Mostrando entradas con la etiqueta Aid. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Aid. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de julio de 2025

Unha vez tiven un cravo

                Unha vez tiven un cravo
          cravado no corazón,
i eu non me acordo xa si era aquel cravo
          de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
          que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
          “Señor, que todo o podedes
          —pedínlle unha vez a Dios—
       
daime valor para arrincar dun golpe
          cravo de tal condición”.
       
          E doumo Dios, e arrinquéino;
          mais… ¿quén pensara…? Despóis
          xa non sentín máis tormentos
          nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
          en donde o cravo faltóu,
e seica, seica tiven soidades
          daquela pena… ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
          ¡quén o entenderá, Señor…!
       

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:

Emilio Cao: O cravo; Amiga alba e delgada; 1985; Cara A, Corte 5




Maite Dono: O cravo; Corazón de Brief; 1998; Pista 4




Aid: Unha vez tiven un cravo; Rapoemas; 2012; Pista 8

domingo, 4 de febrero de 2018

Os muiños

As mos eléctricas da vila
asoballaron a fol aldean
Pero o muíño da canle enxoita
moe cantares pró noso pan.
“Unha noite no muíño”…
A Lúa furou as tellas
e o silencio vai nomeando
tódalas súas noivas vellas.
A estrela da canle enxoita
dorme na adoa que escintila
bágoas de horas
Xa teñen mozas e cantares
as mos eléctricas da vila.
O émbolo fecha.
coma unha batuta
o compás dos poemas de novos manuaes
O muíño da aldea
comporanos un prólogo
prós leutores sentimentaes.
E calquer día…
…as nosas bibriotecas
indixestadas de velocidade
emigrarán á beira do río aldeán
Para que o muíño da canle enxoita
volva moer cantares pró noso pan.

Manoel Antonio: Foulas (1972)*

Versións:
Aid: Os muiños; Rapoemas; 2012; Pista 5



*[Manoel Antonio: Obras completas. Tomo I: Poesías; edición, limiar e notas de Domingo García Sabell; editorial Galaxia; Vigo, 1972.]

lunes, 16 de octubre de 2017

O maio

Aí vén o maio
de frores cuberto...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min extendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Curros Enríquez: Aires da miña terra (1880)

Versións:
Luis Emilio Batallán: Ahí ven o maio; Ahí ven o maio; 1975; Pista 1



Alberto Cunha: O maio; Contra tempo; 2009; Pista 5



Alejandro Vargas, Guadi Galego e Ugía Pedreira: Aí ven o maio; Descarga ao vivo – Cuba-Galiza; 2009; Pista 10



Aid: O maio; Rapoemas; 2012; Pista 10



Rosa Cedrón: Aí ven o maio; Cantando a Galicia; 2013; Pista 3

sábado, 22 de abril de 2017

Has de cantar

    Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;
has de cantar,
que che hei de dar moitos.
                       
   
            I
    “Has de cantar,
meniña gaiteira;
has de cantar,
que me morro de pena.
                       
   
    Canta, meniña,
na veira da fonte;
canta, daréiche
boliños do pote.
                       
   
    Canta, meniña,
con brando compás,
daréiche unha proia
da pedra do lar.
                       
   
    Papiñas con leite
tamén che daréi;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.
                       
   
    Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces.
¡Qué ricas que saben!
                       
   
    ¡Qué feira, rapaza,
si cantas faremos...!
Festiña por fora,
festiña por dentro.
                       
   
    Canta, si queres,
rapaza do demo;
canta, si queres;
daréiche un mantelo.
                       
   
    Canta, si queres,
na lengua que eu falo.
Daréiche un mantelo.
Daréiche un refaixo.
                       
   
    Co son da gaitiña,
co son da pandeira,
che pido que cantes,
rapaza morena.
                       
   
    Co son da gaitiña,
co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios”.
                       
   
            II
    Así mo pediron
na beira do mar,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.
                       
   
    Así mo pediron
na beira do río
que corre antre as herbas
do campo frorido.
                       
   
    Cantaban os grilos,
os galos cantaban,
o vento antre as follas
runxindo pasaba.
                       
   
    Campaban os prados,
manaban as fontes
antre herbas e viñas,
figueiras e robres.
                       
   
    Tocaban as gaitas.
Ó son das pandeiras
bailaban os mozos
cas mozas modestas.
                       
   
    ¡Qué cofias tan brancas!
¡Qué panos con freco!
¡Qué dengues de grana!
¡Qué sintas! ¡Qué adresos!
                       
   
    ¡Qué ricos mandiles!
¡Qué verdes refaixos!
¡Qué feitos xustillos
de cor colorado!
                       
   
    Tan vivos colores
a vista trubaban;
de velos tan váreos
o sol se folgaba.
                       
   
    De velos bulindo
por montes e veigas,
coidóu que eran rosas
garridas e frescas.
                       
