Saltar ao contido

Arte

Este é un artigo bo da Galipedia
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 13 de outubro de 2024 ás 20:11 por O Breixo (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

A arte (do latín ars, artis, a través do seu acusativo singular artem)[1] é entendida xeralmente como calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética ou comunicativa, a través do que se expresan ideas, emocións ou, en xeral, unha visión do mundo, mediante diversos recursos, como as plásticos, lingüísticos, sonoros ou mixtos.

A arte é un compoñente da cultura, reflectindo na súa concepción os substratos económicos e sociais, e a transmisión de ideas e valores, inherentes a calquera cultura humana ó longo do espazo e do tempo. Adoita considerarse que coa aparición do Homo sapiens a arte tivo en principio unha función ritual, máxica ou relixiosa, pero esa función cambiou coa evolución do ser humano, adquirindo un compoñente estético e unha función social, pedagóxica, mercantil ou simplemente ornamental. A arte é unha actividade exclusiva do ser humano.

A noción de arte continúa hoxe en día suxeita a profundas polémicas, posto que a súa definición está aberta a múltiples interpretacións, que varían segundo a cultura, a época, o movemento, ou a sociedade para a cal o termo ten un determinado sentido. O vocábulo arte ten unha extensa acepción, podendo designar calquera actividade humana feita con xeito e dedicación, ou calquera conxunto de regras necesarias para desenvolver de forma óptima unha actividade: fálase así de arte culinaria, arte médica, artes marciais, artes de arrastre na pesca etc. Nese sentido, arte é sinónimo de capacidade, habilidade, talento, experiencia. Porén, máis comunmente adoita ser considerada a arte como unha actividade creadora do ser humano, pola que produce unha serie de obxectos (obras de arte) que son singulares, e cuxa finalidade é principalmente estética. Nese contexto, arte sería a xeneralización dun concepto expresado desde antano como “belas artes”, actualmente algo en desuso e reducido a ámbitos académicos e administrativos. De igual forma, o emprego da palabra arte para designar a realización doutras actividades veu sendo substituído por termos como técnica ou oficio. Neste artigo trátase de arte entendida como un medio de expresión humana de carácter creativo.

Atributos da pintura, a escultura e a arquitectura (1769), de Anne Vallayer-Coster.
Artigo principal: Teoría da arte.

A definición de arte é aberta, subxectiva, discutible. Non existe un acordo unánime entre historiadores, filósofos ou artistas. Ó longo do tempo déronse numerosas definicións de arte, entre elas: «a arte é o recto ordenamento da razón» (Tomé de Aquino); «a arte é aquilo que establece a súa propia regra» (Schiller); «a arte é o estilo» (Max Dvořák); «a arte é expresión da sociedade» (John Ruskin); «a arte é a liberdade do xenio» (Adolf Loos); «a arte é a idea» (Marcel Duchamp); «a arte é a novidade» (Jean Dubuffet); «a arte é a acción, a vida» (Joseph Beuys); «arte é todo aquilo que os homes chaman arte» (Dino Formaggio); «arte é vida, vida é arte» (Wolf Vostell).

O concepto foi variando co paso do tempo: ata o Renacemento, arte só se consideraban as artes liberais; a arquitectura, a escultura e a pintura eran “manualidades”. A arte foi desde sempre un dos principais medios de expresión do ser humano, a través do que manifesta as súas ideas e sentimentos, a forma como se relaciona co mundo. A súa función pode variar desde a máis práctica ata a ornamental, pode ter un contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeiro ou efémero. No século XX pérdese incluso o substrato material: dicía Beuys que a vida é un medio de expresión artística, destacando o aspecto vital, a acción. Así, todo o mundo é capaz de ser artista.

O termo arte procede do latín ars, e é o equivalente ó termo grego τέχνη (téchne, de onde provén ‘técnica’). Orixinalmente aplicábase a toda a produción realizada polo ser humano e ás disciplinas do saber facer. Así, artistas eran tanto o cociñeiro, o xardineiro ou o construtor, como o pintor ou o poeta. Co tempo a derivación latina (ars -> arte) utilizouse para designar as disciplinas relacionadas coas artes do estético e emotivo; e a derivación grega (téchne -> técnica), para aquelas disciplinas que teñen que ver coas producións intelectuais e de artigos de uso.[2] Na actualidade, é difícil atopar que os dous termos (arte e técnica) se confundan ou utilicen como sinónimos.

Evolución histórica do concepto de arte

[editar | editar a fonte]
Venus de Milo, Museo do Louvre, Francia.

Na antigüidade clásica grecorromana, un dos principais berces da civilización occidental e primeira cultura que reflexionou sobre a arte, considerábase a arte como unha habilidade do ser humano en calquera terreo produtivo, sendo practicamente un sinónimo de ‘destreza’: destreza para construír un obxecto, para comandar un exército, para convencer ó público nun debate, ou para efectuar medicións agronómicas. En definitiva, calquera habilidade suxeita a regras, a preceptos específicos que a fan obxecto de aprendizaxe, de evolución e de perfeccionamento técnico. En troques, a poesía, que viña da inspiración, non estaba catalogada como arte. Así, Aristóteles, por exemplo, definiu a arte como aquela «permanente disposición a producir cousas dun xeito racional», e Quintiliano estableceu que era aquilo «que está baseado nun método e nunha orde» (vía et ordine).[3] Platón, no Protágoras, falou da arte, opinando que é a capacidade de facer cousas por medio da intelixencia, a través dunha aprendizaxe. Para Platón, a arte ten un sentido xeral, é a capacidade creadora do ser humano.[4] Casiodoro destacou na arte o seu aspecto produtivo, conforme a regras, sinalando tres obxectivos principais da arte: ensinar (doceat), conmover (moveat) e compracer (delectet).[5]

Alegoría da pintura (1666), de Johannes Vermeer.

Durante o Renacemento comezou a formarse un cambio de mentalidade, separando os oficios (artesanía) e as ciencias das artes (Belas Artes), onde se incluíu por vez primeira á poesía, considerada ata entón un tipo de filosofía ou incluso de profecía —para o que foi determinante a publicación en 1549 da tradución italiana da Poética de Aristóteles. Neste cambio interveu considerablemente a progresiva mellora na situación social do artista, debida ó interese que os nobres e ricos homes de prol italianos comezaron a mostrar pola beleza. Os produtos do artista adquiriron un novo status de obxectos destinados ó consumo estético e, por iso, a arte converteuse nun medio de promoción social, incrementándose o mecenado artístico e fomentando o coleccionismo.[6] Xurdiron nese contexto varios tratados teóricos acerca da arte, como os de Leon Battista Alberti (De Pictura, 1436-1439; De re aedificatoria, 1450; e De Statua, 1460), ou Os Comentarios (1447) de Lorenzo Ghiberti. Alberti recibiu a influencia aristotélica, pretendendo achegar unha base científica á arte. Falou de decorum, o tratamento do artista para axeitar os obxectos e temas artísticos a un sentido mesurado, perfeccionista. Ghiberti foi o primeiro en periodificar a historia da arte, distinguindo antigüidade clásica, período medieval e o que chamou “renacer das artes”.[7]. É tamén neste período cando quedan clasificadas as artes liberais en tres oficios: escultores, pintores e arquitectos.

Co manierismo comezou a arte moderna: as cousas xa non se representan tal como son, senón tal como as ve o artista. A beleza relativízase, pásase da beleza única renacentista, baseada na ciencia, ás múltiples belezas do manierismo, derivadas da natureza. Apareceu na arte un novo compoñente de imaxinación, reflectindo tanto o fantástico como o grotesco, como se pode percibir na obra de Brueghel ou Arcimboldo. Giordano Bruno foi un dos primeiros pensadores que prefigurou as ideas modernas: dicía que a creación é infinita, non hai centro nin límites —nin Deus nin home—, todo é movemento, dinamismo. Para Bruno, hai tantas artes como artistas, introducindo a idea de orixinalidade do artista. A arte non ten normas, non se aprende, senón que vén da inspiración.[8]

Os seguintes avances fixéronse no século XVIII coa Ilustración, onde comezou a producirse certa autonomía do feito artístico: a arte afastouse da relixión e da representación do poder para ser fiel reflexo da vontade do artista, centrándose máis nas calidades sensibles da obra que non no seu significado.[9] Jean-Baptiste Dubos, en Reflexións críticas sobre a poesía e a pintura (1719), abriu o camiño cara á relatividade do gusto, razoando que a estética non vén dada pola razón, senón polos sentimentos. Así, para Dubos a arte conmove, chega ó espírito dunha forma máis directa e inmediata que o coñecemento racional. Dubos fixo posible a democratización do gusto, opoñéndose á regulamentación académica, e introduciu a figura do ‘xenio’, como atributo dado pola natureza, que está máis alá das regras.

O tribunal dos Uffizi (1772-1778), de Johann Zoffany.

No romanticismo, xurdido en Alemaña no final do século XVIII co movemento denominado Sturm und Drang, triunfou a idea dunha arte que xorde espontaneamente do individuo, desenvolvendo a noción de xenio —a arte é a expresión das emocións do artista—, que comeza a ser mitificado.[10] Autores como Novalis e Friedrich von Schlegel reflexionaron sobre a arte: na revista Athenäum, editada por eles, xurdiron as primeiras manifestacións da autonomía da arte, ligado á natureza. Para eles, na obra de arte encóntranse o interior do artista e a súa propia linguaxe natural.[11]

Arthur Schopenhauer dedicou o terceiro libro de O mundo como vontade e representación á teoría da arte: a arte é unha vía para escapar do estado de infelicidade propia do home. Identificou coñecemento con creación artística, que é a forma máis profunda de coñecemento. A arte é a reconciliación entre vontade e conciencia, entre obxecto e suxeito, acadando un estado de contemplación, de felicidade. A conciencia estética é un estado de contemplación desinteresada, onde as cousas móstranse na súa pureza máis profunda. A arte fala no idioma da intuición, non da reflexión; é complementario da filosofía, a ética e a relixión. Influído pola filosofía oriental, manifestou que o home debe liberarse da vontade de vivir, do ‘querer ’, que é orixe de insatisfacción. A arte é unha forma de librarse da vontade, de ir máis alá do ‘eu’.[12]

Richard Wagner recolleu a ambivalencia entre o sensible e o espiritual de Schopenhauer: en Ópera e drama (1851), Wagner propuxo a idea da “obra de arte total” (Gesamtkunstwerk), onde se faría unha síntese da poesía, a palabra —elemento masculino—, coa música —elemento feminino. Opinaba que a linguaxe primitiva sería vocálica, mentres que a consoante foi un elemento racionalizador; así pois, a introdución da música na palabra sería un retorno á inocencia primitiva da linguaxe.[13]

No final do século XIX xurdiu o esteticismo, que foi unha reacción ó utilitarismo imperante na época e á fealdade e ó materialismo da era industrial. Fronte a iso, xurdiu unha tendencia que outorgaba á arte e á beleza unha autonomía propia, sintetizada na fórmula de Théophile Gautiera arte pola arte” (l'art pour l'art), chegando incluso a falarse de “relixión estética”.[14] Esta postura pretendía illar ó artista da sociedade, para que buscase de forma autónoma a súa propia inspiración e se deixara levar unicamente por unha busca individual da beleza.[15] Así, a beleza afástase de calquera compoñente moral, converténdose na fin última do artista, que chega a vivir a súa propia vida como unha obra de arte —como se pode apreciar na figura do dandy.[16] Un dos teóricos do movemento foi Walter Pater, que influíu sobre o denominado decadentismo inglés, establecendo nas súas obras que o artista debe vivir a vida intensamente, seguindo como ideal á beleza. Para Pater, a arte é “o círculo máxico da existencia ”, un mundo illado e autónomo posto ó servizo do pracer, elaborando unha auténtica metafísica da beleza.[17]

O taller do pintor (1855), de Gustave Courbet.

Por outra banda, Charles Baudelaire foi un dos primeiros autores que analizaron a relación da arte coa recentemente xurdida era industrial, prefigurando a noción de “beleza moderna”: non existe a beleza eterna e absoluta, senón que cada concepto do belo ten algo de eterno e algo de transitorio, algo de absoluto e algo de particular. A beleza vén da paixón e, ó ter cada individuo a súa paixón particular, tamén ten o seu propio concepto de beleza. Na súa relación coa arte, a beleza expresa por un lado unha idea “eternamente subsistente”, que sería a “alma da arte”, e por outro un compoñente relativo e circunstancial, que é o “corpo da arte”. Así, a dualidade da arte é expresión da dualidade do home, da súa aspiración a unha felicidade ideal enfrontado ás paixóns que o moven cara a ela. Fronte á metade eterna, ancorada na arte clásica antiga, Baudelaire viu, na metade relativa, a arte moderna, que ten como signos distintivos o transitorio, o fugaz, o efémero e cambiante —sintetizados na moda. Baudelaire tiña un concepto neoplatónico de beleza, que é a aspiración humana cara a un ideal superior, accesible a través da arte. O artista é o “heroe da modernidade”, e a súa principal cualidade é a melancolía, que é o anhelo da beleza ideal.[18]

En contraposición ó esteticismo, Hippolyte-Adolphe Taine elaborou unha teoría sociolóxica da arte: na súa Filosofía da arte (1865-1869) aplicou á arte un determinismo baseado na raza, o contexto e a época (race, milieu, moment). Para Taine, a estética, a “ciencia da arte”, opera como calquera outra disciplina científica, baseándose en parámetros racionais e empíricos. Igualmente, Jean Marie Guyau, en Os problemas da estética contemporánea (1884) e A arte desde o punto de vista sociolóxico (1888), propuxo unha visión evolucionista da arte, afirmando que a arte está na vida, e que evoluciona como esta; e, do mesmo xeito que a vida do ser humano está organizada socialmente, a arte debe ser reflexo da sociedade.[19]

A estética sociolóxica tivo unha gran vinculación co realismo pictórico e con movementos políticos de esquerdas, especialmente o socialismo utópico: autores como Henri de Saint-Simon, Charles Fourier e Pierre Joseph Proudhon defenderon a función social da arte, que contribúe ó desenvolvemento da sociedade, unindo beleza e utilidade nun conxunto harmónico. Doutra banda, no Reino Unido, a obra de teóricos como John Ruskin e William Morris achegou unha visión funcionalista da arte: en As pedras de Venecia (1851-1856) Ruskin denunciou a destrución da beleza e a vulgarización da arte levada a cabo pola sociedade industrial, así como a degradación da clase obreira, defendendo a función social da arte. En A arte do pobo (1879) pediu cambios radicais na economía e na sociedade, reclamando unha arte “feita polo pobo e para o pobo”. Pola súa banda, Morris —fundador do movemento Arts & Crafts— defendeu unha arte funcional, práctica, que satisfaga as necesidades materiais e non só espirituais. En Escritos estéticos (1882-1884) e As fins da arte (1887) propuxo un concepto de arte utilitario pero afastado de sistemas de produción excesivamente tecnificados, próximo a un concepto do socialismo próximo ó corporativismo medieval.[20]

Representación de O Cascanoces, de Petr Ilich Chaikovskii.

