Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm'a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferve o pote... mais, meu caldo,
soíña t'hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond'está.
Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)
Versións:
Dolores Plata: Tecín soia; Lúa descolorida; 1985; Cara B, Corte 2
Pilocha: Tecín soia; Calamida sentimental; 1998; Pista 10
Alfredo González Vilela: Soia; Diáspora; 1999; Pista 2
Norfolk: Tecín soia; Cousas nosas; 2006; Pista 9
Abe Rábade e Gaudi Galego: Tecín soia a miña tea; Rosalía 21; 2008; Pista 7
Roi Casal e Silvia Ferre: Tecín soia*; Lendas douradas; 2008; Pista 12
Najla Shami: Tecín soia; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 7
Pilocha: Tecín soia; De Voces Ceibes a Milladoiro: unha memoria do movimiento popular da canción galega: 1973-1978 (Antón Seoane); 2013; Pista 1
aCadaCanto: Tecín; a rosa d’Adina; 2013; Pista 3
A banda da loba: Tecín soia; Fábrica de luz; 2019; Pista 8
Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo**: Tecín soya a miña tea; (di)Versos Femeninos; 2021; Pista 5
Grilo: Tecín soia; Tecín soia; 2022;
*[A versión musical de Roi Casal e Silvia Ferre remata cun fragmento do poema ¡Padrón...! ¡Padrón...!, da obra de Rosalía de Castro: Follas Novas, do ano 1880.]
**[Nuria Lorenzo (mezzosoprano), Alejo Amoedo (piano), con música composta por Juan Durán.]
***[Por cuestións de espazo coas etiquetas en blogger, non foi posible etiquetar a Grilo.]
Mostrando entradas con la etiqueta aCadaCanto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aCadaCanto. Mostrar todas las entradas
martes, 28 de marzo de 2023
Tecín soia a miña tea
Etiquetas:
A banda da loba
,
Abe Rábade
,
aCadaCanto
,
Alejo Amoedo
,
Alfredo González Vilela
,
Dolores Plata
,
Follas Novas
,
Guadi Galego
,
Najla Shami
,
Norfolk
,
Nuria Lorenzo
,
Pilocha
,
Roi Casal
,
Rosalía de Castro
,
Silvia Ferre
sábado, 4 de mayo de 2019
Queridiña dos meus ollos
| Queridiña dos meus ollos, saberás como estou vivo nesta vila donde adoito dende que cheguín de Xinzo. Saberás como a Dios gracias i ó escapulario bendito non afogamos no mare como coidaba Xacinto que é tan valente, abofellas, como os alentos dun pito. Saberás como dempóis me puñeron moi vestido con roupa azul e amarela, cal andan todo-los quintos, e logo todos xuntados, inda máis de vintecinco, nos paseamos polas calles, que era mesmo un adimiro de tan majos como ibamos, de tan brancos e tan limpos. ¡Si me viras, queridiña, cal outras que eu sei me viron! Cada ollada me botaban xa de través, xa de fito... I eran meniñas graciosas con moita salsa no pico, mais ningunha deste peito poido arrincarme un sospiro, que o teu retrato alí estaba rabuñado paseniño, |
|||
| que anque de onda ti partín, prendiña que tanto estimo, non vin soio, miña xoia, que ti viñeche comigo. |
|||
| ¡Si souperas cánto peno, si souperas cál me afrixo cando me acordo nas noites daqueles teus cantariños...! Ora en ti penso disperto, ora en ti penso durmido, e sempre en ti estóu pensando como si foses feitiso. |
|||
| Seique meigallo me deche na festa do San Martiño, amasado cos teus dedos nunha bola de pan trigo. Mais non o sinto por eso, que anque me deras martirio, por vir de ti, queridiña, como un año recibírao. |
|||
| Nada me distrái, Rosiña, da pena que por ti sinto; |
|||
| de día como de noite este meu corazonciño contigo decote fala, porque eu falar ben o sinto, |
|||
| un falar amoroso que me estremeso de oílo. ¡Ai!, qué estrañeza me causa e soidás e martirio, pois así cal el che fala, quixera falar contigo, cal outros tempos dichosos, dos nosos amores finos. |
|||
| ¡Cántas veces nos xuramos, cando lavabas no río ó pe dun alto salgueiro, antre risas e sospiros, |
|||
| xa nunca máis separarnos, xa nunca máis desunirnos! Mais aqueles xuramentos, tal como rosas de espiño, lixeiriños se espallaron a un sopro dos ventos fríos. |
|||
| Ora, co mar de por medio, ¡adiós, amantes cariños! Nin ti me ves, nin te vexo aló na beira do río, |
|||
