circa 200 vor Christi (554 der Stadt) (con K. F. L. Samwer). Commissionsverlag von W. H. Kül in Berlin, Viena.
- (1897-1919). Nachträge und Berichtigungen zur Münzkunde der römischen Republik : im Anschluss an Babelon's Verzeichniss der Consular-Münzen. Tomo I (1897). Tomo II (1900). Tomo III (1919). Bahrfeldt, Viena.
- (1899). Le monete romano-campane (con S. Ricci). Cogliati, Milán.
- (1914). Die Münzsammlung des Roemer-Museums zu Hildesheim. Lax, Hildesheim.
- (1922). Sammlung römischer Münzen der Republik u. des West-Kaiserreichs. Riechmann, Halle.
- (1923). Die römische Goldmünzenprägung während der Republik und unter Augustus. Riechmann, Halle.
- (1927-1930). Niedersächsisches Münzarchiv; Verhandlungen auf den Kreis- und Münzprobationstagen des Niedersächsischen Kreises, 1551-1625 (catro volumes. Riechmann, Halle.
Artigos
[editar | editar a fonte]- (1881). "Die Kupfermünzen Der Römischen Metelli". En Numismatische Zeitschrift, 13. Páxinas 149-177.
- (1884). "Die gefütterten Münzen aus der Zeit der römischen Republik ". En Numismatische Zeitschrift, 25. Páxinas 309-366.
- (1911). "Über die Goldmünzen des Dakerkönigs Koson". En Berliner Münzblätter. Vol. 32/34. Páxinas. 251-255, 323-326, 360-369.
- (1925). "Die Römisch-Sizilischen Münzen aus der Zeit der Republik : eine Nachlese". En Schweizerische Numismatische Rundschau, 24. Páxinas 218-234.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Cahn, H. A. (1934). Páxina 435.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Bahrfeldt, Max Ferdinand von (1856-1936)". Prenzlau online.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Max von Bahrfeldt". Universität Halle-Wittenberg.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Jesse, W. (1953).
- ↑ Toppe, A. (ed.) (2008). Militär und Kriegsvölkerrecht. Rechtsnorm, Fachdiskurs und Kriegspraxis in Deutschland 1899-1940. Oldenbourg Wissenschaftsverlag, Múnic. Páxina 136. ISBN 978-3-486-58206-2
- ↑ Lemaire, A.; Nonclercq, P. (2013). Charleroi, août 1914: Crimes, incendies, pillages, bombardements. L'invasion allemande au pays de Charleroi. Noir Dessin, Liexa. Páxinas 4-45. ISBN 978-2-87351-283-5. [Reedición analítica da orixinal de 1929]
- ↑ Militär-Wochenblatt. Nº 81. 19 de xuño de 1913. Páxina 1.863.
- ↑ Kriegsministerium (ed.) (1913). Rangliste der Königlich Preußischen Armee und des XIII. (Königlich Württembergischen) Armeekorps für 1913. Mittler & Sohn, Berlín. Páxina 108.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 "Bahrfeldt, Max von". Enciclopedia Treccani.
- ↑ Cahn, H. A. (1934). Páxina 437.
- ↑ Jesse, W. (1953). "Bahrfeldt, Numismatiker. 1) Emil". En Neue Deutsche Biographie. Vol. 1. Duncker & Humblot, Berlín. Páxina 543.
- ↑ 12,0 12,1 Cahn, H. A. (1934). Páxina 436.
- ↑ Véxase (1911) en "Bibliografía - Artigos".
- ↑ Véxase (1883) en "Publicacións - Monografías".
- ↑ "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
- ↑ "Bahrfeldt, Max Ferdinand von 1856-1935 Arquivado 25 de abril de 2016 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
- ↑ "Bahrfeldt, Max von 1856-1936". WorldCat Identities.
- ↑ "Bahrfeldt, Max von". Regesta Imperii.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cahn, H. A. (1934). "Totenschau: Max von Bahrfeldt". En Schweizerische numismatische Rundschau. 26-4. Páxinas 435-438.
- Jesse, W. (1953). "Bahrfeldt, Numismatiker. 2) Max Ferdinand V.". En Neue Deutsche Biographie. Vol. 1. Duncker & Humblot, Berlín. Páxina 543.
- Nados en 1856
- Finados en 1936
- Nados en Brandeburgo
- Numismáticos de Alemaña
- Militares de Prusia
- Personalidades da primeira guerra mundial
- Galardoados coa medalla da Royal Numismatic Society
- Criminais de guerra
- Nobres de Alemaña
- Profesores da Universidade de Halle-Wittenberg
- Doutores honoris causa pola Universidade de Giessen