Suso Vaamonde
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (gl) Xesús Vaamonde Polo 20 de decembro de 1950 Ponte Caldelas, España |
Morte | 16 de febreiro de 2000 (49 anos) Vigo, España |
Causa da morte | cancro |
País de nacionalidade | Galiza |
Actividade | |
Ocupación | cantautor, compositor |
Período de actividade | 1966 - 1999 |
Xénero artístico | Folk |
Sitio web | susovaamonde.com |
Xesús Vaamonde Polo, nado en Rego do Vargo (A Insua, Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950 e finado en Vigo o 16 de febreiro de 2000, foi un cantautor galego, máis coñecido como Suso Vaamonde.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou no Colexio Apóstol Santiago de Vigo. Compositor dende os dezaseis anos, comezou a darse a coñecer na antiga Asociación Cultural de Vigo. Seguindo por este camiño, entrou dende mozo en contacto coa movida roqueira en Vigo, que o levou a formar parte dos grupos musicais Os Copens e Marco Balorento, este último en 1967,[1] e co que gañou o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de radio da cidade. Os seus comezos son máis ben beat e rock, con Os Copens xa se achegaba ao folk, a Bob Dylan, Joan Baez, Peter, Paul & Mary… e xa comeza a compor en galego.[2]
De aí pasou ó movemento Voces Ceibes a principios dos anos 70, deixando un pouco de lado o seu labor de letrista para, acompañado da súa guitarra, poñer voz e música a ducias de poemas. Tanto en grupo como na súa posterior carreira en solitario, o seu traballo de cantautor xirou sobre un triplo pensamento que o acompañou ata o leito de morte: defensa dun pobo, dunha terra e dunha fala.[1]
Preso
[editar | editar a fonte]En xuño de 1979, na pontevedresa praza da Ferrería nun recital antinuclear, decidiu engadir unha estrofa máis ó popular "Uah!":[3]
- Cando me falan de España
- sempre teño unha disputa
- que se España é miña nai
- eu son un fillo de puta.
Estas manifestacións foron consideradas "inxurias á Patria con publicidade" e foi condenado en novembro de 1980 a seis anos e un día de prisión.[4] Suso Vaamonde optou por exiliarse, viaxando por Londres e Alemaña e afincándose finalmente na capital venezolana, Caracas.[1] Nestes catro anos fóra de Galicia recibiu apoios de moitos países, pero especialmente de Portugal, a través de artistas que lle prestaron a súa solidariedade: Zeca Afonso, José Mário Branco, Fausto, Adriano Correia de Oliveira,...; personalidades da canción coas que Suso Vaamonde compartiu moitas veces escenario.[5]
No 1984 decidiu volver e entregarse. Logo de 46 días na Prisión Provincial de Ourense, un indulto liberouno definitivamente: pode que nisto influíse a propia petición de revisión de condena que Suso Vaamonde fixera ó naquel entón presidente Felipe González; porén, foi o seu antigo compañeiro de Voces Ceibes, Xaime Barreiro (Chuspe),[6] quen máis forte presión fixo dende o seu posto de senador socialista. Unha vez indultado, ofreceu un recital no cárcere ourensán onde estivera recluído, na honra dos que ata o momento foran os seus compañeiros. Así conta o seu irmán Senén a volta e o indulto[7]:
"Cando sucedeu o da canción en Pontevedra -en alusión a unhas estrofas que entonou Suso nas que renegaba de ser español- eu estaba na mili. Lembro que marchou para o exilio e que, alí, en Caracas, tivo unha conversa co presidente español daquela, Felipe González, quen lle prometeu un indulto. Meu pai tamén mantivera conversas aquí. Pero, claro, para obter o indulto tiña que voltar. Fómolo buscar ao Porto e estivo 43 días en prisión ata que o liberaron", relata Senén.
Volta ás xiras
[editar | editar a fonte]Posteriormente aos duros anos volveu comezar unha xira por tódolos escenarios de fóra e dentro de España coa súa música reivindicativa: loitar por un mundo no que aínda había moito por facer; a través de discos, colaboracións, e demais actividades que tivesen que ver coa música e coa proclama a través da palabra. Nos últimos anos o seu traballo centrouse na produción de diferentes artistas e grupos musicais, a través do seu propio selo discográfico, Trebón,[8] para relanzar novos valores e axudar á creación musical galega en diferentes estilos (corais, bandas de música, rock,...), empuxando á formación de grupos tan afamados como A Roda (no que coincidiu co seu irmán Luís).