   
            III
    Lugar máis hermoso
non houbo na terra
que aquel que eu miraba,
que aquel que me dera.
                       
   
    Lugar máis hermoso
no mundo n'hachara
que aquél de Galicia.
¡Galicia encantada!
                       
   
    ¡Galicia frolida!
Cal ela ningunha,
de froles cuberta,
cuberta de espumas.
                       
   
    De espumas que o mare
con pelras gomita;
de froles que nacen
ó pe das fontiñas.
                       
   
    De valles tan fondos,
tan verdes, tan frescos,
que as penas se calman
nomáis que con velos.
                       
   
    Que os ánxeles neles
dormidos se quedan,
xa en forma de pombas,
xa en forma de niebras.
                       
   
            IV
    Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
                       
   
    Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
                       
consolo dos males,
alivio das penas.
                       
   
    Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta si ríe,
conmove si chora.
                       
   
    Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,
                       
   
misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.
                       
   
    Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
                       
   
    Que así mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.
                       
   
    Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.
                       
   
    Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
                       
   
de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.
                       
   
    De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas.
                       
   
    Quen queira me chame,
quen queira me obriga;
cantar, cantaréille
de noite e de día.
                       
   
    Por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.
                       
   
    Buscáime, rapazas,
velliñas, mociños.
Buscáime antre os robres.
Buscáime antre os millos,
                       
   
nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.
                       
   
    A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;
                       
   
nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá, que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!
                       

Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)

Versións:
Alfredo González Vilela: Cantarche hei Galicia; Diáspora; 1999; Pista 6



Aid: Cantarte hei, Galicia; Rapoemas; 2012; Pista 4



Aid: Lugar máis hermoso; Rapoemas; 2012; Pista 9



Najla Shami: Na lingua que eu falo; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 3



Tempo catro sexteto: Has de cantar; Os ollos que falan; 2014; Pista 4



Xardín desordenado: Meniña gaiteira; Aprendendo a ladrar; 2015; Pista 10

lunes, 30 de enero de 2017

Castellanos de Castilla

    Castellanos de Castilla,
tratade ben ós gallegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.


    —Cando foi, iba sorrindo;
cando veu, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito.


    Aquel máis que neve branco,
aquél de dosuras cheio,
aquél por quen eu vivía
e sin quen vivir non quero.


    Foi a Castilla por pan,
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida,
peniñas por alimento.


    Déronlle, en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo...
¡Castellanos, castellanos,
tendes corazón de ferro!


    ¡Ai!, no meu corazonciño
xa non pode haber contento,
que está de dolor ferido,
que está de loito cuberto.


    Morréu aquel que eu quería,
e para min n'hai consuelo:
sólo hai para min, Castilla,
a mala lei que che teño.


    Premita Dios, castellanos,
castellanos que aborreso,
que antes os gallegos morran
que ir a pedirvos sustento.


    Pois tan mal corazón tendes,
secos fillos do deserto,
que si amargo pan vos ganan,
dádesllo envolto en veneno.


    Aló van, malpocadiños,
todos de esperanzas cheios,
e volven, ¡ai!, sin ventura,
con un caudal de despresos.


    Van probes e tornan probes,
van sans e tornan enfermos,
que anque eles son como rosas,
tratádelos como negros.


    ¡Castellanos de Castilla,
tendes o corazón de aceiro,
alma como as penas dura,
e sin entrañas o peito!


    En trós de palla sentados,
sin fundamentos, soberbos,
pensás que os nosos filliños
para servirvos naceron.


    E nunca tan torpe idea,
tan criminal pensamento
coupo en máis fatuas cabezas
nin en máis fatuos sentimentos.


    Que Castilla e castellanos,
todos nun montón a eito,
non valen o que unha herbiña
destes nosos campos frescos.


    Sólo pesoñosas charcas
detidas no ardente suelo,
tes, Castilla, que humedezan
esos teos labios sedentos.


    Que o mar deixóute olvidada
e lonxe de ti correron
as brandas auguas que traen
de prantas cen semilleiros.


    Nin arbres que che den sombra,
nin sombra que preste alento...
Llanura e sempre llanura,
deserto e sempre deserto…


    Esto che tocóu, coitada,
por herencia no universo;
¡miserable fanfarrona...!
triste herensia foi por certo.


    En verdad non hai, Castilla,
nada como ti tan feio,
que aínda mellor que Castilla
valera dicir inferno.


    ¿Por qué aló foches, meu ben?
¿Nunca tal houberas feito!
¡Trocar campiños frolidos
por tristes campos sin rego!


    ¡Trocar tan craras fontiñas,
ríos tan murmuradeiros
por seco polvo que nunca
mollan as bágoas do ceo!


    Mais, ¡ai!, de onde a min te foches
sin dor do meu sentimento,
i aló a vida che quitaron,
aló a mortiña che deron.


    Morreches, meu quiridiño,
e para min n'hai consuelo,
que onde antes te vía, agora
xa sólo unha tomba vexo.