Por outra banda, a función da arte foi cuestionada polo escritor ruso Lev Tolstoi: en Que é a arte? (1898). Tomou en cosideración a xustificación social da arte, argumentando que sendo a arte unha forma de comunicación só pode ser válida se as emocións que transmite poden ser compartidas por tódolos homes. Para Tolstoi, a única xustificación válida é a contribución da arte á fraternidade humana: unha obra de arte só pode ter valor social cando transmite valores de fraternidade, é dicir, emocións que impulsen á unificación dos pobos.[21]

Nesa época comezouse a abordar o estudo da arte desde o terreo da psicoloxía: Sigmund Freud aplicou a psicanálise á arte en Un recordo infantil de Leonardo da Vinci (1910), defendendo que a arte sería unha das maneiras de representar un desexo, unha pulsión reprimida, de forma sublimada. Opinaba que o artista é unha figura narcisista, próxima ó neno, que reflicte na arte os seus desexos, e afirmou que as obras artísticas poden ser estudadas como os sonos e as enfermidades mentais, coa psicanálise. O seu método era semiótico, estudando os símbolos, e opinaba que unha obra de arte é un símbolo. Pero como o símbolo representa un determinado concepto simbolizado, hai que estudar a obra de arte para chegar á orixe creativa da obra.[22] Igualmente, Carl Gustav Jung relacionou a psicoloxía con diversas disciplinas como a filosofía, a socioloxía, a relixión, a mitoloxía, a literatura e a arte. En Contribucións á psicanálise analítica (1928), suxeriu que os elementos simbólicos presentes na arte son “imaxes primordiais” ou “arquetipos”, que están presentes de forma innata no subconsciente “colectivo” do ser humano.[23]

Wilhelm Dilthey, dende a estética cultural, formulou unha teoría acerca da unidade entre arte e vida. Prefigurando a arte de vangarda, Dilthey xa albiscaba no final do século XIX como a arte se afastaba das regras académicas, e como cobraba cada vez maior importancia a función do público, que ten o poder de ignorar ou enxalzar a obra dun artista determinado. Encontrou en todo iso unha “anarquía do gusto”, que achacou a un cambio social de interpretación da realidade, pero que percibiu como transitorio, sendo necesario atopar «unha relación sá entre o pensamento estético e a arte». Así, ofreceu como salvación da arte as “ciencias do espírito”, especialmente a psicoloxía: a creación artística debe poder analizarse baixo o prisma da interpretación psicolóxica da fantasía. En Vida e poesía (1905) presentou a poesía como expresión da vida, como ‘vivencia’ (Erlebnis) que reflicte a realidade externa da vida. A creación artística ten pois como función intensificar a nosa visión do mundo exterior, presentándoo como un conxunto coherente e pleno de sentido.[24]

Visión actual

[editar | editar a fonte]
Fonte, de Marcel Duchamp. O século XX supón unha perda do concepto de beleza clásica para conseguir un maior efecto no diálogo artista-espectador.

O século XX supuxo unha transformación radical do concepto de arte: a superación das ideas racionalistas da Ilustración e o paso a conceptos máis subxectivos e individuais, partindo do movemento romántico e cristalizando na obra de autores como Kierkegaard e Nietzsche, supoñen unha ruptura coa tradición e un rexeitamento da beleza clásica. O concepto de realidade foi cuestionado polas novas teorías científicas: a subxectividade do tempo de Bergson, a relatividade de Einstein, a mecánica cuántica, a teoría da psicanálise de Freud etc. Doutra banda, as novas tecnoloxías fan que a arte cambie de función, debido a que a fotografía e o cinema xa se encargan de plasmar a realidade. Todos estes factores producen a xénese da arte abstracta, o artista xa non tenta reflectir a realidade, senón o seu mundo interior, expresar os seus sentimentos.[25] A arte actual ten oscilacións continuas do gusto, cambia simultaneamente xunto a este: así como a arte clásica sustentábase sobre unha metafísica de ideas inmutables, o actual, de raíz kantiana, atopa gusto na conciencia social de pracer (cultura de masas). Tamén hai que valorar a progresiva diminución do analfabetismo, posto que antigamente, ó non saber ler gran parte da poboación, a arte gráfica era o mellor medio para a transmisión do coñecemento -sobre todo relixioso-, función que xa non é necesaria no século XX.

Unha das primeiras formulacións foi a do marxismo: da obra de Marx desprendíase que a arte é unha “superestrutura” cultural determinada polas condicións sociais e económicas do ser humano. Para os marxistas, a arte é reflexo da realidade social, aínda que o propio Marx non vía unha correspondencia directa entre unha sociedade determinada e a arte que produce. Georgi Plekhanov, en Arte e vida social (1912), formulou unha estética materialista que rexeitaba a “arte pola arte”, así como a individualidade do artista alleo á sociedade que o envolve.[26] Walter Benjamin incidiu de novo na arte de vangarda, que para el é «a culminación da dialéctica da modernidade», o final do intento totalizador da arte como expresión do mundo circundante. Tentou dilucidar o papel da arte na sociedade moderna, realizando unha análise semiótica na que a arte se explica a través de signos que o home tenta descifrar sen un resultado aparentemente satisfactorio. En A obra de arte na época da reprodutibilidade técnica (1936) analizou a forma en como as novas técnicas de reprodución industrial da arte poden facer variar o concepto deste, ó perder o seu carácter de obxecto único e, polo tanto, o seu halo de reverencia mítica; isto abre novas vías de concibir a arte -inexploradas aínda para Benjamin- pero que suporán unha relación máis libre e aberta coa obra de arte.[27]

Theodor W. Adorno, como Benjamin pertencente á Escola de Frankfurt, defendeu a arte de vangarda como reacción á excesiva tecnificación da sociedade moderna. Na súa Teoría estética (1970) afirmou que a arte é reflexo das tendencias culturais da sociedade, pero sen chegar a ser fiel reflexo desta, xa que a arte representa o inexistente, o irreal; ou, en todo caso, representa o que existe pero como posibilidade de ser outra cousa, de transcender. A arte é a “negación da cousa”, que a través desta negación transcéndea, mostra o que non hai nela de forma primixenia. É aparencia, mentira, presentando o inexistente como existente, prometendo que o imposible é posible.[28]

Illa Pagoda na desembocadura do río Min (1870), de John Thomson. A fotografía supuxo unha gran revolución á hora de concibir a arte no século XIX e o XX.

Representante do pragmatismo, John Dewey, en Arte como experiencia (1934), definiu a arte como “culminación da natureza”, defendendo que a base da estética é a experiencia sensorial. A actividade artística é unha consecuencia máis da actividade natural do ser humano, onde a forma organizativa depende dos condicionamentos ambientais en que se desenvolve. Así, a arte é “expresión”, onde fins e medios fusiónanse nunha experiencia agradable. Para Dewey, a arte, como calquera actividade humana, implica iniciativa e creatividade, así como unha interacción entre suxeito e obxecto, entre o home e as condicións materiais nas que desenvolve o seu labor.[29]

José Ortega y Gasset analizou en A deshumanización da arte (1925) a arte de vangarda desde o concepto de “sociedade de masas”, onde o carácter minoritario da arte vangardista produce unha elitización do público consumidor de arte. Ortega aprecia na arte unha “deshumanización” debida á perda de perspectiva histórica, é dicir, de non poder analizar con suficiente distancia crítica o substrato sociocultural que comporta a arte de vangarda. A perda do elemento realista, imitativo, que Ortega aprecia na arte de vangarda, supón unha eliminación do elemento humano que estaba presente na arte naturalista. Así mesmo, esta perda do humano fai desaparecer os referentes en que estaba baseada a arte clásica, supondo unha ruptura entre a arte e o público, e xerando unha nova forma de comprender a arte que só poderán entender os iniciados. A percepción estética da arte deshumanizada é a dunha nova sensibilidade baseada non na afinidade sentimental —como se producía coa arte romántica—, senón nun certo distanciamento, unha apreciación de matices. Esa separación entre arte e humanidade supón un intento de volver ó home á vida, de rebaixar o concepto de arte como unha actividade secundaria da experiencia humana.[30]

Na escola semiótica, Luigi Pareyson elaborou en Estética. Teoría da formatividade (1954) unha estética hermenéutica, onde a arte é interpretación da verdade. Para Pareyson, a arte é “formativa”, é dicir, expresa unha forma de facer que, «a un tempo que fai, inventa o xeito de facer». Noutras palabras, non se basea en regras fixas, senón que as define conforme se elabora a obra e a proxecta no momento de realizala. Así, na formatividade a obra de arte non é un “resultado”, senón un “logro”, onde a obra encontrou a regra que a define especificamente. A arte é toda aquela actividade que busca unha fin sen medios específicos, debendo achar para a súa realización un proceso creativo e innovador que dea resultados orixinais de carácter inventivo.[31]. Pareyson influíu na denominada Escola de Turín, que desenvolverá o seu concepto ontolóxico da arte: Umberto Eco, en Obra aberta (1962), afirmou que a obra de arte só existe na súa interpretación, na apertura de múltiples significados que pode ter para o espectador; Gianni Vattimo, en Poesía e ontoloxía (1968), relacionou a arte co ser, e polo tanto coa verdade, xa que é na arte onde a verdade se mostra de forma máis pura e reveladora.[32]

O cómic foi unha das últimas incorporacións á categoría de belas artes. Na imaxe Little Nemo in Slumberland, o primeiro gran clásico do cómic publicado en 1905.

Unha das últimas derivacións da filosofía e a arte é a posmodernidade, teoría sociocultural que postula a actual vixencia dun período histórico que superaría o proxecto moderno, é dicir, a raíz cultural, política e económica propia da Idade Contemporánea, marcada no cultural pola Ilustración, no político pola Revolución Francesa e no económico pola Revolución industrial. Fronte ás propostas da arte de vangarda, os posmodernos non expoñen novas ideas, nin éticas nin estéticas; tan só reinterpretan a realidade que lles envolve, mediante a repetición de imaxes anteriores, que perden así o seu sentido. A repetición encerra o marco da arte na arte mesmo, asúmese o fracaso do compromiso artístico, a incapacidade da arte para transformar a vida cotiá. A arte posmoderna volve sen pudor ó substrato material tradicional, á obra de arte-obxecto, á “arte pola arte”, sen pretender facer ningunha revolución, ningunha ruptura. Algúns dos seus máis importantes teóricos foron Jacques Derrida e Michel Foucault.[33]

Como conclusión, cabería dicir que as vellas fórmulas que baseaban a arte na creación de beleza ou na imitación da natureza quedaron obsoletas, e hoxe en día a arte é unha calidade dinámica, en constante transformación, inmersa ademais nos medios de comunicación de masas, nas canles de consumo, cun aspecto moitas veces efémero, de percepción instantánea, presente con igual validez na idea e no obxecto, na súa xénese conceptual e na súa realización material.[34] Morris Weitz, representante da estética analítica, opinaba en O papel da teoría na estética (1957) que «é imposible establecer calquera tipo de criterios da arte que sexan necesarios e suficientes; por tanto, calquera teoría da arte é unha imposibilidade lóxica, e non simplemente algo que sexa difícil de obter na práctica». Segundo Weitz, unha calidade intrínseca da creatividade artística é que sempre produce novas formas e obxectos, polo que as condicións da arte non poden establecerse nunca de antemán». Así, «o suposto básico de que a arte poida ser tema de calquera definición realista ou verdadeira é falso».[35]

No fondo, a indefinición da arte estriba na súa redución a determinadas categorías -como imitación, como recreación, como expresión-; a arte é un concepto global, que inclúe todas estas formulacións e moitas máis, un concepto en evolución e aberto a novas interpretacións, que non se pode fixar de forma convencional, senón que debe aglutinar tódolos intentos de expresalo e formulalo, sendo unha síntese ampla e subxectiva de todos eles.

A arte é unha actividade humana consciente capaz de reproducir cousas, construír formas, ou expresar unha experiencia, se o produto desta reprodución, construción, ou expresión pode deleitar, emocionar ou producir un choque.
Władysław Tatarkiewicz, Historia de seis ideas (1976).[36]

Clasificación

[editar | editar a fonte]
As sete artes liberais, imaxe do Hortus deliciarum (século XII), de Herrad von Landsberg.

A clasificación da arte, ou das distintas facetas ou categorías que poden considerarse artísticas, tivo unha evolución paralela ó concepto mesmo de arte: como se viu anteriormente, durante a antigüidade clásica considerábase arte todo tipo de habilidade manual e destreza, de tipo racional e suxeita a regras; así, entraban nesa denominación tanto as actuais belas artes como a artesanía e as ciencias, mentres que quedaban excluídas a música e a poesía. Unha das primeiras clasificacións que se fixeron das artes foi a dos filósofos sofistas presocráticos, que distinguiron entre “artes útiles” e “artes pracenteiras”, é dicir, entre as que producen obxectos de certa utilidade e as que serven para o entretemento. Plutarco introduciu, xunto a estas dúas, as “artes perfectas”, que serían o que hoxe consideramos ciencias. Platón, pola súa banda, estableceu a diferenza entre “artes produtivas” e “artes imitativas”, segundo se producían obxectos novos ou imitaban a outros.[37]

Durante a era romana houbo diversos intentos de clasificar as artes: Quintiliano dividiu a arte en tres esferas: “artes teóricas”, baseadas no estudo (principalmente, as ciencias); “artes prácticas”, baseadas nunha actividade, pero sen producir nada (como a danza); e “artes poéticas” —segundo a etimoloxía grega, onde ποίησις (poíêsis) quere dicir ‘produción’—, que son as que producen obxectos. Cicerón catalogou as artes segundo a súa importancia: “artes maiores” (política e estratexia militar), “artes medianas” (ciencias, poesía e retórica) e “artes menores” (pintura, escultura, música, interpretación e atletismo). Plotino clasificou as artes en cinco grupos: as que producen obxectos físicos (arquitectura), as que axudan á natureza (medicina e agricultura), as que imitan á natureza (pintura), as que melloran a acción humana (política e retórica) e as intelectuais (xeometría).[38]

Con todo, a clasificación que tivo máis fortuna —chegando até a era moderna— foi a de Galeno no século II, que dividiu a arte en “artes liberais” e “artes vulgares”, segundo se tiñan unha orixe intelectual ou manual. Entre as liberais atopábanse: a gramática, a retórica e a dialéctica —que formaban o trivio—, e a aritmética, a xeometría, a astronomía e a música —que formaban o cuadrivio—; as vulgares incluían a arquitectura, a escultura e a pintura, pero tamén outras actividades que hoxe consideramos artesanía.[39]

Durante a Idade Media continuou a división da arte entre artes liberais e vulgares —chamadas estas últimas entón “mecánicas”—, aínda que houbo novos intentos de clasificación: Boecio dividiu as artes en ars e artificium, clasificación similar á de artes liberais e vulgares, pero nunha acepción que case excluía as formas manuais do campo da arte, dependendo este tan só da mente. No século XII, Radulfo de Campo Lungo tentou facer unha clasificación das artes mecánicas, reducíndoas a sete, igual número que as liberais. En función da súa utilidade cara á sociedade, dividiunas en: ars victuaria, para alimentar á xente; lanificaria, para vestirlles; architectura, para procurarlles unha casa; suffragatoria, para darlles medios de transporte; medicinaria, que lles curaba; negotiatoria, para o comercio; militaria, para defenderse.[40]

No século XVI empezou a considerarse que a arquitectura, a pintura e a escultura eran actividades que requirían non só oficio e destreza, senón tamén un tipo de concepción intelectual que as facían superiores a outros tipos de manualidades. Xestábase así o concepto moderno de arte, que durante o Renacemento adquiriu o nome de arti do disegno (artes do deseño), por canto comprendían que esta actividade —o deseñar— era a principal na xénese das obras de arte.[41]

As Meninas (1656), de Velázquez, foi unha alegación da figura do pintor como artista inspirado, fronte á condición de simple artesán que até entón se tiña do oficio de pintor.

