Hendrik Enno van Gelder (numismático)
- Para o arquiveiro e director de museo con nome e apelido coincidentes, véxase Hendrik Enno van Gelder (arquiveiro)
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de setembro de 1916 Rotterdam, Países Baixos |
Morte | 7 de marzo de 1998. Zeist. Utrecht Países Baixos |
País de nacionalidade | Neerlandesa. |
Educación | Universidade de Leiden. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | numismático |
Familia | |
Cónxuxe | M. C. Gevaerts (1948). |
Premios | |
- (1972): Medalla Huntington (ANS).
- (1973): Medalla da RNS. - (1975): Premio da GIG. |
Hendrik Enno van Gelder, nado o 22 de setembro de 1916 en Rotterdam e finado o 7 de marzo de 1998 en Zeist, foi un numismático neerlandés, profesor da Universidade de Leiden e director do Gabinete Real de Medallas (Koninklijk Penningkabinet) dos Países Baixos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixe familiar e formación
[editar | editar a fonte]Tanto o pai como a nai de Hendrik Enno van Gelder eran historiadores. Do mesmo modo que os seus dous irmáns, leva como segundo nome Enno seguindo unha tradición familiar. O seu tío, Hendrik Enno van Gelder, de nome e apelidos coincidentes, era arquiveiro municipal da Haia e director do Gemeentemuseum. Para evitar confusións, o sobriño asinou as súas publicacións como H. E. van Gelder.[1]
En 1918 a súa familia trasladouse a Breda e en 1929 fixou a súa residencia na Haia, onde recibiu a súa educación secundaria, no Gymnasium Haganum. Entre 1934 e 1941 fixo os seus estudos superiores de Letras Clásicas e Historia Antiga na Universidade de Leiden, e en 1942 graduouse cun mestrado en Historia.
Na universidade tivo a súa primeira toma de contacto coa moeda grega e da Antiga Roma, integrada nos seus estudos da Antigüidade Clásica. En 1941 fixo a súa primeira visita ao Gabinete Real de Medallas (Koninklijk Penningkabinet), deu unha conferencia sobre a moeda de Augusto e comezou a facer as súas primeiras publicacións.[1]
Carreira
[editar | editar a fonte]Logo dunha primeira experiencia como profesor, en abril de 1944 ingresou como axudante científico no Koninklijk Penningkabinet, na Haia, o que lle permitiu o acceso a lecturas na súa biblioteca especializada que forxaron o seu futuro como numismático. A van Gelder encomendóuselle participar na reorganización dos fondos do Gabinete e da súa biblioteca, que permaneceran ocultos durante a ocupación nazi, na segunda guerra mundial. Un dos principais labores que levou a cabo nesta institución foi a catalogación sistemática das moedas dos Países Baixos da Idade Media e do período borgoñón.[2] En paralelo a esta dedicación, van Gelder preparou a súa tese acerca da reforma monetaria durante a república de 1659-1694, coa que acadou o seu doutoramento en 1949[3], e o 1 de decembro dese mesmo ano foi nomeado director do Koninklijk Penningkabinet, logo do falecemento do ata entón director, J. van Kuyk.[4] Exerceu este cargo durante 31 anos, ata que se retirou o 1 de marzo de 1980.[5][6]
En 1976, van Gelder accedeu ao posto de profesor de Numismática e Historia do Diñeiro na Universidade de Leiden.[7][8] Na súa toma de posesión na cátedra, pronunciou unha disertación acerca das moedas e o diñeiro no século XVI.[9] Van Gelder mantivo a docencia en Leiden ata a súa xubilación en 1983.[5]
Á parte da súa dedicación ao Gabinete Real de Medallas e á universidade, van Gelder, colaborou con outras a. Entre 1946 e 1965 foi secretario da Real Sociedade Numismática dos Países Baixos, e de 1948 a 1980 do Círculo Numismático da Haia, e entre 1962 e 1986 foi conservador do Museo de Teyler. Foi particularmente destacado o seu labor como secretario da Comisión Internacional de Numismática (1953-1963), onde participou na organización do Congreso Internacional de Numismática de París (1953) e no de Roma (1961). Tamén pertenceu ao consello directivo da Federación Internacional da Medalla de Arte.[10][11] Entre as entidades asociativas doutros países, foi membro honorario da Sociedade Real de Numismática de Bélxica e da Sociedade Francesa de Numismática, e membro correspondente American Numismatic Society.[7][12][13]
No ámbito familiar, Hendrik Enno van Gelder casou en 1948 con M. C. Gevaerts, con quen tivo dous fillos e unha filla.[4]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1961): Premio Javier Conde Garriga, da Asociación Numismática Española, de Barcelona.[14]
- (1972): Medalla Huntington, da American Numismatic Society, de Nova York.[15]
- (1973): Medalla da Royal Numismatic Society, de Londres.[16]
- (1975): Premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional, de Frankfurt.[17]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Van Gelder foi un prolífico autor de artigos nas máis prestixiosas revistas numismáticas da súa época e colaboracións en publicacións conxuntas, así como de diversas publicacións monográficas:[18][19][20]
Escolma de monografías
[editar | editar a fonte]- (1948). De penningen en het geld van den Tachtigjarigen Oorlog (con J. van Kuyk). Martinus Nijhoff, A Haia.
