Pierre-Augustin de Beaumarchais
Nome orixinal | (fr) Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 24 de xaneiro de 1732 París, Francia |
Morte | 18 de maio de 1799 (67 anos) París, Francia |
Lugar de sepultura | Cemiterio do Père-Lachaise, 28 Grave of Delarue de Beaumarchais (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Artes escénicas |
Ocupación | músico, financeiro, xornalista de opinión, arms trader (en) , espía, diplomático, editor, dramaturgo, poeta, empresario, reloxeiro |
Obra | |
Obras destacables
| |
Arquivos en | |
Familia | |
Cónxuxe | Madeleine-Catherine Franquet Geneviève-Madeleine Lévêque Marie-Thérèse-Amélie Caron de Beaumarchais |
Fillos | Amélie-Eugénie Caron de Beaumarchais () |
Pai | André-Charles Caron |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Бомарше Пьер Огюстен Карон де) Dicionario Musical Riemann (1901–1904) Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
|
Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais, nado en París o 24 de xaneiro de 1732 e finado na mesma cidade o 18 de maio de 1799, foi un dramaturgo francés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun reloxeiro, deixou os estudos con trece anos para aprender o oficio do seu pai. En 1753 inventou un mecanismo dos reloxos cun novo tipo de escape. En 1756 casou con Madeleine-Catherine Aubertin, viúva Franquet, dez anos maior ca el, e engadiu ó seu nome o de Beaumarchais, pertencente a unha propiedade da súa esposa, que morreu un ano despois.
En 1759 deu clases de arpa ás fillas de Lois XV. Gozando da protección real que lle valeu ter cargos oficiais, asociouse co financeiro da corte Pâris Duverney, involucrouse nas especulacións comerciais con tal habilidade que en poucos anos logrou acadar unha gran fortuna. Conseguiu o cargo de secretario do rei e foi nomeado lugartenente xeral de caza e comezou a escribir. Nesa época foi o protexido do príncipe de Conti.
En 1764 marchou a España por motivos políticos e económicos. Alí escribiu Eugénie (1767) e o drama Les Deux Amis (1770). En 1768, de volta en París, casou con Geneviève-Madeleine Wattebled, viúva de Lévêque, garda xeral dos Menus-Plaisirs, que morreu en 1770 con 39 anos, deixando unha importante fortuna.
Entre 1770 e 1773 Beaumarchais foi acusado de malversación e falsificación, véndose envolto nun longo e complicado proceso, o caso Goëzman, ademais dos seus preitos co conde de la Blache. Defendeuse brillantemente coas súas catro Memorias xudiciais (1773-1774), coas que chegou a renovar o xénero e que constitúen unha sátira dos abusos do réxime. Con todo, perdeu a súa fortuna, os seus amigos e os seus dereitos cívicos.
En 1774 coñeceu a Marie-Thérése de Willer-Mawlas, coa que casou en 1786. En 1775 estreou, con grande éxito Le Barbier de Séville ou la Précaution inutile. En marzo de 1786 foi enviado por vez primeira a Londres para negociar a supresión dun libelo dirixido contra Madame du Barry, Mémoires secrets d’une femme publique de Théveneau de Morande, misión coa que esperaba obter, outra vez, os favores da corte.
O 8 de abril de 1775, grazas ao consello de Sartine, recibiu o encargo do rei Lois XVI de impedir a publicación do panfleto l’Avis à la branche espagnole sur ses droits à la couronne de France à défaut d’héritiers, escrito por Angelucci. Esta misión, que levou a Beaumarchais a Inglaterra, Países Baixos, os Estados Alemáns e a Austria, onde foi encarcerado e acusado de espionaxe, serviulle para escribir unha aventura picaresca.
Ese mesmo ano foi enviado a Londres co propósito de recuperar uns documentos secretos que gardaba o chevalier d'Eon. En xuño viuse envolto nunha nova aventura, erixíndose en defensor dunha intervención francesa na Guerra de Independencia dos Estados Unidos. Tivo unha vehemente correspondencia co conde de Vergennes defendendo a causa dos insurxentes de América do Norte e de Francia, e tivo frecuentes encontros con Arthur Lee, deputado secreto dos insurxentes. O 10 de xuño de 1776 o secretario de Estado de asuntos exteriores confioulle unha secreta e importante suma para axudar aos americanos. A sociedade Rodrigue Hortalez et Cie., da que fora fundador, xogou un papel preponderante no seu enriquecemento. Vendeu armas e municións, e enviou unha frota privada aos insurxentes.
