Mostrando entradas con la etiqueta Manoele de Felisa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manoele de Felisa. Mostrar todas las entradas

jueves, 4 de abril de 2024

Tres volvoretas

Na volta do regueiro,
sobre unhas fentas,
revoan que dá xenio
tres volvoretas.

Unha branca, outra azul
e outra amarela,
compañeiras e amigas
son todas elas.

Poisque esas cores deullas
a Natureza,
é natural que vivan 
sin diferencias.

Sin xenreiras nin penchas
e sin fachenda
comparten os peniscos
das verdes fentas.

Tal viven e conviven
as volvoretas,
xuntas brancas e azúes
e as amarelas.

Xosé Neira Vilas: Cantarolas e contos prá xente miuda (1975)

Versións:

Suso Vaamonde: Tres bolboretas; Rapazas, rapaces e rapazadas; 1997; CD2, Pista 4




Manoele de Felisa e Luis Emilio Batallán: Tres bolboretas; Cantos de lembranza; 2014; Pista 3




María do ceo: Tres bolboretas; Cancións para nenas e nenos; 2017; Pista 8

viernes, 22 de septiembre de 2023

Tiven medo de bogar

Tiven medo de bogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bos remos
anque fora na mar calma,
¡non bogaba!, ¡non bogaba!

O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:

Manoele de Felisa: Tiven medo de bogar; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 2

martes, 30 de mayo de 2023

Terra

Arei, gradei e canicei esta terra.
Nela abrín regos e esparexín semente,
magoeina coa picaña,
esfarelei cadullos,
boteille esterco,
libreina de ervellaca e saramagos,
vina sedenta recibindo a choiva,
agarimeina
cos ollos e coas mans
e síntoa
fonte e placenta deste corpo,
deste eu que rebule
derriba da súa codia
feraz e xenerosa.

En pago de tal amor e tal achego
só lle pido
que me acolla na noite que ha de vir
e seguiremos xuntos
no derradeiro suco,
na canle derradeira.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:

Manoele de Felisa: Terra; Cantos de lembranza; 2014; Pista 7

jueves, 2 de junio de 2022

Son camiño dun cansado viaxeiro

Son camiño dun cansado viaxeiro
que aínda non soupo de min o seu refuxo.
Na serán chega á porta calado i altaneiro
i ergue a viga da noite no seu fuso.

Sei quen de min ditou un verso
que o mundo por enteiro derribou.
Aquel verso deixou en fondo texto
que logo en libro vello se trocou.

Hai peito que non sabe o seu camino
e ceguiño polo doutro vai andando.
¡Si el soupera que sin ave non hai niño!

A fonte que en mar en min aboia
non verte en craros días o seu canto.
¡Sabe a noite o que leva dela soia!

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:

Manoele de Felisa: Cansado viaxeiro; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 1

martes, 10 de mayo de 2022

Son a suma total

Son a suma total
daquel que foi medindo
a pegada aquela que non digo,
pegada que soia se puxo o seu nome.
Son resta da esperanza —diferencia quedou—.
Multiplicada xa nacín,
pra que dividirme agora?

San, enteira voume indo,
san, enteira vou quedando,
o paso xa me cederon,
inda que o camiño se vira,
vaise virando en duro,
as pegadas ben se ven
vense volcar nas penas,
liman os picos dos montes,
raxan a cume i o mar,
raxan as alturas todas,
raxan a néboa,
raxan o sol,
ráxanse todas nunha,
esta cínguese
vaise cinguindo.
Terra, alma dona!
Pegada que soia
se puxo o seu nome.

María Mariño: Verba que comenza (1990)

Versións:

Manoele de Felisa: Son a suma total; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 10




Flor Maceiras: Son a suma total; As voces de María Mariño (VVAA); 2007; Pista 6

miércoles, 17 de noviembre de 2021

Si o outono non crebara o tempo

Si o outono non crebara o tempo
non se erguía en verso longo o poeta,
o troveiro que en liña chega á meta
arrola a cume, espaia a néboa, achega o vento.

Os cantores esquecen o seu día
e dóense do que saben que lles chega.
Quece o zoco no ourizo e na nebra.
Vela o arbre a súa en lousa compañía.

Alumea o souto a esperanza soia,
a que onte viveu na súa sombra amiga,
espera hoxe o que dela quedou fóra.