| naquelas crariñas noites de folga polos domingos. |
|||
| As amoriñas maduran nas silveiras dos camiños, nasen as froriñas brancas por antre as canas do millo, |
|||
| o río pasa que pasa, cantan nas ponlas os xílgaros, todo está verde e frondoso, todo está fresco e frorido; sólo nós, Rosa, faltamos naqueles verdes campiños. |
|||
| Rosiña, dame un consolo para este dolor que eu sinto. ¡Ai, que os recordos me matan! ¡Ai, que acabarán comigo! |
|||
| Di si inda me queres moito, mándamo a decir pretiño; dime si garda-lo pano que che din por San Benito, que o merquéi na quinta feira por doce cartos e pico. |
|||
| Dime tamén si deprendes pola cartilla de Cristus a ler como me ofreceches para ler os meus escritos, que en sabendo algunhas letras dempóis irás traducindo. Eu xa lle perdín o medo a escribiduras e libros, pois fago uns palotes netos de que eu mesmo me adimiro, tan grandes como fungueiros e máis gordos, si non minto. |
|||
| Adiós, espreciós che mando polo burro de Camilo, que non sei cál che dirá estas cousas que lle esprico; mais sabe, miña Rosiña, Rosiña de doce olido, que si ti xa ler souperas os palotes que eu escribo, escribírache unha carta nas alas dun paxariño. |
|||
Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)
Versións:
Najla Shami: Ora en ti penso; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 6
aCadaCanto: Dende a Limia; a rosa d’Adina; 2013; Pista 1
jueves, 17 de mayo de 2018
Pasa, río, pasa, río
| Pasa, río, pasa, río, co teu maino rebulir; pasa, pasa antre as froliñas color de ouro e de marfil, a quen cos teus doces labios tan doces cousas lle dis. Pasa, pasa, mais non vexan que te vas ao mar sin fin, porque estonces, ¡ai, probiñas, cánto chorarán por ti! ¡Si souperas qué estrañesa, si souperas qué sofrir desque del vivo apartada o meu corasón sentíu! Tal me acoden as soidades, tal me queren afrixir, que inda máis feras me afogan, si as quero botar de min. I ¡ai, qué fora das froliñas véndote lonxe de sí ir pola verde ribeira, da ribeira do Carril! |
|||
| Pasa, pasa caladiño, co teu manso rebulir, camino do mar salado, camino do mar sin fin; e leva estas lagrimiñas, si has de chegar por alí, pretiño dos meus amores, pretiño do meu vivir. ¡Ai, quén lagrimiña fora pra ir, meu ben, unda ti…! ¡Quén fixera un caminiño para pasar, ai de min! |
|||
| Si o mar tivera barandas, fórate ver ao Brasil; mais o mar non ten barandas, amor meu, ¿por dónde hei de ir? |
|||
Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)
Versións:
Dolores Plata: Pasa río; Lúa descolorida; 1985; Cara A, Corte 3
Alfredo González Vilela: Pasa río; Diáspora; 1999; Pista 4
Najla Shami: Pasa río, pasa río; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 9
aCadaCanto: Levoume o río; a rosa d’Adina; 2013; Pista 2
martes, 16 de febrero de 2016
Mais ó que ben quixo un día
| Mais ó que ben quixo un día, si a querer ten afición, sempre lle queda unha mágoa dentro do seu corazón. |
||||||||
| I | ||||||||
| Aló nas tardes serenas, aló nas tardes caladas, fanse máis duras as penas que nas brandas alboradas. |
||||||||
| Aló nas tardes sombrisas, aló nas tardes escuras, fanse máis cortas as risas, máis negras as desventuras. |
||||||||
| Que non hai sera tranquila para quen remorsos garda, e máis presto se aniquila canto máis á noite agarda. |
||||||||
| II | ||||||||
| Eu ben sei destos secretos que se esconden nas entrañas, que rebolen sempre inquietos baixo mil formas estrañas. |
||||||||
| Eu ben sei destes tormentos que consomen e devoran, dos que fan xemer os ventos, dos que morden cando choran. |
||||||||
| I anque ora sorrindo canto, anque ora canto con brío, tanto chorei, chorei tanto como as auguiñas dun río. |
||||||||
| Tiven en pasados días, fondas penas e pesares, e chorei bágoas tan frías como as auguiñas dos mares. |
||||||||
| Tiven tan fondos amores e tan fondas amarguras, que era fonte de dolores nacida entre penas duras. |
||||||||
| III | ||||||||
| Ora río, ora contento vou polas eiras cantando, vendo de onda ven o vento cando vou levar o gando. |
