Saltar ao contido

Reino de Romanía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaReino de Romanía
Regatul României (ro) Editar o valor en Wikidata

HimnoTrăiască Regele (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 44°25′00″N 26°06′00″L / 44.416666666667, 26.1
CapitalBucarest (1881–1916)
Iași (1916–1918)
Bucarest (1918–1947) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua romanesa Editar o valor en Wikidata
RelixiónCristianismo ortodoxo Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación 14 de marzo de 1881:  causado por Romanian Old Kingdom Editar o valor en Wikidata
Disolución1947 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porEstado Nacional Legionário (pt) Traducir e República Popular da Romênia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Evento clave
23 de agosto de 1944Golpe de Estado na Romênia em 1944 (pt) Traducir
30 de decembro de 1947Romanian coup d'état of December 30th, 1947 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía constitucional Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoParlamento de Romanía , (Escano: 466) Editar o valor en Wikidata
Membro de
MoedaLeu romanés Editar o valor en Wikidata

O Reino de Romanía (Regatul României en romanés) foi unha monarquía constitucional que existiu entre 1881 e 1947 no actual territorio de Romanía. A súa orixe remóntase a 1859, cando os principados de Moldova e Valaquia uníronse baixo a rexencia dun único príncipe pondo os alicerces do que será o Reino de Romanía que, como entidade política, unirase ao bando vencedor da primeira guerra mundial. O Reino estenderase logo do Tratado de Trianon, mais perderá territorio nos Premios de Viena durante a segunda guerra mundial. Logo de ser ocupada pola Unión Soviética, en 1944, en 1947 a monarquía foi substituída por un réxime comunista.

Unificación e monarquía

[editar | editar a fonte]

O 5 de xaneiro de 1859 o coronel Alexandre Ioan Cuza é elixido príncipe de Moldova, e uns días despois, o 24 de xaneiro, é igualmente elixido príncipe de Valaquia. Esta unión dos dous principados baixo un único soberano quedou formalmente establecida o 5 de febreiro de 1862 cando quedou creado o Estado de Romanía baixo dominio feudal do Imperio Otomán coa constitución dunha asemblea na cidade de Bucarest como capital do novo estado.

As numerosas reformas iniciadas por Cuza, entre as que destacan a reforma agraria e a emancipación dos servos, fixeron que, o 23 de febreiro de 1866, unha coalición de conservadores e liberais radicais, coñecida como a "Coalición Monstruosa", obrigase ao rei a abdicar. Cuza é substituído polo príncipe alemán Karl de Hohenzollern-Sigmaringen quen é proclamado príncipe de Romanía co nome de Carol I.

O 9 de maio de 1877, trala guerra ruso-turca na que Romanía participou como aliada de Rusia, a derrota dos turcos permite ao estado romanés independizarse da tutela do Imperio Otomán e logra ser recoñecida internacionalmente como nación independente no Tratado de Berlín de 1878 aínda que se viu obrigada a entregar o territorio de Besarabia meridional a Rusia.

En 1881, Carol I foi coroado como primeiro rei de Romanía e, baixo o seu reinado, participou en 1913 na Segunda Guerra Balcánica que lle enfrontou, xunto a Serbia e Grecia, a Bulgaria. Trala derrota búlgara, Romanía obtivo o territorio de Dobruia segundo os acordos do Tratado de Bucarest.

En 1916, o sucesor de Carol I, Fernando I, racha a neutralidade que o seu antecesor declarara ao iniciarse a primeira guerra mundial e Romanía, entra no conflito ao lado aliado. O territorio romanés resulta invadido polo exército austroalemán e o país vese obrigado a solicitar a paz en 1917. Malia iso, en 1918, coa vitoria aliada Romanía logra ver incrementado o seu territorio coa adhesión dos territorios de Transilvania, Besarabia e Bucovina co que ficou configurada a "Gran Romanía". Esta unión foi confirmada en 1920 polo Tratado de Trianon.

Escudo de Armas do Reino de Romanía

O período de entreguerras

[editar | editar a fonte]

Trala primeira guerra mundial apróbase, en 1923 a Constitución, mais os sucesivos gobernos do período de entreguerras obviárona completamente mantendo só a aparencia dunha monarquía constitucional liberal.

O Partido Liberal Nacional dominará o panorama político de Romanía entre 1922 e 1927, período no que irá derivando progresivamente cara posturas ditatoriais que provocarán en 1927 a súa caída e a chegada ao poder do Partido Nacional Campesiño.

Ese mesmo ano é o do falecemento do rei Fernando I quen, en 1925, obrigara a renunciar aos seus dereitos herditarios ao seu fillo Carol debido aos continuos escándalos maritais que protagonizara. O sucesor no trono romanés foi o neto de Fernando e fillo de Carol, Miguel I, de tan só seis anos de idade, polo que o goberno ficou en mans dun rexente, o seu tío o príncipe Nicolás ata que, en 1930, apoiado polo Partido Nacional Campesiño, Carol logrou recuperar o trono e ser coroado rei como Carol II.

A situación que se atopa o novo rei, influenciada pola crise internacional de 1929, é a dun fondo malestar social, con numerosas folgas e un alto nivel de desemprego. Esta situación prolongarase durante toda a década dos anos trinta na que se sucederán até 25 gobernos distintos, e favorecerá a aparición da Garda de Ferro, un movemento fascista que explotará o crecente ultranacionalismo, o medo ao comunismo e o sentimento antisemita da poboación.

Esta situación irase tensando progresivamente ata que, o 10 de febreiro de 1938, o rei Carol II estableza unha ditadura que se manterá até o 7 de marzo de 1939.

A segunda guerra mundial

[editar | editar a fonte]
Reino de Romanía, 1939
Romanía despois de 1945

En 1940, nos inicios da segunda guerra mundial, o territorio de Transilvania setentrional foi cedido a Hungría no Segundo Premio de Viena, os de Besarabia e o norte de Bucovina á Unión Soviética e a parte meridional de Dobruia a Bulgaria. Todo isto seguindo as liñas que a Alemaña Nazi establecera no Pacto Molotov-Ribbentrop.

Tras estas derrotas políticas, o rei vese premido para nomear ao xeneral Ion Antonescu como Primeiro Ministro o 4 de setembro de 1940. Dous días despois, Antonescu fai abdicar ao rei Carol II e Miguel I sobe ao trono. Ion Antonescu apoiaríase na Garda de Ferro para acumular poder, mais logo inicia unha sanguenta purga contra o partido fascista.

Durante a segunda guerra mundial, Antonescu achega ao seu país á Alemaña Nazi, e os exércitos romaneses participan na invasión da Unión Soviética en 1941. As súas tropas quedan destruídas entre 1943 e 1944, e a finais deste ano o Exército Vermello achégase ás fronteiras romanesas. Antonescu é derrocado nun golpe de estado liderado polo Rei Miguel I, e cambia de bando, permitindo a entrada de tropas soviéticas a Romanía. Até o final da guerra, as tropas romanesas loitarían á beira das soviéticas contra Alemaña.

Trala finalización do conflito, o Reino de Romanía só recupera a Transilvania setentrional co que o territorio coñecido como a "Gran Romanía" desaparece en 1945. Porén, dous anos despois o propio Reino de Romanía desaparece como realidade política ao verse o rei Miguel I obrigado a abdicar trala proclamación, o 30 de decembro de 1947, da República Popular de Romanía.