Con todo, faltaba aglutinar estas artes do deseño co resto de actividades consideradas artísticas (música, poesía e teatro), tarefa que se desenvolveu durante os dous séculos seguintes con varios intentos de buscar un nexo común a todas estas actividades: así, o humanista florentino Giannozzo Manetti propuxo o termo “artes enxeñosas”, onde incluía as artes liberais, polo que só cambiaba o vocábulo; o filósofo neoplatónico Marsilio Ficino elaborou o concepto de “artes musicais”, argumentando que a música era a inspiración para todas as artes; en 1555, Giovanni Pietro Capriano introduciu no seu De vera poetica a acepción “artes nobres”, apelando á elevada finalidade destas actividades; Lodovico Castelvetro falou no seu Correttione (1572) de “artes memoriais”, xa que segundo el estas artes buscaban fixar en obxectos a memoria de cousas e acontecementos; Claude-François Menestrier, historiador francés do século XVII, formulou a idea de “artes pictóricas”, remarcando o carácter visual da arte; Emanuele Tesauro ideou en 1658 a noción de “artes poéticas”, inspirado na soada cita de Horacio “ut pictura poesis” (a pintura como a poesía), describindo o compoñente poético e metafórico destas artes; xa no século XVIII, coincidiron nun mesmo ano (1744) dúas definicións, a de “artes agradábeis” de Giambattista Vico, e a de “artes elegantes” de James Harris; por último, en 1746, Charles Batteux estableceu en As belas artes reducidas a un único principio a concepción actual de Belas Artes, remarcando o seu aspecto de imitación (imitatio).[42]

Batteux incluíu nas belas artes á pintura, á escultura, á música, á poesía e á danza, mentres que mantivo o termo artes mecánicas para o resto de actividades artísticas, e sinalou como actividades entre ámbalas dúas categorías a arquitectura e a retórica, aínda que ó pouco tempo eliminouse o grupo intermedio e a arquitectura e a retórica incorporáronse plenamente ás belas artes. Con todo, co tempo, esta lista sufriu diversas variacións, e aínda que se aceptaba comunmente a presenza de arquitectura, pintura, escultura, música e poesía, os dous postos restantes oscilaron entre a danza, a retórica, o teatro e a xardinería, ou, máis adiante, novas disciplinas como a fotografía e o cinema. O termo “belas artes” fixo fortuna, e quedou fixado como definición de tódalas actividades baseadas na elaboración de obxectos con finalidade estética, producidos de forma intelectual e con vontade expresiva e transcendente. Así, desde entón, as artes foron “belas artes”, separadas tanto das ciencias como dos oficios manuais. Por iso mesmo, durante o século XIX foise producindo un novo cambio terminolóxico: xa que as artes eran só as belas artes, e o resto de actividades non o eran, ós poucos foise perdendo o termo “belas” para quedar só o de “artes”, quedando a acepción “arte” tal e como a entendemos hoxe en día. Mesmo sucedeu que entón se restrinxiu o termo “belas artes” para designar as artes visuais, as que no Renacemento se denominaban “artes do deseño” (arquitectura, pintura e escultura), sendo as demais as “artes en xeral”. Tamén houbo unha tendencia cada vez máis crecente a separar as artes visuais das literarias, que recibiron o nome de “belas letras”.[43]

Con todo, a pesar da aceptación xeral da clasificación proposta por Batteux, nos séculos seguintes aínda se produciron intentos de novas clasificacións da arte: Immanuel Kant distinguiu entre “artes mecánicas” e “artes estéticas”; Robert von Zimmermann falou de artes da representación material (arquitectura e escultura), da representación perceptiva (pintura e música) e da representación do pensamento (literatura); e Alois Riegl, en Arte industrial da época romana tardía, dividiu a arte en arquitectura, plástica e ornamento. Hegel, no seu Estética (1835-1838), estableceu tres formas de manifestación artística: arte simbólica, clásica e romántica, que se relacionan con tres formas diferentes de arte, tres estadios de evolución histórica e tres maneiras distintas de tomar forma a idea:

Arte Historia Idea Forma
Simbólico Infancia Desaxuste Arquitectura
Clásico Madurez Axuste Escultura
Romántico Vellez Desbordamento Pintura, música e poesía

Na idea, primeiro hai unha relación de desaxuste, onde a idea non atopa forma; despois é de axuste, cando a idea se axusta á forma; por último, no desbordamento, a idea excede a forma, tende ó infinito. Na evolución histórica, equipara infancia coa arte prehistórica, antigo e oriental; madurez, coa arte grega e romana; e vellez, coa arte cristiá. En canto á forma, a arquitectura (forma monumental) é unha arte tectónica, depende da materia, de pesos, medidas etc.; a escultura (forma antropomórfica) depende máis da forma volumétrica, polo que se achega máis ó home; a pintura, música e poesía (formas suprasensíbeis) son a etapa máis espiritual, máis desmaterializada. A creación artística non ten que ser unha mimese, senón un proceso de liberdade espiritual. Na súa evolución, cando o artista chega ó seu límite, vanse perdendo as formas sensíbeis, a arte vólvese máis conceptual e reflexiva; ó final deste proceso prodúcese a “morte da arte”.[44]

A pesar de todo, estes intentos de clasificación resultaron un tanto baldíos e, cando parecía que por fin se chegou a unha definición da arte universalmente aceptable, despois de tantos séculos de evolución, os cambios sociais, culturais e tecnolóxicos producidos durante os séculos XIX e XX comportaron un novo intento de definir a arte con base en parámetros máis abertos e omnicomprensivos, tentando abarcar tanto unha definición teórica da arte como unha catalogación práctica que incluíse as novas formas artísticas que xurdiron nos últimos tempos (fotografía, cinema, cómic, novas tecnoloxías etc.). Como o de Juan Acha co seu ensaio Arte e sociedade. Latinoamérica: o produto artístico e estrutura (1979), que contén unha complexa organización das artes segundo a súa aplicación e orixe; en grupos como "Corpo-Obxecto", "Superficie-Obxectos", "Superficies-Icónicas", "Superficies-Literarias", "Espectáculos" e "Audicións". E outra máis simple en Lóxica do Límite (1991) de Eugenio Trías, na que o artista é como un habitante e a un determinado oficio artístico como un habitáculo, que constitúen tres grandes áreas da arte: artes estáticas ou do espazo, artes mixtas e artes temporais ou dinámicas.

Artes estáticas ou espaciais Artes mixtas Artes dinámicas ou temporais
Arquitectura Cinema Música
Escultura Teatro Danza
Pintura Ópera Literatura

Estes intentos, un tanto infrutuosos, produciron en certa forma o efecto contrario, acentuando aínda máis a indefinición da arte, que hoxe en día é un concepto aberto e interpretable, onde caben moitas fórmulas e concepcións, aínda que se adoita aceptar un mínimo denominador común baseado en calidades estéticas e expresivas, así como un compoñente de creatividade.[34]

Clasificación actual

[editar | editar a fonte]

Actualmente adóitase considerar a seguinte lista de belas artes:

Certos críticos e historiadores consideran outras artes na lista, como a televisión, o teatro, a moda, a publicidade, a animación e os videoxogos. Na actualidade existe aínda certa discrepancia sobre cal sería a “décima arte”.[45]

Elementos do fenómeno artístico

[editar | editar a fonte]
Autorretrato (1498), de Albrecht Dürer.
  • Artista: denomínase artista a aquela persoa que, ou ben practica unha arte, ou ben destaca nel. Por definición, un artista é quen elabora unha obra de arte; así pois, e en paralelo á evolución do concepto de arte que vimos anteriormente, en épocas pasadas un artista era calquera persoa que traballase nas artes liberais ou vulgares, desde un gramático, un astrónomo ou un músico, até un albanel, un oleiro ou un ebanista. Con todo, hoxe en día enténdese por artista a alguén que practica as Belas Artes. Aínda así, o termo artista pode ter diversas acepcións, desde o artista como creador, até o artista como o que ten na práctica dunha arte a súa profesión. Así, a miúdo chamamos artistas a actores ou músicos que só interpretan obras creadas por outros autores. Tamén se adoita empregar o vocábulo artista para diferenciar a quen practica unha actividade liberal para distinguilo do que practica un oficio: nese sentido, adóitase dicir “pintor artista” para diferencialo dun “pintor de brocha gorda”. Ó artista supónselle unha disposición especialmente sensible fronte ó mundo que o rodea: desenvolveu o seu propio punto de vista, así como a súa creatividade, unha boa técnica e un medio de comunicación cara ó espectador por medio das súas obras. O artista adquire o seu propio dominio da técnica e o seu desenvolvemento artístico intelectual para chegar ó camiño do profesionalismo. Con esta personalidade, o artista maniféstase cara ó mundo tratando de reflectir o que acontece -ou lle gustaría que acontecese- nel.[46]
  • Obra de arte: unha obra é unha realización material, que ten unha existencia obxectiva e que é perceptible sensiblemente. O termo provén do latín opera, que deriva de opus ‘traballo’, polo que equivale a traballo como obxecto, é dicir, como resultado dun traballo. Unha obra de arte pode ser tanto o obxecto material en si —unha pintura, unha escultura, un gravado— como unha produción intelectual onde a artisticidade se atopa no momento da súa execución ou captación por medio dos sentidos: así, na literatura, a arte atópase máis na lectura da obra que non na linguaxe escrita que lle serve de vehículo de comunicación, ou no medio material (libro, revista) que lle sirva de soporte; en música, a arte atópase na súa percepción auditiva, non na partitura en que se ve reflectida. Así, na arte conceptual valórase máis a concepción da obra de arte por parte do artista que non a súa realización material. Nese sentido, unha obra de arte pode ter varios niveis de elaboración: dicía Panofsky que, ó escribir unha carta, cúmprese basicamente o obxectivo de comunicarse; pero se se escribe pondo especial atención na caligrafía, pode ter un sentido artístico valorable per se; e se, ademais, se escribe nun ton poético ou literario, a carta transcende o seu substrato material para converterse nunha obra de arte valorable polas súas cualidades intrínsecas. Doutra banda, hai que valorar a percepción do receptor: un obxecto pode non estar elaborado con finalidades artísticas pero ser interpretado así pola persoa que o percibe —como nos ready-made de Duchamp. Do mesmo xeito, unha obra de arte pode ter diversas interpretacións segundo a persoa que a valore, como remarcou Umberto Eco co seu concepto de “obra aberta”. E unha mesma obra pode ser percibida como artística por uns e como non artística por outros: dicía Marcel Mauss que «é obra de arte o obxecto que é recoñecido como tal por un grupo social definido». Así, habería que recoñecer que unha obra de arte é un obxecto que ten un valor engadido, sexa este valor un concepto artístico, estético, cultural, sociolóxico ou de diversa índole.[47] En conclusión, poderíase dicir que unha obra de arte é un feito sensorial, realizado artificialmente, con intencionalidade comunicativa e orientación lúdica. A obra de arte, para ser considerada como tal, debe transcender o seu substrato material para adquirir unha significación transcendente, baseada tanto no seu aspecto estético como no histórico, ó ser reflexo dun lugar e tempo determinados, así como dunha determinada cultura que subxace na xénese de toda obra de arte.[48]
Sexa cal sexa a súa antigüidade e clasicismo, unha obra de arte é en acto e non só potencialmente unha obra de arte cando pervive nalgunha experiencia individualizada. En canto pedazo de pergamiño, de mármore, de tea, permanece (aínda que suxeita ás devastacións do tempo) idéntica a si mesma a través dos anos. Pero como obra de arte recréase cada vez que é experimentada esteticamente.
John Dewey, A arte como experiencia (1934).[49]
Unha performance, exemplo de actividade artística que require un público.
  • Público: un factor cada vez máis determinante no mundo da arte é o do público, a xente que acode a museos ou exposicións e que manifesta cada vez máis un sentido crítico e apreciativo da arte, podendo influír nas modas e os gustos artísticos. En séculos anteriores, a arte era un círculo pechado ó que só tiñan acceso as clases máis favorecidas, que eran as que encargaban e adquirían obras de arte. Con todo, desde a apertura dos primeiros museos públicos no século XVIII, a participación do público en xeral na apreciación da arte foi cada vez maior, favorecida sobre todo polo aumento de medios de comunicación de masas (prensa, libros, revistas e, máis recentemente, medios dixitais e Internet). Así mesmo, as novas correntes artísticas, sobre todo desde pasada a segunda guerra mundial, favoreceron a participación do público na propia xénese do feito artístico, a través de accións artísticas como os happenings e as performances.[50]
  • Percepción: a percepción da arte é un fenómeno subxectivo, motivado non só polo feito sensorial senón polo aspecto de mentalidade inherente, que depende da cultura, a educación etc. A percepción é un proceso activo e selectivo, o ser humano tende a seleccionar a percepción máis sinxela, así como a ver as cousas globalmente —por exemplo, tendemos a ver as cousas simétricas aínda que non o sexan. Da percepción sensorial dependen factores como a textura, a forma e a cor, así como a xeometría, a proporción e o ritmo.
  • Materia e técnica: o proceso artístico comeza coa elaboración mental da obra por parte do artista, pero esta hase de plasmar en materia, proceso que se realiza a través da técnica. A materia ten unha noción constitutiva, creadora, sendo parte esencial da creación artística. Tamén pode achegar diferentes concepcións estéticas, como o uso do ferro e o vidro na arquitectura contemporánea. Á súa vez, a técnica é a maneira na que o artista dá forma á obra de arte, como moldea a materia para conseguir expresar aquilo que desexa crear. Os materiais e a técnica van evolucionando co tempo, e poden ser definitorios dunha determinada linguaxe ou estilo artístico.[51]
  • Función da arte: a arte pode cumprir diversas funcións, segundo a vontade do propio artista ou segundo a interpretación que da obra faga o público:
    • Práctica: a arte pode ter unha utilidade práctica a condición de que cumpra diversas premisas de satisfacer necesidades ou de ter unha finalidade destinada ó seu uso ou goce, como é o caso da arquitectura, ou ben da artesanía e as artes aplicadas, decorativas e industriais.
    • Estética: a arte está estreitamente vinculado a unha finalidade estética, é dicir, de provocar sentimentos ou emocións, ou ben suscitar beleza e admiración en todo aquel que contempla a obra de arte.
    • Simbólica: a arte pode estar revestida dunha función simbólica cando pretende transcender a súa simple materialidade para ser un símbolo, unha forma de expresión ou comunicación, unha linguaxe polo cal se expresa unha idea que debe ser descifrable para o público ó cal vai dirixida.
    • Económica: a arte, como produto elaborado polo ser humano, non deixa de ser un obxecto que pode estar motivado con fins económicos, ben na súa concepción ou ben na súa posterior mercantilización.
    • Comunicativa: a arte é un medio de comunicación, polo cal se expresan ideas ou conceptos, ou ben se recrean estados de ánimo. Neste sentido, pode ser tanto crítico como propagandístico da mensaxe que desexa transmitir.
    • Imitativa: a arte pretendeu historicamente ser fiel reflexo da realidade, polo menos até a aparición da fotografía e o cinema no século XX. Así, a arte foi un medio ideal para plasmar o mundo, a forma de vida das diversas culturas e civilizacións que se sucederon ó longo do tempo.
    • Crítica: a arte pode ter unha vontade crítica, ben de tipo político, relixioso ou social, facéndose eco das reivindicacións sociais de cada período histórico.
Museo do Prado.
  • Museos: son institucións adicadas ó estudo, conservación e exposición de obras de arte. A orixe dos museos está no coleccionismo, onde á obra de arte engádeselle un valor histórico ou cultural, ou ben de admiración ou singularidade. A partir do século XVIII comezaron a abrirse as coleccións ó público, xurdindo os museos de protección estatal (British Museum, 1753; Uffizi, 1769; Louvre, 1789; Prado, 1819; Altes Museum de Berlín, 1830; National Gallery, 1838; Ermitage, 1851), á vez que xurdiron as academias, institucións que regulan o proceso creativo, educativo e formativo da arte. O Consello Internacional de Museos (ICOM) define o museo como «unha institución sen ánimo de lucro, permanente, ó servizo da sociedade e o seu desenvolvemento, aberto ó público, que adquire, conserva, investiga, comunica e exhibe testemuños materiais da evolución da natureza e do home, con finalidades de estudo, de educación e de delectación». Existen dúas disciplinas vinculadas ó estudo dos museos: a museografía estuda a vertente técnica e estrutural dos museos (arquitectura, equipamento, medios de exposición); e a museoloxía analiza o museo desde unha perspectiva histórica, social e cultural.[52]
  • Academias de arte: son institucións encargadas de preservar a arte como fenómeno cultural, de regulamentar o seu estudo e a súa conservación, e de promocionalo mediante exposicións e concursos; orixinalmente, servían tamén como centros de formación de artistas, aínda que co tempo perderon esta función, traspasada a institucións privadas. As primeiras academias xurdiron en Italia no século XVI: en 1562, a Accademia do Disegno en Florencia; en 1577, a Accademia dei San Luca en Roma. Posteriormente, cabe destacar a Académie Royal d'Art, fundada en París en 1648; a Akademie der Künste de Berlín (1696); a Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid (1744); a Academia Rusa de Artes de San Petersburgo (1757); e a Royal Academy of Arts de Londres (1768). As academias de arte a miúdo foron criticadas como centros conservadores, ancorados no gusto pola arte clásica, excesivamente regulamentadas, chegando mesmo a que o termo “arte académica” sexa sinónimo dunha arte de corte clásico e tipo canónica, de repetición de formas tradicionais. Hoxe en día, as academias teñen máis que nada unha función institucional, representativa e de asesoramento.[53]
  • Fundacións de arte: coñecidas como o “terceiro sector”, xa que son privadas pero non perseguen fins lucrativos, polo que se sitúan entre os museos e as galerías de arte, as fundacións son institucións de ámbito privado e filantrópico encargadas de difundir e fomentar a arte. Entre as súas funcións cóntanse tanto a conservación de obras de arte -xeralmente estas fundacións teñen as súas propias coleccións- como o estímulo e fomento da creatividade artística, a través de bolsas para novos artistas. Instancia intermedia entre a sociedade civil e o estado, as fundacións favorecen a participación cidadá nas esferas culturais, fomentando a democratización do estamento artístico. Entre as diversas fundacións internacionais destacan a Fundación Maeght, a do Chase Manhattan Bank, a Fundación Beyeler, a Fundación Cartier, a Fundación Lucio Fontana, a Fundación Calouste Gulbenkian, a Fundación Solomon R. Guggenheim, a Fundación Robert Mapplethorpe, a Fundación Vincent Van Gogh etc.; en España, a Fundación Miró, a Fundación Antoni Tàpies, a Fundación BBVA, a Fundación Caixa Fòrum, a Fundación Telefónica, a Fundación Juan March, a Fundación Gala-Salvador Dalí, a Fundación Thyssen-Bornemisza etc.[54]
  • Coleccionismo: é unha actividade, xeralmente de índole privada, destinada á creación de coleccións de obras de arte. Desde sempre, o home sentiu fascinación pola arte, feito que lle levou á adquisición de obras de arte, para o seu goce persoal ou, desde o crecemento do mercado artístico no Renacemento, como investimento económico. As coleccións particulares de arte rivalizaron a miúdo cos museos en canto a cantidade e calidade de obras de arte e, grazas a doazóns filantrópicas, foron orixe moitas veces da ampliación ou creación de novos museos. O coleccionismo empezou de forma ampla na antiga Roma, froito xeralmente de botíns de guerra dos países conquistados. Durante a Idade Media foi común o atesouramento de pezas de valor (ourivaría, obras de marfil e ébano) e de reliquias. Con todo, a auxe do coleccionismo produciuse no Renacemento, cando nobres e mecenas encargaron e adquiriron gran número de obras de arte para os seus palacios e vilas. Circunscrito en principio á aristocracia, a partir do século XVIII o coleccionismo pasou tamén á burguesía e ós ricos homes de negocios, xa que a arte tiña entón un marcado compoñente de ostentación social. Desde entón, a figura do coleccionista privado foi fundamental para o éxito do mercado artístico.[55]
Galería de arte con vistas de Roma antiga (1754-1757), de Giovanni Paolo Pannini.
  • Mercado artístico: a valoración da obra de arte como mercadoría susceptible de ser adquirida por unha contraprestación económica comeza coa toma de conciencia da singularidade da arte, do seu valor como obra única e irrepetible, unido a aspectos como a súa antigüidade, a súa calidade, a súa autenticidade etc. O comercio artístico xurdiu en Grecia e Roma, pero consolidouse no Renacemento: no século XVI existían xa en Venecia e Florencia lonxas especializadas na transacción da arte. No século XVII o principal centro comercializador de arte foron os Países Baixos, onde unha crecente burguesía facía da arte un reflexo do seu status social. No século XIX o mercado da arte cobrou unha gran difusión, en paralelo á apertura dos museos públicos e á realización de exposicións internacionais onde se exhibían os mellores produtos, tanto artísticos como industriais, de tódolos países. Proliferou entón a apertura de galerías privadas de arte, aparecendo a figura do marchante de arte, que a miúdo xogará un papel relevante na súa relación cos artistas, chegando a cobrar un protagonismo propio na historia da arte (como Daniel-Henry Kahnweiler ou Ambroise Vollard). Tamén apareceron casas de poxas, como as famosas Christie's e Sotheby's británicas, a francesa Drouot, a alemá Lempertz, a italiana Finarte ou as españolas Brok, Ansorena e Durán.[56]
  • Feiras: un dos principais medios de comercialización da arte son as feiras, onde os artistas dan a coñecer as súas obras, mentres que o público pode aprecialas e estar ó corrente das diversas novidades que se van sucedendo no tempo. As feiras van adquirindo cada vez maior relevancia, existindo un circuíto onde ó longo do ano diversas cidades de todo o mundo acollen feiras de diversa índole. Actualmente, o seu labor non é só comercial, senón tamén cultural e institucional, xa que supoñen unha fonte de difusión da arte. Unha das primeiras feiras coñecidas foi a celebrada no Salone degli Innocenti da Academia de Florencia, onde en 1564 vendéronse 17 de 25 cadros pintados en homenaxe a Miguel Anxo tras o seu falecemento. En 1737 abriuse a mostra bienal do Salón Carré do Louvre, organizada pola Académie Royal d'Art, primeiras feiras abertas a un público maioritario. Na actualidade destacan: a Bienal de Venecia, a Documenta de Kassel, a Bienal de São Paulo, a Trienal de Milán, a feira ARCO de Madrid, a FIAC de París, ArtBasel de Basilea etc.[57]
  • Exposicións: un dos factores clave na difusión da arte, sobre todo actualmente, é a organización de exposicións, públicas ou privadas, de arte antiga ou contemporánea, individuais ou colectivas, temáticas ou antolóxicas. As primeiras exposicións xurdiron en Gran Bretaña no final do século XVIII, propiciadas polo exilio de artistas provocado pola Revolución Francesa. No século XIX xurdiron as exposicións universais, primeiros fenómenos de masas onde se expuñan as principais novidades tanto do mundo da arte como da ciencia, a industria e calquera outra actividade humana. Desde entón sucedéronse as exposicións por todo o mundo, circunscritas a miúdo nos propios museos de arte, como forma de favorecer unha maior afluencia de público. Actualmente, son habituais as exposicións antolóxicas e itinerantes, que adoitan percorrer os principais centros artísticos mundiais. Outro factor a ter en conta, sobre todo dada a temporalidade destas exposicións, é a cada vez maior importancia dos catálogos, únicos testemuños do conxunto de obras de arte expostas de forma, moitas veces, irrepetible. A exposición máis visitada foi a de Arte degenerado, organizada en 1937 polo ministro de propaganda nazi Joseph Goebbels, que foi visitada por uns tres millóns de persoas en diversas cidades alemás ó longo de catro anos.[58]