Roda do carro que, entre lousa e folla,
vas trocando por mañán cantiga
¡atopas noite, atopas día e quedas soia!

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:

Aurora López e Teresa Luján: Si o outono non crebara o tempo; Saloucos. 15 poetas da terra nai; 1999; Pista 7




Manoele de Felisa: Soia; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 11

lunes, 11 de enero de 2021

Sabe o meu outono que dou

Sabe o meu outono que dou
crara luz que non se apaga.
A miña, hoxe, en onte atopou
a Quen dela alumaba.

Cando soupen que era meu
o que de lonxe me viña,
pronto a miña luz morreu
afogouse na que había.

¡Canto se ve doutro día!
I el a ninguén prometeu.
¡Vai de longo a súa liña!

Vai de longo a súa liña
que ninguén nela volveu.
Cantiga deixou que nos diga…

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:

Manoele de Felisa: Sabe o meu outono; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 8

viernes, 1 de junio de 2018

Pedra

Cada pedra montesía,
cada croio dos agros,
cada laxe de valado,
cada seixo do río,
cada roda de muíño,
cada arco da ponte,
cada con ventureiro,
cada lousa do camposanto,
cada rocha que se alza,
cada pedernal lostregante,
cada moa de afiar,
cada lareira
van en min,
nos meus ósos,
no meu ancestro mineral
e xeolóxico,
na clave do esqueleto
que me sostén
e que me leva
polo rego da vida.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:
Manoele de Felisa: Pedra; Cantos de lembranza; 2014; Pista 9

sábado, 24 de marzo de 2018

Palpas os tempos

Palpas os tempos.
Lambes as terras.
Trillas os días
e vas andando,
sin parar andando.
Coxeas no outono —meu arranque—.
Alóngaste no estío —miña morte—.
Á primaveira dáste,
dáste a todos que logo de ti se chaman.

Tolle o inverno o teu nome,
o teu nome —morno lume—,
o teu nome farto i esquecido,
esquecido
entre muros lentos,
entre pozas, terras-miñocas,
entre mundo de sapos
e calexas de lúa.

      ¡Farto!

O teu nome leva e dá.
Dá mareas de verbas feitas,
dá cantiga que se escoita,
dá á terra voz e fala,
dá a cada un dos tempos seu dono,
dá larganza —peito de bríos—.
Vein vindo a luz aquela que ti
encendiches e non se apaga.

      ¡Sol!

María Mariño: Verba que comenza (1990)

Versións:
Manoele de Felisa: Farto; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 6



Lino Braxe: Palpas os tempos; As voces de María Mariño (VVAA); 2007; Pista 5

jueves, 18 de enero de 2018

Noia

                  1
Campanas que tocades
todas do mesmo xeito,
unhas chegádesme á alma
e outras ó pensamento.

¡Pobos donde eu vivín!
Algúns eran máis feitos
e queríanme engañar,
mais eu nunca sentín
neles o meu fogar.

O meu fogar téñoo en ti:
no teu vivir e nas tres pontes
e das campanas os toques,
toques que eran pra min.

Fóra de ti cando as oio,
e sendo o mismo tocar,
recólloas no pensamento,
xa non pasan máis alá.

                  2
¡Ribeiras de mar enxoito!
¡Ribeiras de pleamar!
Quedas, vellas ribeiras,
agardan un mar i outro mar.

                  3
Os seráns nas Rías Baixas
ollan con luz de aurora,
ca súa mirada queda,
silencio daquela hora…

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:
Manoele de Felisa: Noia; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 13

jueves, 28 de diciembre de 2017

Maripepa

No adro silandeiro,
cuberta cunha lousa ben labrada,
descansa, disque en paz,
Maripepa Arteaga,
miña avoa,
a mesma que no berce me cantaba
vellos romances
deprendidos en feiras e ruadas;
a que contaba lendas
e curaba
mancaduras, bochas, carafunchos
do corpo e da alma.
Maripepa leda,
rula branca
que de moza tocaba a pandeireta
e entoaba cántigas
e xuntábanse en Gres mozas e mozos
cada domingo ou día de folganza.
Sempre había festa
onde ela estaba,
e hai quen vai dicindo pola aldea
que en noites de lúa crara
oíse un trengueleo de ferreñas
en rolda acompasada
alá embaixo,
na campa
onde mora, onde repousa,
onde descansa
miña avoa festeira,
Maripepa Arteaga.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:
Manoele de Felisa e Uxía Senlle: Maripepa; Cantos de lembranza; 2014; Pista 13