    Triste como a mesma noite,
farto de dolor o peito,
pídolle a Dios que me mate,
porque xa vivir non quero.


    Mais en tanto non me mata,
castellanos que aborreso,
hei, para vergonza vosa,
heivos de cantar xemendo:

    ¡Castellanos de Castilla,
tratade ben aos gallegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros!


Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)

Versións:
Aid: Castellanos de Castilla; Rapoemas; 2012; Pista 3

domingo, 22 de enero de 2017

A emigración

Cando nas noites de luar caladas
vía unha estrela polo ceo correr,
decía miña nai, cas maus direitas:
                "¡Dios te guíe con ben!"

Dende entón, cando vexo que un gallego
a terra deixa onde infelís naceu,
i achego busca noutras praias, digo:
                "¡Guíete Dios!", tamén.

Non o culpo, ¡coitado!, non o axo,
non pido pragas nin castigos pra el,
nin de que é dono de coller me esquezo
                pra onde lle conviñer.

Que aquel que deixa seu natal curruncho
e fóra dos seus eidos pon os pés,
cando troca o seguro polo incerto,
                ¡motivos ha de ter!

Preguntaille, e diravos que sin rego
o milleiral, o lume sin cardés,
sin herba o gando e sin traballo o home,
                non se poden manter.

Diravos, si, que é pouco canto gana
prás arcas do señor e prás do Rei;
¡fai un mes que non comen cousa quente
                os fillos i a muller!

E diravos que porque de us destrales
mercou nunha ocasión us poucos bes,
¡xuroulle o crego non lle dar sagrado
                si chegar a morrer!

I havos decir que lonxe, alá moi lonxe,
alende o mar que o vai tragar tal ves,
si libertá, si pan non logra, santa
                tumba terá xiquer...

¿Quen sodes vós, chorosos niquitates,
ruís louvadores dun Poder cruel,
que as alas de ouro dun esprito libre
                agrilloar querés?

¿Por virtú de cal próvida promesa,
en nome de que Dios nin de que lei
querés que aquel que a morte condenastes
                non fuxa, si puder?

¿Que lle ofrecedes na nativa terra
a ese que a cruzar vai mares de fel?
¿Resignación? —Con ela non se come...
¿Fe? —¡Non lle basta a fe!...

¡Correde o velo que a Xusticia encubre!
Daille traballo, libertá, saber...
¡Non é digna dos ósos de seus fillos
                patria que os non mantén!

Dicen que como o Miño, o noso pobo
na terra donde nace quer morrer;
pero o sono do río é sosegado
                i o de este non o é.

O río ten un leito mulidiño,
perfumado de rosas e cravés;
tamén tiña outro o pobo; mais... vendéronllo,
                i agora non o ten.

¡Deixaino que o adiquira donde poida!
Deixade ó gafo Xob co fol á res
buscar o muladar onde se espiolle.
¿Sanará?... Pode ser.

A civilización i as anduriñas
dunhas terras prás outras van e vén;
querer que non emigren e matalas
                o mesmo ven a ter.

Curros Enríquez: Aires da miña terra (1880)

Versións:

Xoán Rubia: A emigración; Xoán Rubia. EDIGSA/XISTRAL - Xis 7 (EP); 1969; Lado 2, Corte 1




Aid: A emigración; Rapoemas; 2012; Pista 7




A Quenlla: Emigración; 30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita; 2014; CD2, Pista 13

jueves, 24 de mayo de 2012

A xusticia pola man

Aqués que tén fama de honrados na vila,
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa decote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡Morreron, morreron, ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvademe ¡ou, xueces!, berrei..., ¡tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.
- Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño...¡Ne-as herbas sentía!
I a lúa escondiase, y a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... ¡estonces!, cumpreuse a xustiza:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:

Amancio Prada: A xustiza pola man; Rosalía de Castro; 1975; Pista 5.




Amancio Prada: A xusticia pola man; Canta a Galicia; 1986; Pista 10

(Reedición da versión do disco Rosalía de Castro, do ano 1975)


Amancio Prada e Nuria Espert: A xusticia pola man; Rosas a Rosalía; 1997; Pista 11.




Amancio Prada e Nuria Espert: A xusticia pola man; Rosalía siempre; 2005; Pista 14.

(Reedición da versión incluida no disco Rosas a Rosalía do ano 1997)



Nao: A xustiza pola man; As palabras espidas; 2007; Pista 8.




Abe Rábade e Guadi Galego: A xusticia pola man; Rosalía 21; 2008; Pista 1.




Nao: A xustiza pola man; Once máis 15 (VVAA); 2009; Pista 15

(Reedición da versión do disco As palabras espidas, do ano 2007.)


Aid: A xusticia pola man; Rapoemas; 2012; Pista 1




Amancio Prada e Nuria Espert: A xusticia pola man; Resonancias de Rosalía; 2014; Pista 11

(Reedición da versión do disco Rosas a Rosalía do ano 1997)