Disciplinas artísticas

[editar | editar a fonte]
Escultura: Éxtase da beata Ludovica Albertoni (1671-1674), de Gian Lorenzo Bernini.
Escultura: Éxtase da beata Ludovica Albertoni (1671-1674), de Gian Lorenzo Bernini.
Música: Cuarteto para frauta (1777), de Wolfgang Amadeus Mozart.
Música: Cuarteto para frauta (1777), de Wolfgang Amadeus Mozart.
Literatura: Exemplo de caligrafía en latín que representa unha Biblia de 1407.
Literatura: Exemplo de caligrafía en latín que representa unha Biblia de 1407.

As artes creativas a miúdo son divididas en categorías máis específicas, como as artes decorativas, as artes plásticas, as artes escénicas ou a literatura. Así, a pintura é unha forma de arte visual, e a poesía é unha forma de literatura. Algúns exemplos son:

Artes visuais

[editar | editar a fonte]
  • Arquitectura: é a arte de proxectar e construír edificios. Denominada ás veces como a “arte do espazo”, a arquitectura é un proceso técnico e de deseño que procura mediante diversos materiais a construción de estruturas que organizan o espazo para a súa utilización polo ser humano. Inicialmente destinada á construción de vivendas, co tempo foise diversificando en distintas tipoloxías con fins moi diversos, desde espazos de culto relixioso até instalacións militares, pasando por edificios públicos (casas consistoriais, escolas, universidades, hospitais, bibliotecas, museos etc.), fábricas, instalacións deportivas, obras de enxeñaría (pontes, estradas), estacións de transporte (ferrocarrís, portos, aeroportos) etc. Igualmente, a arquitectura asumiu co tempo diversas competencias, como o urbanismo, o paisaxismo, obras de saúde pública (rede de sumidoiros, canalizacións) etc.
  • Arte corporal: é a que utiliza o corpo humano como soporte. Inclúe actividades como a maquillaxe, o vestiario, a barbaría, a tatuaxe, o piercing etc.
  • Arte dixital: é a realizada por medios dixitais, como o vídeo ou a informática, vinculado a miúdo ás instalacións, ou que utiliza diversos soportes, como Internet.
  • Arte efémera: é a que ten unha duración determinada no tempo, xa que na xénese da súa concepción estriba xa o feito de que sexa perecedoiro. Inclúe diversas formas de arte conceptual e de acción, como o happening e a performance. Tamén engloba diversas actividades como a gastronomía, a perfumaría, a pirotecnia etc. Un punto esencial deste tipo de actividades é a participación do público.
  • Artes decorativas ou aplicadas: termo aplicado preferentemente ás artes industriais, así como á pintura e a escultura, cando o seu obxectivo non é o de xerar unha obra única e diferenciada, senón que buscan unha finalidade decorativa e ornamental.
  • Artes gráficas: son as que se realizan por medio dun proceso de impresión; así, son artes gráficas tanto o gravado como a fotografía, o cartelismo ou o cómic, ou calquera actividade artística que utilice un medio impreso. Na súa realización interveñen, por unha banda, a creación dun deseño e, por outro, o seu traslado a un determinado substrato —como o papel. As artes gráficas apareceron coa invención da imprenta por Johannes Gutenberg cara a 1450, agrupando tódolos oficios que se relacionaban coa impresión tipográfica. Máis tarde, a necesidade de xerar impresións de mellor calidade propiciou a aparición da preprensa ou fotomecánica.
  • Artes industriais: son as desenvolvidas cunha elaboración industrial ou artesanal pero perseguindo unha certa finalidade estética, sobre todo na elaboración de determinados obxectos como vestidos, vivendas e utensilios, así como diversos elementos de decoración. Moitas artes decorativas son tamén industriais.
  • Artes e oficios: son as que comportan un traballo manual, que pode ter un carácter artesanal ou industrial. Engloba diversas actividades como a cerámica, a corioplastia, a ebanistería, a forxa, a xardinaría, a xoiaría, o mosaico, a ourivaría, a tapicería, a vidreiría etc.
  • Cinematografía: técnica baseada na reprodución de imaxes en movemento, o cinema xurdiu co invento do cinematógrafo polos irmáns Lumière en 1895. Aínda que en principio unicamente supuña a captación de imaxes do natural, coma se fose un documental, enseguida a cinematografía evolucionou cara á narración de historias mediante a utilización de guións e procesos técnicos como a montaxe, que permitían rodar escenas e ordenalas de forma que presentase unha historia coherente. Coa incorporación de elementos tomados do teatro -proceso iniciado por Méliès-, o cinema alcanzou un grao de auténtica artisticidade, sendo bautizado como a “sétima arte”, termo proposto por Ricciotto Canudo en 1911.
  • Debuxo: representación gráfica realizada por medio de liñas, trazos e sombras, elaborados mediante lapis, pluma ou obxectos similares. O debuxo está na base de case calquera obra artística, pois a maioría de obras pictóricas realízanse sobre un esbozo debuxado sobre o lenzo, sobre o que posteriormente se pinta; igualmente, moitas esculturas son deseñadas primeiro en debuxo, e mesmo a arquitectura baséase en planos debuxados. Á parte disto, o debuxo ten unha indubidable autonomía artística, sendo innumerables os debuxos realizados pola maioría de grandes artistas ó longo da Historia.
  • Deseño: é a traza ou delineación de calquera elemento relacionado co ser humano, sexa un edificio, un vestido, un peiteado etc. Utilizado habitualmente no contexto das artes aplicadas, enxeñaría, arquitectura e outras disciplinas creativas, o deseño defínese como o proceso previo de configuración mental dunha obra, mediante esbozos, debuxos, bosquexos ou esquemas trazados en calquera soporte. O deseño ten un compoñente funcional e outro estético, ten que satisfacer necesidades pero tamén ten que agradar ós sentidos. Comprende multitude de disciplinas e oficios dependendo do obxecto a deseñar e da participación no proceso dunha ou varias persoas ou especialidades.
  • Escultura: é a arte de moldear figuras en volume, mediante diversos materiais como o barro, a pedra, a madeira, o metal etc. É unha arte espacial, onde o autor se expresa mediante volumes e formas dimensionais. Na escultura inclúense tódalas artes de talla e cicel, xunto coas de fundición e moldeado, e ás veces a arte da olaría. Pode ser en talla exenta -tamén chamada de vulto redondo- ou en relevo sobre diversas superficies.
  • Fotografía: é unha técnica que permite capturar imaxes do mundo sensible e fixalas nun soporte material —unha película sensible á luz. Baséase no principio da cámara escura, coa cal se consegue proxectar unha imaxe captada por un pequeno buraco sobre unha superficie, de tal forma que o tamaño da imaxe queda reducido e aumentada a súa nitidez. A fotografía moderna comezou coa construción do daguerrotipo por Louis-Jacques-Mandei Daguerre, a partir de onde se foron perfeccionando os procedementos técnicos para a súa captación e reprodución. A pesar de tomar as súas imaxes da realidade, a fotografía foi enseguida considerada unha arte, pois se recoñece que a visión achegada polo fotógrafo á hora de elixir unha toma ou encadramento é un proceso artístico, realizado cunha vontade estética.
  • Gravado: o gravado é unha técnica de elaboración de estampas artísticas mediante un ferro de madeira ou metal traballada segundo diversos procedementos: augaforte, augatinta, calcografía, gravado ó buril, gravado a media tinta, gravado a punta seca, linogravado, litografía, serigrafía, xilografía etc.
  • Historieta: a historieta ou cómic é unha representación gráfica mediante a cal se narra unha historia a través dunha sucesión de viñetas, nas que mediante debuxos -en cor ou branco e negro- e textos enmarcados nuns recadros chamados “bocadillos” vaise presentando a acción narrada, nun sentido lineal. Derivada da caricatura, a historieta desenvolveuse a partir do século XIX sobre todo en medios xornalísticos, en tiras inseridas xeralmente nas seccións de entretemento dos xornais, aínda que pronto adquiriron autonomía propia e empezaron a ser editadas en forma de álbums. Aínda que comezou dentro do xénero humorístico, posteriormente apareceron historietas de tódolos xéneros, alcanzando grande éxito a nivel popular durante o século XX.
  • Pintura: é a arte e técnica de crear imaxes a través da aplicación de pigmentos de cor sobre unha superficie, sexa papel, tea, madeira, parede etc. Adóitase dividir en pintura mural (fresco, temple) ou de cabalete (temple, óleo, pastel), e igualmente pode clasificarse segundo o seu xénero (retrato, paisaxe, bodegón etc). A pintura foi durante séculos o principal medio para documentar a realidade, o mundo circundante, reflectindo nas súas imaxes o devir histórico das distintas culturas que sucederon ó longo do tempo, así como os seus costumes e condicións materiais.

Artes escénicas

[editar | editar a fonte]
  • Danza: a danza é unha forma de expresión do corpo humano, que consiste nunha serie de movementos rítmicos ó compás dunha música —aínda que esta última non é totalmente imprescindible. Entre as súas modalidades figura o ballet ou danza clásica, aínda que existen innumerables tipos de danzas rituais e folclóricas entre as diversas culturas e sociedades humanas, así como infinidade de bailes populares. As técnicas de danza requiren unha gran concentración para dominar todo o corpo, con especial fincapé na flexibilidade, a coordinación e o ritmo.
  • Teatro: é unha arte escénica que ten por obxectivo a representación dun drama literario, a través duns actores que representan uns papeis establecidos, combinado cunha serie de factores como son a escenografía, a música, o espectáculo, os efectos especiais, a maquillaxe, o vestiario, os obxectos de atrezzo etc. Realízase sobre un escenario, sendo parte esencial da obra o dirixirse a un público. O teatro pode incluír, en exclusiva ou de forma combinada, diversos tipos de modalidades escénicas, como a ópera, o ballet e a pantomima.

