Xosé María Díaz Castro
por Raúl Río Díaz, nos Vilares. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de febreiro de 1914 Guitiriz, España |
Morte | 2 de outubro de 1990 (76 anos) Lugo, España |
Formación profesional | Universidade de Salamanca |
Educación | Universidade de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | tradutor, escritor, poeta |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Familia | |
Cónxuxe | María Teresa Zubizarreta Bengoechea |
Premios | |
| |
Xosé María Díaz Castro, nado no lugar do Vilariño (Os Vilares,[1] Guitiriz) o 19 de febreiro de 1914 e finado en Lugo o 2 de outubro de 1990, foi un poeta e tradutor galego. O 4 de novembro de 1973 foi nomeado correspondente da RAG e o instituto de Guitiriz IES Poeta Díaz Castro leva o seu nome.
A Real Academia Galega decidiu adicarlle, coincidindo co centenario do autor, o Día das Letras Galegas do ano 2014. Os outros escritores propostos foron Ricardo Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde, Fiz Vergara Vilariño e Ramón de Valenzuela.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Cronobiografía de Xosé María Díaz Castro.
Fillo de Isidro Díaz Calvo, escribente do concello de Trasparga,[1] e María Manuela Castro López, terceiro de catro irmáns (Antonio, María e Serafín), Xosé María naceu no seo dunha familia labrega. En 1929 ingresou no Seminario de Mondoñedo, onde coñeceu a Aquilino Iglesia Alvariño.
Foi chamado a filas pola súa quinta, destinado ao corpo de sanidade militar na Coruña como padioleiro e practicante. Na guerra civil, tras unha semana na fronte de Asturias, pasou destinado á clínica militar do Hospital de Pontevedra.
No ano 1939 volveu ó seminario, porén o abandona de contado. Iglesia Alvaríño contou coa súa colaboración como profesor no Colexio León XIII, de Vilagarcía de Arousa, do que o de Abadín era o director.
Abandonados os estudos eclesiásticos fixo o bacharelato, acadando o título en 1945, e logo licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca,[3] especializándose en linguas modernas.[4] En 1948 trasladouse a Madrid, onde traballou como tradutor para organismos oficiais e privados, entre eles primeiramente o Ministerio de Gobernación, en asuntos de seguridade e intelixencia. Despois exerceu a docencia como profesor de linguas clásicas e modernas. Traballou no Consello Superior de Investigacións Científicas,[5] onde acadou o posto de xefe do Servizo de Información e Documentación do Instituto do Frío. No Instituto de Cultura Hispánica estivo ata 1966, encargado de servizos de tradución de francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas.
Pepe do Vilariño chegou a establecer contacto con Ramón Piñeiro e Carballo Calero e en Madrid con Dionisio Ridruejo, pero non era o seu lado forte, precisamente, as relacións cos demais.
O 10 de agosto de 1954 casou con María Teresa Zubizarreta Bengoechea, natural de Urretxu (Guipúscoa), con quen tivo tres fillos, José Mari, Maite e Íñigo, todos eles nados, tamén, en Urretxu.
Obra
[editar | editar a fonte]Díaz Castro publicou os seus primeiros versos ós dezasete anos na revista Lluvia de rosas de Tarragona, pero foi a súa entrada no seminario, e o contacto con Aquilino Iglesia Alvariño, o que exerceu un estímulo decisivo na súa promoción como escritor e para comezar a escribir en galego [7], publicando en El Progreso Villalbés o 6 de agosto de 1931 os seus primeiros versos en galego [8], Lembranzas e sospiros. Logo saíron Baix'o o calor (14/10/31), Lá vou, amor (22/01/32), As formigas (28/06/32), Era un contiño de fadas (8/8/32), e posteriormente escribiu dous cadernos de poesía, tamén en galego, Follas verdes en 1934 e Follas ô aire, que inclúe versos de 1932 a 1935, que finalmente quedaron inéditos. Tamén publicou poemas en Vallibria, Mundo de Ahora e Perla del Calvario.[9]
Logo da guerra civil continuou compoñendo. O 16 de agosto de 1946 foi premiado nos Xogos Florais de Betanzos polo poema El Cántico de la Ciudad en castelán, e por Nascida d'un soño (tres sonetos) en galego.[10] Volveron saír poemas seus en galego en publicacións como La Noche, Cartel, Sonata Gallega, Alba ou Ínsula.
En calisquera caso, a poesía de Díaz Castro é unha das máis representativas do noso tempo, que sendo fondamente galega polo esprito que a informa, resulta universal pola altura e a verdade que encerra.F. del Riego[4]
Francisco Fernández del Riego inclúeo na súa Escolma da poesía Galega, IV, Os Contemporáneos, publicada por Galaxia en Vigo en 1955, representado por sete poemas. En revistas e xornais diversos viron a luz outros poemas e artigos del en castelán e en galego, coñecéndose arredor de 200 [11] poemas escritos en galego polo autor.