Ao tempo adquiriu unha gran celebridade no mundo xudicial polas súas factums, memorias xudiciais cheas de malicia e interese que obtiveron un grande éxito, así como as súas obras teatrais, orixinais e audaces, que axiña acadaron sona. Editou as obras completas de Voltaire, édition de Kehl, gañando así unhas sumas considerables.
En 1777 fundou a Sociedade de autores e compositores dramáticos, obtendo durante a Revolución francesa o recoñecemento dos dereitos de autoría, adquiridos de forma automática ao crear unha obra e que garantían á persoa autora os dereitos patrimoniais e morais.
En 1789 uniuse á Revolución francesa, sendo nomeado membro provisional da Comuna de París. Deixou axiña os asuntos públicos para volver dedicarse ás especulacións armamentísticas, intentando vender armas ás tropas da República, pero esta vez fracasou e acabou na ruína. En 1790 os revolucionarios considerárono sospeitoso e encarcerárono na Abadía, aínda que puido escapar do cadafalso. Exiliouse a Hamburgo e volveu a Francia en 1796. Escribiu as súas Memorias, obra mestra do panfleto, e morreu en París o 18 de maio de 1799 por mor dunha apoplexía. Foi soterrado no Cemiterio do Père-Lachaise.
Obra
[editar | editar a fonte]- Eugénie, drama en cinco actos e en prosa, Vve Duchesne, París, 1766. Estreado en 1767en París por Comédiens Français.
- Les Deux Amis, ou Le Négociant de Lyon, drama en cinco actos e en prosa, Vve Duchesne, París, 1770. Estreado na Comédie-Française o 13 de xaneiro de 1770.
- Tarare, melodrama en cinco actos, P. de Lormel, París, 1787. Estreado o 8 de xuño de 1787 no Teatro da Ópera. Libreto de Beaumarchais, música de Antonio Salieri.
- Trilogie de Figaro, ou Le roman de la famille Almaviva, título posto por Beaumarchais nun prefacio de La Mère coupable.
- Le Barbier de Séville ou la Précaution inutile, comedia en cinco actos, Ruault, París, 1775. Estreada na Comédie-Française o 23 de febreiro de 1775.
- As vodas de Fígaro (La Folle journée, ou le Mariage de Figaro), comedia en cinco actos e en prosa, Ruault, París, 1785. Estreada na Comédie-Française o 27 de abril de 1784.
- L'Autre Tartuffe, ou la Mère coupable, drama moral en cinco actos, Silvestre, París. Estreado o 6 de xuño de 1792.
Adaptacións
[editar | editar a fonte]As súas dúas obras máis coñecidas foron convertidas en ópera por Giovanni Paisiello, Wolfgang Amadeus Mozart e Gioachino Rossini. Amais, foron levadas ao cinema ou adaptadas para a televisión.
Le Barbier de Séville foi adaptada por Paisiello con libreto de Giuseppe Petrosellini co título de Il barbiere di Siviglia, ovvero la precauzione inutile, estreada na corte imperial de San Petersburgo o 26 de setembro de 1782. Foi adaptada por Rossini co título de Il barbiere di Siviglia, estreada no Teatro Argentina de Roma en 1815, levando por primeiro título Almaviva.
As vodas de Fígaro foi adaptada por Mozart con libreto de Lorenzo da Ponte co título de Le nozze di Figaro, estreada no Burgtheater de Viena o 1 de maio de 1786.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Frédéric Grendel, Beaumarchais ou la calomnie, París 1973, 566 p.
- P. Huot, Beaumarchais en Allemagne: révélations tirées des archives d'Autriche, París: A. Lacroix, Verboeckhoven, 1869, 218 p. (sobre o caso Angelucci).
- Sarah Maza, Vie privées, affaires publiques. Les causes célèbres de la France prérévolutionnaire, París, Fayard, 1997, 384 p. (sobre o proceso e os factums).
- René Pomeau, Beaumarchais ou la bizarre destinée, PUF écrivain, 1987, 227 p.
- Gunnar von Proschwitz, Introduction à l’étude du vocabulaire de Beaumarchais, Slatkine Reprints, Genève, 1981.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pierre-Augustin de Beaumarchais |