Artes musicais

[editar | editar a fonte]

Artes literarias

[editar | editar a fonte]
  • Narrativa: é a arte de escribir en prosa, recreando en palabras sucesos reais ou ficticios, que o escritor dispón de forma adecuada para a súa correcta comprensión polo lector, con finalidades informativas ou recreativas, expresadas cunha linguaxe que pode variar desde un aspecto descritivo até outro imaxinario ou de diversa índole. Entre as diversas formas de narrativa atópanse a novela e o conto.
  • Poesía: é unha composición literaria baseada na métrica e o ritmo, disposta a través dunha estrutura de versos e estrofas que poden ter diversas formas de rima, aínda que tamén poden ser de verso libre. O seu contido pode ser igualmente realista ou ficticio, aínda que polo xeral a poesía sempre adoita ter un aspecto evocador e intimista, sendo o principal vehículo de expresión do compoñente máis emotivo do ser humano.
  • Drama: é unha forma de escritura baseada no diálogo de diversos personaxes, que van contando unha historia a través da sucesión cronolóxica e argumental de diversas escenas onde se vai desenvolvendo a acción. Aínda que ten un carácter literario autónomo, xeralmente está concibido para ser representado de forma teatral, polo que o drama está intimamente ligado ás artes escénicas.

Estilos artísticos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Movemento artístico.

Cada período histórico tivo unhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que evolucionan co devir dos tempos. De aí xorden os estilos artísticos, que poden ter unha orixe xeográfica ou temporal, ou mesmo reducirse á obra dun artista en concreto, a condición de que se produzan unhas formas artísticas claramente definitorias. «Estilo» provén do latín stilus ‘punzón’, escrito en época medieval como stylus por influencia do termo grego στῦλος (stylos, ‘columna’). Antigamente, denominábase así a un tipo de punzón para escribir sobre taboíñas de cera; co tempo, pasou a designar tanto o instrumento, como o traballo do escritor e a súa maneira de escribir. O concepto de estilo xurdiu en literatura, pero pronto se estendeu ó resto de artes, especialmente música e danza. Actualmente emprégase este termo no seu sentido metonímico, é dicir, como aquela calidade que identifica a forma de traballar, de expresarse ou de concibir unha obra de arte por parte do artista, ou ben, en sentido máis xenérico, dun conxunto de artistas ou obras que teñen diversos puntos en común, agrupados xeográfica ou cronoloxicamente. Así, o estilo pode ser tanto un conxunto de caracteres formais, ben individuais —a forma de escribir, de compor ou de elaborar unha obra de arte por parte dun artista—, ou ben colectivos —dun grupo, unha época ou un lugar xeográfico—, como un sistema orgánico de formas, en que sería a conxunción de determinados factores a que xeraría a forma de traballar do grupo, como na arte románica, gótica, barroco etc. Segundo Focillon, un estilo é «un conxunto coherente de formas unidas por unha conveniencia recíproca, submisas a unha lóxica interna que as organiza».

Estes caracteres individuais ou sociais son signos distintivos que permiten diferenciar, definir e catalogar de forma empírica a obra dun artista ou un grupo de artistas adscritos a un mesmo estilo ou “escola” —termo que designa un grupo de autores con características comúns definitorias. Así, a “estilística” é a ciencia que estuda os diversos signos distintivos, obxectivos e unívocos, da obra dun artista ou escola. Este estudo serviu na historia da arte como punto de partida para a análise do devir histórico artístico baseado no estilo, como se pode apreciar nalgunha escola historiográfica como o formalismo.[59]

O estilo estuda ó artista e á obra de arte como materialización dunha idea, plasmada na materia a través da técnica, o que constitúe unha linguaxe formal susceptible de análise e de catalogación e periodificación. Doutra banda, así como a similitude de formas crean unha linguaxe e, polo tanto, un estilo, unha mesma forma pode ter distinta significación en diversos estilos. Así, os estilos están suxeitos a unha dinámica evolutiva que adoita ser cíclica, recorrente, perceptible en maior ou menor grao en cada período histórico. Adóitanse distinguir en cada estilo, escola ou período artístico diversas fases —coas naturais variacións concretas en cada caso—: “fase preclásica”, onde se comezan a configurar os signos distintivos de cada estilo concreto —adóitanse denominar cos prefixos ‘proto’ ou ‘pre’, como o prerromanticismo—; “fase clásica”, onde se concretan os principais signos característicos do estilo, que servirán de puntos de referencia e suporán a materialización das súas principais realizacións; “fase manierista”, onde se reinterpretan as formas clásicas, elaboradas desde un punto de vista máis subxectivo por parte do autor; “fase barroca”, que é unha reacción contra as formas clásicas, deformadas a gusto e capricho do artista; “fase arcaizante”, onde se volve ás formas clásicas, pero xa coa evidente falta de naturalidade que lle é intrínseca —adóitase denominar co prefixo post-, como o postimpresionismo—; e “fase recorrente”, onde a falta de referentes provoca unha tendencia ó eclecticismo —adóitanse denominar co prefixo ‘neo’, como o neoclasicismo.[60]

Estilos artísticos.
Fase preclásica:
Kurós
do Asclepeion de Paros.
Fase clásica:
Discóbolo,
de Mirón.
Fase manierista:
Apolo Sauróctono,
de Praxíteles.
Fase barroca:
Laocoonte e os seus fillos,
de Agesandro, Polidoro e Atenodoro de Rodas.
Fase arcaizante:
Grupo de San Ildefonso,
escultura romana
inspirada en modelos gregos.
Fase recorrente:
Napoleón divinizado,
de Antonio Canova,
escultura neoclasicista
inspirada en modelos clásicos grecorromanos.

Xéneros artísticos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Tema artístico.

Un xénero artístico é unha especialización temática en que se adoitan dividir as diversas artes. Antigamente denominábase “pintores de xénero” ós que se ocupaban dun só tema: retratos, paisaxes, pinturas de flores, animais etc. O termo tiña un certo sentido pexorativo, xa que parecía que o artista que trataba só eses asuntos non valía para outros, e contrapúñase ó “pintor de historia”, que nunha soa composición trataba diversos elementos (paisaxe, arquitectura, figuras humanas). No século XVIII, o termo aplicouse ó pintor que representaba escenas da vida cotiá, oposto igualmente ó pintor de historia, que trataba temas históricos, mitolóxicos etc. En cambio, no século XIX, ó perder a pintura de historia a súa posición privilexiada, outorgouse igual categoría á historia que á paisaxe, retrato etc. Entón, a pintura de xénero pasou a ser a que non trataba as principais catro clases recoñecidas: historia, retrato, paisaxe e mariña. Así, un pintor de xénero era o que non tiña ningún xénero definido. Por último, ó eliminar calquera xerarquía na representación artística, actualmente considérase pintura de xénero calquera obra que represente escenas da vida cotiá, temas anecdóticos, á vez que aínda se fala de xéneros artísticos para designar os diversos temas que foron recorrentes na historia da arte (paisaxe, retrato, espido, bodegón), facendo así unha síntese entre os diversos conceptos anteriores.[61]

Xéneros artísticos.
Retrato: A Gioconda
(1503), de Leonardo da Vinci.
Paisaxe: Porto co embarque
da Raíña de Saba

(1648), de Claude Lorrain.
Espido: Venus do espello
(1647-1651), de Diego Velázquez.
Bodegón: Bodegón con cebolas
(1895-1900), de Paul Cézanne.

Técnicas artísticas

[editar | editar a fonte]
Johann Sebastian Bach, considerado o gran mestre do contrapunto
  • Harmonía: é a ciencia que ensina a constituír os acordes (conxuntos de sons) e que suxire a maneira de combinalos na maneira máis equilibrada, conseguindo así sensacións de relaxación (harmonía consoante) ou de tensión (harmonía disonante). Establece un estilo de composición esencialmente vertical, entre notas que se tocan ó unísono.
  • Contrapunto: é a técnica que se emprega para compor música polifónica mediante a ligazón de dúas ou máis melodías (tamén voces ou liñas) independentes que se escoitan simultaneamente. De maior complexidade cá harmonía, dá unha maior énfase ó desenvolvemento horizontal da composición, que se establece mediante as relacións interválicas entre sucesivas notas.
  • Homofonía e Monodia: é unha textura musical onde dúas ou máis partes musicais móvense simultaneamente dende o punto de vista harmónico, e cuxa relación forma acordes. Contraponse á polifonía xa que nesta as partes teñen independencia rítmica e melódica e onde non hai predominancia de ningunha parte.
  • Polifonía: recoñécese como un conxunto de sons simultáneos, no que cada un expresa a súa idea musical, conservando a súa independencia, formando así cos demais un todo harmónico.
  • Adornos musicais: son recursos que poden ser empregados nas composicións co obxecto de imprimirlles a estas expresión, ornamento, variedade, graza ou vivacidade. Inclúen os trilos, os mordentes, as floreos,...
  • Carbonciño: é un dos materiais máis antigos para o debuxo, empregado desde a prehistoria. Faise con poliñas de salgueiro asadas ó forno nunha pota pechada, deixándoo cocer a baixa temperatura toda a noite. Despois sácaselle punta e insértase nunha cana ou bastonciño. É ideal para bosquexos e estudos preparatorios, xa que é friable e doado de borrar.
  • Lapis: é un grafito inserido nun tubo de madeira ou metal, de cor negra, afiable e doado de borrar, ideal para o debuxo. Difundiuse desde Italia no século XV.
  • Pincel: apto para debuxo e pintura, está composto dun soporte de madeira e pelos de diferentes animais, preferentemente porco, marta cibelina, esquío etc. Emprégase con tinta, líquido elaborado con negro de carbón procedente de cascas de noces queimadas, con auga, goma arábiga, xelatinas e odorizantes como o alcanfor ou o almizcle. É ideal para remarcar volumes e destacar brillos e zonas luminosas.
  • Pluma: un dos medios máis antigos e ideais para o debuxo, así como a escritura e calquera tipo de expresión gráfica, é a pluma, ben de bastonciños de cana, ó que se saca punta, ou ben de plumas de animais, preferentemente a de ganso. Aplícase con tinta, sobre papel ou pergamiño.
  • Puntas metálicas (stilum): a punta de metal (chumbo, estaño, prata) úsase desde época romana, aplicada sobre papel, pergamiño ou madeira.
  • Sanguina: é un tipo de lapis de cor avermellada, obtido de arxila ferruxinosa, que fai un tipo de debuxo de cor avermellada moi característico, de moda na Italia do Renacemento.
  • Xiz: é sulfato de calcio bihidratado, empregado desde o Renacemento para material de debuxo ou como pigmento para a pintura ó temple. Tallada en barriñas, existe o xiz branco (calcita), a gris (arxila crúa de ladrillos) e a negra (carbón de fósil) e, xa en era moderna, os xices de cores, de compostos artificiais.[62]
Paleta de pintor, pinceis e tubos de pintura (óleos).

A pintura, como elemento bidimensional, necesita un soporte (muro, madeira, lenzo, cristal, metal, papel etc.); sobre este soporte ponse o pigmento (colorante + aglutinante). É o aglutinante o que clasifica os distintos procedementos pictóricos:

  • Acrílico: técnica pictórica onde ó colorante engádeselle un aglutinante plástico.
  • Acuarela: técnica realizada con pigmentos transparentes diluídos en auga, con aglutinantes como a goma arábiga ou o mel, usando como branco o do propio papel. Técnica coñecida desde o antigo Exipto, foi usada en tódalas épocas, aínda que con máis intensidade durante os séculos XVIII e XIX.
  • Augada ou gouache: técnica similar á acuarela, con cores máis espesas e diluídas en auga ou cola mesturada con mel. A diferenza da acuarela, contén a cor branca.
  • Encáustica: técnica onde as cores se dilúen en cera fundida, cola e lixivia, pintando en quente. É unha pintura densa e cremosa, resistente á luz e á auga. Unha vez aplicado o pigmento, debe procederse ó puído, con trapos de liño.
  • Fresco: a pintura ó fresco realízase sobre un muro revogado de cal húmida e con cores diluídas en auga de cal. O fresco débese executar moi rápido, xa que o cal absorbe rapidamente a cor, habendo de retocarse posteriormente ó temple en caso de ser necesario. Coñecido desde a antigüidade, practicouse frecuentemente durante a Idade Media e o Renacemento.
  • Laca: o colorante aglutínase con laca —produto duns pulgóns xaponeses—, disolta con alcol ou acetona.
  • Miniatura: é a decoración de manuscritos con láminas de ouro e prata, e pigmentos de cores aglutinadas con cola, ovo ou goma arábiga. A palabra vén da utilización do vermello minio na rotulación das iniciais do manuscrito.
  • Óleo: técnica que consiste en disolver as cores nun aglutinante de tipo oleoso (aceite de liñaza, noz, améndoa ou abelá; aceites animais), engadindo augarrás para que seque mellor.
  • Pastel: o pastel é un lapis de pigmento de diversas cores minerais, con aglutinantes (caolín, xeso, goma arábiga, látex de figo, cola de peixe, azucre candi etc.), amasado con cera e xabón de Marsella e cortado en forma de barriñas. A cor débese estender cun “esfumino” —cilindro de pel ou papel que se usa para esfumar os trazos de cor, os contornos etc.—, o que lle dá un aspecto suave e aveluado, ideal para retratos. Con todo, é pouco persistente, polo que necesita dalgún fixador (auga, e cola ou leite). Xurdiu en Francia no século XVI.
  • Temple: pintura realizada con cores diluídas en auga temperada ou engrosada con aglutinantes con base de cola (xema de ovo, caseína, cola de figueira, cerdeira ou ameixeira). Utilízase sobre táboa ou muro e, a diferenza do fresco, pode retocarse en seco.[63]
  • Técnicas mixtas:
    • Collage: técnica consistente en aplicar sobre unha superficie diversos materiais (papel, tea, chapa, xornais, fotografías etc.), elaborados de forma diversa (rotos, cortados, rachados), de tal forma que compoñan unha composición de signo artístico, ben de forma individual ou mesturados con outras técnicas pictóricas.
    • Dripping: técnica proveniente do action painting, consiste en chorrear (dripping = ‘chorreando’) a pintura sobre o lenzo, que mediante o movemento do artista sobre a tea adquire diferentes formas e espesores.
    • Ensamblaxe (assemblage): técnica consistente na utilización de obxectos reais provenientes da vida cotiá, que son pegados ou ensamblados a un soporte e sometidos posteriormente a outras actuacións pictóricas ou de calquera outra técnica mixta.
    • Frottage: técnica ideada por Max Ernst en 1925, consiste en fregar un lapis sobre unha folla colocada sobre un obxecto, conseguindo unha impresión da forma e textura dese obxecto. Pódese facer tamén con lapis de cores, ou pintar sobre o primeiro esbozo.
    • Grattage: deriva do frottage, elaborando a imaxe como un esgrafiado, esparcindo a cor en apliques densos, que despois se rascan con espátula ou con redes metálicas de diversas texturas.

Escultura

[editar | editar a fonte]

Segundo o material, pódese traballar en tres sistemas: “aditivo”, modelando e engadindo materia, xeralmente en materias brandas (cera, plastilina, barro); “subtractivo”, eliminando materia até descubrir a figura, xeralmente en materiais duros (pedra, mármore, madeira, bronce, ferro); e “mixto”, engadindo e quitando. Tamén se pode facer por fundición, a través dun molde. Feita a escultura, pódese deixar ó natural ou policromala, con colorantes vexetais ou minerais ou en encausto, ás témperas ou ó óleo, en dourado ou estufado (imitación de ouro).