Púxolle música a textos de Castelao, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Alfredo Brañas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza Brey, Roberto Blanco Torres, Manuel Rodríguez López, Aquilino Iglesia Alvariño, Valentín Lamas Carvajal etc. Levou as súas voces por España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Inglaterra, Arxentina ou Venezuela.[1]
Homenaxes e pasamento
[editar | editar a fonte]O 12 de novembro de 1999 recibiu unha homenaxe en Salvaterra de Miño, nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, en agradecemento e recoñecemento do labor e traxectoria do cantautor, foi emitida en directo pola Radio Galega.[9] Alí xa se sabía que no verán dese mesmo ano se lle detectara un cancro, pouco despois de realizar o seu último recital, en honra ó seu amigo e entón alcalde de Moraña, José Eiras, que se xubilaba coma mestre. Logo xa non puido cantar máis... ata o día da súa homenaxe. No pavillón, lugar onde se celebraba esta homenaxe, había arredor dos 3.000 asistentes e unha morea de artistas: A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, As Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda, Treixadura,... O acto comezou ás 22 horas e rematou cara ás 6 da madrugada despois de subir ao escenario o propio autor..[10]
A "Persoa máis representativa na historia da música do noso país",[11] en palabras do poeta Manuel María, morreu o 16 de febreiro de 2000, cando contaba con 49 anos de idade, sobre as 7 da mañá, na Clínica Fátima de Vigo.[12] Este feito supuxo un golpe para a identidade e a música galegas, en opinión de diferentes persoeiros da vida cultural. O seu pasamento tivo en medios de comunicación a repercusión da que, porén, prescindiran as súas cancións. O funeral pola súa morte levouse a cabo na Igrexa dos Xesuítas, onde estudara dende os once anos: nesta cerimonia soaron as súas cancións en voces de compañeiros e do seu irmán Luís. Posteriormente, veu a súa homenaxe en morte. Foi o sábado 19 de febreiro de 2000 á beira do río Oitavén ó seu paso polo concello de Ponte Caldelas,[13] onde se verteron definitivamente as súas cinzas, tal e como el pedira. Alí reuníronse representantes da vida cultural e política galegas, ademais de xente do pobo, co fin de unir música e poesía de que se convertera nun referente da música de compromiso de Galicia. Interpretaron cancións que Suso Vaamonde popularizara, grupos como A Quenlla, A Roda, Pilocha ou Tino Baz, e recitaron poemas diferentes escritores presentes, coma Méndez Ferrín ou Bernardino Graña. Tamén se leron escritos redactados especialmente para esta homenaxe, por poetas coma Xosé María Álvarez Cáccamo e Manuel María. O himno galego soou cando as cinsas foron vertidas no río, e, coma colofón final, os presentes entoaron o "Volvín á terra pro perdín o amor", de Bernardino Graña, que cantara en vida Suso Vaamonde. Méndez Ferrín despediuse cun "Suso terá sempre coa súa palabra de esperanza o sentimento de home ceibe".[14]
No lugar onde as súas cinsas foron esparexidas érguese unha placa conmemorativa, ó igual que nalgunha que outra rúa de lugares como Chapela[15] ou Vigo.[16]
En 2020 púxoselle o seu nome á Casa do Pobo de Rego do Vargo e celebrouse unha homenaxe na súa honra.[17]
Obra musical[18]
[editar | editar a fonte]- Loitando. (1973). Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana e Manuel Álvarez Torneiro.
- Nin rosmar un laído. (1977). Concerto gravado ao vivo en Moaña, no Teatro-Cine de Veiga, coa participación, entre outros de Pilocha e Mini e Mero de Fuxan os ventos.
- Os soños na gaiola (1978)
- Limiar. (1979). Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro, Fernán Pardo, Méndez Ferrín, Manuel Rodríguez López, Bernardino Graña, Darío Xohán Cabana, Ramón Cabanillas e Uxío Novoneyra.
- Celso Emilio Ferreiro na voz de Suso Vaamonde. (1980). Disco monográfico dedicado a Celso Emilio Ferreiro
- Miña nai/Lonxe. (1981). Single composto por estes dous temas.
- Menceres. (1986). Poemas musicados de Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Eduardo Blanco Amor, Xosé María Álvarez Blázquez e Aquilino Iglesia Alvariño.
