Mostrando entradas con la etiqueta Doente. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Doente. Mostrar todas las entradas

viernes, 27 de enero de 2023

¿Por qué serei un débil home só

¿Por qué serei un débil home só,
neste país tan abundante en deuses?

¡Que estraño animal son,
humilde reptil, áptero,
entre esta fauna alada
de olímpicas presenzas!

Os seres que se cinguen
¡que formosos ao abrente,
ao serán, nos espellos
se ven, de sol e lua!
¡E eu, na fonte, recebo
dura lición diáfana!

¡Que seguros están
do seu rango divino;
que felices, tan certos!
Eu, se podo achegar-me
na derradeira fila,
sinto que outra non haja
onde mellor me oculte.

É, verdadeiramente,
incómodo dabondo,
sendo un cativo arume,
que o vento me trouxese
a estes altos terrazos.

Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980) (1982)

Versións:

Doente: A casa que ninguén visita*; Musicando Carvalho Calero (VVAA)**; 2020; Pista 63

*[A versión musical de Doente altérnase co poema Esta casa que ninguén visita, da obra de Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional, do ano 1982.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

lunes, 21 de febrero de 2022

Esta casa que ninguén visita

Esta casa que ninguén visita.
Nela vive un home solitario.
Fuma e pasea polos corredores.
Dialoga cos fantasmas do pasado.

Hai moito tempo que viveron.
Van se desfigurando os seus contornos.
Ja se esqueceu das letras daquel nome.
Ja non pode lembrar a cor daqueles ollos.

O seu cabelo é cada vez máis gris,
e arrasta máis os pes cando as escadas sobe.
E ven a noite, e deita-se no leito.
Fecha as pálpebras e non dorme.

E sente renger unha porta,
e unha doce figura entra na estancia
e un bico pon nos ollos do deitado,
e el non bole pra non escorrentá-la.

Esta casa que ninguén visita.
Nela morreu un home solitario.

O vento bate a porta escanastrada.
Ninguén hai a carón do leito giado.

Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980) (1982)

Versións:

Doente: A casa que ninguén visita*; Musicando Carvalho Calero (VVAA)**; 2020; Pista 63

*[A versión musical do grupo Doente altérnase co poema ¿Por que serei un débil home só?, da obra de Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional, do ano 1982.]