  • Escultura en marfil: proveniente de cabeiros de diversos animais (elefante, hipopótamo, morsa, xabaril africano), o marfil é un material empregado en escultura e ourivaría. É fácil de tallar, aínda que ten o impedimento da súa escasa lonxitude e a súa curvatura. Trabállase con escoupros e trades. En combinación co ouro, produce a chamada técnica crisoelefantina.
  • Escultura en metal: realízase con cobre, bronce, ouro ou prata, traballado directamente con martelo e cicel, xeralmente en láminas de metal sobre placas de madeira. O metal vólvese ríxido ó ir golpeándoo, polo que hai que ir quentándoo para seguir traballando, proceso coñecido como “recocido”. Tamén se pode traballar en “repuxado”, practicando o baixorrelevo con martelo e punzón. Outra técnica é á “cera perdida”, sobre un modelo de arxila ou xeso, sobre o que se aplica unha aliaxe de bronce ou latón.
  • Escultura en pedra: é unha das máis frecuentes, realizada por subtracción. Xeralmente empréganse pedras como a calcaria, o mármore, o basalto, o granito, o pórfiro, o alabastro etc. Trabállase con trade, escoupro, martelo e cicel.
  • Estuco: formado por cal, po de mármore, area lavada e cola de caseína, o estuco emprégase desde a antigüidade en escultura ou como elemento decorativo na arquitectura. Facilmente moldeable, pódese deixar ó natural ou policromalo.
  • Talla: a talla en madeira é unha das técnicas escultóricas máis antigas, doada de executar e de múltiples calidades plásticas. O seu carácter irregular dálle un aire expresivo, inacabado, que pode ser ideal para determinados estilos artísticos pero que é rexeitado por outros de corte máis clásico e perfeccionista. Unha vez realizada a talla, pódese policromar, aplicarlle diversos tratamentos con ceras ou lacas, láminas metálicas, tecidos ou incrustacións de pedras preciosas ou outros elementos.
  • Terracota: escultura realizada con arxila cocida, foi o primeiro material utilizado para modelar figuras. Trabállase sobre un cabalete, con estiques ou espátulas, ou ben cun molde de xeso. Unha vez modelada e deixada secar, cócese a 750-950º. Unha vez rematada, pódese deixar ó natural, decorala con pintura ou esmaltala (forma esta última ideada no século XV por Luca della Robbia).[64]
  • Técnicas mixtas: como en pintura, en escultura pódese dar a utilización de diversos elementos para formar a figura, procedemento diversificado no século XX coa utilización de materiais considerados non artísticos, procedentes mesmo de elementos detríticos ou de refugallo, ou engadindo diversos obxectos naturais ou artificiais, como nos denominados ready-made.
Gravado: O velo de Verónica (1513), de Durero.
Gravado: O velo de Verónica (1513), de Durero.
Vidreira: Moisés no monte Sinaí e Moisés ante o faraón (século XIII), Catedral de Colonia, Alemaña.
Vidreira: Moisés no monte Sinaí e Moisés ante o faraón (século XIII), Catedral de Colonia, Alemaña.
Cerámica: fonte da Dinastía Ming (séculos XIV-XV).
Cerámica: fonte da Dinastía Ming (séculos XIV-XV).
  • Calcografía: gravado sobre cobre realizado en oco, en diversas técnicas:
    • Augaforte: técnica de gravado consistente en tratar as partes do ferro de metal non protexidas por un verniz con “auga forte” (ácido nítrico diluído en auga).
    • Augatinta: técnica proveniente dun ferro de metal cuberto con resina, que unha vez quentada adhírese á superficie do ferro, debuxando posteriormente sobre esta superficie cun tipo de tinta especial, chamada augatinta. Proveniente do augaforte, produce efectos parecidos á acuarela. Xurdiu no século XVIII.
    • Gravado a buril: realízase sobre ferro de cobre, cun buril, instrumento formado por un mango redondo e unha barra de aceiro, de sección cadrada tallada en forma de rombo. Con esta ferramenta perfílase o debuxo, enchendo os sucos con tinta.
    • Gravado a punta seca: nesta técnica o ferro trabállase directamente cunha punta de aceiro, diamante ou rubí, sen recorrer a vernices nin ácidos, obtendo unhas liñas ásperas chamadas “rebabas”, diferentes segundo a presión e o ángulo de incisión. A diferenza do buril, non corta o metal, senón que o rabuña.
    • Gravado a media tinta (mezzotinto): tamén chamado gravado en negro ou ó fume, trabállase o ferro cun rascador de varias puntas (rocker ou berceau), obtendo un graneado uniforme por entrecruzamento de liñas, distinguindo así tons claros e escuros.
  • Linogravado: técnica de gravado en relevo similar á xilografía, pero utilizando linóleo no canto de madeira.
  • Litografía: é un gravado sobre pedra calcaria, tratando a superficie cun lapis de materia graxa para delimitar o debuxo e realizando o gravado segundo dous procedementos: bañando con ácido, para corroer a parte non engraxada e deixar o debuxo en relevo; ou aplicando dúas clases de tinta acuosa e graxa, fixándose a primeira no fondo e cubrindo a segunda as liñas debuxadas a lapis. Foi inventado por Aloys Senefelder en 1778.
  • Serigrafía: técnica pola cal se obteñen impresións filtrando as cores por unha trama de seda —ou, actualmente, nailon—, recubrindo con cola as partes que non deben filtrarse para impermeabilizalas. Foi inventado en China.
  • Xilografía: gravado en madeira (xeralmente cerdeira ou buxo), realizado sobre un bosquexo calcado sobre a prancha de madeira e tallado con coitelo, gubia, formón ou buril, baleirando de madeira os brancos e deixando en relevo os negros; a continuación, entíntase cun rodete e estámpase, ben a man ou ben co tórculo. Foi moi utilizado na Idade Media, sobre todo en Alemaña.[65]
  • λιθόστρωτον Lithóstroton: termo grego que designa ó mosaico colocado a modo de pavimento. O revestimento é aplicado sobre cal, area ou outros materiais como pedras, seixos, laxas de mármore etc. Existen varios tipos: opus lapilli, pequenos seixos de cores naturais, que por si mesmos compoñen o debuxo; opus tessellatum, formado por teselas, pezas de forma cadrada de dous centímetros, coas que se elabora a composición, xeralmente de tipo xeométrico; opus vermiculatum, igualmente elaborado con teselas, pero de diferentes contornos, podendo formar así diversos trazados; opus sectile, formado por laxas de mármore de forma irregular.
  • Mosaico: tamén chamado opus musivum, é a mesma técnica que o lithóstroton, pero aplicada á decoración mural, no canto da pavimental. Realízase con teselas de pasta vítrea, aplicadas sobre a parede preparada con varias capas de morteiro, elaborando figuras e debuxos.
  • Taracea: técnica similar ás anteriores, pode ser pavimental ou parietal, ou mesmo se pode aplicar a mobles ou outros obxectos. Consiste en incrustar sobre unha superficie compacta finas laxas de pedra e mármore de cor, cortadas e encaixadas formando imaxes ou composicións diversas. Tamén pode realizarse en madeira (“intarsia”), sendo unha técnica frecuente en ebanistería. En Carpi, no século XVII, xurdiu tamén unha taracea en escaiola.[66]

Existen diversos tipos de vidro: “vidro sódico” (o máis básico, a partir de sílice), cristal (sílice e óxido de chumbo ou potasio), “vidro calcedónico” (sílice e óxidos metálicos) e “vidro lácteo” (sílice, bióxido de manganeso e óxido de estaño). A principal técnica para traballalo é o soprado, onde se lle pode dar calquera forma e espesor. En canto á decoración, pode ser pintada, esgrafiada, tallada, con pinzas, a filigrana etc.[67]

  • Vidreira: realízase sobre cristais engarzados en madeira, xeso, ouro ou chumbo, os cales vanse encaixando con láminas de chumbo, estañándoos, cunha capa de masiña (branco pintor con aceite de liñaza). As vidreiras antigas teñen grisallas, óxido férrico líquido, aplicado para debuxar con precisión detalles pequenos; cara a 1340 substituíuse polo óxido de prata e, a partir de aquí, xa non se fan cristais de cores, senón que se colorea sobre cristal branco.
  • Esmalte: é unha pasta de vidro (sílice, cal, potasa, chumbo e minio), sobre soporte de metal, traballado segundo diversas técnicas: cloisonné, pequenos filamentos de ouro ou cobre, cos que se debuxa a figura sobre o soporte, para separar o esmalte en tabiques; champlevé, rebaixando o soporte en alvéolos, baleirando o material en concavidades, enchidas co esmalte; ajougé, superficie de ouro onde se recortan as formas con serras ou limas, enchendo con esmalte a parte eliminada.

Cerámica

[editar | editar a fonte]

Realízase con arxila, en catro clases: barro cocido poroso vermello-amarelado (olaría, terracota, biscoito); barro cocido poroso branco (louza); barro cocido non poroso gris, pardo ou marrón (gres); barro cocido compacto non poroso branco medio transparente (porcelana). Pódese elaborar de forma manual ou mecánica —con torno—, despois cócese no forno —a temperaturas entre 400º e 1300º, segundo o tipo—, e decórase con esmalte ou pintura.[68]

Ourivaría

[editar | editar a fonte]

É a arte de confeccionar obxectos decorativos con metais nobres ou pedras preciosas, como o ouro, prata, diamante, perla, ámbar, coral etc.

  • Camafeo: é o tallado de figuras en relevo sobre pedras duras estratificadas, como o ágata, a sardónica, o coral e a cuncha, que polo xeral posúen capas de diversas cores, o que proporciona uns intensos contrastes cromáticos.
  • Cicelado: consiste en traballar o metal precioso cun cicel, realizando decoracións baleiradas ou traballos de acabado, con ciceis de distintas formas e grosores.
  • Damasquinado: sobre un soporte metálico trázase o debuxo con punta fina, logo faise unha incisión con burís e escalpelos, e por último aplícase unha filigrana de metais de diversa cor.
  • Filigrana: practícase con fíos de metal precioso, cos que se elabora a peza trenzando ou enroscando os fíos, até obter a forma desexada.
  • Fusión: son os traballos executados a molde, elaborados de dúas formas: “fusión permanente”, realizada cun molde bivalvo, coa forma xa traballada, de pedra ou terracota; “á cera perdida”, onde se modela o obxecto en cera, ó que se aplica un funil con respiradoiros, cubríndose de creta, que unha vez seca quéntase ata que expulse a cera, enchéndose logo do metal fundido.
  • Granulado: é un procedemento polo que se obteñen minúsculas esferas de ouro coas que se elaboran debuxos ou decoracións xeométricas.
  • Nielo: consiste en gravar un debuxo sobre unha lámina de metal —xeralmente prata—, enchendo os sucos con nielo, aliaxe de prata, cobre e chumbo, con xofre e bórax, que produce unha mestura negra e brillante.
  • Opus interrasile: técnica de orixe romana que consiste en realizar pequenas incisións nas láminas de metal precioso, realizando unha función de calado que dá á obra un aspecto de encaixe.
  • Repuxado: é a decoración en relevo realizada sobre ferros de ouro, prata ou cobre, traballando o revés do ferro con martelo e cicel.[69]

Faise con ferro (limonita, pirita ou magnetita), reducíndoo con calor, saíndo unha pasta a lume coa que se fan lingotes. Hai tres clases: “coado”, con moito carbono, sílice, xofre e manganeso, non serve para forxar, só para fundir en molde; “ferro doce ou forxado”, con menos carbono, é máis maleable e dúctil, pódese forxar, pero é brando e perde o fío; “aceiro”, con manganeso, tungsteno, cobalto e volframio, é máis duro, para instrumentos cortantes. A modelaxe realízase sen engadir nin quitar material, senón que existen diversas técnicas alternativas: estirar, ensanchar, fender, curvar, recalcar etc.

Restauración

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Conservación e restauración.
O Xuízo Final de Michelangelo antes da restauración.
O Xuízo Final de Michelangelo antes da restauración.
O Xuízo Final durante a restauración.
O Xuízo Final durante a restauración.
O Xuízo Final trala restauración.
O Xuízo Final trala restauración.

A conservación e restauración de obras de arte é unha actividade que ten por obxecto a reparación ou actuación preventiva de calquera obra que, debido á súa antigüidade ou estado de conservación, sexa susceptible de ser intervida para preservar a súa integridade física, así como os seus valores artísticos, respectando ó máximo a esencia orixinal da obra.[70]

A restauración debe dirixirse ó restablecemento da unidade potencial da obra de arte, sempre que isto sexa posible sen cometer unha falsificación artística ou unha falsificación histórica, e sen borrar pegada algunha do transcurso da obra de arte a través do tempo.
Cesare Brandi, Teoría da restauración (1988).[49]

En arquitectura, a restauración adoita ser de tipo funcional, para preservar a estrutura e unidade do edificio, ou reparar gretas ou pequenos defectos que poidan xurdir nos materiais construtivos. Até o século XVIII, as restauracións arquitectónicas só preservaban as obras de culto relixioso, dado o seu carácter litúrxico e simbólico, reconstruíndo outro tipo de edificios sen respectar sequera o estilo orixinal. Con todo, desde o auxe da arqueoloxía no final do século XVIII, especialmente coas escavacións de Pompeia e Herculano, tendeuse a preservar na medida do posible calquera estrutura do pasado, a condición de que tivese un valor artístico e cultural. Aínda así, no século XIX os ideais románticos levaron a buscar a pureza estilística do edificio, e a moda do historicismo levou a formulacións como os de Viollet-le-Duc, defensor da intervención en monumentos en base a un certo ideal estilístico. Na actualidade, téndese a preservar ó máximo a integridade dos edificios históricos.

No terreo da pintura, evolucionouse desde unha primeira perspectiva de tentar recuperar a lexibilidade da imaxe, engadindo se fose necesario partes perdidas da obra, a respectar a integridade tanto física como estética da obra de arte, facendo as intervencións necesarias para a súa conservación sen que se produza unha transformación radical da obra. A restauración pictórica adquiriu un crecente impulso a partir do século XVII, debido ó mal estado de conservación de pinturas ó fresco, técnica bastante corrente na Idade Media e o Renacemento. Igualmente, o aumento do mercado das antigüidades propiciou a restauración de obras antigas cara á súa posterior comercialización. Por último, en escultura houbo unha evolución paralela: desde a reconstrución de obras antigas, xeralmente en canto a membros mutilados (como na reconstrución do Laocoonte en 1523-1533 por parte de Giovanni Angelo Montorsoli), até a actuación sobre a obra preservando a súa estrutura orixinal, mantendo en caso necesario un certo grao de reversibilidade da actuación practicada.[71]

Estética

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estética.
Véxase tamén: Historia da estética.
O Home vitruviano, de Leonardo da Vinci, estudo das proporcións no corpo humano.

A estética é unha rama da filosofía que se encarga de estudar a maneira como o razoamento do ser humano interpreta os estímulos sensoriais que recibe do mundo circundante. Poderíase dicir, así como a lóxica estuda o coñecemento racional, que a estética é a ciencia que estuda o coñecemento sensible, o que adquirimos a través dos sentidos.[72] Entre os diversos obxectos de estudo da estética figuran a beleza ou os xuízos de gusto, así como as distintas maneiras de interpretalos por parte do ser humano. Polo tanto, a estética está intimamente ligada á arte, analizando os diversos estilos e períodos artísticos conforme ó diversos compoñentes estéticos que neles se atopan. A miúdo adóitase denominar a estética como unha “filosofía da arte”. A estética é unha reflexión filosófica que se fai sobre obxectos artísticos e naturais, e que produce un “xuízo estético”. A percepción sensorial, unha vez analizada pola intelixencia humana, produce ideas, que son abstraccións da mente, e que poden ser obxectivas ou subxectivas. As ideas provocan xuízos, ó relacionar elementos sensoriais; á súa vez, a relación de xuízos é razoamento. O obxectivo da estética é analizar os razoamentos producidos polas devanditas relacións de xuízos.[73]

O termo estética provén do grego αἴσθησις (aísthêsis, ‘sensación’). Foi introducido polo filósofo alemán Alexander Gottlieb Baumgarten na súa obra Reflexións filosóficas acerca da poesía (1735), e máis tarde na súa Aesthetica (1750).[74] Así pois, a historia da estética, rigorosamente falando, comezaría con Baumgarten no século XVIII, sobre todo coa sistematización desta disciplina realizada por Immanuel Kant. Con todo, o concepto é extrapolable ós estudos sobre o tema efectuados polos filósofos anteriores, especialmente desde a Grecia clásica. Cabe sinalar, por exemplo, que os antigos gregos tiñan un vocábulo equiparable ó actual concepto de estética, que era Φιλοκαλία (filocalía, ‘amor á beleza’). Poderíase dicir que en Grecia naceu a estética como concepto, mentres que con Baumgarten convértese nunha ciencia filosófica.