- (1949). Munthervorming tijdens de Republiek, 1659-1694. Van Kampen, Ámsterdam.
- (1951). Vondst van 12e-eeuwse munten te Arnhem.
- (1955). De Nederlandse noodmunten van de Tachtigjarige Oorlog. Staatsdrukkerij- en Uitgeverijbedrijf, A Haia.
- (1958). Noord-Nederlands kleingeld omstreeks 1400.
- (1963). Schweizerische Münzen in niederländischen Münztarifen.
- (1965). Portrait medals of Hugo Grotius. Norstedt, Estocolmo.
- (1966). Munten kwamen tot leven (con M- P. de Bruin). Stichting IVIO, Ámsterdam.
- (1960). Les monnaies des Pays-Bas bourguignons et espagnols, 1434-1713: répertoire général (con M. Hoc). Schulman, Ámsterdam.
- (1961). Geld uit de grond. Stichting IVIO, Ámsterdam.
- (1965). De Nederlandse munten. Het Spectrum, Utrecht.
- (1965). Münzvalvation in Deventer und Dortmund.
- (1966). Muntvondst Serooskerke 1966.
- (1966). Het goud van Serooskerke.
- (1967). Munten in muntvondsten (con J. S. Boersma). Fibula-Van Dishoeck, Bussum.
- (1973). De muntvondst van boerderij 'Langeveld' onder Feerwerd (con J. W. Boersma).
- (1974). Klein geld, grof geld. Stichting Gemeentelijk Cultuurfonds, A Haia.
- (1976). Munten en geld in de 16e eeuw. Universitaire Pers, Leiden. ISBN 9789060212981
- (1990). De reiskas van graaf Willem IV. Koninklijk Penningkabinet, Leiden.
- (1995). Gedrukte muntplakkaten. Koninklijk Penningkabinet, Leiden.1916-1998)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Van der Meer. (1999). Páxina 1.
- ↑ Van der Meer. (1999). Páxina 2.
- ↑ Gelder, H. E. Van. (1949). Munthervorming tijdens de Republiek, 1659-1694. Van Kampen, Ámsterdam.
- ↑ 4,0 4,1 Van der Meer. (1999). Páxina 3.
- ↑ 5,0 5,1 Van der Meer. (1999). Páxina 6.
- ↑ Scharloo, M. (1998). Páxina 99.
- ↑ 7,0 7,1 Purmer, D. (1998). Páxina 103.
- ↑ Scharloo, M. (1998). Páxina 101.
- ↑ Gelder, H. E. van. (1976). Munten en geld in de 16e eeuw : rede, uitgesproken bij de aanvaarding van het ambt van bijzonder hoogleraar in de numismatiek aan de Rijksuniversiteit te Leiden op 28 mei 1976. Universitaire Pers, Leiden.
- ↑ Van der Meer. (1999). Páxina 4.
- ↑ Scharloo, M. (1998). Páxina 100.
- ↑ Van der Meer. (1999). Páxina 5.
- ↑ Scharloo, M. (1998). Páxina 102.
- ↑ Mateu Ibars. J.; Mateu Ibars, M. D. (1984). Titula de Felipe Mateu y Llopis. Su obra científica al conmemorar el LXXXIII aniversario. Universidad de Barcelona. Páxina 99. ISBN 84-7528-160-5
- ↑ "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
- ↑ "GIG-Ehrenpreisträger". No sitio web da SHMI.
- ↑ Scheffers, A. A. J. (1999).
- ↑ "Gelder, Hendrik Enno van 1916-1998 Arquivado 28 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
- ↑ "Gelder, H. Enno van (Hendrik Enno) 1916-1998". WorldCat Identities.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Purmer, D. (1998). "In memoriam dr H. Enno van Gelder. Rotterdam 1916-Zeist 1998". En De Beeldenaar 22. Nº 3. Páxinas 99-102.
- Scharloo, M. (1998). "In memoriam prof. dr H. Enno van Gelder". En De Beeldenaar 22. Nº 3. Páxinas 103-105.
- Scheffers, A. A. J. (1999). "Supplement op de bibliografie van Prof. Dr H. Enno van Gelder". En Jaarboek voor munt- en penningkunde. Vol. 83 (1996). Koninklijk Nederlands Genootschap voor Munt- en Penningkunde, Ámsterdam ISSN 0920-380X. Páxinas 7-19.
- Van der Meer. (1999). "In memoriam Prof. Dr Hendrik Enno van Gelder". En Jaarboek voor munt- en penningkunde. Vol. 83 (1996). Koninklijk Nederlands Genootschap voor Munt- en Penningkunde, Ámsterdam ISSN 0920-380X. Páxinas 1-6.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Nados en 1916
- Nados en Rotterdam
- Finados en 1998
- Numismáticos dos Países Baixos
- Membros da Sociedade Francesa de Numismática
- Galardoados coa medalla da Royal Numismatic Society
- Galardoados coa medalla Huntington
- Galardoados co premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional
- Alumnos da Universidade de Leiden