||||||||
| Ora con grande sosiego durmo na beira das fontes, durmo na beira dos regos, durmo na punta dos montes. |
||||||||
| Mais ó que ben quixo un día, si a querer ten afición, sempre lle queda unha mágoa dentro do seu corazón. |
||||||||
Rosalía de Castro: Cantares gallegos (1863)
Versións:
Amancio Prada: Mais o que ben quixo un día; Rosalía de Castro; 1975; Pista 4
Xistra: Mais o que ben quixo un día; Temporal; 1989; Cara A, Corte 2
Amancio Prada e Pandereiteiras de Baio; Airiños, aires; Rosas a Rosalía; 1997; Pista 17
Amancio Prada e Pandereiteiras de Baio; Mais ó que ben quixo un día; Rosalía siempre; 2005; Pista 12
(Reedición da versión do disco Rosas a Rosalía, do ano 1997)
Carmen Rey: Aló; Meu; 2008; Pista 9
Najla Shami: Aló nas tardes; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 1
Narf: Nas tardes escuras; Nas tardes escuras; 2013; Pista 11
aCadaCanto: Aló; a rosa d'Adina; 2013; Pista 6
Amancio Prada e Pandereiteiras de Baio: Airiños, aires; Resonancias de Rosalía; 2014; Pista 12
(Reedición da versión do disco Rosas a Rosalía, do ano 1997)
Tempo catro sexteto: Mais ó que ben quixo un día; Os ollos que falan; 2014; Pista 11
Etiquetas:
aCadaCanto
,
Amancio Prada
,
Cantares Gallegos
,
Carmen Rey
,
Najla Shami
,
Narf
,
Rosalía de Castro
,
Tempo catro sexteto
,
Xistra
martes, 2 de octubre de 2012
Como chove miudiño
| Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove. |
||||
| ¡Como a triste branca nube truba o sol que inquieto aluma, cal o crube i o descrube, pasa, torna, volve e sube, enrisada branca pruma! |
||||
| Xa, dempois, lonxe espallada polos aires fuxitivos, desteñida, sombrisada, nos espazos desatada, cae brillando en raios vivos. |
||||
| Misteriosa regadeira fino orballo no chan pousa con feitiña curvadeira, remollando na ribeira frol por frol, chousa por chousa. |
||||
| Semellando leve gasa que sotil o vento move, en frotantes ondas pasa refrescando canto abrasa, o que o sol ardente crobe. |
||||
|
¡Como chove miudiño polas veigas de Campaña! ¡Cal se enxugan de camiño os herbales de Laíño! ¡Como a Ponte en sol se baña! |
||||
| Para Caldas todo é escuro, ceo azul lose na Adina, trasparente, limpo e puro; da Arretén no monte duro nube corre pelegrina. |
||||
| Triste vai, que á terra toca xa cos pés de branca neve, xa ca fina fresca boca; triste vai, que ós ceos invoca i a bicar o chan se atreve. |
||||
| Triste vai cando se abate vaporosa, soia e muda, cando maina as alas bate como un corazón que late ferido por pena ruda. |
||||
| Tal maxino a sombra triste de mi maa, soia vagando nas esferas onde existe; que ir á groria se resiste, polos que quixo agardando. |
||||
| Vexo o Souto en parda sombra envolvendo o seu ramaxe, que por bon, do Rei se nombra, donde fero o vento asombra, roxe e estala de coraxe. |
||||
| I o Palacio, serio e grave, ¡canto en pura luz se baña! Tal parés pesada nave que volver ó mar non sabe, se encallou na fresca braña. |
||||
| Vexo Valga á beira hermosa dun camiño todo prata, casta virxe candorosa, sentadiña en chan de rosa, vestidiña de escalrata. |
||||
| A San Lois vexo brillando bañado por tintas puras, sol e sombras amostrando, en reposo contemprando montes, auguas e verduras. |
||||
| I a Padrón, ponliña verde, fada branca ó pé dun río, froita en frol da que eu quixerde, lonxe miro que se perde baixo un manto de resío. |
||||
|
¡Que inchadiña branca vela antre os millos corre soa, misteriosa pura estrela! Dille o vento en torno dela: «Palomiña, ¡voa!, ¡voa!» |
||||
| Faille arrolo a branda ría cun remanso mormuxante, que nás da arboleda umbría baixo un toldo de alegría, ó calor dun sol amante. |
||||
| ¡Sol de Italia, sol de amore...! ¿Ti paisax mellor alumas? ¿Ti máis rosas, máis verdore, mellor ceu, máis soave core ves do golfo antre as espumas? |
||||
| ¡Sol de Italia, eu non sospiro por sentirte ardente raio! Que outro sol temprado miro; docemente aquí respiro nun perene, eterno maio. |
||||