Segundo Arnold Hauser, as «obras de arte son provocacións coas cales polemizamos», pero que non nos explicamos. Interpretámolas de acordo coas nosas propias finalidades e aspiracións, trasladámoslles un sentido que ten a súa orixe nas nosas formas de vida e hábitos mentais. Nós, «de toda arte coa cal temos unha relación auténtica facemos unha arte moderna». Hoxe en día, a arte estableceu uns conxuntos de relacións que permiten englobar dentro dunha soa interacción a obra de arte, o artista ou creador e o público receptor ou destinatario.[75] Hegel, no seu Estética, tentou definir a transcendencia desta relación dicindo que «a beleza artística é máis elevada que a beleza da natureza, xa que cambia as formas ilusorias deste mundo imperfecto, onde a verdade escóndese tralas falsas aparencias para alcanzar unha verdade máis elevada creada polo espírito».[Cómpre referencia]

A arte é tamén un xogo coas aparencias sensibles, as cores, as formas, os volumes, os sons etc. É un xogo gratuíto onde se crea do nada ou de pouco máis que o nada unha aparencia que non pretende outra cousa que enganarnos. É un xogo pracenteiro que satisfai as nosas necesidades eternas de simetría, de ritmo ou de sorpresa. A sorpresa que para Baudelaire é a orixe da poesía. Así, segundo Kant, o pracer estético deriva menos da intensidade e a diversidade de sensacións, que da maneira, en aparencia espontánea, pola cal elas manifestan unha profunda unidade, sensible no seu reflexo, pero non conceptualizable.[Cómpre referencia]

Para Ernst Gombrich, «en realidade a arte non existe: só hai artistas». Máis adiante, na introdución da súa obra A historia da arte, di que non ten nada de malo que nos deleitemos no cadro dunha paisaxe porque nos lembra a nosa casa, ou nun retrato porque nos lembra un amigo, xa que, como humanos que somos, cando miramos unha obra de arte estamos sometidos a un conxunto de recordos que para ben ou para mal inflúen sobre os nosos gustos. Seguindo a Gombrich, pódese ver como ós artistas tamén lles sucede algo parecido: no Retrato dun neno (Nicholas Rubens), o pintor flamengo Rubens representouno fermoso, xa que seguramente se sentía orgulloso do aspecto do neno, e quíxonos transmitir a súa paixón de pai á vez que de artista; no Retrato da nai, o pintor alemán Durero debuxouna coa mesma devoción e amor que Rubens sentía polo seu fillo, pero aquí vemos un estudo fiel da cara dunha muller vella, non hai beleza natural, pero Durero, coa súa enorme sinceridade, creou unha grande obra de arte.[76]

Socioloxía da arte

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Socioloxía da arte.
A Liberdade guiando ó pobo (1830), de Eugène Delacroix.

A socioloxía da arte é unha disciplina das ciencias sociais que estuda a arte desde unha formulación metodolóxica baseada na socioloxía. O seu obxectivo é estudar a arte como produto da sociedade humana, analizando os diversos compoñentes sociais que concorren na xénese e difusión da obra artística. A socioloxía da arte é unha ciencia multidisciplinar, recorrendo para as súas análises a diversas disciplinas como a cultura, a política, a economía, a antropoloxía, a lingüística, a filosofía, e demais ciencias sociais que inflúan no devir da sociedade. Entre os diversos obxectos de estudo da socioloxía da arte atópanse varios factores que interveñen desde un punto de vista social na creación artística, desde aspectos máis xenéricos como a situación social do artista ou a estrutura sociocultural do público, até máis específicos como o mecenado, o mercantilismo e comercialización da arte, as galerías de arte, a crítica de arte, o coleccionismo, a museografía, as institucións e fundacións artísticas etc.[77] Tamén cabe remarcar no século XX a aparición de novos factores como o avance na difusión dos medios de comunicación, a cultura de masas, a categorización da moda, a incorporación de novas tecnoloxías ou a apertura de conceptos na creación material da obra de arte (arte conceptual, arte de acción).

A socioloxía da arte debe as súas primeiras formulacións ó interese de diversos historiadores pola análise da contorna social da arte desde mediados do século XIX, sobre todo trala irrupción do positivismo como método de análise científica da cultura, e a creación da socioloxía como ciencia autónoma por Auguste Comte. Con todo, a socioloxía da arte desenvolveuse como disciplina particular durante o século XX, coa súa propia metodoloxía e os seus obxectos de estudo determinados. Principalmente, o punto de partida desta disciplina adóitase situar inmediatamente despois da segunda guerra mundial, coa aparición de diversas obras decisivas no desenvolvemento desta corrente disciplinar: Arte e revolución industrial, de Francis Klingender (1947); A pintura florentina e o seu ambiente social, de Friedrich Antal (1948); e Historia social da literatura e a arte, de Arnold Hauser (1951). Nos seus inicios, a socioloxía da arte estivo estreitamente vinculada ó marxismo -como os propios Hauser e Antal, ou Nikos Hadjinikolaou, autor de Historia da arte e loita de clases (1973)-, aínda que logo se desmarcou desta tendencia para adquirir autonomía propia como ciencia. Outros autores destacados desta disciplina son Pierre Francastel, Herbert Read, Francis Haskell, Michael Baxandall, Peter Burke, Giulio Carlo Argan etc.[78]

Psicoloxía da arte

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Psicoloxía da arte.
Autorretrato coa orella cortada (1889), de Vincent van Gogh. A psicanálise permite comprender certos aspectos da personalidade do artista.

A psicoloxía da arte é a ciencia que estuda os fenómenos da creación e a apreciación artística desde unha perspectiva psicolóxica. A arte é, como manifestación da actividade humana, susceptible de ser analizado de forma psicolóxica, estudando os diversos procesos mentais e culturais que na xénese da arte atópanse, tanto na súa creación como na súa recepción por parte do público. Á súa vez, como fenómeno da conduta humana, pode servir como base de análise da conciencia humana, sendo a percepción estética un factor distintivo do ser humano como especie, que o afasta dos animais. A psicoloxía da arte é unha ciencia interdisciplinar, que debe recorrer forzosamente a outras disciplinas científicas para poder efectuar as súas análises, desde —loxicamente— a historia da arte, até a filosofía e a estética, pasando pola socioloxía, a antropoloxía, a neurobioloxía etc. Tamén está estreitamente conectada co resto de ramas da psicoloxía, desde a psicanálise até a psicoloxía cognitiva, evolutiva ou social, ou ben a psicobioloxía e os estudos de personalidade. Así mesmo, a nivel fisiolóxico, a psicoloxía da arte estuda os procesos básicos da actividade humana —como a percepción, a emoción e a memoria-, así como as funcións superiores do pensamento e a linguaxe. Entre os seus obxectos de estudo atópanse tanto a percepción da cor (recepción retiniana e procesamento cortical) e a análise da forma, como os estudos sobre creatividade, capacidades cognitivas (símbolos, iconas), a arte como terapia etc. Para o desenvolvemento desta disciplina foron esenciais as contribucións de Sigmund Freud, Gustav Fechner, a Escola da Gestalt (dentro da que destacan os traballos de Rudolf Arnheim), Lev Vygotski, Howard Gardner etc.[79]

Unha das principais correntes da psicoloxía da arte foi a Escola da Gestalt, que afirma que estamos condicionados pola nosa cultura —en sentido antropolóxico—, que a cultura condiciona a nosa percepción. Toman un punto de partida da obra de Karl Popper, quen afirmou que na apreciación estética hai un punto de inseguridade (gusto), que non ten base científica e non se pode xeneralizar; levamos unha idea preconcibida (“hipótese previa”), que fai que atopemos no obxecto o que buscamos. Segundo a Gestalt, a mente configura, a través de certas leis, os elementos que chegan a ela a través das canles sensoriais (percepción) ou da memoria (pensamento, intelixencia e resolución de problemas). Na nosa experiencia do medio ambiente, esta configuración ten un carácter primario sobre os elementos que a conforman, e a suma destes últimos por si sós non podería levarnos, polo tanto, á comprensión do funcionamento mental. Fundaméntanse na noción de estrutura, entendida como un todo significativo de relacións entre estímulos e respostas, e tentan entender os fenómenos na súa totalidade, sen separar os elementos do conxunto, que forman unha estrutura integrada fóra da cal devanditos elementos non terían significación. Os seus principais expoñentes foron Rudolf Arnheim, Max Wertheimer, Wolfgang Köhler, Kurt Koffka e Kurt Lewin.[80]

Crítica de arte

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Crítica de arte.
Denis Diderot, considerado o pai da crítica de arte.

A crítica de arte é un xénero, entre literario e académico, que fai unha valoración sobre as obras de arte, artistas ou exposicións, en principio de forma persoal e subxectiva, pero baseándose na historia da arte e as súas múltiples disciplinas, valorando a arte segundo o seu contexto ou evolución. É á vez valorativa, informativa e comparativa, redactada de forma concisa e amena, sen pretender ser un estudo académico pero achegando datos empíricos e contrastábeis. Denis Diderot é considerado o primeiro crítico de arte moderna, polos seus comentarios sobre as obras de arte expostas nos salóns parisienses, realizados no Salón Carré do Louvre desde 1725. Estes salóns, abertos ó público, actuaron como centro difusor de tendencias artísticas, propiciando modas e gustos en relación á arte, polo que foron obxecto de debate e crítica. Diderot escribiu as súas impresións sobre estes salóns primeiro nunha carta escrita en 1759, que foi publicada na Correspondance littéraire de Grimm, e desde entón até 1781, sendo o punto de arranque do xénero.[81]

Na xénese da crítica de arte hai que valorar, por unha banda, o acceso do público ás exposicións artísticas, que unido á proliferación dos medios de comunicación de masas desde o século XVIII produciu unha vía de comunicación directa entre o crítico e o público ó que se dirixe. Doutra banda, o auxe da burguesía como clase social que investiu na arte como obxecto de ostentación, e o crecemento do mercado artístico que levou consigo, propiciaron o ambiente social necesario para a consolidación da crítica artística. A crítica de arte estivo xeralmente vinculada ó xornalismo, exercendo un labor de portavoces do gusto artístico que, por unha banda, conferiulles un gran poder, ó ser capaces de afundir ou encumbrar a obra dun artista, pero por outra lles fixo obxecto de feroces ataques e controversias. Outra faceta a remarcar é o carácter de actualidade da crítica de arte, xa que se centra no contexto histórico e xeográfico no que o crítico desenvolve o seu labor, inmersa nun fenómeno cada vez máis dinámico como é o das correntes de moda. Así, a falta de historicidade para emitir un xuízo sobre bases consolidadas, leva á crítica de arte a estar frecuentemente sustentada na intuición do crítico, co factor de risco que iso leva. Con todo, como disciplina suxeita ó seu tempo e á evolución cultural da sociedade, a crítica de arte sempre revela un compoñente de pensamento social no que se ve inmersa, existindo así diversas correntes de crítica de arte: romántica, positivista, fenomenolóxica, semiolóxica etc.[82]

Para ser xusta, é dicir, para ter a súa razón de ser, a crítica debe ser parcial, apaixonada, política; isto é: debe adoptar un punto de vista exclusivo, pero un punto de vista exclusivo que abra ó máximo os horizontes.
Charles Baudelaire, Salón de 1846.[83]

Entre os críticos de arte houberon desde famosos escritores até os propios historiadores da arte, que moitas veces pasaron da análise metodolóxica á crítica persoal e subxectiva, conscientes de que era unha arma de gran poder hoxe en día. Como nomes, poderíase citar a Charles Baudelaire, John Ruskin, Oscar Wilde, Émile Zola, Joris-Karl Huysmans, Guillaume Apollinaire, Wilhelm Worringer, Clement Greenberg, Michel Tapié etc.; no mundo castelanfalante, destacan Eugeni d'Ors, Aureliano de Beruete, Jorge Romeu Brest, Juan Antonio Gaya Nuño, Alexandre Cirici, Juan Eduardo Cirlot, Enrique Lafuente Ferrari, Rafael Santos Torroella, Francisco Calvo Serraller, José Corredor Matheos, Irma Arestizábal, Ticio Escobar, Raúl Zamudio etc.[84]

Historiografía da arte

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estudo da Historia da arte.
Johann Joachim Winckelmann, considerado o pai da historia da arte.

A historiografía da arte é a ciencia que analiza o estudo da historia da arte, desde un punto de vista metodolóxico, é dicir, da forma como o historiador afronta o estudo da arte, as ferramentas e disciplinas que lle poden ser de utilidade para este estudo. O mundo da arte sempre levou en paralelo un compoñente de autorreflexión, desde antigo os artistas, ou outras persoas ó seu redor, plasmaron por escrito diversas reflexións sobre a súa actividade. Vitruvio escribiu o tratado sobre arquitectura máis antigo que se conserva, De Architectura. A súa descrición das formas arquitectónicas da antigüidade grecorromana influíu poderosamente no Renacemento, sendo á vez unha importante fonte documental polas informacións que achega sobre a pintura e a escultura gregas e romanas.[85] Giorgio Vasari, en Vida dos máis excelentes arquitectos, pintores e escultores italianos desde Cimabue até os nosos tempos (1542-1550), foi un dos predecesores da historiografía da arte, facendo unha crónica dos principais artistas do seu tempo, pondo especial énfase na progresión e o desenvolvemento da arte. Con todo, estes escritos, xeralmente crónicas, inventarios, biografías ou outros escritos máis ou menos literarios, carecían de perspectiva histórica e o rigor científico necesarios para ser considerados historiografía da arte.[86]

Johann Joachim Winckelmann é considerado o pai da historia da arte, creando unha metodoloxía científica para a clasificación das artes e baseando a historia da arte nunha teoría estética de influencia neoplatónica: a beleza é o resultado dunha materialización da idea. Grande admirador da cultura grega, postulou que na Grecia antiga deuse a beleza perfecta, xerando un mito sobre a perfección da beleza clásica que aínda condiciona a percepción da arte hoxe día. En Reflexión sobre a imitación das obras de arte gregas (1755) afirmou que os gregos chegaron a un estado de perfección total na imitación da natureza, polo que nós só podemos imitar ós gregos. Así mesmo, relacionou a arte coas etapas da vida humana (infancia, madurez, vellez), establecendo unha evolución da arte en tres estilos: arcaico, clásico e helenístico.[87]

Durante o século XIX, a nova disciplina buscou unha formulación máis práctica e rigorosa, sobre todo desde a aparición do positivismo. Con todo, esta tarefa abordouse desde diversas metodoloxías que supuxeron unha gran multiplicidade de tendencias historiográficas: o romanticismo impuxo unha visión historicista e revivalista do pasado, rescatando e pondo novamente de moda estilos artísticos que foran minusvalorados polo neoclasicismo winckelmanniano; así o vemos na obra de Ruskin, Viollet-lle-Duc, Goethe, Schlegel, Wackenroder etc. En cambio, a obra de autores como Karl Friedrich von Rumohr, Jacob Burckhardt ou Hippolyte Taine, supuxo un primeiro intento serio de formular unha historia da arte en base a criterios científicos, baseándose na análise crítica das fontes historiográficas. Doutra banda, Giovanni Morelli introduciu o concepto do connoisseur, o experto en arte, que o analiza en base tanto ós seus coñecementos como á súa intuición.[88]

A primeira escola historiográfica de gran relevancia foi o formalismo, que defendía o estudo da arte a partir do estilo, aplicando unha metodoloxía evolucionista que outorgaba á arte unha autonomía afastada de calquera consideración filosófica, rexeitando a estética romántica e o idealismo hegeliano, e achegándose ó neokantismo. O seu principal teórico foi Heinrich Wölfflin, considerado o pai da moderna historia da arte. Aplicou á arte criterios científicos, como o estudo psicolóxico ou o método comparativo: definía os estilos polas diferenzas estruturais inherentes ós mesmos, como argumentou na súa obra Conceptos fundamentais da Historia da arte (1915). Wölfflin non outorgaba importancia ás biografías dos artistas, defendendo en cambio a idea de nacionalidade, de escolas artísticas e estilos nacionais. As teorías de Wölfflin foron continuadas pola chamada Escola de Viena, con autores como Alois Riegl, Max Dvořák, Hans Sedlmayr e Otto Pächt.[89]

Xa no século XX, a historiografía da arte continuou dividida en múltiples tendencias, desde autores aínda enmarcados no formalismo (Roger Fry, Henri Focillon), pasando polas escolas sociolóxica (Friedrich Antal, Arnold Hauser, Pierre Francastel, Giulio Carlo Argan) ou psicolóxica (Rudolf Arnheim, Max Wertheimer, Wolfgang Köhler), até perspectivas individuais e sintetizadoras como as de Adolf Goldschmidt ou Adolfo Venturi. Unha das escolas máis recoñecidas foi a da iconoloxía, que centra os seus estudos na simboloxía da arte, no significado da obra artística. A través do estudo de imaxes, emblemas, alegorías e demais elementos de significación visual, pretenden esclarecer a mensaxe que o artista pretendeu transmitir na súa obra, estudando a imaxe desde postulados mitolóxicos, relixiosos ou históricos, ou de calquera índole semántica presente en calquera estilo artístico. Os principais teóricos deste movemento foron Aby Warburg, Erwin Panofsky, Ernst Gombrich, Rudolf Wittkower e Fritz Saxl.[90]

Historia da arte

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da arte.

