Videferre, Oímbra
Videferre | |
---|---|
Igrexa de Santa María de Videferre. | |
Concello | Oímbra[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 41°50′59″N 7°35′09″O / 41.849775, -7.5858277777778 |
Área | 22,2 km² |
Poboación | 251 hab. (2011) |
Densidade | 11,31 hab./km² |
Entidades de poboación | 2[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Videferre é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 tiña 251 habitantes, dos cales 124 eran homes e 127 mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 293 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Videferre está situada ao oeste do concello de Oímbra. Fai fronteira con Portugal, na raia seca. Está a 828 msnm, e ten unha área de 22,22 km². Limita ao norte con San Millao (Cualedro) a través do río Búbal, e Azureira, e cos montes das Fragas, Buble e Casa da Moura. Ao sur limita con Soutelinho da Raia, a través dos montes do Penouco, Lama da Veiga e Reboeira. Ao leste limita con Bousés e Espiño, a través dos montes de Cruz da Pedra, Barreiras e Corga da Pega. Ao oeste limita con Vilar de Perdizes e o río Azureira.
Clima
[editar | editar a fonte]Videferre ten un clima de montaña, frío en inverno, con xeadas e nevadas, e suave en verán. Os ventos frescos e húmidos procedentes da serra de Larouco deixan choivas abondosas.
Historia
[editar | editar a fonte]A súa orixe estímase cara ao século III ou IV. O topónimo ten orixe romana, vitis ferre[Cómpre referencia]. Da época da romanización consérvase a estrutura orixinal da ponte sobre o Azureira e algúns lagares.
Até 1868 pertenceu a Videferre a parte galega de Souteliño, lugar que era considerado un dos tres pobos promiscuos por estar situado na mesma fronteira, entre Galiza e Portugal. Ese ano, coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, a parte galega foi anexada a Portugal, á propia freguesía de Soutelinho da Raia.[2][3] Eclesiasticamente seguiu a pertencer á freguesía e por tanto á diocese de Ourense. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, Souteliño acabou sendo incorporado tamén á arquidiocese de Braga o 27 de novembro de 1914.[4]
A actual igrexa parroquial de Santa María ten a súa orixe nos séculos XVI e XVII, sendo modificada a finais do século XIX. Está situada no centro da aldea, e ao leste da mesma situábase antigamente o camposanto. O adro foi restaurado recentemente. A parroquia pertence ao arciprestado de Monterrei.
Economía
[editar | editar a fonte]Até a década de 1960 a parroquia tiña unha economía de subsistencia, baseada na agricultura e gandería. A proximidade a Portugal facilitou o contrabando coas vilas de Soutelinho da Raia ou Vilar de Perdizes, especialmente despois da guerra civil española. A partir de mediados do século XX aumentou a emigración cara a Europa Occidental, o que provocou un descenso da poboación.
Flora e fauna
[editar | editar a fonte]A flora de Videferre é rica e diversa, destacando os soutos de castiñeiros. Outras árbores froiteiras son a maceira, a pereira, a cerdeira e a nogueira. Nas hortas cultívanse leitugas, cebolas, verzas, feixóns, centeo, pataca, millo e nabizas, amais de vide destinada á produción doméstica de viño.
Os pastos son usados para a alimentación do gando, destacando o vacún, cabalar, ovino e caprino.
Nas zonas máis montañosas hai diferentes especies salvaxes: réptiles como lagartos comúns, cóbregas ou salamántigas, e mamíferos como o raposo, o xabarín e mesmo o lobo.
Gastromonía
[editar | editar a fonte]A cociña de Videferre é tradicional de alta montaña, baseada nos produtos típicos da horta e no gando da comarca. Destacan os cocidos e os caldos, acompañados de chourizos e touciño. A uva da Videira dá un viño novo acedo.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Cruz de Videferre.
-
Igrexa de Santa María.
-
Panóramica de Videferre.
-
Casa rústica.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Videferre
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Videferre no concello de Oímbra (Ourense) | |
---|---|
Parroquias de Oímbra
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da Provincia de Orense.
- ↑ Madoz, Pascual (1850). Vide-ferri (Sta. Maria). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) XVI (Madrid). p. 37.
- ↑ García Mañá, Luís Manuel (xullo/decembro 2001). "Couto Mixto, unha república esquecida". IGADI. Arquivado dende o orixinal o 16-03-2012. Consultado o 4-6-2016.
- ↑ Hernández Figueiredo, José Ramón (2014). "Apuntes sobre la geografía eclesiástica de Ourense: Tourém, Lama de Arcos, «Couto Mixto» y «Pueblos promiscuos»". Cuadernos de Estudios Gallegos, LXI (en castelán) (127): 231–240. ISSN 0210-847X. doi:10.3989/ceg.2014.127.07.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- www.videferre.tk Arquivado 21 de febreiro de 2015 en Wayback Machine. (en castelán)