| Nesta terra tal encanto se respira... Triste ou probe, rico ou farto de querbanto, ¡se encariña nela tanto quen baixo o seu ceu se crobe!... |
||||
| Os que son nela nacidos, os que son dela mimados, lonxe dela están doridos porque van de amor feridos por quen fono amamantados. |
||||
| Polos fillos a nai tira, xorda, triste, plañideira, xeme, chora, e mais sospira, e non para, hastra que os mira ben chegar por derradeira. |
||||
| ¡Probe nai, canto te quero! ¡Nai tamén, ¡ai!, da nai miña! O teu chan de amor prefiero, a canto hai grande ou severo en toda a terra xuntiña. |
||||
| ¿Como non si ora estou vendo, nun paisax de prata e rosas, canto a vida foi querendo, cos meus ollos remexendo memoriñas cariñosas? |
||||
| ¡Bosques, casa, sepulturas, campanarios e campanas con sons vagos de dozuras que despertan, ¡ai!, ternuras que en jamáis podrán ser vanas! |
||||
| Elas fono as que tocaron cando os meus alí naceron; elas fono as que choraron, elas fono as que dobraron cando os meus avós morreron. |
||||
| Elas fono as que alegriñas me chamaban mainamente nas douradas mañanciñas, de mi maa cas cantiguiñas i os biquiños xuntamente. |
||||
| Inda vexo onde xogaba cas meniñas que eu quería, o enxidiño onde folgaba, os rosales que coidaba i a fontiña onde bebía. |
||||
| Vexo a rúa solitaria que en paz baña un sol sereno, sin que a trube man contraria, igual sempre, nunca varia, veiga llana en campo ameno. |
||||
| E tamén vexo enloitada da Arretén a casa nobre, donde a miña nai foi nada, cal viudiña abandonada que cai triste ó pé dun robre. |
||||
| Alí está, sombra perdida, vos sin son, corpo sin alma, amazona mal ferida que ó sentir que perde a vida se adormece en xorda calma. |
||||
| Casa grande lle chamaban noutro tempo venturoso, cando os probes a improraban, e fartiños se quentaban ó seu lume cariñoso. |
||||
| Casa grande, cando un santo venerable cabaleiro con tranquilo, nobre encanto, baixo os priegues do seu manto cobexaba ó perdioseiro. |
||||
| Cando os cantos na capilla da Gran casa resoaban con fervor e fe sensilla, rico fruto da semilla que os varóns santos sembraban. |
||||
| Ora todo silensioso causa alí medo e pavura, mora esprito temeroso nos salóns onde o reposo fixo un niño ca tristura. |
||||
| Risas, cantos, armonía, brandas músicas, contento, festas, dansas, alegría, se trocou na triste e fría, xorda vos do forte vento. |
||||
| No gran patio as herbas crecen vigorosas sin coidado, i as silveiras que frorecen no seu tempo fruto ofrecen ós meniños sazonado. |
||||
| I ante aquel silencio mudo que a trubar naide alí chega, antre aquel ¡xa fun! tan rudo, vese inteiro un nobre escudo que a desir non son se nega. |
||||
| Craros timbres mostra ufano cun soberbo casco airoso... mais detrás dun son tan vano vese o probe orgullo humano, homillado e polvoroso. |
||||
| Tras da calada visera, que hai uns ollos feridores que nos miran, se dixera; que nons din: todo é quimera neste mundo de dolores. |
||||
| ¡Casa grande!, ¡triste casa!, quen de aquí tan soia miro parda, escura, triste masa, ¡casa grande!, pasa, pasa... Ti xa n'es más que un sospiro. |
||||
| Meus avós, ¡ai!, xa morreron, os demais te abandonaron, os teus lustros pereceron, i os que millor te quixeron, tamén de ti se apartaron. |
||||
| Mes tras mes, pedra tras pedra, ti te irás desmoronando ceñida por sintas de hedra, mentras que outra forte medra, que así o mundo vai rolando. |
||||
| ¡Mais que lus, que colorido nos espazos se dilata! Luce o sol descolorido i arco de iris xa nacido longa sinta se desata. |
||||
| Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove. |
||||
Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)
Versións:
Amancio Prada: Como chove miudiño; Vida e morte; 1974; pista 1
Amancio Prada e Amélia Muge: Como chove miudiño; Rosas a Rosalía; 1997; pista 5
Amancio Prada: Como chove miudiño; Rosalía siempre; 2005; pista 3
aCadaCanto: Onde pousei a infancia; a rosa d'Adina; 2013; Pista 5
Amancio Prada: Como chove miudiño; Resonancias de Rosalía; 2014; Pista 8
Suscribirse a:
Entradas
(
Atom
)