Moitas grandes tradicións en arte teñen os seus comezos na arte dalgunha das grandes civilizacións antigas: Exipcia Antiga, Mesopotámica, Persa, Hindú, China, Grega Antiga, Romana Antiga, Inca, Maia, e Olmeca. Cada un destes centros de civilización desenvolveron un estilo único e característico na súa arte. Debido á medida e duración estas civilizacións, moitos dos seus traballos sobreviviron e moita da súa influencia foi transmitida a outras culturas e tempos posteriores. Algúns tamén proporcionaron os primeiros rexistros de como traballaron os artistas.

Arte na prehistoria (ca. 25000-3000 a. C.)

[editar | editar a fonte]
Venus de Willendorf.

Arte antiga (ca. 3000-300 a. C.)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Arte antiga.
Véxase tamén: Arte ibérica e Arte celta.

En Exipto e Mesopotamia xurdiron as primeiras civilizacións, e os seus artistas/artesáns elaboraron complexas obras de arte que supoñen xa unha especialización profesional.

Ilustración de arte africana na enciclopedia sueca Nordisk familjebok.
Artigo principal: Arte africana.

África esconde innumerables artes locais que reflicten unha gran variedade de culturas que non cesan de evolucionar ó longo do tempo. Estas creacións foron consideradas como verdadeiros obxectos de arte sobre todo a partir do comezo do século XX, sobre todo baixo a influencia dos pintores cubistas. O descubrimento desta arte influíu notablemente na arte moderna occidental.[93].

Hoxe en día, a maioría das obras africanas pertencen a coleccionistas privados porque, no pasado, os museos descoidaron esta arte. Desde entón, a cotización dos obxectos antigos auténticos elevouse[94], e a UNESCO veu a prohibir desde o comezo dos anos 1990 a exportación de máscaras e de estatuas fóra do continente africano[93].

A máscara do bosque, que representa normalmente a un espírito, foi considerada durante moito tempo como o obxecto típico que simbolizaba a mellor arte africana. Pero progresivamente outras formas chegaron e en 1966 tivo lugar o primeiro festival mundial de Arte negra de Dakar, presentando ó mundo a riqueza da arte africana, con artistas como Ousman Sow, Assane Non Noye, Paul Ahyi ou Ashira Olatunde[93].

Desde 1989, unha bienal de arte africana contemporánea mantense regularmente en Dakar[95].

No leste, o rexeitamento na arte islámica da iconografía centrou a súa énfase nos patróns xeométricos, a caligrafía, e a arquitectura. Máis ó leste, a relixión dominou os estilos e formas artísticas. A India e o Tíbet viron a súa énfase nas esculturas pintadas e na danza con pintura relixiosa compartindo moitas das convencións da escultura e tendendo a brillantes cores con énfases nos perfís. China creou moitas formas de arte floridas, tallas en xade, traballos en bronce, olaría (incluíndo o impresionante exército de terracota do Emperador Qin), poesía, caligrafía, música, pintura, drama, ficción etc. Os estilos chineses varían moito de era a era e tradicionalmente noméanse despois da dinastía gobernante. Por exemplo, na dinastía Tan as pinturas son monocromáticas e escasas, salientando en paisaxes idealizadas, pero na dinastía Ming as pinturas son moi concorridas, cheas de cor, e enfocadas a contar historias a través do escenario e a composición. Xapón tamén nomea os seus estilos despois das dinastías imperiais, e tamén viviu moita interacción entre os estilos de caligrafía e pintura. A xilografía volveuse moi importante no Xapón despois do século XVII.

Pintura da dinastía Song do artista Ma Lin, c. 1250. 24,8 × 25,2 cm.
Cabeza colosal número 1 de San Lorenzo.

A cultura olmeca, entre 1200 a. C. e 500 a. C., foi a primeira das grandes civilizacións de mesoamérica, é coñecida particularmente pola riqueza iconográfica e a calidade técnica da súa arte, que foi unha referencia e unha herdanza para tódalas culturas posteriores. A Arte olmeca maniféstase por un gran dominio da escultura e do cicelado. Os artistas olmecas elaboraban a súa arte na arxila, a pedra e o bosque, así como sobre algunhas pinturas rupestres.

A arte maia desenvólvese durante o período preclásico (1500 a. C. a 250 d. C.), durante a Época I e II. Recibiu as influencias da civilización Olmeca. Outras civilizacións mesoamericanas, incluíndo Teotihuacán e a Tolteca, afectáronlles e alcanzou o seu apoxeo durante o período da civilización clásica ou Época III (aproximadamente 200 a 900 d. C.). Os Maias son soados pola súa utilización do xade, da obsidiana e do estuco.

Os artistas aztecas (1300-1519) destacaban na arte da máscara de pedra, herdado dos Toltecas, do que se facía un uso funerario ou relixioso. Eles revestían de pinturas as paredes dos seus templos e dos seus palacios.

A arte amerindia é a forma de arte orixinaria de América do Norte. Ningunha das linguas autóctonas de América do Norte contén, parece ser, unha palabra correspondente co concepto occidental de arte. Con todo, os obxectos concibidos polos seus artesáns actualmente son considerados completamente como obras de arte.

Arte clásica (1000 a. C.-300 d. C.)

[editar | editar a fonte]
Vitoria de Samotracia, anónimo, 190 a. C.
  • Arte grega: en Grecia desenvolvéronse as principais manifestacións artísticas que marcaron a evolución da arte occidental. Tras uns inicios onde destacaron as culturas minoicas e micénicas, a arte grega desenvolveuse en tres períodos: arcaico, clásico e helenístico. En arquitectura destacaron os templos, onde se sucederon tres ordes construtivas: dórico, xónico e corintio. Destaca especialmente o conxunto da Acrópole. En escultura predominou a representación do corpo humano, cunha evolución desde formas ríxidas e esquemáticas, pasando polo naturalismo do período clásico —coa obra de Mirón, Fidias e Policleto—, até o recargamento e sinuosidade do período helenístico.
  • Arte romana: cun claro precedente na arte etrusca, a arte romana recibiu unha grande influencia da arte grega. Grazas á expansión do Imperio romano, a arte clásica grecorromana chegou a case tódolos recunchos de Europa, norte de África e Próximo Oriente, sentando as bases da arte occidental. Grandes enxeñeiros e construtores, destacaron en arquitectura civil, coa construción de estradas, pontes, acuedutos e obras urbanísticas, así como templos, palacios, teatros, anfiteatros, circos, termas, arcos de triunfo etc. A escultura, inspirada na grega, céntrase igualmente na figura humana, aínda que con máis realismo, non lles importaba mostrar defectos que eran ignorados pola idealizada escultura grega. A pintura é coñecida sobre todo polos restos achados en Pompeia, e destacou especialmente o mosaico.[96]

Arte na Alta Idade Media (300-900)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Arte da Idade Media.
  • Arte paleocristiá: coa aparición do cristianismo xenerouse ó longo do Imperio a chamada arte paleocristiá, que adquiriu status oficial trala conversión ó cristianismo do emperador Constantino. A arte paleocristiá reinterpretou tanto as formas clásicas como as xudías para servir como vehículo de expresión da nova relixión oficial, e produciuse unha atomización de estilos por zonas xeográficas. En arquitectura destacou como tipoloxía a basílica, mentres que en escultura destacan os sartegos e continúan como en época romana a pintura e o mosaico.
  • Arte prerrománica: denomínase así ós múltiples estilos desenvoltos en Europa desde a caída do Imperio romano até ó redor do ano 1000, onde a fusión da cultura clásica coa dos novos poboadores de orixe xermánico xerará as diversas nacionalidades que conforman actualmente o continente europeo. Englóbanse nesta fase diversos estilos de marcado carácter rexional, desde a arte visigoda e dos outros pobos xermánicos, ou mesmo a arte celta -especialmente nas Illas británicas- ou viquinga, pasando pola arte asturiana, até a arte carolinxia e otoniana no centro de Europa.[97]

Arte na Baixa Idade Media (900-1400)

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Arte mudéxar e Arte precolombiana.
Pantocrátor de San Clemente de Taüll, MNAC.

Arte na Idade Moderna (1400-1800)

[editar | editar a fonte]
O nacemento de Venus (1485), de Sandro Botticelli.
Artigo principal: Arte moderna.

Arte na Idade contemporánea (1800-Actualidade)

[editar | editar a fonte]
Camiñante sobre o mar de néboa (1818), de Caspar David Friedrich.
Artigo principal: Arte contemporánea.
Século XIX

Entre finais do século XVIII e principios do XIX sentaron as bases da sociedade contemporánea, marcada no terreo político polo fin do absolutismo e a instauración de gobernos democráticos —impulso iniciado coa Revolución francesa—; e, no económico, pola Revolución industrial e o afianzamento do capitalismo, que terá resposta no marxismo e a loita de clases. No terreo da arte, comeza unha dinámica evolutiva de estilos que se suceden cronoloxicamente cada vez con maior celeridade, que culminará no século XX cunha atomización de estilos e correntes que conviven e se contrapoñen, inflúense e enfróntanse.

Formas únicas de continuidade no espazo (1913), de Umberto Boccioni.
Século XX

A arte do século XX padece unha profunda transformación: nunha sociedade máis materialista, máis consumista, a arte diríxese ós sentidos, non ó intelecto. Igualmente, cobra especial relevancia o concepto de moda, unha combinación entre a rapidez das comunicacións e o aspecto consumista da civilización actual. Xorden así os movementos de vangarda, que pretenden integrar a arte na sociedade, buscando unha maior interrelación artista-espectador, xa que é este último o que interpreta a obra, podendo descubrir significados que o artista nin coñecía. As últimas tendencias artísticas perden mesmo o interese polo obxecto artístico: a arte tradicional era unha arte de obxecto, o actual de concepto. Hai unha revalorización da arte activo, da acción, da manifestación espontánea, efémera, da arte non comercial (arte conceptual, happening, environment).

Liberación de 1001 globos azuis, -escultura aerostática- de Yves Klein. As últimas tendencias foron propensas a unha arte máis desmaterializada, onde importa máis o concepto, a mensaxe, a acción.
Últimas tendencias (1945-actualidade)
  1. Carracedo Fraga, J. (1999). Diccionario latín-galego. Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-318-6. 
  2. Omar Argerami: Psicoloxía da creación artística (p. 23-30). Buenos Aires: Columbia, 1968.
  3. (Tatarkiewicz 2002, p. 39)
  4. (Beardsley & Hospers 1990, p. 20)
  5. (Tatarkiewicz 1989, p. 87-88)
  6. (Tatarkiewicz 2002, p. 43)
  7. (Beardsley & Hospers 1990, p. 44)
  8. (Tatarkiewicz 1991, p. 367-368)
  9. (Bozal 2000, p. 21)
  10. (Beardsley & Hospers 1990, p. 65)
  11. (Givone 2001, p. 65-66)
  12. (Beardsley & Hospers 1990, p. 68)
  13. (Bozal 2000, p. 370-373)
  14. (Eco 2004, p. 329)
  15. (Beardsley & Hospers 1990, p. 70)
  16. (Eco 2004, p. 333)
  17. (Givone 2001, p. 114)
  18. (Bozal 2000, p. 324-329)
  19. (Givone 2001, p. 102-104)
  20. (Givone 2001, p. 112-113)
  21. (Beardsley & Hospers 1990, p. 73)
  22. (Givone 2001, p. 108-109)
  23. (Givone 2001, p. 110-111)
  24. (Bozal 2000, p. 379-380)
  25. (Eco 2004, p. 415-417)
  26. (Beardsley & Hospers 1990, p. 79-80)
  27. (Givone 2001, p. 122-124)
  28. (Givone 2001, p. 125-127)
  29. (Givone 2001, p. 129-131)
  30. (Givone 2001, p. 222-230)
  31. (Givone 2001, p. 151-153)
  32. (Givone 2001, p. 154)
  33. (Bozal 1993, p. 8-18)
  34. 34,0 34,1 (Tatarkiewicz 2002, p. 51-53)
  35. (Tatarkiewicz 2002, p. 62-63)
  36. (Tatarkiewicz 2002, p. 67)
  37. (Tatarkiewicz 2002, p. 82)
  38. (Tatarkiewicz 2002, p. 84-85)
  39. (Tatarkiewicz 2000, p. 318)
  40. (Tatarkiewicz 2002, p. 42)
  41. (Tatarkiewicz 2002, p. 45)
  42. (Tatarkiewicz 2002, p. 46-48)
  43. (Tatarkiewicz 2002, p. 49)
  44. (Givone 2001, p. 50-54)
  45. (Tatarkiewicz 2002, p. 53)
  46. (Souriau 1998, p. 142)
  47. (Souriau 1998, p. 838)
  48. (Brandi 2002, p. 15)
  49. 49,0 49,1 (Brandi 2002, p. 14)
  50. (Villa 2003, p. 55)
  51. (Azcárate 1983, p. 9-12)
  52. AA.VV. (1991), p. 678.
  53. AA.VV. (1991), p. 19.
  54. (Villa 2003, p. 120-123)
  55. AA.VV. (1991), p. 213.
  56. AA.VV. (1991), p. 615.
  57. (Villa 2003, p. 91-96)
  58. (Villa 2003, p. 71-73)
  59. (Souriau 1998, p. 540-541)
  60. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 14-16)
  61. (Souriau 1998, p. 612)
  62. (Fuga 2004, p. 12-30)
  63. (Fuga 2004, p. 92-132)
  64. (Fuga 2004, p. 138-167)
  65. Fatás, Guillermo; Borrás, Gonzalo (1990). Diccionario de términos de arte y elementos de arqueología, heráldica y numismática (en castelán). Madrid: Alianza. pp. 122–123. ISBN 84-206-0292-2. 
  66. (Fuga 2004, p. 176-201)
  67. (Fuga 2004, p. 250-284)
  68. (Fuga 2004, p. 212-230)
  69. (Fuga 2004, p. 300-358)
  70. (Brandi 2002, p. 13-17)
  71. AA.VV. (1991), p. 812.
  72. (Beardsley & Hospers 1990, p. 97)
  73. (Tatarkiewicz 2000, p. 9)
  74. (Givone 2001, p. 14)
  75. Hauser, Arnold (2004). Historia social de la literatura y el arte. Barcelona: Debolsillo. ISBN 978-84-9793-220-2. 
  76. Gombrich, Ernst (1997). Historia del Arte. Debate, Madrid. ISBN 978-84-8306-044-5. 
  77. (Bozal 1999, p. 332)
  78. (Bozal 2000, p. 147)
  79. Marty, Gisèle (1999). Psicología del arte (en castelán). Madrid: Pirámide. pp. 13–14. ISBN 84-368-1340-5. 
  80. "A Psicoloxía da Gestalt". Consultado o 15-03-2009. 
  81. (Bozal 2000, p. 22-23)
  82. (Bozal 2000, p. 155-170)
  83. (Bozal 2000, p. 165)
  84. (Villa 2003, p. 62-66)
  85. (Tatarkiewicz 2000, p. 280-288)
  86. (Bozal 2000, p. 137)
  87. (Bozal 2000, p. 150-154)
  88. (Bozal 2000, p. 141-143)
  89. (Bozal 1999, p. 255-258)
  90. (Bozal 1999, p. 293-295)
  91. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 24-28)
  92. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 30-45)
  93. 93,0 93,1 93,2 (África-anuario.com 2009)
  94. A título de exemplo, unha estatua de muller Sénufo vendeuse por 72.750 € en xuño do 2008 en Sothebys París[Ligazón morta]
  95. Dak'Arte
  96. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 64-88)
  97. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 95-130)
  98. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 187-337)
  99. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 347-409)
  100. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 479-651)
  101. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 663-702)
  102. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 709-772)
  103. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 873-902)
  104. (Azcárate Ristori, Pérez Sánchez & Ramírez Domínguez 1983, p. 773-837)
  105. (González 1991, p. 7-61)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]