jueves, 7 de diciembre de 2017

Linme hoxe toda por dentro

Linme hoxe toda por dentro.
¡Linme!
¡Como me está chegando!
¡Como me apaña!
Eu non sei,
non sei si me chega ou vou por ela.
Non o sei.
¿Ouh, para que me trouxeches si hoxe me levas?
Hoxe,
hoxe, día de todos en un.
Infindá do tempo. ¡Hoxe!
Hoxe de quen todos somos na marea sin ondas,
sin velas,
sin barcos en coor vello.
Hoxe, ¿de quen?
Hoxe: dirán uns.
Hoxe: dirán outros mentras…
mentras reparan no que non hai.
En hoxe todos,
todos damos do fin o paso del.

¡Meu amigo, onte!
Ti vas quedando,
quedas pregón que enmarca nas áas do tempo a voz
que ti mismo diches sinxela e pulida, aquela.
Ti quedas como queda o aire
entre as cousas que son
como que da loita,
como queda a terra,
como queda a Forza
aquela en que ti vas hasta a derradeira,
derradeira,
vas calado.
Calas mentras contas as presadas que de nós van
caendo,
vas na verba,
verba que rixe,
verba enteira que é.
Vas e dis anque calas e non cingues
xeito novo.
Pro si:
de nós levas.

María Mariño: Verba que comenza (1990)

Versións:
Manoele de Felisa: Linme; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 4

martes, 7 de noviembre de 2017

Había que chegar, había que chegar pra ser

Había que chegar, había que chegar pra ser.
Había que deixar o que nacera,
o que iba medrando.
Había que deixalo.
Había que chegar.
Había que deixar a cume,
cume de quenturas,
cume que vive baixo a ponte das loitas,
baixo remos que viven no olvido do ben,
baixo a cruz que nos desina o tempo,
baixo a terra que a presada nos vai decindo,
nos di:

      “Había que chegar”.

De cando en cando miña cume fala soia,
volve ó seu e logra del,
logra a resposta do vecín-peito enfermo,
peito que se espaia recio para aquel outro que non ten cura,
peito feito dela que chega a nós,
peito que volve a cume ó seu,
súa infancia tecedeira,
súa primeira mirada que veu luz,
seu mañán en onte xa feito,
seu día craro:
toda verdade das cousas.
      ¡Anos poucos. Ouh!

María Mariño: Verba que comenza (1990)

Versións:
Manoele de Felisa: Había que chegar; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 8

viernes, 3 de noviembre de 2017

Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa

Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa.
Hai xiro longo en rebelo, mil medidas para unha soia.

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:
Manoele de Felisa: Na carballeira*; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 3



*[A versión musical de Manoele de Felisa inclue temén os poemas Zoa na carballeira e Crareaba o camiño, as dúas da obra de María Mariño: Palabra no tempo, do ano 1963.]

martes, 31 de octubre de 2017

Zoa na carballeira

Zoa na carballeira
algo que non é o vento.
Abren súas sombras as áas.
O da chegada é o tempo.

Póusase a anduriña
na corta onda do cuco.
Todo o camiño é do carro.
Tende o pastor o caiado
ó longo baile do fuso.

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:
Manoele de Felisa: Na carballeira*; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 3



*[A versión musical de Manoele de Felisa inclue temén os poemas Crareaba o camiño e Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa, as dúas da obra de María Mariño: Palabra no tempo, do ano 1963.]

viernes, 27 de octubre de 2017

Crareaba o camiño

Crareaba o camino
entre a huella longa do carro,
pastor pintaba na pena
ruxía a bouza no gado.