Nimbos
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Nimbos e Penélope (poema).
Con todo, Díaz Castro está considerado autor dunha soa obra,[13] o poemario Nimbos,[14] editado en Vigo por Galaxia o 9 de xullo de 1961,[15] que tivo moita influencia nos poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galicia e polos problemas básicos do ser humano, a vida, a morte e o tempo. Díaz Castro adoita ser encadrado dentro da Xeración do 36 a carón de poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño. Na obra, que inclúe revisados os poemas que escolmara Fernández del Riego, móstrase unha reflexión sobre o destino humano a través da preocupación existencial e relixiosa e da comuñón coa natureza. Nun dos seus poemas máis coñecidos, "Penélope", reflexiona sobre unha Galicia que permanece durmida, mais sen refugar á esperanza para a súa terra.
A voz poética de Díaz Castro apóiase nunha linguaxe rica e exacta, da que xorde a xusteza da imaxe e o fondo poder evocador que se desprende dos seus versos. Os temas, que aparecen sempre envoltos na roupaxe elegante dun clasicismo exemplar, son os da grande poesía universal: a dor do home, o amor, a paisaxe, os sentimentos relixiosos, a liberdade... Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar na literatura galega a poesía total.[16]
Outras obras
[editar | editar a fonte]- Nimbes, Denes: Paiporta-València, 1997, 86 p., tradución de Vicent Berenguer, ISBN 84-88578-38-5, inclúe texto orixinal e versión en castelán do autor.[17]
- Cartafol de traducións e outros poemas, 2014, ed. de Armando Requeixo. CCG, ISBN 978-84-92923-56-4.[18]
- Poesía galega completa, 2014, ed. de Armando Requeixo. Deputación de Lugo, Galaxia, ISBN 978-84-9865-524-7.[19]
- Sombras radiantes y otros poemas, 2014, Poesía para el tercer milenio, Eneida, ISBN 978-84-15-45830-2.[20]
- Epistolario, 2014, ed. de Armando Requeixo. Galaxia, ISBN 978-84-9865-575-6.
Tradutor
[editar | editar a fonte]Dominaba máis dunha ducia de linguas, e aínda que traduciu ao galego do alemán os Poemas de María de Rainer Maria Rilke[4] fundamentalmente Díaz Castro traduciu ao castelán, lingua na que publicou obras de, entre outros, o sueco Verner von Heidenstam (Premio Nobel de Literatura en 1916), os dinamarqueses Henrik Pontoppidan e Johannes Vilhelm Jensen (premios Nobel de Literatura en 1917 e 1944 respectivamente), o austrohúngaro Rilke, o irlandés William Butler Yeats (Nobel de Literatura en 1923), os estadounidenses T. S. Eliot e Walt Whitman, os ingleses G. K. Chesterton e Frederick Forsyth, o alemán Friedrich Schiller ou os franceses Arthur Rimbaud, Paul Valéry, Alphonse de Lamartine e Paul Claudel.[21] Traduciu, tamén, ao inglés a Federico García Lorca e a Rafael Alberti.[3]
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]O 4 de novembro de 1973 foi nomeado correspondente da RAG[22] e o instituto de Guitiriz IES Poeta Díaz Castro leva o seu nome.
A Real Academia Galega decidiu adicarlle, coincidindo co centenario do autor,[23] o Día das Letras Galegas do ano 2014. Os outros escritores propostos foron Ricardo Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde, Fiz Vergara Vilariño e Ramón de Valenzuela.[24]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Xosé María Díaz Castro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Daquela Os Vilares pertencía ao concello de Trasparga, creado en 1840 e desaparecido o 29 de novembro de 1945.
- ↑ Actualidade: Novas: Día das Letras Galegas a Díaz Castro Arquivado 23 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. páxina da Real Academia Galega, 21/06/2013.
- ↑ 3,0 3,1 Artigo Díaz Castro, Xosé María (Parga, Guitiriz 19-2-1914 - Lugo 2-10-1990) da Enciclopedia Galega Universal.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Fernández del Riego (1971) [1951]. Galaxia, ed. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo. pp. 214–216.
- ↑ Castro Tomé, Germán, "Díaz Castro alcanza el olimpo de las Letras Galegas al cumplirse su centenario", Mundiario, 6/02/2014 (en castelán).
- ↑ Conferencia de Manuel María na Aula de Cultura de Caixa Galicia en abril de 1995.
- ↑ Vázquez López, X. F. “A muller na poesía galega de Xosé María Díaz Castro”. Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Ed. de Helena González e M. Xesús Lama. Sada: Ediciós do Castro / AIEG / Filoloxía Galega (Universidade de Barcelona), 2007. ISBN 978-84-8485-266-7
- ↑ Requeixo, Armando; "Xosé María Díaz Castro poeta de preguerra". Madrygal. Revista de Estudios Gallegos (Universidad Complutense), nº 4, 2001, páx. 99-109 (en Dialnet).