- Cantarolas para xente miúda. (1986). Novo disco para nenos e nenas, formado por composicións musicalizadas do escritor Xosé Neira Vilas.
- É Nadal. (1994) Disco temático dedicado a composicións propias do Nadal baseadas en textos de Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro, Fermín Bouza Brey, Valle-Inclán, Xulio Sigüenza, Dora Vázquez, Luis Amado Carballo, Emilio Pita, Antón Losada e Augusto Casas.
- Regodobargo. (1995). Homenaxe á súa vila natal, poemas musicados de Xosé Vázquez Pintor, Castelao, Manuel María, Fermín Bouza Brey, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Curros Enríquez, Francisco Añón Paz, e Manuel de Dios.
- Santiago, mar de pedra (1997). Son temas relacionados con Santiago de Compostela.
- Rapazas, rapaces e rapazadas (1998). É un disco infantil composto por poemas de Dora Vázquez, Uxío Novoneyra, Emilio Álvarez Blázquez ou Bernardino Graña, entre outros, así como poemas populares.
- As palabras dos galegos (1998). Cantigas de natureza variada, aínda que predomina a temática combatente e reivindicativa
- Cousas da lúa (1999). Proxecto musical ideado por Suso Vaamonde con motivo da homenaxe a Roberto Blanco Torres o Día das Letras Galegas de 1999. Coa colaboración de Código de Barras.[19]
- Lembranza (2000). Disco homenaxe a Suso Vaamonde, publicado meses despois da súa morte. Trátase dun disco recompilatorio composto por 24 cancións distribuídas en dous CDs.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Xesús Vaamonde Polo Galegos". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "Suso Vaamonde - La Fonoteca" (en castelán). Consultado o 2022-03-31.
- ↑ Pato, Alfonso (2022-03-27). "Suso Vaamonde: el cantautor rebelde y primer artista condenado por censura en la democracia". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "Suso Vaamonde, a estirpe do cantor popular". anosaterra. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2022. Consultado o 31 de marzo de 2022.
- ↑ "Primera biografía autorizada del músico Suso Vaamonde". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2022-03-31.
- ↑ Diario, Nós. "A historia do cantor que se exiliou do Réxime do 78". Nós Diario. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ Mar Mato "Manuel María y Vaamonde regresan" Faro de Vigo, 14/2/2016 (en castelán).
- ↑ "musicaengalego: SUSO VAAMONDE Voz de Trebón". musicaengalego. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "Homenaxe a Suso Vaamonde CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "Suso Vaamonde". susovaamonde.com. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ Eulixe. "Suso Vaamonde, el músico gallego condenado 41 años antes de Pablo Hasel". Eulixe (en castelán). Consultado o 2022-03-31.
- ↑ Hermida, Xosé (2000-02-16). "Muere Suso Vaamonde, histórico cantautor gallego". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ Manuel Bragado "Suso de Vaamonde" Faro de Vigo, 22/2/2010.
- ↑ "Ártabra 21: Aos 15 anos da morte de Suso Vaamonde - Como hei vivir mañá sen a luz túa? - Volvín à terra pro perdín o amor - Vídeo". Ártabra 21. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "Rúa Suso Vahamonde - Callejero de Redondela - Callejero.net". redondela.callejero.net (en castelán). Consultado o 2022-03-31.
- ↑ Club, Callejero. "Estado del tráfico en Rúa Suso Vaamonde Polo". Callejero (en castelán). Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "O nome de Suso Vaamonde xa permanece na historia da Casa do Pobo de Regodobargo". pontevedraviva. Consultado o 31 de marzo de 2022.
- ↑ "Suso Vaamonde". Discogs (en castelán). Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "Suso Vaamonde Buscar". susovaamonde.com. Consultado o 2022-03-31.
- ↑ "Suso Vaamonde Buscar". susovaamonde.com. Consultado o 2022-03-31.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Vaamonde Polo, Xesús". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 279.
- "Vaamonde, Suso". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Boó, Miguel (2019). Suso Vaamonde voz de trebón: o músico rebelde que popularizou a poesía galega. Galicia en el Mundo. ISBN 978-84-09-08818-8.
- Fernández Rego, Fernando (2022). Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo. Galaxia.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fernández Rego, Fernando. "Suso Vaamonde". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Amoedo Vidal, Mónica (2003). Suso Vaamonde. Unha vida en prol da loita usuarios.lycos.es
- "Cando me falan de España…" blog Estoutras, información e formación comunista desde Galiza, 3/8/2006.