Mostrando entradas con la etiqueta Phantom Mollo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Phantom Mollo. Mostrar todas las entradas

miércoles, 11 de febrero de 2026

Viage

Era unha vila cabo dun rio.
Non direi o seu nome, inda que o lembro,
pois non é o nome de nengunha vila.

O rio ia en acougo, entre secretos ameneiros,
pola terra loira, cha e eucarística.
Habia unha longa avinda, de ambíguos álamos;
e estendia-se a vila, longa,
como unha moza enxoita.

Os avións voaban sobre a igreja.
E a gente era tranquila, de consuetudinária formosura.
E às portas das casas, o tempo nos joellos,

as mulleres cosían os días da sua vida.

Uniformes cor de argila, estrelas na manga.
Poucos. Mandaba-os eu. Levaba-os a algures.
Etapa da viage, acolleu-nos a vila.
Ao ar ceibe, sentados, nun café,
fumábamos a tarde.


Que formosa era a vila, e o rio, e as gentes.
Quén pudese ficar.
Os meus homes soñaban con ser mozos
das mozas enxoitas e castas,
para sempre.
E falaren coas vellas ao saíren da igreja,
con pazán parolar.
E saíren de caza, en procura do paspallás ligeiro,
con discretos fidalgos.

Mais ao dia seguinte tiñamos que partir.

Ricardo Carballo Calero: Novelo de fantasmas. Pretérito imperfeito (1927-1961) (1980)

Versións:

Phantom Mollo: Viage; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 50



*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]