- ↑ Perla del Calvario foi o voceiro dos Padres Pasionistas de Mondoñedo (Armando Requeixo, "Xosé María Díaz Castro poeta de preguerra". Madrygal nº 4, p. 106).
- ↑ González Tosar, Luís; Díaz Castro: luz e sombra radiantes La Voz de Galicia.
- ↑ Armando Requeixo (2014) "Limiar" in Díaz Castro, Xosé María Cartafol de Traducións e outros poemas. Consello da Cultura Galega, p. 28
- ↑ Requeixo, Armando: "Orixes da escrita: Penélope" Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. 19/2/2016.
- ↑ "O autor de Penélope" Consello da Cultura Galega.
- ↑ Vista previa da edición do ano 2006 de Nimbos ISBN 978-84-8288-965-8, en Google Books.
- ↑ A Festa da Palabra homenaxeou a XM Díaz Castro Arquivado 02 de decembro de 2013 en Wayback Machine. Televisión de Galicia.
- ↑ Díaz Castro, Xosé María, Nimbos, 1982, Editorial Nacional, Madrid, 72 páx., ISBN 978-84-276-0612-8, en galego e castelán, con presentación de Carballo Calero.
- ↑ "Ficha do libro na páxina da Editorial Denes". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2014. Consultado o 17 de maio de 2014.
- ↑ Cartafol de traducións e outros poemas en PDF (22,5 MB) 222 páx.
- ↑ "Publicamos a Poesía Galega Completa de Xosé María Díaz Castro" Arquivado 26 de abril de 2014 en Wayback Machine. Galaxia, 25/4/2014.
- ↑ Sombras radiantes y otros poemas Arquivado 26 de abril de 2014 en Wayback Machine. na páxina da Editorial Eneida.
- ↑ Requeixo, Armando; Unha aproximación a Nimbos de Xosé María Díaz Castro, Eduga, nº 12, maio de 1996, páx. 101-120 (en Dialnet).
- ↑ "Listaxe de membros correspondentes da Real Academia Galega, letra D.". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2013. Consultado o 26 de xuño de 2013.
- ↑ "Díaz Castro, autor de mil linguas" El Progreso, 7/01/2014.
- ↑ Díaz Castro, o poeta dun só libro que removeu as conciencias galegas Praza Pública.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blanco, Díaz, Diéguez, Fernández, Franco, González, Piñeiro, Regueira, Rodríguez et alii; Homenaxe a X. M. Díaz Castro, Xermolos, Guitiriz, 1987, ISBN 84-404-1089-1.
- Blanco Torrado, Alfonso; A ascensión dun poeta, Xosé María Díaz Castro, Fundación Caixa Galicia, Lugo, 1995, ISBN 84-89231-17-6.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Bibliófilos Gallegos. p. 349.
- Dobarro Paz, Xosé María (2005). "DÍAZ CASTRO, Xosé María". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 114. ISBN 84-7492-465-0.
- Ínsua López, Emilio Xosé (2017). Díaz castro: poeta en formación (1914-1939) Arquivado 03 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.. Edicións Laiovento. ISBN 84-8487-379-2.
- Pérez López, Segundo Leonardo; A ferida da beleza en Nimbos, Instituto Teolóxico Compostelán, 2014, ISBN 978-84-942402-3-2.
- Requeixo, Armando, Xosé María Díaz Castro, vida e obra, Editorial Galaxia, Vigo, 2014, ISBN 978-84-9865-516-2.
- Rodríguez Barrio, Xavier; Fulguración e silencio, 2014. Deputación de Lugo, Editorial do Centrad, ISBN 978-84-8192-492-3.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
- ——————, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
- "Díaz Castro, Xosé María". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 329.
- AAVV (2015). Boletín da Real Academia Galega. Número 375, 2014
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Xosé María Díaz Castro |
A Galicitas posúe citas sobre: Xosé María Díaz Castro |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Villares, Ramón; Biografía de Xosé María Díaz Castro na web da RAG
- Documental A lus do mundo (14'43'') dos alumnos do IES Poeta Díaz Castro, en YouTube.
- Documental O instante eterno (30'00'') de Xosé Antón Cascudo, na CRTVG.
- Documental Telexornal Díaz Castro (30'36'') producido polo CPI dos Dices, en YouTube.
- Documental 7 poemas de Díaz Castro (5'11'') realizado por Luís Aldegunde, en YouTube.
- Documental A aldea do poeta (25´05") realizado por Marcos Nine, Uned Senior de Xestoso
- Documental A beleza fireume para sempre. A obra de Xosé María Díaz Castro (20'00'') realizado por Luís Aldegunde, en YouTube.
- Monográfico do Zigzag diario do 17/02/2014. Interveñen Pilar G. Rego, Blanco Torrado, González Tosar, Armando Requeixo e o propio Díaz Castro.