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:
Manoele de Felisa: Na carballeira*; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 3



*[A versión musical de Manoele de Felisa inclue temén os poemas Zoa na carballeira e Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa, as dúas da obra de María Mariño: Palabra no tempo, do ano 1963.]

miércoles, 25 de octubre de 2017

Gumersindo

Dúas veces emigrante fracasado.
Cinco fillos. Caseiro.
Tal era o Gumersindo,
home alegre e sinxelo
que lle poñía sempre cara boa
ó seu mal tempo.
Cada noite viámolo
naquel chabolo de casqueiros
tras do serradoiro
onde exercía de sereno.
Moi acarón do lume,
temperando o inverno,
contaba, contábanos historias
de meigas e de mecos,
de ananos e pantasmas
e velenos.
Riamos a cachón
co seu enxeño,
coa súa arte de esquecer a fame,
de fuxir do tedio.
Así a vida enteira
co sorriso nos beizos.
Tras del por Gres adiante
vou e veño,
non me afago, non acabo de afacerme
ó silencio
do vello Gumersindo, que se foi
polo fatal carreiro.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:
Manoele de Felisa: Gumersindo; Cantos de lembranza; 2014; Pista 6

domingo, 22 de octubre de 2017

Oio algo alá mui lonxe e nada del sei decir

Oio algo alá mui lonxe e nada del sei decir,
e sin esperar espero para ver si o vexo vir.

Penso si polo arrodeo ou si non sabe o camín
e sin esperar espero para ver o lonxe en min.

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:
Manoele de Felisa: Lonxano latexar*; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 7



Laura Sarasola: Cruceiro**; As voces de María Mariño (VVAA); 2007; Pista 1



*[A versión musical de Manoele de Felisa inclue tamén o poema Eu non sei si xa pasou, da obra de María Mariño: Palabra no tempo, do ano 1963.]
**[Este recitativo está precedido polo recitativo dos poemas Cruceiro, na voz de Sabela Amado Rojo; No silencio está o mundo que o peito sinte del, na voz de Luis Tosar, O mundo dos furados canta un cantar que eu aprendín, na voz de Sylvie Juncal, e; Eu non sei si xa pasou, na voz de Rebeca Montero, e; seguido polo recitativo do poema: Cousas, cousas fun lendo, cando as letras aprendía, na voz de Asunción Balaguer; todos eles da obra de María Mariño: Palabra no tempo; 1963.]

viernes, 20 de octubre de 2017

Gres

Gres é unha tenza de vizosos labradíos,
un recanto fluvial
agarimado
por dous ríos con historia.
Gres é auga de pesqueiras e muíños,
auga na que batuxan
nenos, troitas, escalos,
auga que fai insuas
e discorre escoltada
por freixos,
ameneiros,
fentas e bacelos.

Gres ten tres pontes,
tres vencellos
coas terras de Boqueixón e de Silleda;
e ten pazos,
templos,
panteóns,
resonancias feudais,
e un castro que evoca lonxanos deuses
e lonxanos guerreiros.

Gres son camiños,
o Real, o de Santiago
e os que se perden monte arriba
entre abrótegas e carballizos.
Gres é tamén música e palabra,
lenda, tradición.
Vida e norte en remuíño.

Dende este Gres amado,
dende este mínimo recuncho,
placenta e signo meus,
escribo,
boto a andar estes versos ventureiros
coma o canto dun xílgaro na tarde.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:
Manoele de Felisa: Gres; Cantos de lembranza; 2014; Pista 2

jueves, 19 de octubre de 2017

Eu non sei si xa pasou

                  1
Eu non sei si xa pasou
ou se inda ten que pasar,
ou si aquello que eu sentín
non foi sentir, foi soñar.
Vivo no preto quedo
dun lonxano latexar.

                  2
O silencio das cousas, hoxe,
aboia, aboia en min.
Remos navegan terra ó lonxe,
volvendo as augas cara mín.

María Mariño: Palabra no tempo (1963)

Versións:
Manoele de Felisa: Lonxano latexar*; De Felisa a María Mariño; 2007; Pista 7



Rebeca Montero: Cruceiro**; As voces de María Mariño (VVAA); 2007; Pista 1



*[A versión musical de Manoele de Felisa inclue tamén o poema Oio algo alá mui lonxe e nada del sei decir, da obra de María Mariño: Palabra no tempo, do ano 1963.]
**[Este recitativo está precedido polo recitativo dos poemas Cruceiro, na voz de Sabela Amado Rojo; No silencio está o mundo que o peito sinte del, na voz de Luis Tosar, e; O mundo dos furados canta un cantar que eu aprendín, na voz de Sylvie Juncal, e; seguido polo recitativo dos poemas: Oio algo alá mui lonxe e nada del sei decir, na voz de Laura Sarasola, e; Cousas, cousas fun lendo, cando as letras aprendía, na voz de Asunción Balaguer; todos eles da obra de María Mariño: Palabra no tempo; 1963.]